Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2016 Páx. 11163

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2016 pola que se convocan dúas edicións do curso sobre apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe, cofinanciadas co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso sobre apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe, con dúas edicións, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Apoio psicolóxico básico e manexo do estrés nos intervenientes en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

16

Prazas por edición

20

Segunda. Obxectivos e contido

2.1. Obxectivos:

• Aprender pautas de apoio psicolóxico que poidan resultar de utilidade durante a actuación con vítimas e afectados tras unha situación crítica, emerxencia ou catástrofe.

• Coñecer en que consisten os primeiros auxilios psicolóxicos.

• Coñecer os efectos do estrés e a súa prevención.

• Identificar reaccións que poden aparecer en situacións críticas, emerxencias ou catástrofes no interveniente.

• Aprender estratexias de afrontamento individual ante situacións estresantes.

2.2. Contido:

Módulo 1. Técnicas básicas de apoio psicolóxico para persoas afectadas por situacións críticas, de emerxencia ou catástrofes.

1. Conceptos básicos.

2. Reaccións nas persoas afectadas: a nivel individual/de grupo/social e a curto/medio/longo prazo.

3. Obxectivos da intervención psicolóxica con afectados por situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe.

4. Primeiros auxilios psicolóxicos:

a) Obxectivos.

b) Pautas de actuación con poboacións específicas: nenos, anciáns, persoas con deficiencias motoras e/ou sensoriais.

c) Pautas de actuación en accidentes de tráfico.

Módulo 2. Manexo do estrés e autocoidado emocional nos intervenientes.

1. Papel e tarefas do persoal voluntario en situacións críticas, de emerxencia ou catástrofe.

2. O estrés:

a) Tipos e fontes de estrés.

b) Factores de risco individual, de grupo, de organización.

c) Reaccións máis habituais nos intervenientes.

d) Problemas máis frecuentes nos equipos de intervención.

3. Técnicas de afrontamento e recursos para diminuír o estrés:

a) Autoobservación de reaccións (fisiolóxicas, emocionais, de conduta, cognitivas).

b) Prevención antes, durante e despois.

c) Técnicas de afrontamento e recursos para diminuír o estrés: individuais e de grupo.

Terceira. Destinatarios/as

• Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC).

• Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros/as municipais e de consorcios).

• Membros dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

• Profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

a) Teñen preferencia as persoas que estean en situación de demandante de emprego.

b) No caso do persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil, ter superado o curso básico de protección civil.

c) No caso do persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil, estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Unha vez acreditados os requisitos das alíneas b) e c), deberá constatarse a condición de demandante de emprego do/a solicitante e a selección para a cobertura das prazas realizarase de acordo cos criterios establecidos na base oitava.

No suposto de existiren prazas vacantes non cubertas por desempregados, serán cubertas polos restantes solicitantes que non cumpran a dita condición, seguindo os criterios da base oitava.

Quinta. Desenvolvemento da actividade

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Datas:

Edición

Datas

26 e 27 de maio

14 e 15 de xuño

Horario: das 9.00 ás 13.00 e das 15.00 ás 19.00 horas.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non ser correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. As prazas de cada edición do curso distribuiranse entre os colectivos destinatarios de acordo coa táboa seguinte:

Colectivo

Núm. de prazas

Grupo 1: persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil

10

Grupo 2: persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros/as municipais e de consorcios)

4

Grupo 3: membros dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

4

Grupo 4: profesionais dos servizos municipais de protección civil e emerxencias

2

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, repartindo por igual as prazas vacantes por grupos e, cando non sexa posible, pola orde de grupos.

2º. Dentro dos colectivos destinatarios do curso teñen preferencia as persoas que sexan demandantes de emprego.

3º. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

4º. Dentro dos colectivos destinatarios do curso teñen preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

5º. Dentro do colectivo de voluntarios de protección civil teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

6º. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

No/s grupo/s en que se realice selección de desempregados, aplicada a anterior selección combinada para este colectivo, no suposto de existiren vacantes, realizarase igual proceso para os solicitantes empregados. Cando no proceso de selección de desempregados non se completase a reserva do punto segundo, tal reserva, de existir suficiente número de solicitantes, continuará aplicándose no colectivo de empregados ata chegar á referida porcentaxe.

Novena. Acreditación da condición de desempregado/a

1. A tramitación das solicitudes de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Agasp para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

2. A presentación da solicitude de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria pola persoa interesada comportará a autorización á Agasp para a consulta da súa situación laboral no Servizo Público de Emprego.

3. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento para a mencionada consulta, sinalando a epígrafe correspondente na solicitude de matrícula. Neste suposto, presentará no enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

4. O prazo de presentación da documentación mencionada no punto anterior é o mesmo que para a presentación de solicitudes de inscrición e a documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección do alumnado para as diferentes actividades formativas.

Décima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, polo menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décimo primeira. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo segunda. Aloxamento

A Agasp proporcionaralles aloxamento na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten, sempre que haxa cuartos dispoñibles. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es.

Décimo terceira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo cuarta. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deben recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo quinta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo sexta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, Obxectivo temático 08 - Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01 - Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02 - Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sétima. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións del ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 17 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública