Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 16017

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2016 pola que se encomenda a Tragsa a execución da fase II do Animalario de Investigación en Lugo.

Juan Viaño Rey, reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, e os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro,

EXPÓN:

Primeiro. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece no seu artigo 3.1.c) que, para os efectos da citada lei, as universidades públicas forman parte do sector público, e no seu artigo 3.2.c) que as universidades públicas teñen a consideración de administracións públicas e, polo tanto, son poderes adxudicadores.

Segundo. O réxime xurídico de Tragsa e as súas filiais está regulado pola disposición adicional vixésimo quinta (D.A. 25ª) do TRLCSP e polo Real decreto 371/1999, do 5 de marzo, polo que se regula o réxime da Empresa de Transformación Agraria, Sociedad Anónima.

De acordo co punto segundo da citada D.A. 25ª, Tragsa e as súas filiais teñen a consideración de medios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos poderes adxudicadores dependentes delas.

Terceiro. O artigo 24.6 do TRLCSP prevé que as relacións entre Tragsa e os poderes adxudicadores dos cales é medio propio instrumental se regulen mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Conforme o anteriormente exposto, a USC acorda encomendar a Tragsa a execución, no campus de Lugo, da fase II do mantemento de infraestruturas: reacondicionamento da instalación de climatización do Animalario de Investigación, de acordo coas seguintes

Condicións:

Primeira. Obxecto da encomenda

O obxecto da presente encomenda de xestión é a execución, no campus de Lugo, da fase II dos traballos de mantemento de infraestruturas: reacondicionamento da instalación de climatización do Animalario de Investigación, cun orzamento de execución descrito na relación valorada que se achega como anexo, calculado conforme as tarifas oficiais vixentes de Tragsa, publicadas no BOE núm. 183, do 1 de agosto de 2015, e que acada a cantidade de trescentos cuarenta e dous mil douscentos vinte e un euros con trinta céntimos (342.221,30€).

Con motivo da entrada en vigor da Lei 28/2014, do 27 de novembro, Tragsa non está supeditada ao imposto sobre o valor engadido (IVE) por esta prestación de servizo.

Esta encomenda realízase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para levalas a cabo por si mesma.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver

Os traballos deberán executarse tal e como se definen no proxecto básico e de execución do mantemento de infraestruturas citado na cláusula anterior, realizado pola empresa Obradoiro Enxeñeiros e seguindo as ordes e instrucións da dirección facultativa.

Terceira. Partida orzamentaria e distribución por anualidades

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8033 7G01 64100.

Este expediente está financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela para o Plan de actuación 2015-2016 do Campus Terra.

Cuarta. Aboamento dos traballos

O aboamento dos traballos realizarase mediante certificacións mensuais emitidas polo director facultativo e as correspondentes facturas emitidas pola empresa.

Quinta. Inicio das actuacións e duración de encomenda

O prazo de execución será dun mes e medio, que se contará desde a data da comprobación da implantación.

Sexta. Natureza da encomenda

A presente encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1 n), e rexerase polas súas propias normas. Aplicaranse os principios do TRLCSP para resolver as dúbidas que se poidan suscitar.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016

Juan Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela