Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 13 de abril de 2016 Páx. 13326

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2016 pola que se convoca unha xornada sobre a Lei 10/2014, de accesibilidade de Galicia, e a Convención internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade 2006: aplicación e control polas administracións públicas.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2016 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase unha xornada sobre «a Lei 10/2014, de accesibilidade de Galicia e a Convención internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade 2006: aplicación e control polas administracións públicas», conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, proponse a realización desta acción formativa cuxo obxecto principal é afondar no estudo do texto legal para un mellor tratamento da accesibilidade, en especial nas relacións cidadán-Administración.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– O dereito á información e accesibilidade cognitiva.

– A discapacidade visual e o acceso aos servizos públicos.

– A Constitución e o dereito de accesibilidade.

– A accesibilidade máis alá da norma.

– A accesibilidade universal na Convención da ONU 2006 e a Lei de Galicia 10/2014, de accesibilidade. Os dereitos das persoas con discapacidade nos procesos electorais.

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Edificio Administrativo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, avenida Fernández Ladreda, 43.

Data: 6 de maio.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/.

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 11.00 horas do día 5 de maio de 2016.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41/981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización da xornada e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública