Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 11 de maio de 2016 Páx. 18044

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para autorización dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia para a participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE).

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria regulou os cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) a través da Orde do 12 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na sección terceira da citada Orde do 12 de maio de 2011 disponse o procedemento de autorización dos centros para participar nese programa: solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación. Ademais, na disposición derradeira primeira autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2016/17 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE) nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Así mesmo, poderase completar en liña o formulario electrónico dispoñible na parte Linguas estranxeiras, programa CUALE (http://www.edu.xunta.es/programaseducativos). Unha vez completado este formulario, gravarán os datos na aplicación, o que xerará un documento en formato Adobe Acrobat que a persoa representante deberá imprimir, asinar e enviar á xefatura territorial correspondente.

2. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro deberá dirixirse á xefatura territorial correspondente antes do 10 de xuño de 2016. A xefatura territorial trasladará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, antes do 30 de xuño de 2016, a documentación recibida, acompañada do informe do servizo provincial de Inspección Educativa, no cal se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o día 10 de xuño de 2016.

Artigo 3. Documentación

Coa solicitude de participación no programa CUALE (anexo I, modelo normalizado ED530A) deberá achegarse a documentación que se relaciona a seguir:

1. Certificación da aprobación da solicitude por parte do consello escolar.

2. Título de funcionario ou funcionaria de carreira e acreditación de destino definitivo no centro do profesorado que impartirá a docencia.

3. Certificación da dirección do centro do número de alumnos e alumnas preinscritos en cada modalidade do programa.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta resolución, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es

Artigo 6. Avaliación e certificación

1. O profesorado responsable desta formación realizará as probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das devanditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no CUALE A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Artigo 7. Memoria

Os centros que estean a participar nas distintas modalidades establecidas nesta resolución deberanlle remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, antes do 30 de xuño, unha memoria final, que tamén se incluirá na memoria final de curso que o centro remite ao Servizo provincial de Inspección Educativa.

Artigo 8. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file