Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 7 de xullo de 2016 Páx. 28969

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2016, da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, pola que se convoca a provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, do posto de xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orden da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG nº 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro (DOG nº 47, do 7 de marzo) polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG nº 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos e se aproban os seus estatutos (DOG nº 197, do 15 de outubro),

RESOLVE:

Convocar, para a súa cobertura polo procedemento de avaliación colexiada, a provisión do posto de xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, segundo as seguintes

Bases

Primeira. Obxecto, funcións e retribución do posto de traballo

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión do posto de xefatura da Área de Sangue, compoñentes sanguíneos e hemoderivados da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, polo procedemento de avaliación colexiada.

As funcións do posto convocado serán as de organización e xestión da área, e a coordinación, se é o caso, das unidades funcionais existentes nesta, á marxe das que lle puidesen ser especificamente encomendadas pola dirección.

As retribucións serán as que correspondan en aplicación das ordes anuais da Consellería de Facenda polas que se diten as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Segunda. Requisitos para participar na convocatoria

Poderán participar na presente convocatoria os interesados que na data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes reúnan os seguintes requisitos que, para o caso de resultar adxudicatario do posto convocado, se deberán manter ata o momento de toma de posesión:

1. Estar en posesión do título universitario oficial de grao ou de licenciado/a ou doutor/a en Medicina e Cirurxía e título de médico/a especialista expedido polo Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte, na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia.

2. Ter a condición de persoal estatutario fixo licenciado sanitario na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia, en situación de servizo activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde ou ser titular de praza vinculada docente-asistencial na mesma especialidade.

3. Tres anos de experiencia profesional na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde ou desempeñando praza vinculada docente-asistencial na mesma especialidade.

Terceira. Solicitudes e documentación

Os interesados en participar na convocatoria deberán presentar solicitude, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II, que estará á súa disposición nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos e na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)

Xunto a solicitude deberá achegarse a seguinte documentación acreditativa dos requisitos e méritos do interesado:

1. Documento de identificación: fotocopia do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade, debidamente compulsados.

2. Certificación expedida polo servizo de saúde correspondente, de que ten a condición de persoal estatutario fixo licenciado sanitario en situación de servizo activo, en categoría e especialidade que habilite para o acceso ás prazas básicas da correspondente unidade. No suposto de desempeñar praza vinculada docente asistencial, certificación expedida polo órgano competente da correspondente universidade.

3. Certificación expedida polo/s servizo/s de saúde correspondente/s, acreditativo dos tres anos de experiencia profesional na categoría que ten de licenciado sanitario, na especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia, nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, ou no caso de praza vinculada docente-asistencial, certificación emitida polo órgano competente que acredite a mesma experiencia.

4. Currículo profesional. Atenderase á experiencia profesional e ás actividades, docentes e de investigación, indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño das correspondentes funcións e, de ser o caso, a implicación dos aspirantes na xestión mediante a xefatura e coordinación de unidades e equipos, as titorías e organización de formación, así como a participación en comités internos ou proxectos institucionais. A acreditación dos méritos alegados deberá facerse mediante a presentación de fotocopia compulsada.

Só se terán en conta os méritos que o interesado reúna ata o día inmediatamente anterior a data de publicación da convocatoria e que sexan acreditados dentro de prazo de presentación de solicitudes.

5. Proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo, que conterá un programa de obxectivos deste, cuantitativos e cualitativos en relación cos obxectivos fixados polo órgano convocante, e que se recollen como anexo I da presente resolución. O proxecto orixinal presentarase en sobre pechado e en soporte dixital non modificable para a súa remisión aos membros da comisión de avaliación.

6. No caso de que o aspirante queira facer constar na solicitude de participación o compromiso de desempeño da xefatura convocada en réxime de dedicación exclusiva coa institución deberá achegar solicitude de percepción de complemento específico formulada no modelo que figura como anexo III da presente resolución.

A documentación correspondente aos números 4) e 5) das presentes bases deberá ser achegada necesariamente xunto coa solicitude e non será, en ningún caso, susceptible de emenda nun momento posterior. No caso de insuficiente acreditación dos requisitos de admisibilidade exixidos na convocatoria, poderán ser emendados no prazo que estableza a lista provisoria de admitidos e excluídos, de conformidade co establecido na base sexta da convocatoria.

A documentación do punto 4), xunto coa documentación de posuír a titulación e especialidade requirida, deberán ser rexistrados logo de acceso ao expediente-e (expediente electrónico profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011, DOG nº 139, do 20 de xullo), e todos eles deberán ser validados no sistema informático expediente-e.

Cuarta. Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación que se achegará sinalada na base terceira, preferentemente no Rexistro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita en avenida Monte da Condesa, s/n, 15706 Santiago de Compostela, e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Será causa de inadmisión no citado procedemento de provisión a presentación extemporánea da solicitude polo interesado.

Os aspirantes quedan vinculados aos datos que fixesen constar na súa solicitude. O domicilio que figure nesta considerarase como o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do candidato, tanto os erros na consignación deste como a falta de comunicación de calquera cambio de domicilio.

Quinta. Sistema de selección

A selección do aspirante ao posto convocado levarase a cabo, segundo o disposto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatuario do Servizo Galego de Saúde, e da Orde do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, polo procedemento de avaliación colexiada, na que se tomará en conta, tanto o currículo profesional como o proxecto técnico.

Sexta. Admisión de aspirantes

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano convocante ditará resolución, que se publicará no xeito definido na base décimo segunda da presente convocatoria, e na cal se declarará aprobada a lista provisoria de admitidos e excluídos, indicando, neste último caso, a causa de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de cinco (5) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión.

Para tal efecto, a estimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, contra a cal se poderá interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva.

Sétima. Comisión de avaliación

Para a selección dos aspirantes, constituirase unha Comisión de Avaliación, que terá como finalidade avaliar a competencia dos candidatos e os méritos acreditados, e elevar a correspondente proposta de adxudicación do posto á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

A Comisión de Avaliación estará integrada por cinco membros designados pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Terá a seguinte composición:

– Por proposta da directora de Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos, catro membros que terán a condición de persoal estatutario fixo, licenciado sanitario, en situación de activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, titular de praza docente asistencial do mesmo nivel ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, cando menos dous terán a condición de xefe/a de dervizo e dous, cando menos, a condición de facultativo especialista de Hematoloxía e Hemoterapia.

– Por proposta da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, un membro, que terá a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, ou titular de praza docente-asistencial do mesmo nivel.

A Comisión será asistida por un secretario de actas designado polo órgano convocante entre persoal funcionario do corpo superior ou estatuario fixo, de xestión e servizos, do grupo superior de clasificación.

O órgano convocante publicará, na forma establecida na base décimo segunda, a resolución pola que se nomean os membros da Comisión de Avaliación.

Os citados membros deberán absterse de intervir, notificándollo ao órgano que efectuou o seu nomeamento, cando concorran neles algunha das circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, os aspirantes poderán recusar os membros da comisión cando concorran as circunstancias previstas no citado artigo.

No seu funcionamento, esta comisión rexerase polo establecido no título II, capitulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para efectos de comunicacións, a Comisión terá a súa sede na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na avenida Monte da Condesa, s/n, 15706 Santiago de Compostela.

Correspóndelle á Comisión de Avaliación nos termos e cos límites establecidos no anexo IV da resolución de convocatoria o seguinte:

– Concretar na valoración do currículo dos aspirantes a puntuación que se outorgarán polos méritos baremables, así como baremar os méritos achegados polos solicitantes.

– Convocar os aspirantes para a celebración do acto público de defensa do currículo profesional e proxecto técnico.

Entre a citación indicada e a súa celebración deberá mediar un prazo mínimo de cinco días. A orde de actuación dos aspirantes perante a Comisión de Avaliación iniciarase alfabeticamente polo apelido a partir da letra que resultou dun sorteo, de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2015 (DOG nº 28, do 11 de febreiro). Aqueles aspirantes que, tendo sido convocados en tempo e forma, non comparezan serán excluídos do citado procedemento de provisión.

– Valorar o compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura.

Tras o acto público referido, a comisión elaborará un informe razoado, axustado a criterios previamente establecidos, sobre a avaliación dos aspirantes, con asignación da puntuación desagregada nos puntos de currículo profesional, proxecto técnico e, se é o caso, compromiso de dedicación exclusiva.

Unha vez finalizada a valoración, procederase a publicar pola comisión de avaliación, na forma establecida na base décimo segunda, a listaxe provisional coas puntuacións, desagregadas por puntos, asignadas aos aspirantes, ou a proposta da Comisión de que se declare deserta a convocatoria, con apertura dun prazo de quince (15) días hábiles para a presentación, de ser o caso, de reclamacións.

Despois da valoración das reclamacións pola comisión avaliación, publicarase a listaxe coas puntuación definitivas ou ratificación da proposta de que se declare deserta a convocatoria. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma establecida na base décimo segunda.

A convocatoria quedará deserta cando no concorran aspirantes que reúnan os requisitos exixidos ou logo da proposta da Comisión no suposto de que ningún dos aspirantes acade 15 puntos na avaliación do proxecto técnico de xestión do servizo.

Oitava. Resolución

A resolución, co nomeamento do aspirante, de ser o caso, seleccionado, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Toma de posesión

O aspirante seleccionada deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente, que non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Décima. Avaliación do desempeño da xefatura

Consonte o disposto no artigo 43 do Decreto 206/2005, de provisión de postos de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e o artigo 11 da Orde do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, o aspirante nomeado será avaliado antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento para os efectos de prorrogar o desempeño da xefatura por idéntico período de tempo ou proceder á súa remoción do posto de traballo. Neste último caso, darase audiencia previamente ao interesado.

Undécima. Cesamento

Se prexuízo do disposto na base décima, os profesionais nomeados poderán ser cesados polo/a director/a por causas sobrevidas, derivadas tanto dunha reordenación da estrutura xerárquica da institución como da falta de capacidade para o desempeño do posto.

O incumprimento polo profesional nomeado do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o seu nomeamento.

Duodécima. Normas xerais

A publicación dos actos e resolución que se diten na tramitación deste procedemento realizarase no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es)

No non previsto na presente convocatoria, aplicaranse supletoriamente as disposicións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra a presente resolución, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2016

María Luisa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO I
Plan de obxectivos
Xefe/a da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados

O proxecto debe, como mínimo, definir e desenvolver aspectos asistenciais, de investigación e docencia, nas áreas que se especifican a continuación:

1. Liderado, planificación e estratexia.

Obxectivo

Indicador

1. Definir a misión da Área de Sangue dentro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

– Elaboración do documento marco do funcionamento da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados, dentro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

2. Establecer as liñas estratéxicas da área tendo en conta as necesidades das diferentes unidades funcionais da Axencia, así como as necesidades de doantes, servizos de transfusión hospitalarios, provedores o socios tecnolóxicos

– Elaborar un documento de objetivos coa dirección da Axencia

3. Analizar a carteira de servizos e as necesidades de adaptación destas a novos contornos sociais, incluíndo as novas tecnoloxías e sistemas de información

– Informe de revisión da carteira de servizos

– Definición das áreas de especialización

4. Establecer as liñas de relacións transversais entre as diferentes unidades co fin de mellorar a eficiencia nos procesos

– Procesos

2. Planificación, xestión e mellora dos recursos humanos.

Incluirá o persoal facultativo adscrito ás distintas unidades funcionais (UU.FF.), traballadores doutras categorías profesionais pertencentes ás ditas UU.FF., así como a persoal en formación.

Abordará aspectos como a organización do traballo, a formación continuada, a motivación, a comunicación e o recoñecemento.

Obxectivo

Indicador

5. Elaborará unha planilla mensual de plan de traballo, confrontándoo cos facultativos das diferentes unidades

– A área poñerá á disposición da dirección da Axencia o Plan de traballo mensual

6. Elaborará e fará chegar á dirección da Axencia, o Plan de formación continuada anual do persoal facultativo da área

– Plan de formación anual

3. Planificación e avaliación de alianzas internas e externas con:

Obxectivo

Indicador

7. Desde a Área da Sangue estableceranse alianzas de mellora do funcionamento e a eficiencia con: servizos de transfusión hospitalarios, provedores, centros de transfusión doutras CC.AA., grupos de traballo en áreas relacionadas con rede hemoterápica, etc.

– Reunións de seguimento da actividade: establecemento de accións de mellora

– Protocolos e procedementos cos servizos de transfusión hospitalarios que mellore o funcionamento entre servizos e garante a continuidade asistencial

– Plan de participación en comités, plans e grupos de traballo a nivel da CC.AA. de Galicia e SNS

4. Identificación, deseño, xestión e mellora de procesos:

Obxectivo

Indicador

8. Identificar os procesos de maior transcendencia na Área da Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados

– Elaborar un mapa de procesos da área

9. Para os procesos operativos: deseñar, desenvolver, implantar e definir responsabilidades, avaliar e planificar melloras

– Resultados de avaliación de cada proceso

5. Resultados clave da área.

Obxectivo

Indicador

10. Identificar os resultados clave da área e a forma de evidencialos

– Relación de indicadores claves (asistenciais, de investigación e docencia), con revisión anual

11. Definir os indicadores dos resultados clave e os seus estándares nas áreas asistenciais, de calidade, seguridade e investigación

– Cadro de mandos da área

12. Cumplir os objetivos recollidos no Plan de acción anual da Axencia

– Cadro de mandos da área

6. Resultados sobre os doantes, os pacientes, os profesionais e a sociedade.

Obxectivo

Indicador

13. Identificar que ten que conseguir a área sobre doadores, pacientes, profesionais e sociedade e como o identifica

– Relación e revisión anual de indicadores e estándares

14. Establecer os mecanismos de avaliación e medición dos indicadores que incidan sobre doantes, pacientes, profesionais e sociedade e que sexan coherentes coas liñas estratéxicas previamente establecidas

– Informe anual de resultados

ANEXO II
Solicitude de participación na convocatoria do posto de xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Resolución da Axencia:

Nº DOG:

Data DOG:

DATOS PERSOAIS

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Poboación:

Provincia:

Teléfonos:

Correo electrónico:

Data de nacemento:

Publicada a convocatoria indicada ao principio, pola que se convoca a provisión do posto de xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados e reunindo os requisitos necesarios,

Solicita:

Sea admitida a presente solicitude para participar na convocatoria para cobertura da praza convocada, e declara que son certos os datos que figuran na solicitude.

................................................., ...... de .................................... de 2016

Sinatura

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Avenida Monte da Condesa, s/n

15706 Santiago de Compostela

Modelo de relación de documentos que se achegan

Documentos e declaración que xunta a esta solicitude:

□ Copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade do solicitante.

□ Certificación acreditativa de ter praza en propiedade como persoal estatutario en situación de servicio activo e con tres anos de experiencia na categoría que teña ou de desempeñar praza vinculada docente-asistencial cos mesmos requisitos.

Curriculum vitae.

□ Proxecto técnico.

□ Orixinais ou copias compulsadas da titulación e dos justificantes dos méritos achegados.

□ Manifesta expresamente o seu compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria xuntando, se é o caso, o anexo III, debidamente formalizado ou declaración xurada de desempeñar praza vinculada docente-asistencial nesa mesma condición.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2016

Asdo.: ...

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Avenida Monte da Condesa, s/n

15706 Santiago de Compostela

ANEXO III
Solicitude condicionada de percepción do complemento específico do posto da xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Datos persoais

Apelidos e nome

Categoría estatutaria

Centro sanitario

Expón:

Primeiro. Que, de acordo co establecido no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (DOG nº 17, do 25 de xaneiro), opta por desempeñar os seus servizos paro o Servizo Galego de Saúde en réxime de dedicación exclusiva.

Segundo. Que non desempeña ningunha outra actividade pública ou privada pola que perciba retribución ningunha que, de acordo coa Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades, resulte incompatible coa percepción do complemento específico previsto no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.

Por todo lo anterior,

Solicita:

Que lle sexa aceptada a opción de prestación dos seus servizos en réxime de dedicación exclusiva, coa conseguinte percepción do complemento específico que corresponda de acordo co sistema retributivo vixente.

Sen prexuízo do anterior, a validez e eficacia da presente solicitude queda condicionada á efectiva adxudicación do posto convocado de xefe/a da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados ao asinante. De non resultar adxudicatario do citado posto considerarase a solicitude, como non presentada e sen validez.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2016

Asdo.:

ANEXO IV
Avaliación do currículo profesional, proxecto técnico e dedicación exclusiva:
xefatura da Área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados

1. A puntuación total máxima do currículo profesional e do proxecto técnico será de 60 puntos ca seguinte ponderación:

1.1. Baremación do currículo profesional (máximo 30 puntos).

De conformidade coa base terceira da convocatoria os méritos do currículo profesional configúranse co carácter de méritos avaliables obrigatoria e opcionalmente. O carácter, duns e doutros, especificase a continuación:

– De valoración obrigatoria.

• Experiencia profesional.

• Actividade formativa, docente e investigadora.

En todos os casos indicativos da actualización dos coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño da correspondente especialidade.

– De valoración opcional.

• Xefaturas e coordinación de unidades e equipos.

• Titorías.

• Organización de formación.

• Participación en comités internos.

• Participación en proxectos institucionais.

1.2. Baremación do proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo (máximo 30 puntos).

O proxecto será presentado e defendido ante a comisión de avaliación nun acto público pola orde resultante dun sorteo. No mesmo acto, o aspirante defenderá a adecuación do seu currículo profesional ás características do posto de traballo e o plan de obxectivos fixados no anexo I.

2. Dedicación exclusiva.

Asignarase ao compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura, unha puntuación adicional de 40 puntos.