Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 13 de abril de 2016 Páx. 13304

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXTRACTO da Orde do 22 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego.

BDNS (Identif.): 303537

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas bolsas os/as solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1.a) Solicitantes de bolsas de documentación de fondos de patrimonio moble:

– Licenciatura universitaria ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, con formación académica nalgunha das materias que se relacionan a continuación:

• Historia ou Antropoloxía.

• Historia da Arte.

• Arqueoloxía.

b) Solicitantes de bolsas de restauración de fondos de museos e coleccións visitables de Galicia:

– Diplomatura universitaria en Conservación e Restauración de Bens Culturais ou equivalente, nas especialidades de:

• Arqueoloxía.

• Pintura ou Escultura.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.

3. Non ter desfrutado, con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria, de bolsas dun período de tempo igual ou superior a vinte e catro meses (24) das convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para inventario, catalogación e restauración de fondos de patrimonio moble.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a formación en materia de patrimonio moble galego.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude para unha bolsa como máximo.

Segundo. Finalidade

Para impulsar a formación do futuro persoal técnico en materia de museos e posibilitar a dita aprendizaxe, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca oito (8) bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego en museos propios e xestionados pola Consellería cunha duración de seis (6) meses.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico. As bolsas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de patrimonio moble galego.

Cuarto. Importe

As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.21.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 por un importe total de corenta e seis mil euros (46.000 €). O importe de cada bolsa será de cinco mil setecentos cincuenta euros (5.750 €).

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, 1.944,32 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.21.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria