Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 7 de xuño de 2016 Páx. 22525

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 59/2016, do 26 de maio, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo.

O artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas, con exclusión das apostas mutuas deportivo benéficas e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

En desenvolvemento da antedita lei -e no que respecta ao xogo do bingo- ditouse o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, modificado parcialmente polo Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro, e posteriormente polos decretos 113/2010, do 1 de xullo, e 61/2014, do 23 de maio.

A modificación operada no Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo, tivo por finalidade a creación de varias modalidades do xogo do bingo que viñan así a ofrecerse ás persoas usuarias xunto coa modalidade do xogo do bingo tradicional, entre elas, a denominada modalidade de bingo electrónico.

De todas estas modalidades a única que contou co pertinente desenvolvemento normativo para facela unha realidade foi precisamente esta do bingo electrónico e, así, aprobouse a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de agosto de 2011 pola que se regula a modalidade do xogo do bingo electrónico na Comunidade Autónoma de Galicia.

O espírito desta regulación foi o de manter a esencia do xogo do bingo tradicional, pero ofrecendo unha regulación que permitise a súa práctica dun modo máis diversificado e dinámico mediante a potenciación das posibilidades que ofrecen os soportes electrónicos, así como mediante a oferta de novas combinacións e formatos de xogo e de premios. Pretendíase, deste xeito, abrir un abano de posibilidades, xa que se trataba dun bingo electrónico que se realizaba e xestionaba íntegramente en soportes electrónicos a través de terminais auxiliares de xogo.

Porén, o certo é que, logo de transcorrer máis de catro anos desde a aprobación da dita orde, esta modalidade non se chegou a implantar en ningunha sala de bingo da nosa comunidade autónoma.

Varios son os motivos que explican a súa nula aceptación por parte do sector, principalmente o importante custo que supón para as empresas do sector os investimentos nos equipamentos necesarios para a práctica deste xogo e tamén a escasa aceptación comercial que tivo esta modalidade de bingo noutras comunidades autónomas ao concibirse dun modo demasiado restritivo pois discrimina os usuarios que seguen preferindo manter os seus hábitos en canto á forma de xogar. Esta división entre usuarios tradicionais e novos usuarios, que creaba a regulación existente da modalidade do xogo do bingo electrónico, unida aos referidos custos que leva a súa implantación, desembocou no feito de que as empresas do sector optasen por non ofertar este xogo.

Todos estes motivos reclaman que a Administración, tendo en conta o carácter dinámico do xogo, atenda dúas necesidades: por unha banda que leve a cabo unha regulación acorde coa realidade dos usos sociais vixentes en cada momento e coas necesidades e prioridades das empresas e, fundamentalmente, das persoas usuarias e, por outra banda, que revise e incorpore as características técnicas, funcionais e operativas do xogo do bingo derivadas do continuo avance dos medios electrónicos, informáticos, telemáticos e interactivos existentes.

Nesta liña, outras comunidades autónomas xa realizaron ou están a proxectar cambios normativos que flexibilicen o xogo do bingo electrónico e esta flexibilización baséase nunha nova concepción do bingo electrónico que pasa por permitir ás persoas xogadoras participar no xogo empregando soportes ou terminais electrónicos conxuntamente con cartóns impresos, co fin de facer máis accesible a participación da persoa xogadora tradicional neste tipo de xogo e pola súa vez incorporar novas tipoloxías de persoas xogadoras máis adaptados ao emprego dos medios tecnolóxicos.

Seguindo esta liña de evolución normativa, a regulación que se emprende neste decreto ten como obxectivo principal recoller na nosa normativa reguladora do xogo do bingo estas novidades que, nesta materia, introduciron as comunidades autónomas da nosa contorna para permitir o mantemento e a competitividade dos subsectores empresariais de xogo, revitalizando o seu produto para facelo máis atractivo ás persoas xogadoras. Esta recepción farase, en realidade, en dous momentos posto que neste decreto se recollerá un novo concepto do bingo electrónico que reflicta a referida evolución e resulte acorde coas necesidades expostas mentres que o desenvolvemento dos seus aspectos técnicos quedará diferido, como non pode ser doutro xeito, á correspondente orde que modifique a actual orde reguladora desta modalidade do xogo do bingo.

Finalmente cómpre aproveitar a modificación que se leva a cabo para adaptar a definición do xogo do bingo recollida no Decreto 181/2002, do 10 de maio (en concreto no seu artigo 3) á definición legal recollida na Lei 14/1985, do 23 de outubro (na súa disposición adicional cuarta) que fora modificada en virtude da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, de cara a acadar unha necesaria coherencia entre ambas as dúas.

No exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladora da Xunta e da súa Presidencia, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de maio de 2016,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo

O Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo queda redactado como segue:

Un. O artigo 3 queda redactado do seguinte modo:

«De acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, o xogo do bingo é un xogo de azar consistente na extracción de bólas con distintas numeracións depositadas nun bombo ou máquina mecánica, ou ben na xeración en soporte electrónico ou virtual dun número indeterminado de bólas, ata completar todas e cada unha das combinacións gañadoras establecidas, con dereito a premio, a medida que os números van sendo extraídos, xerados e anunciados. Conseguirán o premio os xogadores ou as xogadoras que antes consigan completar os números que compoñen a combinación gañadora.

O xogo do bingo, na súa forma tradicional realizada por medios presenciais, xógase con 90 números, do 1 ao 90, ambos inclusive. Os xogadores ou as xogadoras teñen como unidade de xogo cartóns integrados por quince números distintos entre si, distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Nas restantes modalidades do xogo do bingo, sexa cal for a súa canle de explotación, poderá xogarse con máis ou menos de 90 números, distintos aos comprendidos entre o 1 e o 90, e con combinacións de composición diferentes ás utilizadas no sistema tradicional en canto ao número de combinacións gañadoras e aos números ou figuras que as integren de conformidade co programa de xogo que se autorice».

Dous. O artigo 3 bis queda redactado do seguinte modo:

«De acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro,

1. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) Modalidade do xogo do bingo tradicional.

b) Modalidade do xogo do bingo interconexionado.

c) Modalidade do xogo do bingo simultáneo.

d) Modalidade do xogo do bingo electrónico.

2. O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos que serán subministrados, de forma presencial ou por medios telemáticos, pola consellería competente en materia de facenda e que, polo menos en parte, se realice con soportes materiais ou persoais.

3. O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran no seu desenvolvemento dous ou máis establecementos de forma coordinada, e que consiste na obtención dun premio adicional polas persoas xogadoras que resulten premiadas co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio adicional deberá cantarse bingo con bóla de orde igual ou inferior á que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar o número de orde da referida bóla coa periodicidade e no número de bólas que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada de conformidade co que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

O importe do premio será como máximo de 30.000 € , polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

4. O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo, baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete na norma de desenvolvemento e farase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

a) Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todas as persoas xogadoras presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

b) Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todas as persoas xogadoras poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos. O valor facial dos cartóns correspondentes a esta modalidade será o que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

c) O sorteo poderase celebrar tanto nunha central operativa como en calquera das salas adheridas ao sistema e en cada sala recibirase información do xogo e das diferentes extraccións a través de imaxe de vídeo remitida pola central operativa. Desta forma, o establecemento que queira participar deberá dispoñer dun sistema informático conectado á dita central operativa que permita enviar ás salas os datos relativos ao desenvolvemento da partida e recibir daquel información consolidada e de control. Ademais, os establecementos estarán dotados dun sistema de reprodución de imaxe de televisión que permita reproducir as extraccións realizadas polo sistema de produción do sorteo e que deberá estar conectado ao circuíto pechado de televisión da sala.

5. O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo na cal a xestión e o control do xogo se realiza por medio dun sistema integramente automatizado, nun ou varios establecementos de modo simultáneo, mediante a interconexión dunha unidade central de proceso de datos cos servidores situados nos distintos locais.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica teña lugar en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especiais condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

Ten como base cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, nos cales se poden integrar combinacións numéricas ou gráficas, que se deberán identificar en canto á serie, ao número e ao valor.

Estes cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo poderán mostrarse nos terminais auxiliares de xogo debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Os cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, así como os programas informáticos que os xeren, deberán cumprir as especificacións técnicas e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería en materia de facenda. A consellería competente en materia de xogo establecerá mediante orde a forma de rexistro das operacións e o valor facial dos cartóns de xogo.

6. Os elementos do xogo específicos das modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, que deberán estar previamente homologados, son os seguintes: nas modalidades do bingo interconexionado e simultáneo existirá unha central operativa, que será o centro de xestión, control e coordinación de todo o sistema e ao cal deberán estar conectados todos os establecementos que queiran participar e, na modalidade do bingo electrónico, un sistema informatizado do bingo electrónico, terminais auxiliares de xogo, no cal se poderán reflectir os cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo adquiridos para participar na partida e, de ser o caso, os cartóns electrónicos prepagamento que se utilicen para efectuar a compra dos cartóns e cobramento dos premios.

7. As especificacións que sobre as regras do bingo tradicional presenten as modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico serán obxecto de desenvolvemento mediante orde da consellería competente en materia de xogo. As distintas modalidades deberán xestionarse en soportes electrónicos previamente autorizados, que garantan a total transparencia no desenvolvemento do xogo, a seguridade dos datos e o control tributario e deberán incorporar mecanismos de control e información, xa sexa en liña ou mediante formatos de exportación electrónica, accesibles para os organismos competentes para o seu control, accesibilidade que en ningún caso implicará ningún custo para a Administración.

8. A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo nas súas modalidades do bingo tradicional, simultáneo e electrónico será a que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo».

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia

O artigo 3 do Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactado como segue:

«1. De acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, o xogo do bingo é un xogo de azar consistente na extracción de bólas con distintas numeracións depositadas nun bombo ou máquina mecánica, ou ben na xeración en soporte electrónico ou virtual dun número indeterminado de bólas, ata completar todas e cada unha das combinacións gañadoras establecidas, con dereito a premio, a medida que os números van sendo extraídos, xerados e anunciados. Conseguirán o premio os xogadores ou as xogadoras que antes consigan completar os números que compoñen a combinación gañadora.

O xogo do bingo, na súa forma tradicional realizada por medios presenciais, xógase con 90 números, do 1 ao 90, ambos incluídos. Os xogadores ou as xogadoras teñen como unidade de xogo cartóns integrados por quince números distintos entre si, distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Nas restantes modalidades do xogo do bingo, sexa cal for a súa canle de explotación, poderá xogarse con máis ou menos de 90 números, distintos aos comprendidos entre o 1 e o 90, e con combinacións de composición diferentes ás utilizadas no sistema tradicional en canto ao número de combinacións gañadoras e aos números ou figuras que as integren de conformidade co programa de xogo que se autorice.

2. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) Modalidade do xogo do bingo tradicional.

b) Modalidade do xogo do bingo interconexionado.

c) Modalidade do xogo do bingo simultáneo.

d) Modalidade do xogo do bingo electrónico.

3. Modalidades do xogo do bingo e regras xerais:

a) O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos que poderán ser subministrados, de forma presencial ou por medios telemáticos, pola consellería competente en materia de facenda e que, polo menos en parte, se realice con soportes materiais ou persoais.

b) O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran no seu desenvolvemento dous ou máis establecementos de forma coordinada, e que consiste na obtención dun premio adicional polas persoas xogadoras que resulten premiadas co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio adicional deberá cantarse bingo con bóla de orde igual ou inferior á que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar o número de orde da referida bóla coa periodicidade e no número de bólas que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada de conformidade co que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

O importe do premio será como máximo de 30.000 €, polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

c) O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo, baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete mediante orde da consellería competente en materia de xogo e farase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

1ª. Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todas as persoas xogadoras presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

2ª. Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todas as persoas xogadoras poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos.

d) O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo na cal a xestión e control do xogo se realiza por medio dun sistema integramente automatizado, nun ou varios establecementos de modo simultáneo, mediante a interconexión dunha unidade central de proceso de datos cos servidores situados nos distintos locais.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica teña lugar en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especiais condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

Ten como base cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, nos cales se poden integrar combinacións numéricas ou gráficas, que se deberán identificar en canto á serie, ao número e ao valor.

Estes cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo poderán mostrarse nos terminais auxiliares de xogo debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Os cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, así como os programas informáticos que os xeren, deberán cumprir as especificacións técnicas e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería en materia de facenda. A consellería competente en materia de xogo establecerá mediante orde a forma de rexistro das operacións e o valor facial dos cartóns de xogo».

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de maio de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 54/2016)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza