Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Luns, 4 de abril de 2016 Páx. 11864

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 32/2016, do 23 de marzo, polo que se modifica o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, inspírase en varios principios, un dos cales é a xestión sustentable do monte consonte a súa multifuncionalidade ambiental, económica, social, cultural e patrimonial. No seu artigo 8, números 37 e 7, respectivamente, define os conceptos de xestión forestal sustentable e certificación forestal.

O desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2012, do 28 de xuño, no que se refire á ordenación e xestión dos montes, efectuouse a través do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

Con todo, en Galicia xa existe unha importante superficie de monte cuxa xestión forestal sustentable estaba acreditada antes da aprobación do decreto mediante algún sistema de certificación forestal internacionalmente recoñecido, e é un claro referente no que a aquel primeiro principio se refire.

A certificación forestal é un mecanismo de mercado cuxo obxectivo é permitir ao consumidor ou consumidora final optar por produtos procedentes de montes cunha xestión forestal sustentable e, pola súa vez, xerar un valor engadido para os xestores destes montes e toda a cadea industrial. A demanda deste tipo de produtos é crecente e inflúe na competitividade do sector forestal de Galicia. A perda do certificado xeraría automaticamente unha perda de valor, tanto da madeira extraída destes montes como dos produtos elaborados a partir dela, e o desabastecemento nas industrias que os utilizan, o que lles faría perder cota de mercado. Todas as iniciativas vixentes de certificación forestal incorporan como condición obrigada que as superficies cun certificado forestal presenten un instrumento de ordenación ou xestión forestal, ademais doutra información e procedementos complementarios.

Por outra banda, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, establece que dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal adaptado á regulación contida nela só será obrigatorio a partir do prazo establecido na súa disposición transitoria sexta. Con todo, a disposición transitoria primeira, número 2, do Decreto 52/2014, do 16 de abril, reduce este prazo a un só ano para aqueles terreos forestais que posuísen un certificado de xestión forestal sustentable mediante un sistema de certificación forestal internacionalmente recoñecido e non estivesen inscritos no Rexistro de Montes Ordenados.

Co obxecto de garantir o futuro da certificación forestal e evitar prexuízos aos silvicultores ou silvicultoras que dispoñen desta acreditación e ao conxunto da industria forestal galega, procede equiparar estes montes cos demais, en termos de prazos, para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal acorde coa Lei 7/2012, do 28 de xuño, e co Decreto 52/2014, do 16 de abril.

Na súa virtude e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de marzo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia

O número 2 da disposición transitoria primeira do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, queda modificado como segue:

«2. As superficies de montes ou terreos forestais que dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente vinculado a un certificado de xestión forestal sustentable mediante un sistema de certificación forestal internacionalmente recoñecido e que non estivesen inscritas no Rexistro de Montes Ordenados consideraranse terreos ordenados conforme o dito instrumento de ordenación ou xestión forestal, só para os efectos dos devanditos sistemas de certificación e ata, como máximo, o vencemento do prazo previsto na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de marzo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural