Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 1 de abril de 2016 Páx. 11756

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2016 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala executiva, categoría de inspector principal dos corpos da Policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de inspector principal da Policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

Mellorar o compromiso profesional de servizo público aos cidadáns baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

Facilitarlles aos alumnos unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lles permita un mellor exercicio da súa función.

Dotalos das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector principal e que non realizasen este curso.

Inscrición: a inscrición dos/as participantes será gratuíta.

Prazas: sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se encontren nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do dito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 6 de abril de 2016.

Duración e contido: o curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito presencial na Academia Galega de Seguridade Pública; algún módulo poderase realizar fóra das instalacións da Academia.

Este curso contén os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de xestión directiva e técnicas de mando.

Datas: o curso realizarase do 8 de abril ao 20 de maio de 2016.

Desenvolvemento do curso: os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro.

Certificado: unha vez superado este curso, a AGASP emitirá un informe ao concello correspondente en que certifique esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como oficial do corpo de Policía local.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública