Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 28 de abril de 2016 Páx. 15728

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016 pola que se anuncian os actos en conmemoración do Día das Letras Galegas.

En execución do seu plan de actividades para o ano 2016, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) anuncia a celebración dos actos en conmemoración do Día das Letras Galegas conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas de 2016 ao poeta lucense Manuel María Fernández Teixeiro (1929-2004). A EGAP, como institución pública galega, súmase á homenaxe deste galego insigne organizando un acto literario, así como unha viaxe de interese cultural.

2. Destinatarios.

No acto literario poderá participar o persoal das administracións públicas e calquera outra persoa interesada. Á viaxe cultural terá acceso só o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia (ata 50 prazas). No caso de presentárense máis solicitudes que prazas, terá preferencia o persoal da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. O día 13 de maio, ás 12.00 horas, no salón de actos da EGAP, terá lugar un acto literario no que intervirán a novelista Marina Mayoral Díaz (Mondoñedo, Lugo) e o escritor Xosé Carlos Caneiro (Verín, Ourense).

3.2. Concurso infantil de poesía dirixido aos fillos e fillas dos empregados do sector público autonómico e das institucións de Galicia, con idades entre os 8 e 14 anos, publicado no DOG núm. 72, do 15 de abril de 2016.

3.3. O día 17 de maio terá lugar unha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor homenaxeado. O programa e o percorrido poderanse consultar na páxina web da EGAP.

4. Inscrición.

As persoas interesadas en participar no acto literario deberán formalizar a súa inscrición, a través da área de matrícula, da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/. O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata as 23.00 horas do día 11 de maio 2016.

Unha vez formalizada a inscrición a que se refire o punto anterior, as persoas interesadas en participar na viaxe cultural deberán, ademais, enviar un correo electrónico a novas.egap@.xunta.es, no que indiquen o seu nome, apelidos e datos de contacto, así como o seu vínculo de pertenza a calquera das administracións públicas de Galicia.

A inscrición na viaxe implica a obrigatoriedade de asistir ao acto literario. Para a selección da viaxe cultural terase en conta a data e a hora de recepción do correo electrónico.

5. Información sobre a selección

A listaxe de persoas seleccionadas poderase consultar na páxina web de EGAP, así como nos teléfonos 881 99 72 51/981 54 62 41/981 54 62 39 do Servizo de Estudos, Investigación e Publicación da escola, que atenderán calquera outra petición de información.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública