Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13736

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios do concurso infantil de poesía orientado aos fillos e fillas dos empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia con idades entre os 8 e os 14 anos.

Un dos fins da EGAP, establecido no seu artigo 3, é a difusión e normalización da lingua galega. Consideramos que para conseguir este fin é importante comezar canto antes, para que os nosos fillos tomen conciencia do seu idioma e da cultura que a través del nos transmitiron os nosos devanceiros.

Por esta razón, como un máis dos actos que a EGAP organizará para honrar as letras galegas, en concreto este ano a Manuel María, convócase un premio de poesía entre os fillos dos empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia, que ten como obxectivo motivalos no uso da súa lingua e na realización dunha actividade cultural que siga a esteira das cantigas medievais e de tantos poetas que engrandeceron o idioma e a cultura da nosa terra.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbanse as bases e a convocatoria pública para conceder os premios de poesía, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria, baixo o réxime de concorrencia competitiva, do concurso de poesía infantil orientado aos fillos e fillas de empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia, con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos.

A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

Existirán tres premios, cada un deles coa seguinte dotación económica:

– 1º premio: 250 euros.

– 2º premio: 200 euros.

– 3º premio: 150 euros.

Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2016 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 05.80.122B.4800 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Terceira. Participantes e contido

Poderán optar aos premios os fillos e fillas dos empregados do sector público autonómico de Galicia con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Os textos versarán sobre o homenaxeado este ano o día das letras galegas, Manuel María, e a súa obra. A extensión será dun folio e só se terán en conta para a valoración as obras escritas en lingua galega.

No poderán acceder a estes premios os participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Forma de presentación

A solicitude, anexo I, irá acompañada dun sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de poesía infantil da EGAP, o pseudónimo e o título do poema. Este sobre incluirá:

1. O texto do poema en folio formato A4. Na cabeceira indicarase exclusivamente o título/lema do poema presentado e o pseudónimo. Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar o participante e romper o anonimato.

2. Un sobre pequeno pechado no cal constará o pseudónimo e o título/lema do poema. Este sobre conterá os seguintes documentos:

– Boletín de inscrición (anexo II), que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es .

– Fotocopia do libro de familia onde consten os datos de nome e idade do fillo que se presenta ao concurso.

A presentación da solicitude polo representante legal do autor comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o representante legal do autor poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Quinta. Prazo e lugar de presentación

O prazo será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude xunto co sobre pechado deberá dirixirse á Dirección da EGAP e poderá presentarse en calquera dos lugares ou rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e na súa disposición adicional 18ª. Así mesmo, tamén poderá presentarse no Rexistro Xeral da EGAP.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Instrución e tramitación das solicitudes

A Dirección da EGAP, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de recepción dos orixinais presentados, a instrución e o requirimento aos solicitantes da emenda, se for necesario.

Sétima. Xurado

Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas do ámbito literario e docente. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da EGAP proposto pola súa dirección.

O presidente dirimirá co seu voto de calidade os empates en caso de producírense. A composición do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario.

Os fillos dos membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Os premios poderán ser declarados desertos, de así o considerar o xurado.

Co fin de garantir o anonimato, a Dirección da EGAP facilitará ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o sobre relativo ás obras presentadas, mantendo custodiado o sobre relativo á súa identificación ata que se resolva o procedemento.

Oitava. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado

O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente.

O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Calidade poética: 15 puntos.

b) Orixinalidade: 15 puntos.

c) Valores relacionados coa nosa cultura e país: 10 puntos.

d) Coidado da lingua: 10 puntos.

Novena. Resolución, comunicación, aceptación e recursos

A Dirección da EGAP con base na proposta do xurado resolverá o procedemento de concesión no prazo de cinco días desde a data de elevación da proposta de resolución.

Para tal efecto, unha vez que o xurado eleve a proposta, a Dirección da EGAP procederá á apertura do sobre 2, relativo á identidade dos participantes.

A relación dos gañadores do concurso publicarase na páxina web da EGAP, cada un deles debe aceptalo no prazo de cinco días, e comunicarase a continuación o día en que se fará entrega dos premios.

Décima. Publicidade das obras premiadas

A EGAP publicará na súa páxina web una relación que conteña os aspectos indicados na Ley 9/2007, de subvencións de Galicia, polo que a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento dos datos dos premiados.

Os datos relevantes referidos ás axudas, subvencións ou premios recibidos, así como ás sancións impostas, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

Sen prexuízo do anterior e como cautela prevista no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (e coa finalidade de protexer a identidade e os datos persoais dos participantes nesta convocatoria), na relación publicada na páxina web unicamente se fará constar unha referencia aos datos dos participantes que resultasen premiados, e quedarán preservados e debidamente protexidos a identidade e os demais datos persoais dos restantes participantes na convocatoria.

Décimo primeira. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado: Solicitantes de subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Escola Galega de Administración Pública. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: EGAP, rúa Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a secretaria.egap@xunta.es .

Décimo segunda. Pagamento dos premios

Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2016, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e ao resultar que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación.

Décimo terceira. Retirada de orixinais non premiados

Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da EGAP, logo de presentar a solicitude de retirada asinada polo representante legal do autor e unha identificación no momento da súa recollida, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.

Décimo cuarta. Información e control

Os representantes legais dos beneficiarios dos premios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e a documentación complementaria que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe dos premios.

Décimo quinta. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Décimo sexta. Aceptación e desenvolvemento das bases

A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Disposición derradeira

Facúltase a directora da EGAP para ditar cantas instrucións sexan precisas para o axeitado desenvolvemento das presentes bases.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file