Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18975

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2016 pola que se comunica a modificación por medio da normativa básica estatal do prazo de presentación da solicitude única de axudas PAC/DR 2016 e doutros prazos establecidos na dita normativa.

A disposición derradeira primeira da Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 1 de febreiro) faculta a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

Mediante Orde do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 13 de maio de 2016, pola que se modifican, para o ano 2016, diversos prazos establecidos no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, establécese, no seu artigo único, a modificación dos prazos e datas previstos nos artigos 15, 51, 95 e 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. A dita modificación entrou en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado e é aplicable desde o 16 de maio de 2016, inclusive.

Polo tanto, modifícanse os seguintes prazos establecidos na Orde do 29 de xaneiro de 2016:

1. O prazo para a presentación da solicitude única de axudas PAC/DR 2016 concluirá o 15 de xuño de 2016, incluído.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de modificación da solicitude única concluirá o 15 de xuño de 2016, incluído.

3. O prazo para a presentación de alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac concluirá o 15 de xuño, incluído, para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas das solicitudes de axuda tramitadas coa solicitude única no ano 2016.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria