Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 15 de xuño de 2016 Páx. 24452

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 2 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i nas empresas e organismos de investigación en Galicia (Programa Principia), e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN848C).

BDNS (Identif.): 308112.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans):

Primeiro. Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as destas axudas:

a) As empresas con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas do Programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo dun ano de persoal técnico para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2016 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848C). As axudas concedidas ás empresas axustaranse, no marco da presente resolución, ao establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do cal o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 2.000.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación