Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18190

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 26 de abril de 2016 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo.

Mediante a Orde do 18 de setembro de 2012 (DOG do 27 de setembro), fíxose pública a composición dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

A Lei 6/2013 no seu artigo 77.3 establece que a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

Con datas do 10 de marzo e 25 de abril de 2016 os consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela e Vigo comunican á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a designación dos seguintes membros: Nuria Pereira Martínez, como representante das organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da USC, no Consello Social de Universidade de Santiago de Compostela, e Yolanda López Fernández, como representante do Concello de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo.

De acordo co artigo 79.2 da Lei 6/2013, o mandato dos membros substitutos estenderase só polo tempo que reste para concluír o dos substituídos.

Xúntase declaración xurada de compatibilidade dos novos membros dos consellos sociais.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Nomear a Nuria Pereira Martínez, como representante das organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da USC, no Consello Social de Universidade de Santiago de Compostela, en substitución por finalización de mandato, de María Caeiro Rey.

Artigo 2

Nomear a Yolanda López Fernández, como representante do Concello de Ourense no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución por finalización de mandato, de Federico Pérez Mato.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria