Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 18 de maio de 2016 Páx. 19281

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2016 pola que se acorda a apertura dun novo prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización da ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, instalación de terrazas de hostalaría e actividades varias.

No Diario Oficial de Galicia número 23, do 4 de febreiro de 2016, publicouse a Resolución do 28 de xaneiro de 2016 pola que se acorda a apertura do prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización de ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, instalación de terrazas de hostalaría e actividades varias.

A dita resolución, sobre a base da normativa exposta nela, responde á necesidade de que as solicitudes para esta clase de actividades, contrariamente ao que vén acontecendo, se presenten cunha antelación que abonde para o seu exame, tramitación e resolución.

A resolución, tras acordar a apertura dun prazo de presentación de solicitudes, prevía un prazo máximo de dous meses contados desde o día da publicación no Diario Oficial de Galicia, polo que o dito prazo xa rematou.

Recentemente, puxéronse en contacto con esta entidade diversas administracións, entidades, asociacións e organizacións que manifestaron o seu interese en ampliar o prazo para a presentación de solicitudes.

Por iso, por tratarse do primeiro ano de implantación deste novo sistema, ao abeiro do artigo 6 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de Portos de Galicia, e das competencias delegadas pola Orde da Consellería do Mar do 25 de novembro de 2009,

RESOLVO:

Primeiro. A apertura dun novo prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización da ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, instalación de terrazas de hostalaría e actividades varias.

Segundo. Este prazo terá unha duración dun mes contado desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. A documentación xeral inicial que presentarán os interesados é a prevista na Resolución do 28 de xaneiro de 2016.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia