Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 2 de maio de 2016 Páx. 16080

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá publicidade á parte dispositiva da Sentenza do 11 de novembro de 2015 (data rectificada polo Auto do 15 de decembro de 2015 do Tribunal Supremo), ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Quinta do Tribunal Supremo.

Para xeral coñecemento, de conformidade co disposto nos artigos 72 e 104 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, faise público que a Sección Quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, con data do 11 de novembro de 2015, ditou sentenza no recurso de casación número 1758/2014 contra a sentenza pronunciada, con data 20 de febreiro de 2014, pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no procedemento ordinario 4486/2008, interposto polo procurador Ramón Rodríguez Nogueira en nome e representación de Promociones Rodovaz, S.L. e Playa de Teis, S.L. Esta sentenza, que devén firme, na súa parte dispositiva literalmente di:

«1°. Procede o recurso de casación número 1758/2014, interposto polas mercantís Promociones Rodovaz, S.L. e Playa de Teis, S.L., contra a Sentenza n° 00162/2014 ditada pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Admninistrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no vinte de febreiro de dous mil catorce, co cal queda agora anulada e sen efecto a referida sentenza.

2°. Estimamos o recurso contencioso-administrativo interposto por Promociones Rodovaz, S.L. e Playa de Teis, S.L., contra a Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 16 de maio de 2008, sobre aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo (Pontevedra ), que anulamos.

3°. Non facemos condena nas custas da instancia nin nas de casación.

4°. Publíquese a parte dispositiva desta sentenza no Diario Oficial de Galicia para os efectos previstos no artigo 72.2 da Lei xurisdicional 29/1998, do 13 de xullo».

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo