Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29619

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión consistente na elaboración dun informe técnico de supervisión de proxectos de obras comprendidas no ámbito competencial da Secretaría Xeral para o Deporte.

De conformidade cos artigos 8.4 e 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para realización dun informe técnico de supervisión do proxecto de obra de instalación dunha pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral de Expourense, en canto que a natureza das actuacións comprendidas no correspondente proxecto de obras se corresponde coas competencias e funcións atribuídas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Secretaría Xeral para o Deporte carece dos medios persoais axeitados para a realización de tal actividade técnica.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao realizarse entre órganos (Consellería de Infraestruturas e Vivenda e Instituto Galego da Vivenda e Solo) dotados de personalidade xurídica propia e ser o Instituto Galego da Vivenda e Solo medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela.

– Prazo de vixencia: desde a súa sinatura, que tivo lugar o 20 de xuño de 2016, ata o 31 de decembro de 2016.

– Supostos nos que proceda a finalización anticipada da encomenda: incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou mutuo acordo.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda