Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 11 de maio de 2016 Páx. 18079

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fan públicos o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, convocado pola Resolución do 17 de xuño de 2015.

A base 8.1.4 da Resolución deste centro directivo do 17 de xuño de 2015, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario sanitario, diplomado e de formación profesional, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e na data que se fixe nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, fisioterapeuta, logopeda, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en Anatomía Patolóxica e Citoloxía, técnico/a superior en Hixiene Bucodental, técnico/a superior en Imaxe para o Diagnóstico, técnico/a superior en Laboratorio de Diagnóstico Clínico, técnico/a superior en Radioterapia, técnico/a en Coidados Auxiliares de Enfermaría e técnico/a en Farmacia do Servizo Galego de Saúde, convocado por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 17 de xuño de 2015, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data e hora que para cada categoría se indican no anexo desta resolución.

Os exames realizaranse no Recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Cada aspirante deberá consultar, con carácter previo, a porta de acceso que lle corresponde.

Os/as aspirantes das distintas categorías que teñan autorizada polo órgano de selección unha adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios accederán ao recinto pola porta 0.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución de convocatoria realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, cambiando a súa orde de realización, de ser o caso.

No marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ingresadas no mesmo día do exame facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificasen e solicitasen no fax da Dirección Xeral de Recursos Humanos 881 54 28 18 ou a través do seguinte enderezo de correo electrónico: Recursos.Humanos@sergas.es, ata con 48 horas de antelación á data de celebración dos exercicios.

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderá utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil ou soportes con memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Data

Categoría

Hora

Sábado, 28 de maio de 2016

Logopeda

9.30

Técnico/a en Farmacia

9.30

Técnico/a superior en Radioterapia

9.30

Técnico/a en Coidados Auxiliares de Enfermaría

16.30

Domingo, 29 de maio de 2016

Fisioterapeuta

9.30

Técnico/a superior en Hixiene Bucodental

9.30

Técnico/a superior en Laboratorio de Diagnóstico Clínico

9.30

Enfermeiro/a especialista en Obstetricia e Xinecoloxía

16.00

Técnico/a superior en Anatomía Patolóxica e Citoloxía

16.00

Técnico/a superior en Imaxe para o Diagnóstico

16.00

Terapeuta ocupacional

16.00