Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 1 de xullo de 2016 Páx. 28060

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ames (expediente IN407A 2015/267-1).

Expediente: IN407A 2015/267-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: LMT, CT Ortoño.

Concello: Ames.

Feitos.

1. O 11 de setembro de 2015, o promotor solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– Reforma da liña eléctrica de media tensión aérea SNT 822, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,086 km, coa orixe en apoio nº D 22-44 da LMT SNT822, condutor tipo LA-56 mm2 e final no apoio nº D 22-45 da LMT SNT822.

– Liña eléctrica de media tensión subterránea (actuación nº 1), a 20 kV, cunha lonxitude de 0,025 km, coa orixe no apoio nº D 22-45 da LMT SNT822, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 1×240 mm2 Al e final novo CT Ortoño (proxectado).

– Liña eléctrica de media tensión subterránea (actuación nº 2), a 20 kV, cunha lonxitude de 0,030 km, coa orixe e fin na LMT SNT 834, condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 1×240 mm2 Al unha vez entra e saia do novo CT Ortoño (proxectado).

– Novo centro de tranformación prefabricado Ortoño, cunha potencia de 400 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 29 de outubro de 2015.

– DOG: 30 de novembro de 2015.

– BOP: 18 de novembro de 2015.

– Xornal La Voz de Galicia: 23 de decembro de 2015.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 14 de decembro de 2015.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período no que se someteu ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións.

María Josefa Tembra Martínez, mediante escrito do 10 de decembro, solicita a resituación da localización do centro de transformación alegando en síntese o seguinte:

A situación do CT proxectado, así como o actual, anulan casi completamente a entrada á súa propiedade.

Destas alegacións déuselle traslado ao promotor que contestou:

– Escrito con data do 28 de xaneiro de 2016, no que se valoran as alegacións presentadas por María Josefa Tembra Martinez, no que en síntese manifesta o seguinte:

As instalacións foron proxectadas segundo o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09. No punto 1.5.1 da ITC-LAT07 literalmente di: «as liñas eléctricas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de lograr unha solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose, en todo caso, ás prescricións que nesta instrución se establecen».

Non existen limitacións ou prohibicións á constitución de servidume de paso desta instalación.

Son os solicitantes da modificación do trazado os que teñen a obriga de acreditar o cumprimento conxunto das condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 223/2008, sen que a Sra. Tembra presentase ningún estudo ou dato que o demostre.

A modificación do trazado da liña xeraría novas afeccións a terceiros.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 194, do 9 de outubro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar a localización das instalacións, non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións do promotor, cómpre sinalar que non procede atender a solicitude por non achegar unha proposta concreta de trazado alternativo da liña para ser avaliada.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar perante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e do ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 10, do 14 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 2 de xuño de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña