Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2016 Páx. 9328

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vilagarcía de Arousa

ANUNCIO de suspensión das licenzas de edificación relativas á superficie ou área comercial comprendida na categoría C4.

A documentación de revisión do PXOM de Vilagarcía de Arousa distingue no uso comercial catro categorías:

C.1ª. Local comercial en edificio de uso principal distinto ao comercial e de servizos.

C.2ª. Establecemento comercial en edificio de uso exclusivo.

C.3ª. Galerías comerciais.

C.4ª. Superficie ou área comercial (non prevista en ningunha das ordenanzas do novo PXOM en redacción).

A súa vista, o Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 25 de febreiro de 2016, ao abeiro do disposto no artigo 77.1 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Louga) adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

1. Suspender en todo o termo municipal de Vilagarcía de Arousa as licenzas de edificación relativas á superficie ou área comercial comprendida na categoría C4 citada e, polo tanto, non prevista en ningunha das ordenanzas do novo PXOM en redacción, entendendo como superficie ou área comercial o establecemento integrado por un conxunto de actividades comerciais individuais.

2. A duración da suspensión citada no número anterior será dun ano contado desde o momento da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG). Se dentro dese prazo dun ano se produce o acordo de aprobación inicial da revisión do PXOM, a suspensión manterase; en caso contrario, extinguirase.

3. A suspensión de licenzas afecta as licenzas que se soliciten desde a publicación deste anuncio no DOG, os expedientes en tramitación, pero non afecta os resoltos, nin polo tanto as licenzas xa outorgadas expresamente ou por silencio administrativo.

En cumprimento do exixido polo artigo 77.1 da Louga, publicarase o devandito acordo no DOG e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

Contra este acordo poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Vilagarcía de Arousa, 2 de marzo de 2016

Alberto Varela Paz
Alcalde