Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Xoves, 31 de marzo de 2016 Páx. 11611

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 16 de marzo de 2016, da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, polo que se procede a dar publicidade da resolución da mesma data pola que se convoca procedemento de mobilidade interna voluntaria para o persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

De conformidade co establecido na disposición adicional quinta do Decreto 206/2005, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do 22 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 145, do 29 de xullo), e con base nos criterios reitores para mobilidade interna no ámbito de atención especializada aprobadas pola mesa sectorial o 23 de decembro de 2009, e tras as negociacións mantidas coas seccións sindicais CC.OO., CESM-O´MEGA. CIG, CSIF, USAE e UGT asináronse, o 28 de setembro de 2015, as bases da convocatoria do concurso de mobilidade interna do persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos no Complexo Hospitalario da Coruña.

A Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, con base nas competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 7 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, modificado polo Decreto 111/2013, do 4 de xullo (Diario Oficial de Galicia núm. 140, do 24 de xullo), e na Orde do 5 de xullo de 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 20 de xullo), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria do procedemento de mobilidade interna do persoal estatutario fixo das categorías de persoal sanitario diplomado, sanitario de formación profesional e de xestión e servizos no Complexo Hospitalario da Coruña.

As bases íntegras da presente convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios do Complexo Hospitalario e na páxina web do espazo do profesional.

As solicitudes para participar no presente procedemento axustaranse necesariamente ao formulario electrónico existente na Oficina virtual do profesional (FIDES/procesos/mobilidade voluntaria interna) e, tras a súa formalización electrónica, unha vez impreso, deberá presentarse no Rexistro da EOXI ou en calquera dos rexistros referidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da presente publicación, segundo o seguinte calendario:

– Persoal sanitario de formación profesional e persoal de xestión e servizos: 1 mes desde o día seguinte á publicación.

– Persoal sanitario diplomado: 1 mes contado desde o día seguinte ao remate do prazo correspondente as categorías de persoal sanitario de formación profesional e de xestión e servizos.

Contra esta resolución e as bases do procedemento poderá interporse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 16 de marzo de 2016

Francisco José Vilanova Fraga
Xerente de Xestión Integrada da Coruña