Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29645

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2016 pola que se convocan as actividades de formación de conformidade co convenio de colaboración asinado coas consellerías de Política Social, Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 9 de xuño de 2016 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e as consellerías de Política Social, Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación en materia de atención temperá, convócanse diversas actividades formativas.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2016

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Persoal empregado público, dependente das consellerías de Política Social, Sanidade, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e persoal empregado nos servizos sociais comunitarios, vinculado á atención temperá. De quedaren prazas vacantes, poderán participar outros/as profesionais dependentes das administracións mencionadas que interveñan profesionalmente con menores de 0-6 anos de idade.

• Profesionais dos equipos de atención temperá dependentes de servizos sociais municipais, da Consellería de Política Social e/ou do Sergas.

• Profesionais do sistema educativo, empregadas/os da Consellería de Educación, que interveñan directamente con menores de 0-6 anos, en materia de desenvolvemento persoal.

• Profesionais da Rede de escolas infantís públicas de Galicia dependentes das distintas administracións públicas.

• Profesionais técnicos/as dos servizos sociais comunitarios municipais, preferentemente, profesionais con responsabilidades no programa de intervención familiar municipal.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web http://egap.xunta.es.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Non está permitida a realización de actividades de formación que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais das actividades. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumnado pasará ao final das listaxes de todas as actividades formativas que solicite e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54, 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es.

Cuarta. Criterios de selección

1. Terán prioridade os/as profesionais que traballen nos equipos de atención temperá e, en segundo lugar, o persoal que traballe directamente con menores de 0-6 anos de idade.

2. A selección de participantes realizarase conxuntamente entre a Consellería de Política Social, a Consellería de Sanidade, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Servizo de coordinación dos servizos sociais comunitarios.

3. Os criterios selectivos de carácter xeral da Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro) serán de aplicación en todo o que non sexa contraditorio coa aplicación dos criterios específicos sinalados.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2016, segundo a Resolución do 3 de febreiro (DOG do 12 de febreiro), comezarase pola letra O.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

a) Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, que emitirá un informe en que se declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Para a obtención do certificado de asistencia, o alumnado deberá participar con regularidade e dedicación no desenvolvemento da acción formativa. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Consellería de Política Social poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Consellería de Política Social resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Consellería de Política Social garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II
Curso: A intervención profesional dos equipos de atención temperá
nos trastornos da conduta

Código: CV16022

Tipo: específico

Área formativa: Consellería de Política Social

Cualificación: aproveitamento

1. Obxectivos.

Segundo as avaliacións dos profesionais da atención temperá, nos últimos anos estase a producir un aumento na demanda das familias relacionada coas condutas dos menores e os trastornos da conduta.

Algúns destes trastornos poden reducirse a determinados comportamentos, directamente relacionados co tipo de crianza ou coas características da interacción entre o neno ou nena e o seu medio e non sempre supoñen un trastorno para o seu desenvolvemento normalizado, aínda así a actuación profesional é de suma importancia, polo risco que pode supor para o futuro do/a menor un comportamento disfuncional.

Nos casos en que se diagnostica un trastorno de conduta, baixo comportamentos de aparencia semellante, poden detectarse diferentes problemáticas subxacentes; desde situacións asociadas aos conflitos que acompañan o desenvolvemento normal, ata diversas patoloxías psiquiátricas consolidadas. Igualmente, poden aparecer vinculadas a dificultades da aprendizaxe, en áreas concretas ou da aprendizaxe en xeral e a relacións e interaccións conflitivas entre os/as menores e os seus diversos contornos (familiar, escolar, institucional). A diferenciación da complexidade e a diversidade dos diversos motivos, causais ou asociados a estes trastornos, e a identificación dos factores de risco e de protección influíntes, será determinante para decidir as intervencións preventivas ou terapéuticas máis adecuadas.

Nesta acción formativa tratarase de recoñecer as distintas tipoloxías de trastornos de conduta e, ao mesmo tempo, achegar os modelos de intervención máis actuais e que se mostren máis eficientes na intervención con nenos e nenas con este tipo de dificultades.

2. Destinatarios.

Persoal empregado público, dependente das Consellerías de Política Social, Sanidade, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e persoal empregado nos servizos sociais comunitarios, vinculado á atención temperá. De quedaren prazas vacantes, poderán participar outros/as profesionais dependentes das administracións mencionadas que interveñan profesionalmente con menores de 0-6 anos de idade.

• Profesionais dos equipos de atención temperá dependentes de servizos sociais municipais, da Consellería de Política Social e/ou do Sergas.

• Profesionais do sistema educativo, empregadas/os da Consellería de Educación que interveñan directamente con menores de 0-6 anos, en materia de desenvolvemento persoal.

• Profesionais da rede de escolas infantís públicas de Galicia dependentes das distintas administracións públicas.

• Profesionais técnicos/as dos servizos sociais comunitarios municipais, preferentemente, profesionais con responsabilidades no programa de intervención familiar municipal.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 20 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas: 20, 21 y 22 de setembro de 2016.

Horario: os días 20 e 21 en horario de mañá e tarde, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas. O día 22 das 9.30 ás 14.30 horas.

Prazas: 25.

4. Contido

– Etioloxía dos distintos trastornos de conduta.

• Conduta, carácter, personalidade e contorno.

• Apego, identificación e educación.

• Xenética, herdanza, temperamento.

• Factores sociais e situacións familiares

– Trastornos da conduta de maior demanda.

– Síntomas e organizacións psíquicas.

• Clasificacións psiquiátricas.

• Alteracións da conduta asociadas a outros trastornos clínicos (o concepto de comorbilidade).

– O concepto de TDAH. Trastornos con déficit de atención-hiperactividade.

– Comportamentos perturbadores e agresivos.

* Trastorno negativista-desafiante.

* Trastorno disocial/antisocial.

* Desinhibición agresiva e sexual. Acoso e abuso (bullying)

– Patróns da conduta e trastornos mentais graves. Trastornos do espectro autista-TGD- psicoses, trastornos límite da personalidade.

– A culpabilización e a responsabilidade dos proxenitores, educadores e coidadores de menores con trastorno da conduta.

– Consecuencias dos trastornos da conduta dos menores na dinámica familiar. Estratexias de abordaxe.

– A importancia da coordinación na intervención profesional nos casos de trastornos da conduta; coordinación interinstitucional e coordinación intrainstitucional.

Curso: A atención temperá durante o embarazo e nos primeiros
anos de vida. Factores de risco e protección

Código: CV16023

Tipo: específico

Área formativa: Consellería de Política Social

Cualificación: aproveitamento

1. Obxectivos.

Debido á incidencia que teñen múltiples factores durante o embarazo, e mesmo antes, no desenvolvemento normalizado dos nenos e nenas inclúese neste plan de formación en AT 2016 a adquisición de coñecementos sobre un territorio que tamén é biopsicosocial: o campo da prevención. A interferencia e interdependencia de factores, como a xenética, a alimentación, a exposicións a produtos tóxicos, ruídos e moitos outros factores físicos e ambientais van ter repercusión na calidade de vida do neonato.

Todo isto xustifica a inclusión desta materia na formación das e dos profesionais que deben traballar con menores de 0-6 anos e as súas familias, e a prevención é un dos piares fundamentais nas políticas públicas de atención temperá de Galicia.

O papel social e comunitario de moitos equipos de atención temperá permite que teñan unha posición privilexiada no desenvolvemento de proxectos de prevención no seu territorio, tanto de prevención primaria, como secundaria e terciaria.

Neste curso veremos os aspectos que deben considerarse antes e durante a xestación, en relación coa prevención de trastornos do desenvolvemento e a incidencia de cada un deles no desenvolvemento normalizado de nenos e nenas.

2. Destinatarios.

Persoal empregado público, dependente das consellerías de Política Social, Sanidade, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e persoal empregado nos servizos sociais comunitarios, vinculado á atención temperá. De quedaren prazas vacantes, poderán participar outros/as profesionais dependentes das administracións mencionadas que interveñan profesionalmente con menores de 0-6 anos de idade.

• Profesionais dos equipos de atención temperá dependentes de servizos sociais municipais, da Consellería de Política Social e/ou do Sergas.

• Profesionais do sistema educativo, empregadas/os da Consellería de Educación que interveñan directamente con menores de 0-6 anos, en materia de desenvolvemento persoal.

• Profesionais da rede de escolas infantís públicas de Galicia dependentes das distintas administracións públicas.

• Profesionais técnicos/as dos servizos sociais comunitarios municipais, preferentemente, profesionais con responsabilidades no programa de intervención familiar municipal.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 20 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas: 17, 18 e 19 de outubro de 2016.

Horario: os días 17 e 18 en horario de maña e tarde, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas. O día 19 das 9.30 ás 14.30 horas.

Prazas: 25.

4. Contido.

– Coidados físicos e psicosociais da embarazada.

– Coidado do contorno laboral e doméstico.

– Riscos do neonato; risco neurolóxico, sensorial e risco socio-familiar.

– As idades dos proxenitores.

– Os consumos tóxicos.

– O estado emocional da futura nai. Influencia no feto.

– Vida antes do nacemento: desenvolvemento e estimulación.

– Implicación da parella ao longo de todo o proceso.

– O consello xenético.

– A vinculación afectiva entre proxenitores e o/a fillo/a acabado de nacer.

– O inicio do apego.

– Causas que poden dificultar a vinculación afectiva adecuada; separación da nai por necesidades de coidados hospitalarios.

– Evolución do/da bebé nos primeiros meses de vida, parámetros físicos, psíquicos e sensoriais.

– A aplicación práctica do protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional, da Rede galega de atención temperá.

Curso: Proceso de detección de trastornos do desenvolvemento

Código: CV16024

Tipo: específico

Área formativa: Consellería de Política Social

Cualificación: aproveitamento

1. Obxectivos.

Hai escenarios privilexiados para a detección de trastornos de desenvolvemento ou situacións de alto risco evolutivo na primeira infancia. Moitos dos ditos problemas son detectados pola propia familia, outros na escola infantil, nos servizos sociais comunitarios ou na consulta de pediatría.

A familia, e a formación da familia, desempeña un papel crucial nos procesos de detección precoz. De igual xeito, cando un neno ou nena asiste á escola infantil, as persoas que están ao seu coidado son axentes decisivos para a mencionada detección precoz.

Calquera alteración ou proceso atípico que se poida observar debe ser debidamente canalizada para poder ser valorado coa maior prontitude; esta precocidade na intervención será decisiva para a mellor evolución do neno ou nena e, polo tanto, para a súa calidade de vida no futuro.

En termos xerais, segundo a OMS, as cribaxes fan referencia aos instrumentos que permiten diferenciar persoas que probablemente teñan un determinado problema de saúde das que non a teñan, de tal xeito que as que dean resultados positivos sexan adecuadamente derivadas para ser diagnosticadas e tratadas.

No ámbito do desenvolvemento aqueles problemas evolutivos ou de socialización que derivan de anomalías con fenotipos moi característicos soen ser detectadas sen especiais dificultades. Porén, hai outras moitas situacións e factores menos visibles e que poden dar lugar igualmente a problemas no desenvolvemento de maior ou menor gravidade en que unha detección e intervención precoz poden resultar determinantes. Nestes casos o feito de poder contar cunha rede de servizos ben formada e competente na monitorización do desenvolvemento, a valoración das sinais de alerta e a realización, cando proceda, de probas de cribaxe resulta crucial para facilitar unha atención e intervención precoz.

É por isto que se dedica esta acción formativa a afondar sobre os procesos de monitorización e cribaxe dos trastornos do desenvolvemento así como sobre as prácticas e instrumentos máis habituais para unha detección eficaz.

2. Destinatarios.

Persoal empregado público, dependente das consellerías de Política Social, Sanidade, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e persoal empregado nos servizos sociais comunitarios, vinculado á atención temperá. De quedaren prazas vacantes, poderán participar outros/as profesionais dependentes das administracións mencionadas que interveñan profesionalmente con menores de 0-6 anos de idade.

• Profesionais dos equipos de atención temperá dependentes de servizos sociais municipais, da Consellería de Política Social e/ou do Sergas.

• Profesionais do sistema educativo, empregadas/os da Consellería de Educación, que interveñan directamente con menores de 0-6 anos, en materia de desenvolvemento persoal.

• Profesionais da Rede de escolas infantís públicas de Galicia dependentes das distintas administracións públicas.

• Profesionais técnicos/as dos servizos sociais comunitarios municipais, preferentemente, profesionais con responsabilidades no programa de intervención familiar municipal.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 20 horas.

Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP, rúa Madrid, nº 2-4.

Datas: 15, 16 e 17 de novembro de 2016.

Horario: os días 15 e 16 en horario de maña e tarde, das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas. O día 17 das 9.30 ás 14.30 horas.

Prazas: 25.

4. Contido.

– Detección precoz e sistemas de monitorización e cribaxe no desenvolvemento

– Metodoloxía xeral da monitorización e da cribaxe.

– Aspectos axiais do desenvolvemento típico. Monitorización, sinais de alarma e factores de risco e protección no ámbito individual, biolóxico, familiar, social e cultural. Vulnerabilidade e resiliencia.

– Instrumentos de cribaxe: obxectivos, características, requisitos e tipos. Sensibilidade. Especificidade. Validez. Fiabilidade. Adecuación poboacional e sensibilidade cultural.

– Redes de servizos. A detección precoz no ámbito social, educativo e sanitario. Administración práctica de diversos instrumentos de cribado: PEDS, ASQ, Haizea-Llevant, M-CHAT modificado, etc.

– A participación da familia no proceso de cribaxe. Consentimento informado e primeira noticia.

– A cribaxe nas distintas etapas do desenvolvemento evolutivo.

– Detección prenatal. Cromosomopatías e anomalías conxénitas e cribaxe prenatal. Técnicas analíticas. Ultrasonografía. Amniocentese. Estudos cromosómicos. Outros (xenética, resonancia, etc.).

– Detección perinatal. Técnicas de detección e cribaxe. Exploración. Espectrometría de masas. Cribaxes toxicológicas. Protocolo de cribaxe de metabolopatías. Fenilcetonuria. Hipotiroidismo e outras enfermidades raras. Protocolo de cribaxe da hipoacusia.

– Detección postnatal. Prematuridade. Factores nutricionais. Sospeitas fenotípicas. Detección precoz de trastornos neuromotores, visuais e auditivos e doutras condicións biolóxicas posnatais con risco evolutivo.