Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 15 de xuño de 2016 Páx. 24408

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2016 pola que se convoca a xornada Experiencias e propostas de mellora na xestión de activos intervidos ao narcotráfico. Servizo de Xestión de Bens Mobles en Galicia (SXB).

A Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, anuncia a convocatoria da xornada «Experiencias e propostas de mellora na xestión de activos intervidos ao narcotráfico. Servizo de Xestión de Bens Mobles en Galicia (SXB)», de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Denominación: experiencias e propostas de mellora na xestión de activos intervidos ao narcotráfico. Servizo de Xestión de Bens Mobles en Galicia (SXB).

Tipo: xornada.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 6.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

A xornada ten o dobre obxectivo de recoller as propostas e suxestións dos expertos e profesionais asistentes para mellorar a eficacia da intervención de bens ao narcotráfico, así como presentar o novo SXB nun acto orientado especificamente ás forzas e corpos de seguridade do Estado con unidades antidroga en Galicia.

Contido:

– Experiencias concretas, situación actual e recomendacións sobre a xestión de bens e activos intervidos ao narcotráfico desde o coñecemento profesional dos asistentes: análise desde o Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO) e unidades antidroga destacadas en Galicia.

– Presentación do novo Servizo de Xestión de Bens Mobles Incautados ao Narcotráfico en Galicia (SXB).

– Experiencia e perspectivas da Xestión de Activos Comisados desde o Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO).

– Experiencia práctica e propostas das forzas de seguridade: intervencións de representantes de CNP, Garda Civil e SVA.

– Experiencia práctica e propostas desde o ámbito xudicial, con exposicións a cargo de fiscal e maxistrado.

2. Desenvolvemento da convocatoria:

Destinatarios/as: membros das forzas e corpos de seguridade do Estado con experiencia directa na loita antidroga, representantes do ámbito xudicial e fiscal e interesados en xeral.

Prazas ofertadas: 400. Limitado á capacidade máxima.

3. Solicitudes de participación:

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es). A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 17 de xuño de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude:

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública que poden encontrar no enderezo de internet: http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono: 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección: exclusivamente por orde de inscrición.

Lista de solicitudes seleccionadas: o día 20 de xuño de 2016 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

5. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: Agasp.

Data: 22 de xuño de 2016.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

Certificado de asistencia: ao finalizar a actividade entregarase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten á súa asistencia continuada a esta.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 7 de xuño de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública