Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 14 de xullo de 2016 Páx. 30458

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o programa Industrias do futuro 4.0 orientado a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental estratéxicos centrados en tecnoloxías industriais innovadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN854A).

BDNS (Identif.): 311886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Empresas industriais tractoras, validamente constituídas e con residencia fiscal ou un centro de traballo permanente en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 6 da presente resolución. As empresas deberán ser privadas e, atendendo ao seu tamaño, poderán ser medianas ou grandes, segundo as definicións incluídas no anterior artigo 2 para, a través do seu liderado, exerceren un efecto tractor sobre o resto de axentes do Sistema galego de innovación, especialmente entre empresas de menor tamaño.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas, pero sempre do mesmo grupo empresarial, e un organismo de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) que realicen proxectos en cooperación.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación da primeira convocatoria do programa Industrias do Futuro 4.0. Este programa, incluído no Plan de acción da RIS3 Galicia, ten por obxectivo o fomento do investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para conseguir un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar aliñados coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e coa RIS3 Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2016, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN854A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014. No caso en que se presente algún proxecto ou plan que agrupe varios proxectos, que supere os limiares de axuda fixados neste regulamento, estes proxectos serán notificados de forma individual á Comisión Europea tras unha avaliación da súa compatibilidade co Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/1) e a súa concesión quedará condicionada á aprobación previa pola Comisión.

Cómpre engadir que ao abeiro deste programa tamén poden ser beneficiarios os organismos de investigación e difusión, pero estas axudas, segundo o artigo 2 do Marco comunitario (2014/C 198/01), non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. É importante aclarar que, se o proxecto en que participa o organismo debe ser notificado á CE de forma previa á súa aprobación, a posible axuda que se conceda ao organismo tamén quedará en suspenso pendente da decisión da Comisión e axustarase a ela.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 60.000.000 de euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes desta primeira convocatoria do programa Industrias do Futuro iníciase a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de agosto de 2016.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación