Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 12 de xullo de 2016 Páx. 29814

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de xuño de 2016 pola que se crea a oficina de Rexistro Auxiliar da Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos, pertencente ao sistema único de rexistro.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada delas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.es, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Debido á modificación da estrutura orgánica da Xunta de Galicia, mediante o Decreto 116/2015, do 4 de outubro, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, xurdiu a necesidade de crear novas oficinas de rexistro ou de modificar outras existentes para reflectir unha nova localización ou denominación.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Creación dunha oficina de rexistro auxiliar

Créase a seguinte oficina de rexistro auxiliar:

– Rexistro Auxiliar da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que ten as súas dependencias na avenida Monte da Condesa, s/n, Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza