Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 18 de abril de 2016 Páx. 13877

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de marzo de 2016 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense acordou en Asemblea Xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do colexio oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas
e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Definición

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense (no sucesivo, COETAAC ou Colexio) está integrado polos profesionais da clase sinalada (enxeñeiros técnicos agrícolas, peritos agrícolas e graduados das novas titulacións habilitantes para o exercicio da enxeñaría técnica agrícola), con domicilio principal e/ou profesional, nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense. O seu ámbito territorial comprende as tres provincias.

2. Tamén estarán incorporadas ao COETAAC as sociedades profesionais que teñan o seu domicilio no seu ámbito territorial, para os efectos de que se poida exercer sobre elas as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico, conforme o disposto pola Ley 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

Artigo 2. Natureza xurídica

1. O Colexio é unha corporación de dereito público, amparada e recoñecida pola lei, pola Administración do Estado e pola da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O COETAAC é independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que legalmente lle correspondan con elas.

3. O Colexio terá, no seu ámbito territorial, a representación da profesión nos termos que estableza a normativa aplicable, sen prexuízo da que no seu día lle poida corresponder ao Consello Galego, no ámbito autonómico (en diante, CGCOETA), e a atribuída ao Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de España (en diante CGCOITAE), nos ámbitos estatal e internacional, e outras que legalmente ten atribuídas o citado CGCOITAE.

4. Todas as actuacións dos órganos colexiais estarán rexidas polos principios de independencia, representatividade, actuación democrática e seguridade xurídica.

5. Os presentes estatutos garantirán a estrutura democrática, a participación dos colexiados e o seu carácter representativo.

6. O COETAAC ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Consonte iso, e de acordo coa legalidade vixente pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, obrigarse e exercer accións e interpor recursos en todas as vías e xurisdicións para o devandito cumprimento.

Artigo 3. Denominación e domicilio

1. O Colexio denomínase Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas da Coruña, Pontevedra e Ourense.

2. O COETAAC establece súa sede na cidade da Coruña (avda. Barrié de la Maza, nº 17, 1º centro, 15003), delegación en Pontevedra (soportais da Ferraría, nº 4, 2º dereita, 36002) e delegación en Ourense (rúa Cardeal Quevedo, nº 25, entrl., esquerda, 32004).

3. O Colexio poderá establecer ou suprimir oficinas administrativas ou delegacións territoriais, no seu ámbito territorial, logo de acordo da Asemblea Xeral.

Artigo 4. Membros do COETAAC

1. O COETAAC agrupará todos os cidadáns españois e estranxeiros que posúan títulos oficiais de enxeñeiro técnico agrícola, de perito agrícola ou de graduado en calquera das titulacións habilitantes para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, expedidos polo Estado, ou polos estados da Unión Europea, ou estranxeiros que se homologuen a estes, e que desempeñen actividades propias da profesión ou exerzan funcións ou cargos en razón dos mencionados títulos, e que teñan domicilio profesional, e/ou principal, ou desenvolvan a súa actividade no seu ámbito territorial, nas condicións establecidas pola lexislación vixente.

Estes serán os chamados membros ou colexiados de número.

As sociedades profesionais constituídas consonte a normativa vixente e rexistradas no Rexistro especial colexial de sociedades profesionais do Colexio non terán a consideración de colexiados de número, pero si a condición de colexiados e todos os dereitos e obrigas derivados da súa pertenza ao Colexio, nos termos que sinala a Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, que se executarán a través dos profesionais colexiados.

2. Os colexiados xubilados poderán seguir pertencendo ao Colexio, de pleno dereito e, logo de comunicación da súa situación, estarán exentos da obriga de satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio, salvo acordo asembleario en contrario.

3. O COETAAC acolle tamén os membros, ou colexiados de honra, que serán aquelas persoas físicas ou xurídicas pertencentes ou non á profesión que rendan ou rendesen servizos destacados ao COETAAC ou á profesión. O título de membro ou colexiado de honra será outorgado mediante acordo da Asemblea xeral, por proposta da Xunta de Goberno, por iniciativa desta, ou de calquera colexiado ou grupo destes.

Cando este nomeamento recaia en colexiados, non implicará mingua ningunha no resto dos seus dereitos e obrigas colexiais, agás acordo expreso nese senso.

4. De conformidade co disposto no artigo 2.3 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio profesional abondará coa colexiación nun só colexio territorial, que será o do domicilio profesional, único e/ou principal.

O exercicio profesional fóra do ámbito territorial do Colexio, consonte o disposto na vixente normativa en materia de servizos profesionais, réxese pola colexiación única que habilita para o exercicio da profesión en todo o territorio do Estado, nas condicións que esta dispoña.

Artigo 5. Fins

1. Son fins esenciais do COETAAC os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan seguidamente:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia e consonte o establecido polas leis, o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, en todas as súas formas e especialidades, e a representación exclusiva e a defensa dos intereses profesionais dos seus membros.

b) Velar pola satisfacción dos intereses xerais, en relación co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, mediante a promoción, a salvagarda e a observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa dignidade e prestixio.

c) Perseguir a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, mediante a promoción e o fomento do desenvolvemento científico e técnico, así como da solidariedade profesional e do servizo da profesión á sociedade.

d) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico agrícola ou de graduado en calquera titulación habilitante para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, favorecendo as ensinanzas técnicas profesionais e de investigación relacionadas cos estudos, facilitando a formación de técnicos aptos para as súas diversas funcións, promovendo para este efecto o entendemento entre os centros de ensino e as empresas, co fin de obter o máximo nivel intelectual, cultural e de aplicación profesional dos enxeñeiros técnicos agrícolas.

e) Colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión recoñecidos pola Constitución e polo Estatuto de autonomía de Galicia aos colexios profesionais.

f) A defensa dos intereses de consumidores e usuarios, consonte o artigo 1.3 da Lei 2/1974, de colexios profesionais.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo das competencias das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

3. O cumprimento dos citados fins desenvolverase no ámbito estritamente profesional. Quedan excluídas aquelas actividades que a Constitución atribúe especificamente aos partidos políticos, aos sindicatos e a outras asociacións.

Artigo 6. Funcións

Para o cumprimento dos seus fins, o COETAAC exercerá as funcións encomendadas pola lexislación estatal e autonómica e, como propias, as seguintes:

a) Facilitarlles aos colexiados o exercicio da profesión, procurando a irmandade entre todos eles.

b) Comunicar ao CGCOITAE as altas, baixas e outras modificacións que se produzan nos rexistros de colexiados e de sociedades profesionais.

c) Prever que a cota de entrada ou inscrición non poderá superar, en ningún caso, os custos asociados á tramitación da inscrición. No caso de incorporación ao COETAAC por traslado de residencia desde outro colexio, será gratuíta.

Nos casos de desprazamento temporal e/ou ocasional dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, abondará, para exercer a profesión no ámbito territorial do COETAAC, unha declaración previa que cumpra as normas do dereito comunitario, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais. Esa declaración previa constituirá unha inscrición temporal automática no Colexio, que implicará o sometemento da persoa interesada ás competencias colexiais vixentes.

d) Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais e persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que, directa ou indirectamente, afecten a profesión ou os seus colexiados, realizar estudos, emitir informes, resolver consultas, redactar pregos de condicións técnicas e económicas, actuar en arbitraxes, conciliacións, mediacións e demais actividades relacionadas cos seus fins que lles poidan ser solicitadas, ou por propia iniciativa.

e) Emitir informe sobre os proxectos de lei e as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica agrícola ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos agrícolas e á súa correlación con outras profesións, co ensino, coas súas atribucións ou co réxime de incompatibilidades.

f) Exercer a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, institucións, tribunais ou entidades e particulares, coa lexitimación para ser parte en todos aqueles litixios que afecten os intereses profesionais, en defensa dos seus dereitos e dos honorarios producidos polos seus traballos, así como exercer o dereito de petición conforme a lei.

g) Participar nos consellos ou órganos consultivos das distintas administracións públicas en materias da súa competencia profesional, cando as normas reguladoras destes o permitan, así como estar representado nos órganos de participación social existentes.

h) Participar na elaboración dos plans de estudo das ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coas actividades propias da profesión e emitir informe sobre a posible creación de escolas universitarias de enxeñaría técnica agrícola, mantendo contacto con estas, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

i) Estar representados, se é o caso, nos consellos sociais das universidades onde se impartan estudos de enxeñaría técnica agrícola, de conformidade co que estableza a lexislación aplicable.

j) Cooperar coa Administración de xustiza, e demais organismos oficiais, na designación de colexiados que poidan ser requiridos para realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais, para o cal se facilitará, periodicamente e sempre que o soliciten, ou que a lexislación o dispoña, a relación de colexiados dispoñibles para estes efectos.

k) Artellar os mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa coas autoridades competentes previstos na lexislación vixente sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

l) Colaborar coa Administración xeral do Estado e coa Administración autonómica na realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que Ile sexan solicitadas ou decida formular por propia iniciativa.

Así mesmo, o COETAAC atenderá as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sociedades profesionais, así como sobre as sancións firmes que se lles impuxesen, e as peticións de comprobación, inspección ou investigación sobre aqueles que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea.

m) Ordenar, no ámbito das súas atribucións, a actividade profesional dos colexiados, que deberá realizarse en réxime de libre competencia, e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, ás leis sobre defensa da competencia. Só se poderán empregar criterios orientativos para os únicos efectos do cálculo de honorarios de peritos en taxacións de custas.

Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos particulares, exercendo, se cabe, a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial.

n) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais de traballos previamente visados, só por petición libre e expresa dos colexiados, nas condicións que se determinen nestes estatutos ou na correspondente normativa colexial.

ñ) Na páxina web do Colexio incluiranse a memoria anual e o prezo do servizo de visado, tanto o voluntario como o obrigatorio.

o) Impedir e, se é o caso, denunciar ante a Administración, e incluso perseguir ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusión profesional que afecten os enxeñeiros técnicos agrícolas e o exercicio da profesión.

p) Intervir, pola vía da conciliación, mediación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

q) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que podan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

r) Realizar os recoñecementos de sinatura, ou o visado de proxectos informes, ditames, valoracións, peritaxes e demais traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión, de conformidade co disposto na lexislación e normativa en materia de servizos profesionais, así como editar e distribuír impresos dos certificados oficiais que para esta función aproben os órganos de goberno.

s) Manter un activo e eficaz servicio de información sobre os postos de traballo que poden desempeñar os enxeñeiros técnicos agrícolas, co fin de acadar unha maior eficacia no seu exercicio profesional.

t) Emitir informes nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios, nas condicións previstas nas leis.

u) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión.

v) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados estes estatutos, así como as normas e os acordos adoptados polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

w) Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional e social dos colexiados en xeral, ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, cando sexa necesario. En calquera caso, procurar a harmonía entre todos os colexiados.

x) Establecer a incorporación ao Colexio conforme o principio de igualdade de trato e non discriminación, de acordo co disposto na lexislación vixente sobre colexios profesionais.

y) Tomar acordos, decisións ou recomendacións observando os límites establecidos na lexislación vixente sobre defensa da competencia.

z) Todas as outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes.

TÍTULO II
Dos colexiados

CAPÍTULO I
Adquisición, denegación e perda da condición de colexiado

Artigo 7. Colexiación

1. O COETAAC, dentro do seu ámbito territorial, agrupa os profesionais nel domiciliados, de conformidade coas normas vixentes en materia de colexiación e servizos profesionais.

2. Estar incorporado a un Colexio é requisito para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, nas condicións determinadas pola lexislación en materia de servicio profesionais. Para exercer en todo o territorio nacional abondará a pertenza a un só dos colexios territoriais de enxeñeiros técnicos agrícolas. Este será o do domicilio único ou principal do profesional.

3. Para ser colexiado é necesario:

a) Estar en posesión do título universitario oficial de enxeñeiro técnico agrícola ou de perito agrícola ou de graduado en calquera das titulacións habilitantes para o exercicio da enxeñería técnica agrícola, expedidos polo Estado ou polos Estados da Unión Europea ou estranxeiros equivalentes, sempre que, en virtude dun convenio de reciprocidade entre ambos os países, o Goberno español lles outorgue aos citados titulados a autorización expresa para poder exercer a profesión de enxeñeiro técnico agrícola.

b) Non estar inhabilitado profesional nin colexialmente como consecuencia de resolución xudicial ou resolución disciplinaria firme.

c) Aboar a cota de entrada no COETAAC vixente nese momento.

d) Acreditar a inscrición nos servizos públicos de emprego, se pretende ter beneficios na cota colexial por encontrarse en situación de desemprego, nas condicións que en cada momento se establezan.

4. Os colexiados aceptan, polo mero feito de solicitar a súa colexiación, o contido dos presentes estatutos.

5. As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

a) Toda petición de incorporación ao COETAAC deberá formalizarse mediante instancia dirixida ao seu presidente, á cal se lle deberá xuntar: fotocopia do título académico, dúas fotografías tamaño carné, fotocopia do DNI, curriculum vitae, certificación bancaria da conta onde se domiciliarán os recibos e fotocopia da tarxeta de demanda de emprego, no caso de estar desempregado. Esta petición será resolta pola Xunta de Goberno no prazo máximo de tres meses desde a súa formulación ou, se é o caso, desde que o interesado achegue a totalidade dos documentos necesarios, ou se corrixisen os defectos reparables da petición, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que a resolución sexa denegatoria, esta terá que ser debidamente motivada.

b) Rematado este prazo, e o que se outorgue de acordo coa Lei 30/1992, sen que se resolva a solicitude de incorporación ao Colexio, poderase entender aceptada esta, nos termos establecidos no artigo 43 da devandita Lei 30/1992.

c) O COETAAC está na obriga de emitir certificación acreditativa da aceptación da solicitude de colexiación, por silencio administrativo, cando sexa requirido para iso, salvo que concorra algunha circunstancia que faga que a colexiación teña que ser denegada.

Artigo 8. Denegacións

1. A colexiación poderá ser denegada:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas respecto da súa autenticidade, en calquera caso, sempre tras darlle ao interesado a posibilidade de emendar as deficiencias encontradas, conforme as regras do procedemento administrativo común.

b) Cando o peticionario estea baixo condena imposta polos tribunais de xustiza que leve consigo unha pena accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Cando estea suspendido no exercicio da profesión por outro colexio e non obteña a correspondente rehabilitación.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación, que deberán comunicarse ao solicitante de xeito debidamente motivado, cabe recurso de alzada ante o CGCOETA, ou ante o CGCOITAE mentres o CGCOETA non estea constituído, e deberá interporse no prazo dun mes desde a data de notificación da denegación de incorporación ao COETAAC.

3. Contra a resolución do recurso de alzada, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo na forma e nos prazos establecidos na Lei da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Baixas

1. Pérdese a condición de colexiado en calquera das seguintes circunstancias:

a) Por petición do interesado, mediante instancia dirixida ao presidente do COETAAC. Esta petición non eximirá do cumprimento das obrigas que o interesado contraerá anteriormente co Colexio.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza xudicial firme ou pola resolución firme dun expediente que impoña a expulsión do COETAAC, o cal se lle dará audiencia ao colexiado debedor.

c) Por falla de pagamento da cota colexial ou doutras achegas económicas establecidas polos órganos de goberno do COETAAC, mantida durante un ano, tras o requirimento de pagamento co prazo de dous meses para o seu aboamento, e logo de trámite de audiencia ao colexiado.

Sen prexuízo do anterior, así como da posible adopción doutras medidas previstas nos presentes estatutos, con anterioridade a que transcorra o ano en situación de falla de pagamento, a Xunta de Goberno poderá suspender para o colexiado incurso nela o dereito a empregar os servizos de carácter privado que preste o COETAAC. En ningún caso poderá suspenderse o visado de traballos profesionais.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas nos números 1.b) e 1.c) deste artigo deberá ser comunicada por calquera medio do que quede constancia da súa recepción polo interesado, momento en que producirá efectos.

Artigo 10. Reincorporación

1. Cando o motivo da baixa sexa a solicitude do interesado, o solicitante deberá tramitar unha nova solicitude de admisión, agás a presentación de documentos referentes á súa titulación, e aboar a cota de reincorporación que regulamentariamente estea establecida.

2. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9.1.b) destes estatutos, o solicitante deberá acreditar o cumprimento da pena ou sanción que motivou a súa baixa colexial.

3. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9.1.c) destes estatutos, o solicitante deberá satisfacer a débeda pendente máis os xuros legais, se procede, desde a data da orde de pagamento daquela.

4. De igual xeito procederá a reincorporación cando exista prescrición de fallas e sancións.

Artigo 11. Colexiación única e exercicio en territorio diferente ao de colexiación

1. O colexiado que desexe actuar no ámbito territorial doutro colexio poderá facelo sen ningunha limitación, agás a de quedar totalmente sometido ao réxime normativo do lugar no cal o seu traballo teña efectos e, no caso de visar o traballo, á normativa e deontoloxía profesional do colexio en que se leve a cabo ese trámite, con suxeición á lexislación vixente.

2. Calquera comprobación que o colexio receptor do traballo precise sobre a identidade, habilitación do profesional, etc., será pola súa conta e farase polos medios de cooperación intercolexial e interadministrativa dispoñibles nese momento.

3. O COETAAC non poderá negarse a facilitar esa información requirida, mais, si a deberá poñer en coñecemento do Colexio solicitante e expedir certificación, cando o colexiado non se encontre ao día das súas obrigas e cargas colexiais, ou cando exista algunha causa que o inhabilite para o exercicio da profesión.

4. Os profesionais doutros colexios que actúen no ámbito territorial do COETAAC, descrito no artigo 3, aboarán nas mesmas condicións que os colexiados do COETAAC os dereitos económicos correspondentes ao visado dos seus traballos e quedan suxeitos, durante a súa actuación profesional, aos réximes administrativo, disciplinario e deontolóxico, etc., vixentes no COETAAC.

CAPÍTULO II
Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

Artigo 12. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos, e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun punto único, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o Colexio fará o necesario para que, a través dese portelo único, os profesionais poidan de modo gratuíto:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo as de colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes por parte do Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do devandito portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado e o Colexio.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios as que os destinatarios dos servicios profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido do código deontolóxico, se o houber.

3. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, o Colexio poderá poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

Artigo 13. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

CAPÍTULO III
Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 14. Dereitos

Son dereitos dos colexiados:

a) Actuar profesionalmente en todo o territorio nacional, de acordo co previsto no artigo 11 destes estatutos.

b) Ser asistido, asesorado e defendido polo COETAAC, de acordo cos medios de que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, cando se lesionen ou menoscaben os seus dereitos ou intereses profesionais.

c) Ser representado pola Xunta de Goberno do COETAAC, cando así o solicite, nas reclamacións de calquera tipo dimanantes do exercicio profesional, nos termos que regulamentariamente se dispoñan.

d) Empregar os servizos e medios do COETAAC nas condicións que regulamentariamente se determinen.

e) Participar como electores e como elixibles en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial, intervir de forma activa na vida do COETAAC e ser informado, informar e participar con voz e voto nas asembleas xerais do COETAAC.

f) Formar parte das comisións ou seccións que se establezan.

g) Presentar á Xunta de Goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ao exercicio profesional ou á marcha do COETAAC.

h) Someter á conciliación ou arbitraxe do COETAAC as cuestións de carácter profesional que se produzan entre os colexiados.

Artigo 15. Deberes

Son deberes dos colexiados:

a) Exercer a profesión eticamente e cumprindo os preceptos e normas das disposicións vixentes, actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

b) Acatar e cumprir estes estatutos e, en xeral, as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do COETAAC, sen prexuízo dos recursos pertinentes.

c) Poñer en coñecemento do COETAAC todos os feitos que poidan afectar a profesión, tanto particular como colectivamente considerada. A importancia destes feitos pode determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

d) A pesar de que a regra xeral para o visado é a voluntariedade, os colexiados, nos casos en que a normativa o exixa, estarán obrigados ao sometemento ao trámite do visado dos traballos polo COETAAC.

e) Comunicarlle ao COETAAC, no prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio e outros datos de relevancia como o teléfono, o enderezo electrónico, o número de conta bancaria, etc. como modo de contribuír ao mellor desempeño do labor do Colexio.

f) Aboar, cando sexan emitidas, as cotas e contribucións establecidas polos órganos de goberno do COETAAC.

g) Desempeñar con dilixencia e eficacia os cargos para os que foron elixidos e cumprir os encargos que os órganos de goberno poidan encomendarlle.

h) Cooperar coa Asemblea Xeral e coa Xunta de Goberno, prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial en que poida ser requirido, sen prexuízo do respecto ao segredo profesional.

i) Gardar o segredo profesional respecto dos datos e da información coñecidos con ocasión do exercicio profesional.

j) Dar conta ante o COETAAC de quen exerza actos propios da profesión sen posuír título que o autorice ou de quen, posuíndoo, exerza a profesión sen estar colexiado, conforme o disposto na lexislación e na normativa en materia de servizos e colexios profesionais.

k) Ter un seguro de responsabilidade civil profesional ou outra garantía equivalente, cando así o exixa a lexislación vixente, e cumprir as obrigas de información aos destinatarios dos servizos de enxeñaría técnica agrícola e ás autoridades competentes.

CAPÍTULO IV
Regulación do exercicio profesional

Artigo 16. Visado de traballos profesionais

1. Visaranse os traballos profesionais que os enxeñeiros técnicos agrícolas sometan a ese trámite, unicamente cando o soliciten de xeito expreso os clientes (incluídas as administracións públicas cando teñan este carácter, ou cando o estableza un real decreto do Goberno, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 2/1974, xa mencionada) e sempre consonte a lexislación vixente.

O Colexio non poderá impoñer a obriga de visar os traballos profesionais.

2. O visado comprobará, polo menos, o seguinte:

I. A identificación e titulación profesional do autor do traballo.

II. A integridade e corrección formal dos documentos do traballo profesional en consonancia coa normativa a que estea suxeito o traballo presentado.

O visado expresará igualmente, de xeito preciso, cal é o seu obxecto detallará os aspectos sometidos a control e informará sobre a responsabilidade que lle corresponde asumir ao Colexio. Os honorarios e as condicións contractuais quedarán suxeitas ao libre acordo das partes. O control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional tampouco quedará comprendido.

III. O Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe en defectos que debesen ser postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional e que garden relación directa cos elementos que se visaron nese traballo concreto.

IV. Se o visado é preceptivo, o seu custo será razoable e non abusivo.

V. O Colexio fará públicos os prezos dos visados.

TÍTULO III
Organización básica do COETAAC

CAPÍTULO I
Dos órganos de goberno, das súas normas de constitución
e funcionamento e das súas competencia

Artigo 17. Órganos colexiais

Os órganos colexiais de desenvolvemento normativo, control, goberno, administración e de representación, do Colexio son:

– A Asemblea Xeral.

– A Xunta de Goberno.

– O presidente.

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, que estarán recollidos nas actas das súas reunións, serán efectivos de inmediato, salvo que conteñan pronunciamento en contra da súa entrada en vigor.

Artigo 18. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral, órgano supremo de expresión da vontade do COETAAC, está formada por todos os colexiados con igualdade de voto e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia cos presentes estatutos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todos os colexiados, mesmo os ausentes, disidentes ou os que se absteñan e incluso os que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolvan o CGCOITA, ou o CGCOITAE mentres o CGCOITA non estea constituído; ou os tribunais competentes.

3. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano; unha, no último trimestre, para o exame e a aprobación do orzamento do exercicio seguinte, e outra, no primeiro semestre, para a aprobación das contas do exercicio anterior e información xeral sobre a marcha do COETAAC, en todos os seus aspectos, o que se plasmará na memoria anual correspondente, consonte o disposto pola lexislación en materia de servizos profesionais e relacionada.

4. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario o presidente, ou a Xunta de Goberno, ou cando o pida coa súa sinatura a cuarta parte dos colexiados, especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexan que sexan tratados.

5. As sesións da Asemblea Xeral ordinaria serán convocadas polo presidente sempre cunha antelación mínima de quince días naturais respecto á data da súa realización, mediante comunicación escrita a todos os colexiados. A convocatoria incluirá a data, a hora e o lugar da reunión, así como a orde do día e a información complementaria que se coide oportuna.

6. Todos os colexiados teñen o dereito e o deber de asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto.

7. De acordo co disposto no artigo 6.3.c) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, queda expresamente prohibido adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día da asemblea ordinaria ou extraordinaria de que se trate.

8. A Asemblea Xeral estará constituída por todos os colexiados que asistan ou se fagan representar, por escrito, por outro colexiado. É necesaria, para a validez dos seus acordos, en primeira convocatoria, a concorrencia da metade máis un dos colexiados, entre presentes e representados. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar media hora despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e representados, salvo os que requiran maiorías especiais.

Artigo 19. Competencias da Asemblea Xeral

1. A aprobación das actas das súas sesións e do procedemento de produción destas.

2. A aprobación da memoria anual de actuacións presentada pola Xunta de Goberno do COETAAC.

3. A aprobación das contas do COETAAC do ano anterior e os orzamentos do seguinte.

4. A elección dos membros da Xunta de Goberno, así como a súa remoción por medio da moción de censura, de acordo co especificado no artigo 21 destes estatutos.

5. A fixación da contía da cota de colexiación, así como das cotas ordinarias ou das que con carácter extraordinario, por razóns que o xustifiquen, propoña a Xunta de Goberno.

6. A aprobación ou modificación, dos estatutos do COETAAC e calquera outra normativa que afecte o seu funcionamento, que en ningún caso poderá vulnerar o estipulado nas normas básicas establecidas nos presentes estatutos e, se é o caso, o regulamento de réxime interno do COETAAC.

7. Tomar acordos sobre a xestión da Xunta de Goberno.

8. Promover a disolución do COETAAC, de acordo co que se estableza nos presentes estatutos.

9. Coñecer, discutir e, se é o caso, aprobar todas as propostas que lle sexan sometidas e correspondan á esfera de acción dos intereses do Colexio, por iniciativa da Xunta de Goberno ou de calquera colexiado, se a súa proposición está avalada como mínimo por un 10 % dos colexiados e é presentada con 45 días de antelación á realización da Asemblea Xeral ordinaria.

10. Aceptar ou rexeitar doazóns ou herdanzas.

11. A implantación, supresión ou modificación de servizos corporativos.

12. Todas as demais atribucións que non fosen conferidas expresamente á Xunta de Goberno ou a algún dos cargos colexiais.

13. A Asemblea Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear, con motivo de premiar a especial dedicación e a súa traxectoria profesional, un ou varios colexiados, dos que estean en exercicio ou xubilados, para que formen parte da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto. Estes membros así nomeados cesarán no seu desempeño ao cesar a Xunta de Goberno.

Artigo 20. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. As sesións da Asemblea Xeral estarán presididas polo presidente acompañado dos demais membros da Xunta de Goberno. En ausencia do presidente, a asemblea estará presidida polo vicepresidente e, en ausencia de ambos, polo vogal de maior idade.

2. O presidente será o moderador ou coordinador da asemblea, concederá ou retirará o uso da palabra e ordenará os debates e votacións.

3. Actuará como secretario da Asemblea Xeral, que redactará a acta da reunión, o secretario do Colexio; na súa ausencia, o vicesecretario; e, en ausencia de ambos, substituiraos o vogal de menor idade.

4. Todos os colexiados teñen o dereito de asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto, salvo os colexiados que non se encontren en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais ou aqueles colexiados que non estean ao día das súas obrigas económicas co COETAAC, nos termos dispostos nos presentes estatutos.

5. A representación dada a outro colexiado será de forma expresa, para unha sesión determinada, e realizarase por medio de escrito dirixido ao presidente (e acompañado de copia (lexible) do DNI do representado), en que se exprese claramente o nome e o número do DNI de quen exercerá a representación. Só serán válidas as representacións recibidas pola secretaría antes do día fixado para a asemblea, ou na mesa presidencial antes de iniciarse a sesión da Asemblea Xeral. Cada colexiado poderá exercer a representación dun máximo de dez colexiados.

6. É potestade do presidente, e da Xunta de Goberno, invitar á sesión da Asemblea Xeral, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, a persoa ou persoas que se consideren convenientes.

7. As votacións poderanse efectuar á man alzada, tendo en conta a representación que exerza cada colexiado, ou mediante papeleta normalizada, que deberá ser aprobada pola Asemblea Xeral.

8. As maiorías que poden producirse son:

a) Maioría simple: cando o número de votos nun senso supere os votos emitidos en senso contrario máis os votos en branco. Esta maioría será a requirida para a adopción de acordos ordinarios.

b) Maioría absoluta: cando o número de votos nun senso supere a metade do número asistentes, xa sexan presentes ou representados. Esta maioría será a requirida para a fusión, segregación (acordo de Asemblea Xeral) e cambio de denominación do Colexio.

c) Maioría cualificada: cando os votos no senso da proposta acaden os 3/5 dos asistentes, tanto se son presentes como representados. Esta maioría será a requirida para a segregación (acordo en pleno provincial) e absorción.

Artigo 21. Moción de censura

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá propor e acordar moción de censura respecto dun ou varios dos seus membros.

3. Os colexiados poderán propor a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros e solicitar a realización dunha Asemblea Xeral extraordinaria, en relación co establecido no artigo 19.4 destes estatutos. Neste caso, a Xunta de Goberno está na obriga de convocar a asemblea inmediatamente, para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, con carácter extraordinario.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade, ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno, implicará o cesamento inmediato de toda ela. Neste caso, e para evitar o baleiro de poder, a mesma Asemblea Xeral adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación dunha moción de censura contra a Xunta de Goberno será necesaria a maioría simple, tal e como se define no artigo anterior.

Artigo 22. A Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano executivo e representativo do Colexio. Será elixida por votación entre os seus colexiados e constará dun presidente, que é tamén o do COETAAC, un vicepresidente, un secretario, un vicesecretario, un tesoureiro, un vicetesoureiro e un número de vogais entre dous e oito.

Poderán asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto, o secretario técnico, asesor xurídico, así como algún membro concreto do persoal do Colexio cuxa asistencia se considere conveniente.

2. A Xunta de Goberno deberá ter representación de todas as provincias que compoñan o ámbito territorial e procurar a representatividade de todos os sectores de actividade profesional dos colexiados e colexiadas. Así mesmo, deberá contar con representantes de ambos os sexos, sen que pola natureza da institución se manteñan regras de paridade, sendo suficiente coa representación.

3. Quen desempeñe o cargo de presidente deberá encontrarse no exercicio da profesión.

4. A duración dos cargos será de catro anos e non serán remunerados. Todos os cargos e membros da Xunta serán de carácter honorífico, sen prexuízo de que se lles poidan aboar os gastos que lles ocasione o seu exercicio, polo que deberán figurar unha partida para tales conceptos no orzamento anual. Así mesmo, sen perder a condición de gratuítos, os cargos colexiais poderán ser indemnizados con importes tamén recollidos nos orzamentos anuais polos gastos e custos derivados da súa especial dedicación nas tarefas de organización e coordinación de actividades formativas e colexiais.

5. Cando o nomeamento de calquera cargo da Xunta de Goberno se faga por vacante e non por finalización de mandato, a permanencia no cargo será só ata o remate do mandato do cargo que produciu a vacante.

6. Dentro da Xunta de Goberno poderá constituírse unha comisión permanente para atender os asuntos urxentes e aqueles que nesta comisión delegue a Xunta de Goberno. A comisión permanente estará formada polo presidente, o secretario, o vicepresidente e o tesoureiro, e estará validamente constituída cando estean presentes, polo menos, os dous primeiros e un dos dous últimos.

Artigo 23. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno ocúpase da dirección e administración do COETAAC para o cumprimento dos seus fins, para o cal exerce as seguintes competencias:

1. Executar os acordos da Asemblea Xeral.

2. Cumprir e facer cumprir os estatutos e a normativa do COETAAC, así como os seus propios acordos.

3. Elaborar os orzamentos do exercicio seguinte e aprobar o balance do exercicio anterior e a memoria de xestión anual, previamente á súa presentación ante a Asemblea Xeral para a súa aprobación, se procede.

4. Dirixir a xestión e administración do COETAAC para o cumprimento dos seus fins.

5. Manifestar, de forma oficial e pública, a opinión do COETAAC nos asuntos de interese profesional.

6. Representar os intereses profesionais ante os poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

7. Presentar estudos, informes e ditames cando se lle requiran, asesorando desta forma os órganos do Estado e calquera entidade pública ou privada. Para estes efectos, a Xunta de Goberno poderá designar comisións de traballo ou designar os colexiados que considere oportunos para preparar os citados estudos ou informes.

8. Elixir, por proposta do presidente, ao membro da Xunta de Goberno que actuará como suplente do presidente en representación do Colexio ante o CGCOITA ou o CGCOITAE.

9. Designar, cando proceda legal ou regulamentariamente, os representantes do COETAAC nos órganos consultivos das distintas administracións públicas.

10. Acordar o exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdicionais.

11. Someter calquera asunto de interese xeral para o COETAAC á deliberación e acordo da Asemblea Xeral.

12. Regular os procedementos de colexiación, baixa, cobramento de honorarios, pagamento de cotas e outras contribucións, sempre de acordo co establecido nestes estatutos.

13. Regular e exercer as facultades disciplinarias que lle corresponden, atendendo ao establecido nestes estatutos.

14. Organizar actividades e servizos de carácter cultural, profesional, asistencial e/ou de previsión en beneficio dos colexiados.

15. Crear comisións abertas, por iniciativa propia ou dos colexiados, de acordo co establecido nestes estatutos.

16. Recadar as cotas e contribucións establecidas, executar os orzamentos e organizar e dirixir o funcionamento dos servizos xerais do COETAAC.

17. Informar os colexiados das actividades e acordos do COETAAC.

18. Decidir o nomeamento e cesamento do persoal administrativo e de servizos xerais do COETAAC.

19. Acordar a convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral.

20. Acordar a convocatoria para a elección de cargos para a Xunta de Goberno, cando así proceda, segundo o que se estableza nestes estatutos.

21. Aprobar as actas das súas sesións.

22. Adquirir ou allear calquera clase de bens do COETAAC, segundo o orzamento vixente e aprobado pola Asemblea Xeral.

23. A Xunta de Goberno poderá propor á Asemblea Xeral o nomeamento dun ou de varios colexiados, en exercicio ou xubilados, para que formen parte da Xunta de Goberno, con voz pero sen voto.

24. Propor á Asemblea Xeral o establecemento ou desmantelamento de oficinas administrativas territoriais.

Artigo 24. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase, como mínimo, cada dous meses, salvo nos meses de xullo e agosto, e sempre que a convoque o presidente, ou o soliciten un mínimo de tres dos seus membros.

2. As convocatorias comunicaranse cunha antelación non inferior a catro días.

Respecto á orde do día, non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído nela, salvo que sexa declarada a urxencia e/ou o interese do asunto polo voto favorable da maioría dos membros presentes.

3. As sesións da Xunta de Goberno estarán presididas polo presidente, na súa ausencia polo vicepresidente e, en ausencia de ambos, polo vogal de maior idade.

4. O presidente será o moderador e coordinador da Xunta de Goberno, concederá ou retirará o uso da palabra e ordenará os debates e votacións.

5. O secretario do Colexio ou, na súa ausencia, o vicesecretario ou o vogal de menor idade, nesta orde, redactarán as actas das sesións, que só adquirirán o carácter de acta unha vez aprobadas pola Xunta de Goberno, que tamén ten facultades para aprobar o xeito de produción destas, no seu ámbito de competencias.

6. Todos os compoñentes da Xunta de Goberno teñen o dereito e o deber de asistir ás súas sesións con voz e voto, e a obriga de xustificar, por calquera medio, as súas ausencias ás sesións desta. Esta xustificación será efectiva ata pasados oito días da realización da reunión. Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas ou oito non consecutivas igualmente sen xustificar ás sesións da Xunta de Goberno, suporán o cesamento automático no cargo.

7. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando se encontren presentes a metade máis un dos seus membros incluído o presidente, en primeira convocatoria e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que entre eles estean necesariamente o presidente ou o vicepresidente e o secretario ou o vicesecretario. Os seus acordos, en materia das súas competencias, serán vinculantes para todos os seus compoñentes e para todos os colexiados. Entre as dúas convocatorias deberán transcorrer, polo menos, trinta minutos.

8. Os acordos serán tomados por maioría dos asistentes. En caso de empate, terá voto de calidade o presidente.

9. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables dos acordos adoptados, agás cando na acta quede constancia expresa do seu voto en contra.

10. Causas de baixa na Xunta de Goberno:

a) Falecemento.

b) Caducidade do mandato.

c) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Aprobación pola Asemblea Xeral dunha moción de censura.

f) Baixa como colexiado.

g) Resolución firme en expediente disciplinario.

11. É potestade do presidente invitar ás sesións da Xunta de Goberno, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, a persoa ou persoas que considere oportuno.

12. Para cuestións de tratamento urxente e acordos sobre asuntos que non requiran dunha convocatoria ordinaria ou extraordinaria, poderanse adoptar acordos por medio de correo-e (para estes efectos só será válido o uso das contas de correo corporativo). Estes acordos reflectiranse como puntos da orde do día da reunión seguinte.

Artigo 25. Vacantes na Xunta de Goberno

1. De estar vacante o posto de presidente, exercerá as súas funcións o vicepresidente.

2. De estar vacante o posto de vicepresidente, exercerá as súas funcións o membro da Xunta de Goberno que sexa elixido polos demais compoñentes. Para as vacantes de secretario ou tesoureiro, exercerán as súas funcións o vicesecretario ou vicetesoureiro, respectivamente e, en ausencia/vacante destes, igual que para o presidente/vicepresidente.

3. De estar vacante un posto de vogal, cubrirase nas seguintes eleccións ordinarias.

4. En caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente Asemblea Xeral extraordinaria, que adoptará o acordo do nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar urxentemente eleccións para todos os cargos. A xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

5. No caso de estaren vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, a convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria a que se refire o artigo anterior será efectuada por un grupo de colexiados designados polo CGCOITA ou polo CGCOITAE, mentres o primeiro non estea constituído.

Artigo 26. Atribucións do presidente

Son atribucións do presidente as seguintes:

1. Convocar, abrir e rematar as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, así como presidilas e dirixir as deliberacións que nelas teñan lugar.

2. Convocar as eleccións a membros da Xunta de Goberno.

3. Decidir, co seu voto de calidade, os empates nas votacións.

4. Executar os acordos que os órganos colexiais adopten nas súas respectivas esferas de atribucións.

5. Adoptar, en caso de urxencia e/ou necesidade, as resolucións necesarias e informar inmediatamente o órgano correspondente, para a súa ratificación, na primeira sesión que teña lugar.

6. Exercer a representación do COETAAC e dos seus órganos deliberantes e decisorios e xestionar os asuntos deste ante autoridades e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a Xunta de Goberno, no nome do COETAAC, encomendar as devanditas funcións a determinados colexiados ou comisións constituídas para o efecto.

7. Coordinar as actuacións dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.

8. Visar todas as certificacións que expida o secretario.

9. Autorizar os libramentos ou ordes de pagamento.

10. Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

11. Visar os informes e as comunicacións que oficialmente dirixa o Colexio ás autoridades e/ou entidades públicas ou privadas.

12. Autorizar o movemento de fondos das contas correntes ou de aforro do COETAAC, unindo a súa sinatura á do tesoureiro.

13. Por acordo expreso da Xunta de Goberno, poderá outorgar poder a favor de procuradores dos tribunais e de letrados no nome do COETAAC para a representación preceptiva ou potestativa deste ante calquera órgano administrativo ou xurisdicional no que se refire a accións, excepcións, recursos, incluído o de casación, e demais actuacións que se teñan que levar a cabo ante estes, en defensa tanto do COETAAC como da profesión.

14. Asistir en representación do Colexio ás reunións do CGCOITAE ou do CGCOITA, cando este estea constituído.

15. Interpor as accións que procedan para o cobramento de honorarios non satisfeitos aos colexiados, de conformidade con estes estatutos.

16. Para o cumprimento dos fins citados e calquera outro que lle sexa encomendado gozará de plena autoridade, e as súas resolucións serán cumpridas sen prexuízo das reclamacións que contra aquelas se poidan interpor polas canles que establece a lei.

Artigo 27. Atribucións do vicepresidente

O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno, ou delegue nel o presidente, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación; entre estas o apoio cotián na representación colexial e outras. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 28. Atribucións do secretario

Corresponden ao secretario as atribucións seguintes:

1. Redactar as actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

2. Custodiar a documentación do COETAAC, os libros de actas e de rexistros e os expedientes dos colexiados.

3. Expedir as certificacións, de oficio ou por instancia de parte interesada, coa visa do presidente.

4. Expedir e tramitar comunicacións e documentos e informar destes a Xunta de Goberno ou o órgano competente que corresponda.

5. Exercer a xefatura do persoal administrativo e dos servizos necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servizos administrativos, con suxeición ás directrices ditadas polos órganos colexiais.

6. Formar, presidíndoa, parte da comisión de visados designada pola Xunta de Goberno, asinar os visados que se efectúen, levar o rexistro dos visados de traballos profesionais e denegar o visado cando se incumpran as súas normas reguladoras. Pola condición pluriprovincial do COETAAC poderá delegar nos delegados do Colexio, a sinatura dos visados que se realicen no seu respectivo ámbito territorial.

7. Redactar a memoria anual de xestión e actuacións, para a súa aprobación pola Xunta de Goberno e pola Asemblea Xeral.

8. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno e as que sexan propias da súa función e necesarias para o seu bo desempeño.

9. Poderá, se a Xunta de Goberno o coida procedente e/ou necesario, ter acceso ás contas bancarias colexiais, co coñecemento do presidente ou tesoureiro, nas mesmas condicións de sinatura que o resto de apoderados, para facilitar a xestión dos pagamentos precisos para o normal funcionamento da entidade.

10. O vicesecretario substituirá o secretario nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno, ou delegue nel o secretario, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación; tamén lle corresponde o apoio cotián na xestión ordinaria do Colexio (visado, administración, etc.) e outras. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 28 (bis). Comisión de visados

A comisión de visados estará formada polo secretario (como presidente), o vicesecretario (como vicepresidente 1º), o/os delegado/s (como vicepresidente/s 2º, ...), e os vogais que en cada momento a Xunta de Goberno considere pertinentes.

Tamén formará parte da comisión de visados o persoal técnico de apoio que, no momento, desempeñe as súas funcións no COETAAC, e o secretario técnico, se o houber.

A comisión de visados terá como principais cometidos a unificación de criterios de visado, en todas as sedes do COETAAC, e a evolución e o mantemento ao día da normativa colexial de visado, así como a evolución e mellora dos sistemas de visado dixital.

Os seus acordos, que serán sometidos cando menos á aprobación pola Xunta de Goberno, adoptaranse por maioría simple con voto de calidade do presidente da comisión, en caso de empate.

Considerarase efectivamente constituída (física ou virtualmente, de xeito semellante ao descrito para a Xunta de Goberno no artigo 23.12) coa presenza do seu presidente ou o vicepresidente 1º, a metade do resto de membros e o/os técnico/s de apoio.

Artigo 29. Atribucións do tesoureiro

Corresponden ao tesoureiro as atribucións seguintes:

1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao COETAAC, dos cales será responsable.

2. Asinar recibos, efectuar cobramentos e realizar os pagamentos ordenados polo presidente.

3. Dar conta á Xunta de Goberno dos colexiados que non estean ao día dos pagamentos, para que se lles reclamen as cantidades adebedadas ou se aprobe a tramitación da súa baixa, de acordo co que establece o artigo 9 destes estatutos.

4. Redactar o anteproxecto de orzamentos do COETAAC para a súa aprobación previa pola Xunta de Goberno.

5. Facer o balance do exercicio anterior para a súa aprobación pola Xunta de Goberno.

6. Propor á Xunta de Goberno os proxectos de habilitación de créditos, suplementos e variacións de ingresos cando sexa necesario.

7. Levar os libros de contabilidade correspondentes.

8. Verificar os arqueos que a Xunta de Goberno considere necesarios.

9. Levar o inventario minucioso dos bens do COETAAC, dos que será o seu administrador.

10. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

11. O vicetesoureiro substituirá o tesoureiro nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou delegue nel o tesoureiro, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación; entre estas o apoio cotián na elaboración dos orzamentos, o balance e outras. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 30. Atribucións dos vogais

Serán atribucións dos vogais as seguintes:

1. Desempeñar todas as funcións que lles sexan conferidas pola Asemblea Xeral, para Xunta de Goberno ou polo presidente, así como desenvolver e presidir as comisións creadas coa autorización da Xunta de Goberno do COETAAC.

2. Colaborar cos titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias, vacantes ou enfermidades, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

3. Nos casos en que, por razón da materia, se considere a súa idoneidade para esa función concreta, tamén por designación da Xunta de Goberno ou do presidente, poderán exercer a efectiva representación do COETAAC.

CAPÍTULO II
Organización territorial do COETAAC

Artigo 31. Delegacións territoriais/oficinas administrativas territoriais do COETAAC

A/s delegación/s do COETAAC terán á súa fronte un delegado, elixido democraticamente por 4 anos, cos mesmos requirimentos que o presidente do COETAAC, de entre os colexiados do seu ámbito territorial, que é a provincia.

A/s oficinas administrativas territoriais, ás que chegado o caso poidan existir, crearanse coa estrutura, cos fins e cos medios que no seu momento aprobase a Asemblea Xeral, tras debater o proxecto proposto pola Xunta de Goberno.

As delegacións terán como finalidade a descentralización dos servizos colexiais, o achegamento destes aos colexiados e a organización de actividades, mesmo as formativas, para os colexiados. De calquera xeito, estes servizos e actividades terán como destinatarios a todos os membros da comunidade colexial, independentemente da súa adscrición xeográfica a unha ou outra sede.

Artigo 32. O/s delegado/s

O/s delegado/s elixiraos cada catro anos o pleno provincial correspondente e correspóndelles a representación ordinaria do COETAAC no seu ámbito territorial, sen prexuízo de que calquera acto que supoña a xeración de calquera compromiso, obriga ou carga para o Colexio sexa adoptado polo órgano colexial que en cada caso corresponda, sexa a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno ou o presidente do COETAAC.

Para estes efectos, a/s delegación/es disporán dunha conta bancaria, que se dotará cos ingresos por dereitos de visado xerados no seu ámbito territorial, e por calquera outra achega realizada polos colexiados como contraprestación a calquera servizo prestado ou actividade realizada, sen que isto implique dualidade de caixa, e cuxa titularidade corresponde unicamente ao COETAAC.

Nesta conta, o delegado será autorizado e apoderados, o presidente e o tesoureiro do COETAAC (tamén o secretario, consonte o disposto no artigo 28.9). A actuación con esta rexerase por concorrencias de sinatura semellantes ás que se falou con anterioridade, nos casos de presidente, tesoureiro e secretario, e concretadas, en cada momento, por acordo da Xunta de Goberno.

O/s delegado/s, pola súa condición, serán vogais natos da Xunta de Goberno.

CAPÍTULO III
Do réxime económico e administrativo

Artigo 33. Capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial

O COETAAC ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O COETAAC deberá contar cos recursos necesarios para atender os fins e funcións encomendados e as solicitudes de servizos dos seus membros, polo que estes quedan obrigados a contribuír ao sustento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

O patrimonio e a caixa do COETAAC son únicos.

Artigo 34. Recursos económicos do COETAAC

Os recursos económicos do COETAAC poderán ser ordinarios ou extraordinarios.

1. Recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do COETAAC:

a) As cotas de incorporación e reincorporación.

b) A cota anual ordinaria, igual para todos os colexiados, sen prexuízo do establecido nos estatutos ou noutra normativa.

c) As cotas especiais para colexiados/as en situación de desemprego ou outras aprobadas pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

d) As cotas extraordinarias aprobadas pola Asemblea Xeral.

e) As cantidades que deberán satisfacer os colexiados como dereitos económicos polo visado e/ou dilixenciado de traballos.

f) As recargas por demora no pagamento de calquera concepto, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

g) Os procedentes das rendas ou xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio do COETAAC.

h) Os ingresos que se obteñan polas publicacións que se realicen, así como os provenientes de matrículas de cursos e seminarios e demais conceptos análogos.

i) Os xerados pola propia actuación administrativa do Colexio e aprobados pola Asemblea Xeral, cando sexan por servizos prestados aos colexiados, ou pola Xunta de Goberno, cando sexan por servizos prestados a administracións, xulgados ou tribunais, particulares ou outros. Estes serán aprobados pola Xunta de Goberno.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións, doazóns, herdanzas ou legados que lle concedan ao COETAAC as administracións públicas, entidades públicas ou privadas, colexiados e outras persoas físicas ou xurídicas.

b) Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título, entren a formar parte do capital do COETAAC e as rendas e froitos dos bens e dereitos de todas as clases que posúa.

c) A obtención de créditos públicos ou privados, hipotecas dos seus bens ou calquera outro recurso conseguido, por necesidade ou utilidade, tras o acordo expreso da Xunta de Goberno, nos límites establecidos na normativa que lles sexa de aplicación ás administracións públicas.

d) Os dereitos por estudos, informes e ditames que emita a Xunta de Goberno ou as comisións en que aquela delegue a súa realización.

e) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poida percibir o COETAAC.

3. As recadacións dos recursos económicos son competencia da Xunta de Goberno, sen prexuízo das facultades que por expreso acordo poida delegar.

Artigo 35. Orzamentos anuais

Os orzamentos anuais do COETAAC, que terán un carácter simplemente estimativo, serán elaborados pola Xunta de Goberno, de conformidade cos principios de eficacia, equidade e economía, e incluirán a totalidade dos ingresos e dos gastos, coincidindo co ano natural. Tras o informe anticipado aos colexiados, serán sometidos á aprobación pola Asemblea Xeral, de acordo co disposto nestes estatutos. Mentres non se aproben os orzamentos, quedarán prorrogados os aprobados para o ano anterior, a razón de 1/12 por mes.

Artigo 36. Gastos

Os gastos do COETAAC serán os orzados, sen que poida ser efectuado ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado no ano anterior, agás nos casos debidamente xustificados, por utilidade ou oportunidade, que deberán ser aprobados pola Xunta de Goberno e, posteriormente, pola Asemblea Xeral.

Artigo 37. Censores de contas

1. Cando se produza renovación total ou parcial dos órganos directivos na Asemblea Xeral anterior, e como punto expreso na orde do día, serán elixidos por sorteo, de entre todos os colexiados, coa excepción dos que leven menos de tres anos de colexiación e dos xubilados, tres censores de contas. Tamén serán elixidos, do mesmo xeito, tres suplentes. Serán incompatibles coa citada elección os membros da Xunta de Goberno.

2. A Xunta de Goberno, unha vez aprobado o balance económico do exercicio anterior, convocará os censores de contas para unha data determinada e poñerá á súa disposición o balance, os libros de contas, os xustificantes de ingresos e gastos e cantos documentos se consideren necesarios, coa finalidade de informar sobre as características da súa actuación.

3. A convocatoria para o día da censura de contas será cursada nun prazo non inferior a quince días. A censura de contas realizarase o día sinalado e o informe da citada censura será único, e por escrito, sen prexuízo de que cada censor poida redactar un voto particular sobre un ou varios dos asuntos recollidos no informe.

4. A Xunta de Goberno prestará todo o apoio material e/ou humano necesario para que a xunta de censores poida exercer axeitadamente as súas funcións. Así mesmo, os cargos colexiais con responsabilidades económicas directas estarán á súa disposición para todas as aclaracións, explicacións e/ou comentarios que aqueles poidan requirir.

5. O informe redactado pola xunta de censores entregarase á Xunta de Goberno, que o remitirá a todos os colexiados xunto coa convocatoria da Asemblea Xeral en que vaia ser aprobado o balance económico do exercicio anterior.

6. A xunta de censores poderá solicitar o asesoramento dun auditor externo para a boa realización das funcións encomendadas, cando así o considere oportuno a Asemblea Xeral.

Artigo 38. Liquidación de bens

A disolución do COETAAC só poderá darse por acordo da Asemblea Xeral, tal e como se establece nos artigos 63 e 64.

TITULO IV
Do réxime electoral

Artigo 39. Disposición xeral

A elección dos membros da Xunta de Goberno do COETAAC farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto é indelegable e poderá exercerse persoalmente ou por correo.

Artigo 40. Electores e elixibles

1. Para os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro, vicetesoureiro, vogais e delegado/s serán electores todos os colexiados de número que figuren como tales no censo electoral do COETAAC. No caso do/s delegado/s, o corpo electoral circunscríbese, nas mesmas condicións, ao seu ámbito territorial.

2. Non poderán ser electores e excluiranse do censo:

a) Os que, en virtude de expediente sancionador, estivesen suspendidos no exercicio profesional ou fosen privados ou inhabilitados para o desempeño de cargos directivos, mentres dure a suspensión, privación ou inhabilitación.

b) Os que, ao ser aprobado o censo electoral definitivo, non encontrasen ao día das cotas e/ou doutras obrigas económicas que o COETAAC teña dereito a percibir, sen que para iso sexa necesario que lles fosen reclamadas as cantidades debidas.

3. Serán elixibles os colexiados que teñan a condición de electores e reúnan, ademais, os seguintes requisitos:

a) Para o cargo de presidente, que leven, cando menos, cinco anos de colexiación.

b) Para secretario, tesoureiro e delegado, os que leven, cando menos, tres anos de colexiación.

c) Para os demais cargos, os que leven, cando menos, un ano de colexiación.

d) En todos os casos, deberá tratarse de profesionais en activo, no exercicio da profesión, e deberán de estar ao día das súas obrigas colexiais.

4. Será incompatible o exercicio de calquera cargo electo na Xunta de Goberno do Colexio coa condición de persoal ao servizo deste por calquera concepto.

Artigo 41. Proceso electoral

1. Antes da finalización do mandato do/s cargo/s a elixir, ou ben por unha convocatoria de eleccións realizada extraordinariamente polo presidente, como pode ser tras a aprobación de novos estatutos, ou calquera outro acto que implique un cambio extraordinario na organización colexial, publicaranse as vacantes, polo menos cun mes de antelación á celebración da Asemblea Xeral, para coñecemento dos colexiados (normalmente será na Asemblea Xeral do segundo semestre do ano), e darase un prazo mínimo de quince días hábiles para a presentación de candidatos para cubrir as citadas vacantes, ante a Xunta de Goberno, en funcións, ou a xunta electoral creada para o efecto.

A publicación de vacantes farase nos taboleiros de anuncios das sedes colexiais, por carta a todos os colexiados en pleno desfrute dos seus dereitos colexiais, e mediante anuncio na web colexial.

2. Unha vez publicadas as vacantes, os cargos saíntes quedarán en funcións, ata a toma de posesión dos novos cargos electos, e durante este tempo non se poderán adoptar máis acordos que os de trámite. Se a renovación de cargos se produce de modo total e os membros saíntes se presentan á reelección, aínda que sexa para cargo distinto ao desempeñado, crearase unha xunta electoral, presidida por un do/s delegado/s do COETAAC, que será o encargado de impulsar o resto do proceso, e da cal poderán formar parte aqueles membros saíntes que non se presenten á reelección.

3. As candidaturas poderán ser individuais para cada unha das vacantes ou en equipo para o total dos postos, pero con expresión da asignación de cargos. E deberán ir avaladas por un mínimo de 5 colexiados que deben cumprir, como mínimo, os requisitos para poder ser electores.

4. Pasado o prazo previsto e dentro dun prazo inferior a dez días, a Xunta de Goberno/electoral publicará, para coñecemento dos colexiados/as, as candidaturas admitidas que cumpran os requisitos estatutarios e rozará a exclusión das rexeitadas. Esta publicación farase nos taboleiros de anuncios das sedes colexiais e na páxina web do COETAAC.

5. A convocatoria de eleccións farase por escrito a todos e cada un dos colexiados, como mínimo, con dez días hábiles de prazo. Ademais, insertaranse, como no caso da declaración de vacantes, anuncios nos taboleiros das sedes e na páxina web do COETAAC.

6. Desde a publicación dos anuncios e a convocatoria de eleccións, os colexiados poderán exercer o seu dereito de voto por escrito, de forma fidedigna, mediante sobre normalizado para o efecto e dirixido ao presidente da mesa electoral, en cuxo interior irá unha fotocopia (asinada) do DNI do votante e outro sobre en branco, normalizado e cerrado, que conteña a papeleta de votación.

7. Os que voten de xeito presencial depositarán o seu voto ante a mesa electoral, constituída para o efecto, no seo da Asemblea Xeral. Todas as papeletas, as remitidas por correo e as depositadas no acto das eleccións polos presentes, serán depositadas nunha urna precintada.

8. Non serán válidas nada máis que as papeletas normalizadas das candidaturas debidamente admitidas e publicadas, que non teñan emendas nin riscaduras, e debidamente emitidas conforme o disposto nos parágrafos anteriores.

9. A mesa electoral constituída contabilizará todos os votos depositados na urna, tanto os recibidos por correo como os depositados persoalmente, e computaranse só os válidos, considerándose como votos nulos os emitidos con irregularidades a xuízo da mesa.

10. Se hai empate entre varias candidaturas, procederase a unha segunda votación entre os presentes e, se persistise, decidirán o resultado votacións sucesivas.

11. Será o presidente da mesa electoral o designado pola asemblea e actuarán como secretarios escrutadores os dous colexiados de máis recente colexiación presentes no acto; actuará como secretario o da asemblea para a recollida e redacción das actas.

12. Do resultado da votación redactarase acta, que será asinada polo presidente da mesa electoral e polos secretarios escrutadores e, acto seguido, a acta do proceso electoral será lida á Asemblea Xeral constituída. Contra ese resultado poderase interpor recurso de alzada ante o CGCOITA se existe, ou ante o CGCOITAE, no prazo de 30 días. Transcorrido o prazo para a interposición do recurso sen impugnación, constituirase a nova Xunta de Goberno.

13. Os membros saíntes da Xunta de Goberno quedan á disposición dos elixidos para a súa instrución e asesoramento, agás se da nova Xunta de Goberno forman parte colexiados que xa foron cargos da Xunta de Goberno en anteriores ocasións.

Artigo 42. Xunta electoral

1. A xunta electoral será elixida por sorteo, de entre todos os colexiados, pola Asemblea Xeral cada catro anos. Esta elección será punto expreso da orde do día e consideraranse incompatibles para a citada elección os membros da Xunta de Goberno. Estará composta de tres membros titulares e seis suplentes.

2. Os membros da xunta electoral serán convocados polo presidente por carta certificada, fax ou telegrama, para a realización do acto de constitución. Reunida a xunta electoral no lugar, data e hora fixados, redactarase acta de constitución, así como da aceptación e toma de posesión dos cargos, que será inmediata. Os tres colexiados que formen a xunta electoral elixirán de entre eles, e por eles mesmos, os cargos de presidente, secretario e vogais da xunta electoral.

3. Coa acta de constitución e o censo, abrirase o expediente electoral, ao cal se irán engadindo as actas de cada reunión da xunta electoral. O expediente electoral estará baixo a custodia do secretario da xunta electoral, quen o conservará ata tres meses despois de realizadas as eleccións, de non producirse ningún recurso e, se é o caso, ata a resolución firme dos recursos que se producisen.

4. Non poderán formar parte da Xunta electoral os que presenten a súa candidatura a calquera dos cargos sometidos a elección. Procederase, nese caso, á súa substitución polo primeiro suplente, no momento en que fose presentada a candidatura.

5. A xunta electoral reunirase todas as veces que se considere conveniente a xuízo do seu presidente, ou de dous dos seus membros. En todo caso, as sesións serán convocadas polo seu presidente por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Substituirá o secretario o presidente, no exercicio desta e doutras competencias, cando este non poida actuar por causa xustificada. A asistencia ás reunións é obrigatoria para os membros da Xunta debidamente convocados; incorrerán estes en responsabilidade se deixan de asistir sen escusarse e xustificarse oportunamente con anterioridade. O lugar de reunión será a sede do COETAAC.

6. A xunta electoral quedará validamente constituída coa asistencia de, polo menos, dous dos seus compoñentes, se un deles son o presidente ou o secretario. A asistencia non se poderá delegar. Os acordos tomaranse por maioría dos presentes, con voto de calidade do presidente. De toda reunión o secretario da xunta electoral redactará a correspondente acta, que se aprobará ao final de cada reunión e asinarán todos os asistentes.

7. A Xunta de Goberno asesorará a xunta electoral en todo o que esta lle requira e facilitaralle todos os medios materiais, de oficina, secretaría, etc., que precise.

8. Os membros da xunta electoral desempeñarán o seu labor gratuitamente, pero serán resarcidos polo COETAAC de todos os gastos que o seu nomeamento e o exercicio do cargo lles causen.

9. A xunta electoral poderá dispor o uso das dependencias colexiais para actos electorais, logo de petición das candidaturas aceptadas.

Artigo 43. Fins e funcións da xunta electoral

Ademais das competencias mencionadas, correspóndelle á xunta electoral:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do respecto ao principio de igualdade, observando e facendo observar a presente normativa.

b) Resolver as queixas, reclamacións e recursos que se presenten de acordo coa presente norma.

c) Denunciar ante a Xunta de Goberno as actuacións que ao seu xuízo merezan corrección disciplinaria.

Artigo 44. Censo electoral

1. As listas electorais ou censo deberán ser supervisadas pola Xunta de Goberno e serán expostas no taboleiro de anuncios das oficinas do Colexio desde o mesmo día da publicación das vacantes.

2. A xunta electoral recibirá o censo electoral o mesmo día da súa constitución e estará ao seu cargo desde entón.

3. Contra a inclusión ou exclusión no censo electoral, os colexiados, sexan ou non electores, poderán presentar as reclamacións que consideren oportunas, nos prazos que se fixen no calendario electoral. Estas reclamacións serán resoltas pola xunta electoral dentro do terceiro día hábil seguinte ao da súa presentación.

4. A Xunta de Goberno deberá facilitar inmediata e constantemente todos aqueles datos que precise a xunta electoral.

5. Resoltas as reclamacións ao censo, a xunta electoral confeccionará o censo electoral definitivo sobre a base do entregado pola Xunta de Goberno. Un exemplar deste, en formato etiqueta, será enviado a todas as candidaturas aceptadas, cun mínimo de dez días de antelación á celebración da Asemblea Xeral.

Artigo 45. Candidaturas

1. Os que, tras reuniren a calidade de elixibles, aspiren a ser proclamados candidatos, presentarán a súa candidatura no rexistro do COETAAC ou por carta certificada dirixida á xunta electoral, dentro do prazo sinalado no calendario electoral.

2. As candidaturas presentaranse en equipo e levarán, polo menos, o nome dos candidatos e os cargos a que se presentan, e deberán ser avaladas coa sinatura de cinco colexiados, como mínimo. Cada aspirante só poderá ser candidato a un único cargo.

3. Serán nulas as candidaturas que non reúnan os requisitos desta normativa.

4. A xunta electoral solicitará aos candidatos as aclaracións que considere precisas e proclamará as candidaturas aceptadas no prazo fixado no calendario electoral. O citado prazo non poderá exceder os dez días.

5. Contra a aceptación ou o rexeitamento de candidaturas poderase interpor recurso ante a xunta electoral no prazo sinalado no calendario, que deberá ser resolto dentro do terceiro día hábil seguinte ao da presentación do recurso.

Artigo 46. Mesa electoral

1. A mesa electoral constituirase, segundo o disposto no artigo 41.11, o mesmo día da realización de eleccións e antes de comezar a votación, de todo o cal se redactará a acta correspondente.

2. As candidaturas poderán nomear un interventor, que sexa elector non candidato, para os únicos efectos de asistir á votación e reconto de votos. O nomeamento deberá facerse por escrito, asinado pola candidatura e coa aceptación do interventor, antes do comezo das votacións e entregarse á mesa electoral.

3. No caso de presentarse unha única candidatura, validamente constituída, igualmente se realizará a votación e será necesaria a constitución da mesa electoral.

Artigo 47. Votación

1. O dereito a votar acreditarase pola constancia do votante no censo electoral e para demostración da súa identidade.

2. Nas dependencias onde se realice a votación estarán expostas as candidaturas proclamadas, así como papeletas e sobres en cantidade suficiente.

3. As papeletas e os sobres que teñen que contelas deberán ser iguais. Haberá tantas clases de papeletas como candidaturas se presenten á elección.

4. Nas papeletas faranse constar os cargos que se votan e o nome, os apelidos e o número de colexiado dos candidatos.

5. O voto poderá emitirse por correo, para franquear en destino e de forma individual. Para a súa validez, deberá ser recibido no sitio determinado no calendario electoral ata o día anterior ao sinalado para a votación.

6. A xunta electoral enviará con tempo suficiente a cada un dos electores as normas para o voto por correo, as candidaturas presentadas e as papeletas e sobres suficientes para que o que non poida votar en persoa poida facelo por correo.

7. O voto por correo deberá cumprir o seguinte:

a) Os sobres que conteñan as candidaturas correspondentes introduciranse no sobre que se envíe por correo, que poderá ser de calquera formato.

b) O sobre de correos conterá, ademais do sobre coa candidatura elixida, a fotocopia asinada do DNI do elector.

8. O día de celebración da asemblea de eleccións non se poderá realizar ningún acto de propaganda electoral.

Artigo 48. Escrutinio

1. Á hora sinalada para a finalización das eleccións, o presidente da mesa anunciará que vai concluír a votación e non se permitirá a entrada ao local a ningunha persoa máis, e votarán os presentes que non o fixesen aínda. Seguidamente, introduciranse na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto emitidas por correo, tras comprobar os datos do DNI no censo. Por último, votarán os membros da mesa e os interventores.

2. O presidente lerá os votos extraendo un a un os sobres da urna, abríndoos e lendo en voz alta o nome da candidatura votada, e porao de manifesto ao resto da mesa e aos interventores.

3. Serán nulas as papeletas:

a) Que conteñan emendas, eliminacións, notas ou comentarios.

b) Que non se correspondan coas facilitadas polo Colexio.

c) Se nun mesmo sobre hai máis dunha papeleta, todas elas serán nulas, salvo que sexan iguais, caso en que se contabilizarán como unha soa.

d) O voto por correo que non reúna os requisitos establecidos ou que, ao comprobar o censo, resulte que o remitente xa votou de xeito presencial.

e) O voto por correo recibido por conduto diferente ao establecido.

4. Feito o reconto de votos, preguntará o presidente se hai algunha reclamación que facer sobre o escrutinio e resolverá a mesa electoral por maioría.

5. Por último, o presidente anunciará publicamente o resultado, especificando o número de votantes, o de papeletas lidas, o de papeletas válidas e o de papeletas en branco, o de papeletas nulas e o número de votos obtidos por cada candidatura. Será proclamada a candidatura que máis votos obteña; en caso de empate terá lugar unha segunda volta electoral entre as candidaturas empatadas. Dos resultados estenderase certificación aos interventores e candidaturas que o soliciten.

6. As papeletas, en presenza dos asistentes, serán destruídas, coa excepción das declaradas nulas ou as que fosen obxecto dalgunha reclamación, que se unirán á acta correspondente asinada por todos os compoñentes da mesa e interventores e, a continuación, engadiranse ao expediente electoral. Tamén se unirán á acta as fotocopias dos DNI asinadas que acompañaban aos votos por correo.

Artigo 49. Recursos

Contra a denegación dos recursos, escritos ou reclamacións presentadas á mesa electoral poderá interporse recurso de alzada ante o CGCOITA ou o CGCOITAE, de non estar constituído o primeiro e, unha vez esgotada a vía administrativa colexial, quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

TÍTULO V
Contratación de persoal e servizos

Artigo 50. Contratación de servizos

1. O COETAAC contará cunha asesoría xurídica.

2. A asesoría xurídica coidará da adecuación a dereito das resolucións, expedientes e actuacións, en xeral, dos órganos de goberno e, con tal finalidade, emitirá os informes ou ditames que lle sexan requiridos.

3. O Colexio poderá contar cunha asesoría fiscal e económica, que se ocupará de vixiar a adecuación dos libros e documentos contables ás formalidades legais e do cumprimento das obrigas fiscais e tributarias dentro dos seus respectivos prazos e formalismos.

4. O Colexio tamén poderá contratar outros servizos (asesoría laboral, informática, etc.) e outras para cuestións concretas, sempre que dispoña da partida orzamentaria específica.

5. O presidente poderá ter un máximo de tres conselleiros, en concepto de asesores persoais/profesionais da enxeñaría técnica agrícola, de recoñecido prestixio ou que pertencesen a algunha xunta de goberno, ou outros profesionais que prestasen servizos ao Colexio durante máis de cinco anos, os cales poderán asistir ás xuntas de goberno, sen dereito a voto, así como ás asembleas xerais, pero con capacidade de emitir informe nos asuntos que lles sexan encomendados. Tamén poderán asistir ás reunións ou congresos convocados polo CGCOITAE ou outro órgano colexial, sempre que se trate de asuntos referentes á súa especialidade ou á materia relacionada co servizo prestado ao Colexio, ou que o presidente considere oportuno a súa presenza neles.

Artigo 51. Contratación de persoal administrativo e laboral

1. O Colexio poderá contratar o persoal administrativo e laboral que coide necesario para o seu correcto funcionamento e para o cumprimento dos seus fins, incluído un xerente ou secretario técnico.

2. A ampliación do equipo de persoal requirirá a consolidación dunha asignación orzamentaria que deberá ser aprobada pola Asemblea Xeral.

3. A Xunta de Goberno é competente para a contratación de carácter eventual, por duración non superior a un ano, de todo tipo de persoal e de servizos, de acordo cos orzamentos económicos aprobados pola Asemblea Xeral para a anualidade correspondente.

Artigo 52. Dependencia funcional e orgánica do persoal contratado

O persoal contratado polo Colexio depende organicamente do presidente e, funcionalmente, do secretario. A dependencia do persoal técnico (técnicos de apoio ou secretario técnico), se os houber, será tamén funcional do presidente e da Xunta de Goberno.

TÍTULO VI
Do réxime disciplinario

Artigo 53. Réxime disciplinario

1. O COETAAC sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culpable dos presentes estatutos, normativa ou dos acordos tomados pola Asemblea Xeral ou pola Xunta de Goberno.

2. Cando se trate de membros da Xunta de Goberno, a competencia corresponderalle ao CGCOITA, ou ao CGCOITAE, de non estar constituído o primeiro.

Artigo 54. Faltas

1. As faltas polas que se poderán decretar sancións disciplinarias aos colexiados que as cometan cualifícanse como leves, graves e moi graves.

2. Considerarase como falta leve toda infracción dos preceptos contidos nestes estatutos e noutras normativas e acordos, salvo as dispostas nas liñas seguintes, que se considerarán faltas graves:

a) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras que a gobernan.

b) O incumprimento reiterado durante un ano ou máis, no pagamento das cotas colexiais.

c) A reincidencia en incorreccións que reiteradamente faga desmerecer o concepto público do colexiado para o exercicio da profesión.

e) A comisión reiterada de infraccións leves.

f) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou a honra dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que desempeñan cargos no COETAAC cando actúen no exercicio das súas funcións.

g) O encubrimento do intrusismo profesional ou a colaboración no exercicio de actividades propias da profesión de enxeñeiro técnico agrícola con quen non reúna a debida aptitude para iso.

h) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais do enxeñeiro técnico agrícola determinados na normativa deontolóxica vixente.

i) A realización de traballos profesionais con omisión do preceptivo visado colexial, nos casos en que legal ou regulamentariamente así sexa exixible.

j) O falseamento ou a inexactitude grave da documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o Colexio deba coñecer para exercer as funcións de control profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

k) A realización de traballos ou intervencións profesionais que pola súa índole atenten contra o prestixio profesional, ou cuxa execución non cumpra as normas establecidas polas leis ou polo COETAAC.

3. Merecerán a cualificación de faltas moi graves as infraccións reputadas como graves en que concorra algunha das seguintes circunstancias: intencionalidade, neglixencia profesional inescusable, desobediencia reiterada dos acordos colexiais, dano ou prexuízo grave ao cliente ou terceiros, obtención de lucro ilexítimo mercé á actuación ilícita, atoparse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando exista utilización desta condición, así como ter sido sancionado con anterioridade, por resolución colexial firme non cancelada, a causa de infracción grave.

Artigo 55. Sancións

As sancións que poderán imporse serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión privada.

d) Reprensión pública.

e) Inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos.

f) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

g) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período entre dous anos e un día e catro anos.

h) Expulsión do Colexio.

As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves, as tres seguintes ás faltas graves, e as dúas últimas ás moi graves.

As sancións incluídas nos puntos e), f), g) e h) suporán a accesoria suspensión dos dereitos colexiais polo tempo da súa duración, así como o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

Poderá imporse outro tipo de sancións como, por exemplo, a exclusión por períodos de tempo de determinadas listas de actuacións, cando así sexa suxerido polos órganos xurisdicionais e se encontre que existen motivos fundados para iso.

Artigo 56. Prescricións

1. As infraccións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As que constitúan faltas leves prescribirán aos seis meses.

b) As que estean tipificadas como faltas graves, aos dous anos.

c) As que estean tipificadas como faltas moi graves, aos tres anos.

2. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As leves aos seis meses.

b) As graves aos dous anos.

c) As moi graves aos tres anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións contaranse desde o momento da comisión da infracción e os das sancións desde a súa firmeza. A prescrición das infraccións interromperase por calquera acto colexial expreso e manifesto dirixido a investigar a presunta infracción. Así mesmo, a realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o seu prazo de prescrición.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións leves cancelaranse ao ano, as graves aos tres anos e as moi graves aos cinco anos.

Artigo 57. Procedemento sancionador

1. As faltas leves sancionaraas a Xunta de Goberno e, no seu nome, o presidente do COETAAC, sen necesidade de expediente previo e tras a audiencia ou descarga do inculpado.

2. Para a imposición de sancións por falta grave incoarase previamente o oportuno expediente. Este acordo compete á Xunta de Goberno, que o adoptará por propia iniciativa, por petición razoada do presidente ou por denuncia. Para a instrución, designarase unha comisión de disciplina, constituída por tres colexiados, un deles elixido pola Xunta de Goberno de entre os seus membros, outro elixido polo colexiado obxecto de procedemento e outro elixido por sorteo entre todos os colexiados, excepto os que pertenzan á Xunta de Goberno.

3. No suposto de que sexa un dos membros da Xunta de Goberno quen sexa expedientado, a competencia corresponderalle ao CGCOITA, ou ao CGCOITAE, mentres non estea constituído o primeiro.

4. No expediente que se instrúa oirase o afectado, quen poderá facer alegacións e presentar, ao mesmo tempo, todas aquelas probas que considere convenientes na súa defensa.

5. Serán aceptados todos os medios de proba admisibles en dereito e corresponderá aos instrutores que integran a comisión de disciplina a práctica das que, sendo propostas, coiden oportunas ou as que eles mesmos poidan acordar. Das audiencias e probas practicadas deberá existir constancia escrita no expediente.

6. Concluída a instrución do expediente disciplinario, a comisión de disciplina elevarao, coa correspondente proposta de resolución, á Xunta de Goberno, ante a cal se lle concederá ao expedientado un novo trámite de audiencia, para que poida alegar canto coide oportuno ou conveniente en dereito. Os instrutores non poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisións da Xunta de Goberno.

7. Este procedemento disciplinario poderá ser desenvolvido de conformidade co disposto nestes estatutos, e será de aplicación supletoria en todo aquilo non previsto neste título VI dos estatutos, e en canto non se opoña á devandita regulación, o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993.

Artigo 58. Recursos contra sancións

Contra as sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola Xunta de Goberno poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o CGCOITA, ou o CGCOITAE, en canto non estea constituído o primeiro. Contra a resolución expresa ou por silencio administrativo deste caberá o correspondente recurso contencioso-administrativo, segundo a vixente lei xurisdicional.

TÍTULO VII
Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 59. Réxime xurídico dos actos colexiais

1. Os acordos e as normas colexiais serán publicados mediante a súa inserción no boletín do COETAAC, se o houber, así como co envío do escrito de notificación ou da acta correspondente aos colexiados, de xeito que poidan ser coñecidos por todos eles, e sempre nos taboleiros de anuncios do COETAAC durante o prazo dun mes.

2. Así mesmo, a Xunta de Goberno deberá notificar aqueles actos que afecten dereitos e intereses dos destinatarios dos citados acordos.

3. Os actos emanados dos órganos do COETAAC, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán inmediatamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co que dispoña a lexislación estatal que regula as bases de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse, en todo caso, como funcións públicas do COETAAC o control das condicións de ingreso na profesión, a redacción de informes preceptivos, o visado de traballos profesionais e a potestade disciplinaria.

4. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas y do procedemento administrativo común, aplicarase, así mesmo, de forma supletoria en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e polos presentes estatutos.

Artigo 60. Tipos de recursos

1. Contra os acordos emanados dos órganos, das comisións ou asimilados do COETAAC poderase interpor recurso de alzada ante a Xunta de Goberno no prazo dun mes a partir da súa comunicación. O recurso deberá ser resolto no prazo de tres meses; transcorrido este prazo, entenderase desestimado e quedará aberta a vía procedente.

2. Contra as decisións ou resolucións dos órganos de goberno do COETAAC poderase interpor recurso de alzada ante o CGCOITA, ou o CGCOITAE mentres non estea constituído o primeiro, no prazo dun mes.

3. Se se trata de actos suxeitos ao dereito administrativo, o colexiado poderá elixir entre interpor o recurso de reposición a que se refiren os puntos anteriores ou ben recorrer directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses.

Artigo 61. Nulidade dos actos dos órganos colexiais

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e das liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por un órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total ou absolutamente do procedemento legal establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiren facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que estableza expresamente algunha disposición de rango legal.

2. Tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións colexiais que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de carácter xeral, as que regulen materias reservadas á lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais.

3. Son anulables os actos que incorren en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 62. Suspensión dos actos dos órganos colexiais

1. Sen prexuízo das atribucións que a lexislación lles outorga aos órganos xudiciais en materia de suspensión de actos das corporacións profesionais, sexa ou non por petición de calquera colexiado, están obrigados a suspender os actos propios ou de órgano inferior que consideren nulos de pleno dereito:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente.

2. Os acordos de suspensión deberán adoptalos a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno e/ou presidente no prazo de cinco días, que se contarán desde a data en que tivesen coñecemento dos actos considerados nulos, sempre que previamente se iniciase un procedemento de revisión de oficio ou se interpuxese recurso e concorran as circunstancias previstas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a nulidade destes actos.

TÍTULO VIII
Disolución e liquidación do Colexio

Artigo 63. Disolución

O Colexio disolverase por acordo da Asemblea Xeral, co voto favorable da totalidade dos asistentes e representados, que deberán representar, polo menos, o 55 % do total de colexiados.

Artigo 64. Liquidación do Colexio

Os bens de que dispoña o Colexio no momento da súa disolución serán destinados, despois de facerse efectivas todas as débedas pendentes de pagamento e todas as cargas que pesen sobre o Colexio, a unha institución de carácter benéfico designada pola Asemblea Xeral e radicada no ámbito territorial do Colexio. A Asemblea designará unha comisión que se ocupará da disolución e liquidación do Colexio.

Disposición adicional única

Por proposta da Xunta de Goberno do Colexio da Coruña, Pontevedra e Ourense, formulada tras recibirse solicitude previa da delegación en Ourense en que se acredite a adopción dun acordo en tal sentido por parte do seu pleno provincial, poderase adoptar por parte da Asemblea Xeral do COETAAC o acordo de segregación da devandita delegación para constituír un novo colexio profesional de ámbito territorial provincial. Os referidos acordos de pleno provincial e Asemblea Xeral do Colexio deberán ser adoptados por maioría absoluta, nos termos regulados no artigo 20.8.b).

Unha vez producida a segregación, o COETAAC terá como ámbito territorial o das provincias da Coruña e Pontevedra.

Disposición transitoria única

Mentres non se aprobe a nova lexislación estatal sobre servizos e colexios profesionais, continuará a obriga xeral de colexiarse para os profesionais que se establece no artigo 1 dos presentes estatutos.