Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 19 de xullo de 2016 Páx. 31433

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2016 pola que se autoriza o plan de explotación coa arte de boliche entre os meses de xullo e outubro de 2016.

O artigo 117 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o uso do boliche só se permitirá logo da aprobación do oportuno plan de explotación entre os meses de xullo e outubro.

Con base no disposto no citado artigo,

RESOLVO:

Autorizar o plan de explotación coa arte de boliche en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, baixo os seguintes termos e condicións.

1º. Participantes. Unicamente participarán no plan as embarcacións que estean en posesión do permiso de explotación en vigor no cal lle figure recoñecido o dereito a pescar coa arte de boliche.

2º. Arte. A arte a utilizar será o boliche, nas condicións establecidas nos artigos 114 ao 117 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

3º. Especies. A especie obxecto de captura será a lura e especies acompañantes, que deberán estar en época de extracción e superar o tamaño mínimo.

4º. Época autorizada e horario. De acordo co disposto no artigo 116 do citado decreto, o período autorizado de uso da arte abrangue os meses de xullo, agosto, setembro e outubro de 2016. O horario será exclusivamente diúrno, do orto ao ocaso e de luns a venres.

5º. Zona de pesca. A zona de pesca abranguerá as rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.

6º. Punto de control. Zonas de pesca, portos, centros de descarga, lonxas e centros de venda autorizados.

7º. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos.- Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: «Boliche (13A) Plan Boliche 2016 (C.A. Galicia». Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán pescar no mesmo día no ámbito do correspondente plan, e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos diarios de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vía fax (981 54 47 40) ou correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.es. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

8º. Extracción e comercialización. A presente resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

9º. Infraccións e sancións. O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO A
Declaración de capturas de embarcacións

Nome do Plan: Ano: Mes: Horario:

Nº CFPO

Nome da embarcación

Matrícula e folio

T.R.B

Nasas (1)

Nº tripulantes

Nº días traballados

Zona extracción

Especie (2)

kg

(1) Para cubrir unicamente naqueles plans en que se emprega esta arte.

(2) Cando unha embarcación capture varias especies no mesmo mes deberá cubrirse un recadro por cada especie.