Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 7 de xullo de 2016 Páx. 28948

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de xuño de 2016 pola que se amplía o crédito da Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes pertencentes a comunidades de propietarios de edificios en réxime de propiedade horizontal radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2016 (código do procedemento IN532A).

A través da Orde do 28 de decembro de 2015 (DOG núm. 249, do 31 de decembro) convocáronse para o ano 2016 as axudas destinadas á renovación total ou parcial de ascensores existentes, en réxime de concorrencia non competitiva.

O artigo 3 das bases reguladoras da Orde do 28 de decembro de 2015, relativo ao crédito orzamentario destinado ás axudas, establece que se destinará unha contía de 700.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.732A.781.0, e no artigo 1.3 prevese a posibilidade de incrementar as ditas cantidades en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, feito este que non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Para tramitar os expedientes de axuda desta convocatoria o crédito orzamentario inicial deberase incrementar para atender as necesidades de fondos para a súa tramitación, polo que a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos tramitou unha xeración de crédito, adscribindo á aplicación 09.20.732A.781.0 Plan renove de ascensores un importe total de 800.000 euros.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificar o artigo 3 das bases reguladoras da Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 28 de decembro de 2015, no referente ao crédito orzamentario destinado, incrementando este en 800.000 euros, pasando de 700.000 euros á cantidade final de 1.500.000 euros.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria