Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 28 de abril de 2016 Páx. 15724

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 13 de abril de 2016 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Vigo-Sida e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Vigo-Sida, adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Alberto José Rivera Gallego, presidente do Padroado da Fundación Vigo-Sida, presentou o 8.4.2016 a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da dita entidade, adoptado polo seu padroado o 10.11.2015.

Segundo. A devandita fundación foi constituída en escritura pública co número de protocolo 2.583, outorgada en Vigo ante o notario José Luís Lorenzo Areán o 17.10.1996, clasificada como de interese sanitario pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xuño de 1997 (DOG núm. 112, do 12 de xuño) e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais do 24 de xullo de 1997 (DOG núm. 162, do 25 de agosto). A Fundación, na actualidade, está adscrita ao protectorado da Consellería de Sanidade e figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1996/23.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos estatutos, os fins que rexerán a súa actuación serán de carácter científico e sanitario, concretándose en promover a investigación e o tratamento de, preferentemente, enfermidades infecciosas e outras na área de influencia hospitalaria asignada oficialmente ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, poñendo ao alcance dos investigadores os medios da Fundación e co obxectivo de alcanzar unha investigación de alta calidade.

Cuarto. Xunto coa solicitude preséntase a seguinte documentación:

a) Certificado do 10.11.2015 da secretaria, co visto e prace do presidente, no cal consta o acordo de extinción da fundación, adoptado co quórum requirido pola normativa de aplicación na reunión do padroado realizada o mesmo día.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción por imposibilidade material de realizar o fin fundacional.

c) Documentación contable correspondente ao exercicio pechado o 10.11.2015, que comprende balance, conta de resultados e memoria de actividades.

d) Proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais:

Primeira. A Consellería de Sanidade exerce o protectorado sobre a Fundación Vigo-Sida de conformidade co disposto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Sanidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación, nos termos previstos no artigo 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e na demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Vigo-Sida, adoptado polo padroado con base na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 15.6.2009; DOG núm. 119, do 19 de xuño)
Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade