Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2016 Páx. 9971

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade.

BDNS (Identif.): 302039.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o procedemento establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. A percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, dentro do prazo máximo establecido para a resolución desta convocatoria de axudas segundo o sinalado no artigo 14.2 desta orde.

En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal, será necesario, ademais de cumprir co requisito disposto no punto anterior, que a persoa solicitante teña recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia.

Segundo. Obxecto

Concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico.

Poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito de 730.185 euros, cofinanciado nun 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1 Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos.

Do crédito total garántese un importe mínimo de 14.041,30 euros para subvencionar a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, e un importe de 716.143,70 euros para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal.

A determinación do importe das subvencións baséase nun custo unitario, segundo a tipoloxía do servizo e o réxime de prestación. A relación de custos unitarios e importes máximos subvencionables asociados á carteira de servizos para os cales se pode solicitar axuda está recollida no artigo 5 desta orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a súa presentación será de dous meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Á solicitude deberáselle xuntar o proxecto de intervención relativo ao servizo de promoción do cal se solicita a axuda, efectuado pola entidade ou profesional prestador do servizo, que deberá figurar no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxo responsable é a Consellería de Política Social. Para estes efectos, será suficiente con que a inscrición no RUEPSS se leve a cabo con anterioridade ao prazo sinalado no artigo 16.2 desta orde.

Realizaranse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, que serán do 80 % do importe da subvención concedida.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social