Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 29 de xuño de 2016 Páx. 27392

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de xuño de 2016 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016.

A responsabilidade social corporativa (RSC) ou responsabilidade social da empresa (RSE) é a integración, por parte das empresas, das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións comerciais e nas súas relacións cos seus interlocutores, dun xeito voluntario.

O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu interese por promover e difundir o concepto de responsabilidade social empresarial, consonte o Acordo a prol da RSE asinado no proceso de diálogo social en Galicia, mediante o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, ten instituído os premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia).

O Decreto 156/2014, do 4 de decembro, establece que tales premios terán unha periodicidade anual e que, mediante orde da consellería competente en materia de traballo, se convocará cada edición dos premios e se establecerán as correspondentes bases.

Mediante a presente orde, e ao abeiro do citado Decreto 156/2014, do 4 de decembro, convócanse por segundo ano consecutivo estes premios en calquera das catro modalidades e para aqueles proxectos, iniciativas ou medidas de carácter social, ambiental ou económico, que axuden á conciliación laboral, familiar e persoal e á promoción da igualdade de xénero e que fosen acometidas polas empresas para implantar e desenvolver a responsabilidade social.

Preténdese así resaltar, impulsar, recoñecer e promover iniciativas concretas que sirvan de exemplo para o tecido empresarial en Galicia e indispensables para o seu fortalecemento e adaptación aos novos contornos económicos.

A través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras, no relativo á promoción da responsabilidade social empresarial.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes preceptivos, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar os premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016.

Artigo 2. Requisitos das entidades candidatas

1. Poderán optar aos premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia), de acordo co artigo 3 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con centros de traballo en Galicia que, a través das súas políticas e sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos social, económico e/ou ambiental, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.

2. Non ter sido sancionadas, con carácter grave ou moi grave, en calquera dos ámbitos descritos nesta orde, nos tres últimos anos anteriores a esta convocatoria.

3. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Candidaturas

As candidaturas poderán ser presentadas polas propias empresas que opten a estes premios ou por outra entidade que as propoña. Neste último caso, a Secretaría Xeral de Emprego informará a empresa de que foi proposta como candidata e esta deberá confirmar se quere participar.

Artigo 4. Prazo

1. O prazo para a presentación das candidaturas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.

3. A presentación de propostas ou, de ser o caso, a súa posterior aceptación, leva consigo o sometemento ao establecido nesta convocatoria.

Artigo 5. Categorías

De conformidade co artigo 5 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, os premios RSE Galicia, en función do tipo de empresa que opte a calquera das modalidades dos premios, contarán con tres categorías:

Categoría a), pequena empresa: para empresas que ocupen ata 50 persoas, inclusive.

Categoría b), mediana empresa: para empresas que ocupen máis de 50 e ata 250 persoas, inclusive.

Categoría c), grande empresa: para empresas que ocupen máis de 250 persoas.

Artigo 6. Modalidades ou recoñecementos

Os premios RSE Galicia contarán con catro modalidades ou recoñecementos, segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro:

a) Recoñecemento no ámbito social.

b) Recoñecemento no ámbito ambiental.

c) Recoñecemento no ámbito económico.

d) Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero.

Artigo 7. Recoñecemento no ámbito social

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar a responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque destacado na creación de emprego ou na promoción dunha sociedade integradora que goce de benestar social.

2. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas das empresas que contribúan:

a) Á creación de emprego.

b) Á creación de emprego de calidade.

c) Á formación continua e ao desenvolvemento de actuacións e habilidades das persoas para mellorar a súa empregabilidade.

d) Ao recoñecemento da diversidade.

e) Á procura da igualdade de oportunidades e integración social.

f) Á adaptación dos procesos de xestión e á coordinación responsable das persoas traballadoras.

Artigo 8. Recoñecemento no ámbito ambiental

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais, para implantar a responsabilidade social na empresa, que teñan un enfoque destacado na redución do impacto ambiental das súas actividades.

2. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais que contribúan a mellorar o ambiente mediante:

a) Innovacións en produtos e servizos, en sistemas ou procesos de produción, con fins ambientalmente sustentables.

b) Campañas de información e sensibilización, entre os grupos de interese internos e/ou externos e a sociedade en xeral.

c) Plans ou actuacións de eco-eficiencia no consumo de enerxía, auga e recursos naturais.

d) Tratamento de residuos e outros.

Artigo 9. Recoñecemento no ámbito económico

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais destinadas a implantar a responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque destacado na contribución do desenvolvemento económico mediante a innovación, a calidade e a ética empresarial.

2. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas que contribúan a:

a) Integrar o goberno responsable na cultura da empresa.

b) Sistematizar as canles de diálogo entre a empresa e os distintos grupos de interese.

c) Dispoñer dun código ético ou similar.

d) Dispoñer de órganos específicos responsables de velar pola adopción e aplicación efectiva de programas en materia de RSC.

e) Compatibilizar as mellores e máis innovadoras tecnoloxías dispoñibles coa viabilidade empresarial.

f) Levar a cabo os investimentos con criterios de responsabilidade empresarial.

Artigo 10. Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar a responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque que propicie a conciliación laboral, familiar e persoal e introduzan medidas de usos do tempo que faciliten que o seu persoal poida organizarse mellor, ao tempo que se mellora a organización empresarial. Tamén se premiará nesta epígrafe a promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos relacionados coa actividade da empresa.

2. Nesta modalidade o xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas tales como:

a) Medidas de usos do tempo que faciliten que o seu persoal poida organizarse mellor e que incidan na mellora da organización empresarial.

b) Promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos relacionados coa actividade da empresa.

c) A reorganización de tempos e espazos, como salas de repouso para mulleres embarazadas.

d) Recursos e estruturas para o coidado doutras persoas.

e) Medidas que posibiliten o desenvolvemento persoal.

f) Modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, co fogar ou co traballo.

g) Promoción interna nos niveis en que as mulleres estean en menor proporción cós homes.

h) Garantía de igualdade retributiva.

i) Apoio explícito ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

j) Emprego de mozas.

k) Presenza de mulleres nos órganos de goberno e administración da empresa e outras similares.

l) Desenvolvemento de medidas innovadoras para a conciliación tales como teletraballo, flexibilidade horaria, sistemas de compensación de días e horas, xornadas intensivas ou comprimidas, permisos especiais para situacións de emerxencia, xornadas especiais en períodos de vacacións escolares.

Artigo 11. Presentación de propostas

1. As propostas das candidaturas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das candidaturas será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as candidaturas en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa propoñente ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No caso de que algún dos documentos que presente de forma electrónica a persoa propoñente ou representante supere os límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Por iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa propoñente desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da candidatura, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 12. Documentación

1. Xunto coa candidatura deberá presentarse a seguinte documentación, orixinal ou copia cotexada:

a) No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade da persoa que presenta a candidatura no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE da persoa física que fai a proposta.

b) Criterios de valoración dos distintos proxectos, medidas ou iniciativas levados a cabo (anexo II).

c) Proxectos, medidas ou accións desenvolvidos pola empresa en materia de RSE, segundo a/as modalidade/s ou recoñecemento/s polos cales presenta a súa candidatura (anexo III).

d) Documentación acreditativa do domicilio social da empresa candidata ou de que posúe centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Documentación acreditativa do número de persoas traballadoras con que conta a empresa, referida ao período do último mes anterior á data de publicación desta orde de convocatoria.

f) Memoria explicativa, cun máximo de 10 folios a dúas caras, asinada pola persoa que propón a candidatura ou por quen representa a candidata, en que se expoñan os méritos e as circunstancias que concorran, en desenvolvemento do indicado nos anexos II e III, que deberá conter:

Identificación e descrición da empresa candidata, que terá en conta os criterios de valoración establecidos nesta orde, en que se detallarán os méritos alegados, as accións desenvolvidas pola empresa, coa indicación dos datos máis relevantes como período de execución, obxectivos fixados, persoas da organización implicadas, achega financeira, resultados obtidos, así como plans futuros de implantación de novas medidas con indicación, neste caso, do prazo de execución.

No caso de concorrer a máis dunha modalidade, deberá empregarse un anexo por cada unha das modalidades.

g) Poderá xuntarse o material adicional que se coide pertinente para a presentación da proposta, como fotografías e vídeos.

h) Respecto das certificacións (ISO, Pacto mundial, GRI, EFR...) ou calquera outro mérito alegado, deberase xuntar a súa xustificación. Para aquelas empresas que estean en proceso de consecución no momento de se presentaren ao premio, deberase achegar documentación fidedigna que garanta a súa obtención. No caso de ter un sitio web, deberá indicar a páxina ou páxinas en que se dedican a responsabilidade social. Os sitios web deberán cumprir o disposto na Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. O xurado poderá requirir das entidades participantes toda aquela información ou documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados e para verificar calquera aspecto referente á documentación achegada.

Artigo 13. Xurado

1. O xurado, no cal se procurará unha presenza equilibrada de homes e mulleres, estará composto polas seguintes persoas:

a) A presidencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

– Unha persoa en representación de cada unha das consellerías de Economía, Emprego e Industria; de Política Social e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, designadas polas persoas titulares das ditas consellerías, con rango non inferior a subdirector/a xeral.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.

c) Así mesmo, formarán parte do xurado dúas persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial, designadas pola presidencia deste.

2. Actuará como secretario/a deste xurado un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con voz e sen voto.

3. A presidencia designará os membros do xurado e procederá á súa convocatoria e constitución. Así mesmo, fará público o nome das persoas membros na páxina web: http://rse.xunta.es

4. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple. O voto da persoa titular da presidencia dirimirá no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

6. O xurado poderá conceder premios compartidos ou declarar o premio deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para ser galardoadas.

7. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan suscitarse con motivo dos premios.

8. A resolución do xurado será inapelable.

Artigo 14. Xestión, concesión e retirada

1. A xestión dos premios corresponde á Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. A presidencia elevará a proposta do xurado á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, quen resolverá a concesión do premio.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do premio ás candidaturas presentadas será de tres meses desde que remate a presentación de candidaturas. No caso de non se resolver en prazo, entenderase que o premio non foi concedido.

4. A resolución de concesión farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://rse.xunta.es

5. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ante os incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade, poderá retirar o premio concedido mediante a apertura e tramitación dun expediente que se rexerá polas disposicións administrativas contidas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 15. Emenda da proposta de candidatura

O defecto na proposta de candidatura seralles notificado ás persoas propoñentes e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación dos premios o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Arraigo en Galicia da empresa candidata, determinado polo número de anos que a empresa leve implantada na comunidade autónoma.

b) Memorias de sustentabilidade ou de RSE. No caso de se elaboraren, deberán indicar os anos a que corresponden. Só se terán en conta as memorias presentadas nos tres últimos anos precedentes a esta convocatoria. As memorias deberán estar elaboradas segundo estándares ou normas internacionais, nacionais ou mediante Xunta Pro RSE. Así mesmo, deberá indicarse se están verificadas ou non.

c) Existencia de certificacións en materia de RSE.

d) Alcance xeográfico. En función de se os proxectos, medidas ou iniciativas que realiza en materia de RSE benefician á empresa, ao concello, á provincia, etc.

e) Grao de implantación dos ditos proxectos, medidas ou iniciativas. Estará reflectido pola porcentaxe de fases que prevén facer de cada un e as que xa levaron a cabo.

f) Resultados obtidos ou indicadores de seguimento. Segundo o tipo de proxecto de que se trate, deberán reflectir os resultados ou indicadores de cada proxecto, acción ou medida, por exemplo: unidades realizadas ou aforradas; colectivos, entidades, ámbitos.

g) Innovación. Determinarase en función de se os proxectos, medidas ou iniciativas que presentan son innovadores.

h) Permanencia no tempo dos proxectos, medidas ou iniciativas implantadas. Deberá indicarse o tempo que se prevé que duren.

i) Só no caso de haber beneficiarias directas, número de persoas traballadoras da empresa beneficiarias, distinguindo entre mulleres e homes.

j) Só no caso de haber beneficiarias directas, número estimado de persoas beneficiarias en xeral, cuantificando mulleres e homes.

k) Posible transferencia da solución a outras empresas. Deberán indicar se os proxectos ou medidas levadas a cabo poden ser realizadas por outras empresas ou son exclusivas da candidata.

l) Número e identificación das organizacións implicadas nos proxectos, medidas ou iniciativas implantadas.

2. Cada unha das epígrafes terá unha valoración máxima de 10 puntos. Cada candidatura poderá lograr un máximo de 120 puntos.

3. O xurado poderá verificar na empresa a aplicación das boas prácticas alegadas.

Artigo 17. Fases do procedemento de avaliación e outorgamento

1. Fase I: presentación das propostas para a obtención dos premios RSE Galicia, de acordo co establecido nesta convocatoria.

2. Fase II: estudo, por parte das dúas persoas expertas en RSE, das memorias presentadas polas entidades participantes.

3. Fase III: emisión e entrega ao xurado dos informes realizados, a través dos que o xurado determinará cales son as candidatas finalistas e cales as gañadoras.

4. Fase IV: deliberación dos membros do xurado e proposta da presidencia das candidaturas gañadoras á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

5. Fase V: concesión do premio nas súas distintas modalidades e entrega deste, distinguindo os finalistas, se os houber, co correspondente recoñecemento.

Artigo 18. Promoción dos premios

1. A entidade galardoada poderá facer publicidade da dita concesión en anuncios, publicacións e memorias, especificando o ano en que foi premiada, así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación, de acordo coa imaxe gráfica do premio desenvolvida pola entidade organizadora.

2. A Consellería de Economía, Emprego e Industria procurará a maior difusión destes premios da información, de carácter non persoal, subministrada polas empresas premiadas e finalistas en publicacións, web rse.xunta.es, redes sociais, medios de comunicación e demais ferramentas de divulgación.

Artigo 19. Consentimento e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de propostas de candidatura incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das candidaturas serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano s/n 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file