Mediante Resolución do 22 de outubro de 2015 déuselle publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (DOG nº 209, do 3 de novembro).
Este programa está rexistrando un importante éxito, resultando ser un instrumento de grande importancia para as empresas galegas na actual situación dos mercados financeiros, caracterizada polas dificultades de accesibilidade aos recursos financeiros con que se atopan os proxectos de investimento emprendidos por pequenas e medianas empresas, polo que resulta aconsellable ampliar por un ano máis o prazo de disposición dos fondos e de afectación de proxectos previsto no contrato de financiamento co BEI, posibilitando deste xeito a ampliación por outro ano, ata o 31 de maio de 2017, do prazo de presentación de solicitudes do programa de préstamos do Igape.
Ademais da ampliación do prazo de solicitudes, resulta conveniente introducir nas bases reguladoras do programa pequenas modificacións que facilitarán unha mellor e máis eficaz xestión do instrumento, como excluír expresamente da condición de beneficiarias as empresas en crise ou avaliar o grao exportador e/ou industrial da actividade nos proxectos da modalidade circulante, así como primar a ponderación do carácter industrial da actividade tamén para os proxectos de investimento.
En virtude do exposto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 7 de abril de 2016, acordou a ampliación do prazo de presentación de solicitudes e a modificación do Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI).
Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Artigo único
Modificación da Resolución do 22 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva:
A Resolución do 22 de outubro de 2015 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba o Programa de préstamos para financiar circulante e investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI) e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, (DOG nº 209, do 3 de novembro), queda modificada como segue:
Un. O punto segundo da resolución queda redactado como segue:
«Segundo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día seguinte e rematará o 31 de maio de 2017 ou ata o momento do esgotamento do crédito orzamentario, o cal será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es».
Dous. O punto terceiro da resolución queda redactado como segue:
«Terceiro. Dotación orzamentaria
Establécese unha liña de préstamos directos do Igape por importe máximo de 21.900.000 €. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.8310 e polos seguintes importes e distribución plurianual:
Ano |
Importe |
2015 |
300.000 € |
2016 |
11.600.000 € |
2017 |
10.000.000 € |
Total |
21.900.000 € |
A Dirección Xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto».
Tres. O punto 3 do artigo 2.2 pasa a ter a seguinte redacción:
«Non poderán ter a condición de prestameiras as empresas en crise, terase en conta para estes efectos a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento CE núm. 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías, nin as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2.b) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».
Catro. A táboa da letra c) do número 2 do artigo 12.2 queda redactada como segue:
Igape-BEI-Circulante |
Rango de valores |
Limiar mínimo |
Grao exportador Grao industrial da actividade Aproveitamento de recursos endóxenos Provedores locais Emprego vinculado |
0-40 0-40 0-5 0-5 0-10 |
|
Total |
0-100 |
50 |
Igape-BEI-Investimento |
Rango de valores |
Limiar mínimo |
Xeración de novos produtos coa actuación Potenciación da exportación coa actuación Incremento da produtividade consecuencia da actuación Carácter industrial da actividade Grao tecnolóxico da actuación Creación de emprego prevista Aproveitamento de recursos endóxenos Provedores locais |
0-10 0-10 0-25 0-25 0-5 0-10 0-5 0-10 |
|
Total |
0-100 |
50 |
Disposición transitoria única. Procedementos en tramitación
A presente modificación será de aplicación aos expedientes pendentes de resolución no momento da súa entrada en vigor.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2016
O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Resolución do 23.5.2016)
Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica