Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2016 Páx. 10111

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 15 de marzo de 2016 reguladora de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas que correspondan a ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 20.5 a posibilidade de aprazar ou fraccionar as cantidades debidas á Facenda da Comunidade Autónoma, nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan. A continuación prevé a posibilidade de excepcionar garantías cando sexan inferiores á cifra que fixe a Consellería de Facenda.

En canto aos tributos propios a Lei 58/2003, do 26 de decembro, xeral tributaria, nos seus artigos 65 e 82 regula esta materia dunha forma similar en canto á posibilidade de aprazar ou fraccionar débedas nos termos que se fixan regulamentariamente e a posibilidade de fixar unha contía inferior á cal estaría dispensada a execución de garantías.

A presente orde ten por obxecto axilizar o procedemento de xestión das solicitudes de aprazamento ou fraccionamento, así como outorgar facilidades ao obrigado ao pagamento para o cumprimento das súas obrigacións de dereito público cando se atope ante dificultades económico-financeiras de carácter transitorio. A este respecto, considérase necesario elevar o límite da citada exención da obrigación de achegar garantías.

Por outra banda, debido á creación da Axencia Tributaria de Galicia, faise preciso modificar a denominación dos órganos competentes que en materia de aprazamentos e fraccionamentos establece ata o momento a Orde do 29 de maio de 2009.

E, por último, a presente orde modifica o anexo I da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 5 de xuño de 2003 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares, e o anexo da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 19 de maio de 2005 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns, para adecualas ás novas especificacións do número de referencia completo.

O ámbito obxectivo de aplicación da presente orde en canto á regulación da competencia dos distintos órganos constitúeno os aprazamentos e fraccionamentos de todas as débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia. Por outra parte, o artigo que fixa o límite exento para a exixencia de garantías é de aplicación aos aprazamentos e fraccionamentos de débedas xestionadas pola Atriga, con excepción dos tributos cedidos, e aos xestionadas polo resto de órganos e organismos da Xunta de Galicia.

En aplicación do disposto no artigo 82.2.a) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no artigo 7 do texto refundido da Lei do réxime orzamentario e financeiro de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Competencia

As débedas tributarias e demais de dereito público cuxa xestión recadatoria estea atribuída aos órganos da consellería competente en materia de Facenda poderán ser aprazados ou fraccionados mediante resolución, polo/a director/a, o/a xefe/a da área de Recadación, o/a delegado/a e o/a xefe/a do departamento de Recadación, todos eles da Axencia Tributaria de Galicia, de acordo coas seguintes contías e tipos de garantías exixidas.

– Director/a da Axencia Tributaria de Galicia.

Correspóndelle a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos, concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) A contía total da débeda exceda 300.000 euros.

b) Se solicite a dispensa total ou parcial de garantías.

– Xefe/a da área de Recadación e delegados/as da Axencia Tributaria de Galicia.

Correspóndelle a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento cando, non estando expresamente atribuída a outros órganos, non exceda 300.000 euros.

– Xefe/a dos departamentos de Recadación.

Correspóndelles a inadmisión ou resolución das solicitudes de aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento cando lles sexa de aplicación a exención de garantías en atención á contía da débeda.

Artigo 2. Avocación

O/a director/a da Axencia Tributaria de Galicia poderá avocar a competencia para acordar o aprazamento ou fraccionamento de pagamento en expedientes cuxa especial transcendencia o aconselle e cuxa xestión corresponde a outros órganos de recadación.

Artigo 3. Órgano a que deben dirixirse as solicitudes

As solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento, con independencia do órgano competente para a súa resolución, dirixiranse ao departamento de Recadación en cuxo ámbito territorial estea situado o órgano de que proceda o acto que orixina a débeda.

Artigo 4. Garantías

Non se exixirán garantías para as solicitudes de aprazamento e fraccionamento de pagamento de débedas que constitúan ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os tributos cedidos, cando o seu importe en conxunto non exceda 30.000 euros e se atopen tanto en período voluntario como en período executivo de pagamento, sen prexuízo do mantemento, neste último caso das trabas existentes sobre bens e dereitos do debedor no momento da presentación da solicitude.

Para os efectos da determinación da contía, acumularanse no momento da solicitude tanto as débedas a que se refire a propia solicitude como calquera outra do mesmo debedor para as que conste que se solicitou e non resolveu o aprazamento-fraccionamento, así como o importe dos vencementos pendentes de ingreso das débedas aprazadas ou fraccionadas, salvo que estean debidamente garantidas.

Disposición adicional

Modifícase o anexo I da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 5 de xuño de 2003 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, pola transmisión de determinados medios de transporte usados entre particulares, e o anexo da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 19 de maio de 2005 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns, que quedan redactados ambos como segue:

ANEXO
Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo o punto b.2) do anexo VII da Orde EHA/2027/2007, do 28 de xuño de 2007 (BOE do 9 de xullo), correspondente á xeración do NRC para liquidacións practicadas pola Administración, modelos 060, 061 e 069. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

– MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, onde:

• MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

• C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A Oficina Tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

– XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

– NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

– AAAAMMDD (8): data de cargo.

– XXXX (4): código do Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

– MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que está especificado arriba).

– XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DEAS (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control: é dicir, a «sinatura».

Disposición transitoria

As solicitudes de aprazamento fraccionamento pendentes de resolución no momento da entrada en vigor da presente orde seguirán rexéndose polo establecido na normativa vixente na data de presentación da correspondente solicitude.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de maio 2009, reguladora dos aprazamentos e fraccionamentos de pagamento de débedas que correspondan a ingresos de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda