Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29622

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 17 de xuño de 2016 pola que se fai pública a ampliación de crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316A), publicada no Diario Oficial de Galicia número 249, do 31 de decembro de 2015.

O día 31 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316A).

Na antedita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas serán con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.780.1 «Plan de utilización da pedra natural na envolvente de edificios», sendo o orzamento máximo destinado a esta convocatoria de 300.000,00 €.

No artigo 4 das bases reguladoras da Orde do 28 de decembro de 2015, establécese que se poderá ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Do mesmo xeito, recóllese que a ampliación de crédito se publicará nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Tendo en conta que o crédito inicial da convocatoria non abonda para atender todas as solicitudes presentadas e que existe crédito susceptible de ser utilizado para este fin, derivado dunha xeración, considérase conveniente ampliar o importe inicial en 100.000,00 €, de maneira que se acade un maior grao de execución orzamentaria.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 28 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN316A), por un importe de 100.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.734A.780.1 «Plan de utilización da pedra natural na envolvente de edificios». Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 400.000,00 €.

Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria