Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 14 de xuño de 2016 Páx. 24223

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 25 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 308082.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que habiten, en condicións de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitir aos concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras establécense nesta orde.

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.0, por importe de 200.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

2. As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 80 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 12.000 euros por edificación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 30 de novembro de 2016.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda