Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 28 de abril de 2016 Páx. 15696

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 8 de abril de 2016 pola que se convoca a concesión de subvencións para as persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivenda, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

BDNS (Identif.): 304570

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas físicas:

a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.

c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.

d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

2. En todo caso, será requisito necesario que as persoas beneficiarias estean acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012 e, ademais:

a) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conten coa escritura pública de compravenda ou adxudicación inscrita no Rexistro da Propiedade, onde conste, separadamente, o prezo da vivenda e de cada un dos anexos, se os tiver.

b) Cando se trate de persoa promotora individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa resolución de cualificación definitiva da vivenda.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2016, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas polo Decreto 402/2009, do 22 de outubro (DOG núm. 217, do 5 de novembro), no cal se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Cuarto. Importe

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.780.1 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para o ano 2016, por importe de 493.900 euros.

2. Ás persoas beneficiarias con dereito a protección preferente, de acordo co establecido no artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, excepto no suposto previsto na súa letra l), correspóndelles unha axuda de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos nese artigo, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros.

3. Ás persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) nas cales concorra a circunstancia sinalada na letra l) do citado artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, relativo ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade corresponderalles, como subvención, o 25 % do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros. Estes colectivos non se poderán acoller ás axudas previstas no número 1 deste artigo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda