Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 21 de xuño de 2016 Páx. 25593

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 71/2016, do 26 de maio, polo que se aproban os actos liquidatorios e se procede á disolución definitiva do Consorcio Audiovisual de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de febreiro de 2012, entre as medidas necesarias para a plena execución do II Plan de avaliación de entidades dependentes da Xunta de Galicia, acordou a extinción do Consorcio Audiovisual de Galicia.

O Consorcio Audiovisual de Galicia foi creado polo Decreto 294/2002, do 17 de outubro, como unha entidade de dereito público de carácter interadministrativo, con patrimonio e personalidade xurídica propia. O dito Decreto 294/2002, do 17 de outubro, foi obxecto de posteriores modificacións a través dos decretos 38/2006, do 2 de marzo, 41/2010, do 25 de febreiro, e 73/2010, do 14 de outubro.

De conformidade co disposto no artigo 24 do dito Decreto 294/2002, do 17 de outubro, o consorcio disolverase por acordo dos membros que o integran, de acordo co que dispón o artigo 11.3 dos estatutos, ou por imposibilidade legal ou material de cumprir os seus obxectivos. O acordo de disolución determinará a forma de proceder na liquidación dos bens do consorcio e a reversión das obras ou as instalacións existentes. E segundo o seu artigo 11.3, os acordos de disolución ou de liquidación do consorcio precisarán do voto favorable de dúas terceiras partes dos membros do consello de dirección.

Segundo dispón o artigo 96.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a disolución dos consorcios requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do acordo do órgano competente do consorcio.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e seis de maio do dous mil dezaseis, e logo do acordo do Consello de Dirección do Consorcio Audiovisual de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Disolución do Consorcio Audiovisual de Galicia

Disólvese o Consorcio Audiovisual de Galicia, regulado polo Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Artigo 2. Funcións e competencias

As funcións atribuídas ao Consorcio Audiovisual de Galicia quedan asumidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 3. Liquidación

Quedan aprobados os actos liquidatorios do Consorcio Audiovisual de Galicia levados a cabo pola Axencia Galega das Industrias Culturais en cumprimento do acordo adoptado polo consello de dirección do Consorcio.

Artigo 4. Subrogación de dereitos e obrigas

A Axencia Galega das Industrias Culturais subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas que sexa titular o Consorcio Audiovisual de Galicia, ou que podan derivar dos convenios de colaboración, contratos o calquera outro negocio xurídico subscrito entre o Consorcio Audiovisual de Galicia e outras persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas.

Os bens e dereitos propios ou adscritos ao Consorcio Audiovisual de Galicia resultantes da liquidación efectuada quedarán adscritos á Axencia Galega das Industrias Culturais e continuarán vinculados aos mesmos fins e funcións sen necesidade de acto formal de afectación.

Disposición transitoria única. Tramitación administrativa

Os expedientes relativos a materias que sexan competencia do Consorcio Audiovisual de Galicia non resoltos na data da súa disolución serán resoltos polo órgano competente da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 294/2002, do 17 de outubro, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil dezaseis

O presidente
P.S. (Decreto 54/2016, do 25 de maio; DOG núm. 99, do 26 de maio)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria