Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 10 de xuño de 2016 Páx. 23584

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se convocan as probas de aptitude para a obtención do título de xestor administrativo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo; foi asumida mediante o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, e actualmente ten asignadas as competencias nesta materia a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica do antedito departamento.

O traspaso de funcións articulouse mediante o Real decreto 1141/2007, do 31 de agosto, polo que se traspasan as funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de expedición do título de xestor administrativo, e foron asumidas polo Decreto 172/2007, do 6 de decembro, sobre a asunción de funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia e asignadas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O artigo 2 do Decreto 172/2007, do 6 de decembro, establece que as referidas funcións e servizos serán exercidas pola Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En consecuencia, por proposta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, e de conformidade co Consello Xeral de Colexios de Xestores Administrativos,

RESOLVO:

Convocar as probas de aptitude para a obtención do título de xestor administrativo, que se rexerán polas bases contidas no anexo I desta resolución, aprobar o temario que figura no anexo II e o modelo de solicitude do anexo III.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de calquera outro recurso que as persoas interesadas consideren procedente.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

I. Requisitos.

Primeira. Requisitos

Poderá concorrer ás probas de aptitude quen, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, reúna os seguintes requisitos:

a) Ser español, nacional dun Estado membro da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o espazo económico europeo, ou dun país que conceda reciprocidade de títulos e dereitos.

b) Ser maior de idade.

c) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas, no ámbito de ningún dos Estados membros da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o espazo económico europeo ou dos países con que existan convenios de reciprocidade.

d) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos académicos:

– Licenciatura en dereito, en ciencias económicas, en ciencias empresariais ou en ciencias políticas, de conformidade co artigo 6.e) do Decreto 424/1963, do 1 de marzo, de aprobación do Estatuto orgánico de xestor administrativo.

– Licenciatura no ámbito das ciencias económicas e empresariais, do dereito e das ciencias políticas que as sucederon no extinto Catálogo de títulos universitarios oficiais de España.

– Máster universitario implantado ao abeiro do Real decreto 1393/2007, do 27 de abril, adscrito á rama de coñecemento das ciencias sociais e xurídicas e vencellado ao eido disciplinar dalgunha das licenciaturas requiridas polo estatuto orgánico.

– Grao implantado ao amparo do Real decreto 1393/2007, do 27 de abril, en cuxo proceso de verificación a universidade que expide o título declarase especificamente que os estudos de grao substitúen unha das licenciaturas previstas nos puntos anteriores.

– No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial da autoridade competente que acredite a súa homologación.

II. Solicitudes.

Segunda. Modelo de solicitude

1. As persoas que desexen participar nas expresadas probas de aptitude presentarán a correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, conforme o modelo sinalado no anexo III.

2. O impreso de solicitude será facilitado gratuitamente polo Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (r/ Durán Loriga, 2-1º, 15003 A Coruña), e estará á disposición dos interesados na páxina web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia: www.ga-galicia.com.

Terceira. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberanse presentar no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, na sede do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (r/ Durán Loriga 2, 1º, 15003 A Coruña) ou nas súas delegacións de Lugo (r/ Bolaño Rivadeneira, 2, entresollado, 27001 Lugo), Ourense (r/ Concello, 14, entresollado, 34003 Ourense), Pontevedra (r/ Blanco Porto, 9-1º, 36001 Pontevedra) e Vigo (r/ Zamora, 98, baixo, 36211 Vigo), ou a través das oficinas de correos, mediante envío certificado.

Cuarta. Documentación e dereitos de exame

1. As solicitudes deberán ir acompañadas da fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento que acredite a identidade dos aspirantes.

2. Ademais, nas solicitudes deberá xustificarse o pagamento da cantidade de cen euros en concepto de formación do expediente e dereitos de exame ou documento xustificativo de exención do pagamento, se for o caso.

O pagamento deberá realizarse mediante ingreso en efectivo na conta corrente do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia que consta no modelo de solicitude, que deberá ser validada pola entidade bancaria en que se efectúa o ingreso, a través de certificación mecánica ou, se for o caso, mediante selo e sinatura autorizada, no espazo destinado para estes efectos.

3. A falta de acreditación do pagamento desta cantidade determinará a inadmisión do interesado ás probas de aptitude.

4. Estarán exentos de pagamento:

– As persoas con discapacidade que tivesen recoñecido un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 por cento.

– As persoas que figuren inscritas como demandantes de emprego como mínimo desde os trinta días previos á data de publicación da convocatoria.

– As familias numerosas, nos termos do artigo 12.1.c) da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Os solicitantes que se acollan á exención de pagamento, polos casos sinalados, deberán achegar, xunto coa solicitude, documento xustificativo da circunstancia que alegue.

Quinta. Relación de aspirantes admitidos e non admitidos

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia aprobará a lista provisoria de aspirantes admitidos e non admitidos á celebración das probas, que poderá consultarse na web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e no taboleiro de anuncios da sede do Colexio, previo anuncio no Diario Oficial de Galicia.

2. Os aspirantes non admitidos dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, para emendar, de ser o caso, a omisión ou defecto que motivase a súa inadmisión.

3. Contra a exclusión de que fosen obxecto, os interesados poderán interpoñer reclamación ante o Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, no prazo de quince días hábiles contados desde o seguinte á publicación da lista a que se refire o número 1.

4. Transcorrido o devandito prazo e resoltas as reclamacións e emendas presentadas, a persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia aprobará a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos que se publicará na web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e no taboleiro de anuncios da sede do Colexio.

5. Non se procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de dereitos de formación de expediente e de exame nos supostos de inadmisión dos aspirantes por causas imputables exclusivamente aos interesados derivadas da declaración realizada no impreso de solicitude.

III. Tribunais.

Sexta. Composición do tribunal

1. O tribunal estará constituído polos seguintes membros, designados pola persoa titular da Presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia:

a) Un/a presidente/a.

b) Catro vogais titulares, dous dos cales serán propostos pola Comisión Permanente do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e outros dous pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) Catro vogais suplentes designados polo mesmo procedemento que os titulares, que substituirán aos anteriores en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

O/a presidente/a do tribunal designará de entre os vogais nomeados polo Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia a persoa que exerza as funcións de secretario/a do tribunal.

2. A composición do tribunal, xunto coa data e o lugar de celebración das probas de aptitude, publicarase no Diario Oficial de Galicia, así como na web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e no taboleiro de anuncios da sede do colexio. O anuncio publicarase, polo menos, cun mes de anticipación á realización das probas.

3. Todos os membros do tribunal deberán ter a titulación exixida para o exercicio da profesión de xestor administrativo.

4. Non poderán formar parte do tribunal aquelas persoas que realizasen tarefas de preparación de aspirantes ás probas de aptitude para a obtención do título profesional de xestor administrativo nos cinco anos anteriores á publicación da presente convocatoria.

5. Os membros do tribunal poderán ser recusados polos interesados e deberán absterse de intervir nas probas de cualificación dos exercicios cando concorra algunha das circunstancias previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Normas de funcionamento do tribunal

1. O tribunal constituirase, logo de convocatoria do presidente/a, no prazo máximo dun mes a partir da súa designación, con asistencia da maioría dos seus membros. No caso de ausencia da persoa titular da presidencia, os asistentes designarán un dos membros para o exercicio das súas funcións.

2. O tribunal acordará por maioría absoluta dos asistentes todas as decisións que lle correspondan para completo desenvolvemento das probas.

3. O tribunal adoptará as medidas precisas, naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidade que así o soliciten gocen de similares condicións para a realización do exercicio que os demais participantes, coas adaptacións de tempos adecuadas, de conformidade co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, e demais normas de aplicación.

4. No non previsto na presente base e na anterior sobre a composición e funcionamento do tribunal, será de aplicación a normativa reguladora dos órganos colexiados prevista na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV. Probas.

Oitava. Celebración das probas

1. A celebración das probas, que se anunciarán na forma sinalada na base 6.2, non poderá ter lugar antes de transcorridos dous meses desde a publicación da presente convocatoria.

2. As probas consistirán no desenvolvemento por escrito dos seguintes exercicios:

a) A resolución, por escrito, dun test consistente nun cuestionario de 50 preguntas baseado nas materias do programa, que estará composto por preguntas con respostas alternativas, sendo só una delas a correcta; valoraranse negativamente as contestacións erróneas; todo iso nun tempo máximo de 60 minutos. Valorarase cada resposta correcta en 0,20 puntos e cada resposta errónea restará 0,10 puntos.

b) Un caso práctico, baseado no contido do programa, que se desenvolverá nun tempo máximo de 60 minutos.

3. A duración máxima dos dous exercicios será de dúas horas.

c) A tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de trinta minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto, correspondendo ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Estarán exentos da realización deste exercicio os aspirantes que acrediten posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Novena. Cualificación das probas

1. Cada un dos exercicios será cualificado de 0 a 10 puntos, salvo o exercicio de tradución, que se valorará como apto ou non apto.

2. Para superar as probas será indispensable obter, como mínimo, o 50 por 100 da cualificación máxima posible no conxunto dos exercicios (10 puntos) e non ser cualificado con cero puntos en ningún deles, e obter cualificación de apto no exercicio de tradución, agás que estean exentos da súa realización.

Décima. Aspirantes declarados aptos

Finalizadas as probas de aptitude, o tribunal remitirá a relación dos aspirantes declarados aptos á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, quen solicitará á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a publicación no Diario Oficial de Galicia das listas de aspirantes declarados «aptos» nas presentes probas de acceso á profesión de xestor administrativo, previamente expostas no taboleiro de anuncios do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia.

V. Expedición do título profesional.

Décimo primeira. Expedición de títulos

1. Os aspirantes declarados «aptos» poden solicitar a expedición do título de xestor administrativo á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia presentando os seguintes documentos orixinais acompañados de fotocopia para a súa compulsa, ou fotocopia compulsada por medio admitido en dereito, dos seguintes documentos (de non terse achegado coa solicitude que figura como anexo III):

a) Documento nacional de identidade, pasaporte ou calquera outro documento que acredite a identidade e nacionalidade dos aspirantes.

b) Título universitario oficial que fixese constar na súa solicitude, certificación académica de ter superado os estudos para a súa obtención ou, se for o caso, comprobante do depósito para a súa obtención.

Cando o título sexa expedido no estranxeiro, deberá achegarse a credencial acreditativa da súa homologación.

c) Cando se trate de estranxeiros residentes en España procedentes de terceiros países, deberá xuntarse a acreditación da reciprocidade de títulos e dereitos co seu Estado de orixe.

d) Declaración responsable de non ter sido expulsado ou separado, en virtude de expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública, así como de non estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas no ámbito de ningún dos Estados membros da Unión Europea, demais Estados signatarios do Acordo sobre o espazo económico europeo ou terceiros Estados con que existan convenios de reciprocidade na materia.

2. A persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, unha vez que sexa examinada a documentación presentada, propoñerá á Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a expedición do título oficial de xestor administrativo en favor dos solicitantes que superasen as probas de aptitude e reúnan todos e cada un dos requisitos exixidos na convocatoria. A proposta deberá ir acompañada de certificación acreditativa de que os solicitantes reúnen os requisitos sinalados na convocatoria.

Décimo segunda. Principio de igualdade de xénero

A presente convocatoria ten en conta o principio de igualdade de trato entre homes e mulleres polo que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e a Directiva comunitaria 2006/54, do 9 de xullo, de aplicación do principio de igualdade de oportunidades e igualdade de trato entre homes e mulleres en asuntos de emprego e ocupación.

ANEXO II
Áreas de coñecemento das probas de aptitude para o acceso
á profesión de xestor administrativo

Área 1ª. Dereito constitucional e autonómico.

1. Os principios e institucións básicas da Constitución española. A posición da Constitución no ordenamento xurídico. Dereitos e deberes fundamentais.

2. A organización territorial do Estado: a súa articulación, desenvolvemento e garantías. Especial referencia ao Estatuto de autonomía de Galicia e ás institucións de autogoberno de Galicia.

Área 2ª. Dereito comunitario.

3. A Unión Europea e o seu sistema institucional. As fontes do dereito comunitario. A aplicación do dereito comunitario. Desafíos de futuro.

4. Os principios actuais do dereito comunitario e os seus desenvolvementos fundamentais. A libre circulación de mercadorías. A libre circulación de traballadores. A liberdade de establecemento. Teoría, práctica e casuística. Liñas de progreso. Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado.

Área 3ª. Dereito civil.

5. O suxeito da relación xurídico-civil. A capacidade xurídica. O seu despregamento teórico e práctico. Problemas fundamentais.

6. O mandato e a representación. As súas aplicacións prácticas; o seu desenvolvemento na vida económica e profesional.

7. A nacionalidade e a estranxeiría. Disposicións sobre estranxeiros. Principais procedementos en estranxeiría. Casuística principal; problemas, solucións; liñas de futuro.

8. O matrimonio e a súa regulación. A patria potestade e figuras afíns. Desenvolvemento e vida práctica destas relacións nunha sociedade democrática e igual. A igualdade de xénero e o seu despregamento social e legal.

9. Ausencia, tutela, emancipación. Outras figuras relativas á capacidade. Problemática teórica e práctica.

10. O Rexistro Civil. Disposicións reguladoras. Mecánica operativa para os cidadáns, garantías e problemática.

11. Dereitos reais. Concepto, clases, figuras e regulación. Leis especiais; a súa incidencia na sociedade de mercado.

12. A sucesión mortis causa: panorama xeral, casuística, xurisprudencia, aspectos prácticos.

13. Sucesión intestada e testamento: panorama xeral, casuística, xurisprudencia, aspectos prácticos e organizativos.

14. O contrato de sociedade civil; asociacións e fundacións. As súas finalidades, aplicacións e desenvolvemento práctico na actividade dos cidadáns e dos empresarios. Réxime xurídico das fundacións de interese galego.

15. Os arrendamentos urbanos e os arrendamentos rústicos: panorama xeral. As súas relacións co resto do ordenamento xurídico.

16. Dereito hipotecario: panorama xeral, garantías básicas, mecánica operativa práctica. Referencia especial á problemática teórica e práctica da constitución de hipotecas.

17. Os instrumentos públicos. Copias. Protocolización de documentos persoais. Sinatura electrónica.

18. O dereito civil galego. A Lei de dereito civil de Galicia. Principais institucións do dereito civil galego.

Área 4ª. Dereito mercantil.

19. Principios xerais de contabilidade. O Plan xeral de contabilidade. Panorama actual das técnicas de contabilidade; situación vixente e aplicacións prácticas.

20. As sociedades mercantís e outras persoas xurídicas afíns: tipoloxía, panorama xeral, desenvolvemento e vida práctica das sociedades mercantís.

21. O concurso: problemática teórica e práctica.

22. O comercio exterior: situación actual, xurídica e económica.

23. A libre competencia: desenvolvemento e garantías.

24. O Rexistro Mercantil: configuración, casuística, aplicacións prácticas, garantías.

25. O mercado de valores; problemática e casuística práctica no día de hoxe; últimos desenvolvementos e tendencias.

Área 5ª. Dereito penal.

26. Os delitos no plano da actividade xurídica e económica: a falsidade, a estafa, os delitos societarios, o delito fiscal: aplicación, casuística, xurisprudencia, novas tendencias.

27. Os delitos no plano da actividade profesional: a intimidade, o segredo profesional, a deslealdade profesional.

28. Os delitos contra a seguridade dos traballadores: panorama actual, últimos desenvolvementos. Os delitos contra a Administración pública: tipoloxía, configuración; a situación dos cidadáns nestes casos.

Área 6ª. Dereito administrativo.

29. O dereito administrativo. As fontes. Regulamento e acto administrativo. Configuración, casuística, problemas prácticos e garantías.

30. Liñas xerais do procedemento administrativo; problemas prácticos máis importantes, os recursos e a súa casuística, mecánica operativa dos recursos.

31. Organización administrativa do Estado. Réxime xurídico das comunidades autónomas. A Administración pública galega. As consellerías: organización e estrutura. A Administración periférica da comunidade autónoma. Réxime xurídico da Administración local. Problemática da organización administrativa, a eficacia, a eficiencia; relaciones organización-cidadáns.

32. Dereitos dos cidadáns nas súas relacións coas administracións públicas. A participación nas administracións públicas, especial referencia ao dereito a unha boa Administración. A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

33. Autorizacións e licenzas. Concesións administrativas. Casuística; principais problemas.

34. A actividade da Administración no seo da sociedade de mercado: contratos, sancións, subvencións. Relacións entre a Administración e os particulares nestas actividades. As garantías e a casuística principal. Especial referencia á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

35. Panorama xeral da actividade do transporte e actuación administrativa nesta materia: especial referencia ás competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

36. Problemática actual da circulación e do tráfico. A relación entre a Administración e os cidadáns neste campo; problemática, casuística, desenvolvementos recentes.

37. Bens de dominio público. Garantías, a súa relación cos cidadáns. Tipoloxías e problemática actual.

38. A propiedade, a vivenda e o urbanismo. Desenvolvementos actuais. As garantías e a relación entre os cidadáns e Administración. Desafíos de futuro. Especial referencia ás competencias da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda.

39. A actividade dos cidadáns e a Administración en relación coa industria e o ambiente. Garantías, marco legal, problemática máis recente, desafíos de futuro; o desenvolvemento sustentable.

40. Actuación administrativa en relación coas actividades dos cidadáns en materia de caza e pesca, en materia de armas e en materia agropecuaria e turística. Os dereitos dos consumidores e o control sanitario. Problemática actual, garantías; liñas de futuro.

Área 7ª. Dereito laboral.

41. Panorama da relación xurídico-laboral; situación das partes, intervención do dereito e do Estado. Mecánica operativa práctica da vida da relación laboral nas empresas.

42. Panorama dos dereitos fundamentais en materia laboral.

43. Os riscos laborais e a Inspección de Traballo: o seu papel na sociedade de mercado e na vida da empresa.

44. Panorama teórico e práctico da Seguridade Social en España; mecánica operativa das empresas neste sistema. Os deberes, as garantías e as coberturas de empresarios e traballadores.

Área 8ª. Dereito fiscal.

45. Os dereitos e deberes da Administración e os cidadáns en materia tributaria; últimos desenvolvementos, garantías, casuística fundamental.

46. Panorama xeral do imposto sobre a renda das persoas físicas desde o punto de vista teórico e práctico. Problemas pendentes.

47. Panorama xeral do imposto sobre o patrimonio desde o punto de vista teórico e práctico. Problemas pendentes.

48. Os impostos de sucesións, doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados: casuística principal, mecánica operativa práctica dos cidadáns fronte á Administración; desafíos de futuro.

49. Problemática práctica do imposto sobre sociedades. Relacións entre a Administración e os cidadáns. Problemas actuais e posibles desenvolvementos futuros.

50. O imposto sobre o valor engadido: evolución e aspectos básicos actuais. Mecánica operativa dos cidadáns, profesionais e empresarios. Situación última dos impostos especiais.

51. A Administración local e os seus impostos. Mecánicas operativas básicas dos cidadáns nesta materia; tipoloxía, garantías e casuística fundamental. Posibles desenvolvementos futuros.

Área 9ª. Dereito estatutario.

52. Panorama actual, teórico e práctico, da profesión de xestor administrativo. As súas relacións coas súas corporacións representativas e cos cidadáns. O seu servizo como profesión a unha sociedade avanzada e as súas posibilidades actuais e futuras en relación cunha Administración moderna, eficaz e descentralizada. Especial referencia á protección de datos de carácter persoal.

53. A profesión de xestor administrativo e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios nunha sociedade avanzada e as súas posibilidades actuais e futuras en relación cunha Administración moderna, eficaz e descentralizada. Posibilidades actuais e futuras en relación cos mecanismos de reclamación, conciliación e arbitraxe. Especial referencia á protección de datos de carácter persoal e á Lei 25/2009, do 22 de decembro, de adaptación de diversas leis para o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

54. A colaboración coa Administración pública como obxectivo prioritario da profesión de xestor administrativo. O sistema de convenios entre as administracións e os colexios de xestores administrativos. Tipoloxía, problemática práctica, perspectivas de futuro. Obrigacións dos xestores administrativos: o deber de cidadán e dilixencia, o respecto integro á normativa vixente, a boa fe e a lealdade institucional coa Administración, a loita contra a fraude, o fomento das boas prácticas administrativas e fiscais.

missing image file