Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 22 de xullo de 2016 Páx. 31990

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia.

Exposición de motivos

O acentuado ritmo de transformación social e territorial acaecido nas últimas décadas ten determinado un profundo cambio nos modelos de asentamentos da poboación en Galicia, manifestando unha tendencia ao reforzamento da actividade económica nas zonas atlánticas fronte á menor actividade nas zonas rurais. Neste contexto, produciuse un reforzamento dos asentamentos urbanos nas zonas próximas ás principais cidades do denominado «eixe atlántico», incluso con manifestacións de urbanización dispersa, xunto cunha perda relativa de poboación nos territorios interiores, nos que tamén se avanzou cara a un maior avellentamento da poboación.

Os efectos desta evolución resultan claramente perceptibles en relación co sistema de transporte público. Así, xunto cun claro incremento da demanda de mobilidade recorrente ou diaria nos contornos urbanos e metropolitanos, preséntase a necesidade de manter un sistema de transporte público sostible nos contornos rurais, nos que mesmo presenta unha nítida finalidade social como garantía de dereitos esenciais como o propio dereito á mobilidade persoal ou a servizos esenciais.

A evolución social e territorial da poboación demanda dunha resposta clara da Administración e do propio sector económico, debendo levar a unha revisión en profundidade dun mapa de servizos de transporte público que, basicamente, se construíra ao longo da primeira metade do pasado século, cando as necesidades da poboación e os seus asentamentos resultaban moi distintos dos actuais.

O novo mapa de servizos de transporte público deberá responder á dobre necesidade indicada anteriormente, garantindo, por unha parte, a maior cobertura territorial do sistema de transporte, para o que resultarán de grande utilidade as oportunidades que introducen as novas tecnoloxías na utilización de sistemas de transporte baixo demanda das persoas usuarias e, por outra parte, a resposta aos desprazamentos constantes e recorrentes en espazos cada vez máis poboados e conxestionados, contribuíndo á construción dun sistema de transporte público universal, alternativo ao vehículo particular, respectuoso co medio, e que contribúa á mellora da calidade de vida das persoas.

Para facilitar esta adaptación do sistema de transporte e do propio sector, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector do transporte público de Galicia, e, en aplicación dela, o Plan de modernización das concesións administrativas prestadoras destes servizos, o que permitiu avanzar xa a introdución de diferentes actuacións e melloras do sistema. Non obstante, logo de que o Tribunal Supremo anulase a ampliación dos prazos de vixencia daquelas concesións previsto naquela lei, deberanse programar os traballos de planificación do novo sistema de transporte público para a súa licitación consonte o previsto na normativa comunitaria, sen prexuízo de apostar polo mantemento das actuacións de modernización que faciliten ao sector de transporte público responder axeitadamente ás demandas do novo mapa de servizos.

En definitiva, esta lei dá resposta ás necesidades de planificación e definición dun novo sistema de transporte público axeitado á evolución das necesidades da sociedade, ao tempo que establece os mecanismos precisos para a transición cara a el, axustada ás necesidades xurdidas logo do pronunciamento do Tribunal Supremo, achegando a máxima seguridade xurídica tanto aos actuais prestadores como ás persoas usuarias do sistema.

En canto á estrutura da lei, configúrase como unha lei con tres artigos, unha disposición adicional, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No texto articulado, logo de dedicar o primeiro artigo a fixar o seu propio obxecto, no segundo artigo regúlase o Plan de transporte público de Galicia, como instrumento de planificación mediante o que se establecerá o novo mapa de servizos de transporte público, determínase o seu contido mínimo –que se incorpora como anexo ao texto articulado– e fíxanse as regras precisas para a súa elaboración e aprobación.

Por outra parte, logo do pronunciamento do Tribunal Supremo en relación coa ampliación de prazos das concesións que establecera a Lei 5/2009, no terceiro artigo do texto articulado fíxanse as regras para garantir a continuidade da prestación dos servizos de transporte público durante o tempo preciso para o desenvolvemento dos traballos de planificación e o novo deseño de servizos, facilitando o mantemento de actuacións relevantes de modernización do sector previstas naquela lei.

Por último, na disposición adicional establécese unha regulación precisa para, xa desde a entrada en vigor da lei, establecer servizos de transporte de reducida entidade suxeitos a obrigas de servizo público, coa máxima transparencia e participación sectorial.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia.

Artigo 1. Obxecto da lei

Esta lei ten por obxecto establecer as medidas urxentes necesarias para a actualización do sistema de transporte público de Galicia en condicións de seguridade, calidade e eficacia social e os mecanismos transitorios precisos ata acadar a dita actualización.

Artigo 2. O Plan de transporte público de Galicia

1. A actualización do sistema de transporte público de Galicia levarase a cabo mediante a aprobación do Plan de transporte público de Galicia.

Este plan é o instrumento mediante o cal se establece a ordenación dos servizos de transporte público regular da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como a coordinación do conxunto de servizos de transporte público que se desenvolvan na Comunidade Autónoma.

2. Son obxectivos do Plan de transporte público de Galicia facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental, fomentando e potenciando o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos, facilitando a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas, de xeito que se potencie a súa concepción como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á vertebración territorial da Comunidade Autónoma.

3. O Plan de transporte público de Galicia, que desenvolverá o contido establecido como anexo a esta lei, será elaborado pola consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de transportes e, logo do seu sometemento a información pública e do informe do Consello Galego de Transportes, será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

O primeiro plan de transporte público de Galicia deberá aprobarse no prazo de vinte e un meses desde a entrada en vigor desta lei, garantindo que a adxudicación dos contratos de servizo público que expirasen, así como dos novos contratos de servizo público que estableza o plan, se produza dentro do período transitorio fixado no Regulamento (CE) nº 1370/2007, do 23 de outubro de 2007, sobre os servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e estrada, e conforme o disposto nel.

4. A concreción dos servizos de transporte público contida no plan efectuarase mediante o seu desenvolvemento nos correspondentes anteproxectos de servizos, que, logo da súa tramitación consonte o disposto pola normativa sectorial aplicable, serán aprobados pola consellaría competente en materia de transportes.

Artigo 3. Garantía da prestación de servizos no período transitorio

1. Queda sen efectos a modificación dos prazos de vixencia dos contratos de servizo público de transporte regular de uso xeral introducida polo artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, considerando expirados estes contratos desde que alcancen o seu período de vixencia previo á indicada modificación, todo isto sen prexuízo da aplicación das disposicións do Regulamento (CE) 1370/2007 relativas ao seu período transitorio e á duración dos contratos.

Malia o indicado no parágrafo anterior, os servizos públicos de transporte regular de uso xeral aos que facía referencia o artigo 1 da Lei 5/2009 continuarán a ser explotados polos seus prestadores actuais ata a adxudicación e implantación dos servizos establecidos no Plan de transporte público de Galicia, de acordo cos prazos indicados no artigo anterior.

A continuidade na explotación producirase sen necesidade de requirimento previo por parte da Administración, e será obrigatoria para o prestador se no prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao de entrada en vigor desta lei, non comunica formalmente á dirección xeral competente en materia de transportes a súa renuncia expresa á devandita continuidade. No caso de renuncia neste prazo, o prestador manterá en calquera caso a continuidade na prestación dos servizos como obriga de servizo público nos termos establecidos no artigo 97.3 do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación dos transportes terrestres, durante o prazo máximo de doce meses, contados desde a data da renuncia, prazo no que a dirección xeral con competencias en materia de transportes procederá á adxudicación directa do servizo de acordo co Regulamento (CE) nº 1370/2007. No caso dos contratos que non expirasen á entrada en vigor desta lei, o prazo máximo de doce meses anteriormente citado contarase desde a data da súa expiración.

2. No período de continuidade na explotación, as empresas prestadoras dos servizos manterán, para todos os efectos, a condición de contratistas do servizo público de transporte, cuxa prestación será exixible de acordo coas condicións establecidas nos títulos contractuais aplicables o 14 de marzo de 2016 ou, se é o caso, en ulteriores modificacións ou adaptacións que se aproben para atender novas necesidades ou tráficos de relevante interese social ou por resolución de expedientes de modificación iniciados con antelación á referida data. Así mesmo, resultaranlles aplicables as previsións do Regulamento (CE) nº 1370/2007, do 23 de outubro de 2007; da Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos de viaxeiros por estrada; da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico; da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres; e do resto de normativa que resulte aplicable.

3. Durante o dito período, poderá solicitarse a novación subxectiva do prestador do servizo de transporte. Esta novación deberá ser aprobada pola consellaría competente en materia de mobilidade e virá condicionada á asunción, polo cesionario, das obrigas derivadas das condicións de explotación vixentes para o cedente.

4. En particular, durante o período de continuidade na explotación, serán exixibles as seguintes obrigas contractuais:

a) Integrar os contratos nos plans de transporte metropolitano e no novo sistema tarifario zonal.

b) Implantar un sistema de axuda á explotación de acordo co establecido na Resolución conxunta do 1 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Mobilidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se aproban as especificacións funcionais para a implantación de sistemas de axuda á explotación en toda a frota adscrita aos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular permanente de persoas de uso xeral por estrada de Galicia, e posteriores actos e actuacións efectuados ou que se deban realizar en aplicación da dita resolución.

c) Os vehículos que, durante o período de continuidade na explotación, se adscriban por primeira vez a un contrato de xestión dun servizo público de transporte regular interurbano de uso xeral da competencia da Xunta de Galicia serán accesibles para persoas con mobilidade reducida. A Administración non autorizará a adscrición de novos vehículos que non cumpran os requirimentos previstos neste punto.

No caso de incumprimento dalgunha destas obrigas, será aplicable o réxime sancionador da Lei 16/1987, do 30 de xullo.

Disposición adicional única. Establecemento de novos servizos de duración temporalmente limitada

A implantación de servizos de transporte público regular de uso xeral de duración temporalmente limitada, aínda que sexan de repetición periódica, como os de feiras, mercados, praias ou semellantes, será acordada pola dirección xeral competente en materia de transportes, de oficio ou por petición dunha empresa interesada na súa prestación.

Con antelación á aprobación do establecemento destes servizos, a Administración someterá a información pública durante un prazo de dez días, e simultaneamente a informe do Comité Galego de Transportes, un proxecto de explotación do servizo, no que se identifiquen os tráficos que se van atender, os itinerarios –se é o caso–, o calendario de prestación, as frecuencias e a tarifa aplicable, así como aqueloutros elementos que configuren o servizo e que poderán ser obxecto de valoración para a súa adxudicación. A dirección xeral competente en materia de transportes poderá acordar a adxudicación directa destes servizos de acordo co Regulamento (CE) nº 1370/2007.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o artigo 1 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

ANEXO

Contido do Plan de transporte público de Galicia

O Plan de transporte público de Galicia concretará a rede de transporte público de Galicia da competencia da Xunta de Galicia, establecendo os servizos e territorios potencialmente afectados polas futuras adxudicacións dos servizos e os tipos de adxudicación previstos para cada servizo, así como os supostos e as condicións de integración de servizos de transporte público regular de uso xeral e de uso especial.

Especificamente, terá en consideración as normas en materia de dereitos das persoas pasaxeiras, protección social, seguridade viaria, emprego e protección do medio ambiente, así como as necesidades de mobilidade da poboación nas zonas rurais, para o que, xunto cos servizos de transporte público de uso xeral baseados en itinerarios e calendarios estables, integrará a prestación de servizos baixo demanda das persoas usuarias, definindo a forma de integración que en cada caso resulte máis axeitada.

O Plan de transporte público de Galicia terá como contido mínimo o seguinte:

– O desenvolvemento dos obxectivos do propio plan.

Concretaranse os obxectivos establecidos tanto nesta lei como na normativa sectorial aplicable para efectos da planificación do sistema de transporte público.

– A programación de licitación dos contratos de servizos públicos de transporte regular de uso xeral da titularidade da Xunta de Galicia. Unha vez adxudicados os contratos, a implantación do servizo producirase no prazo máximo de tres meses desde a formalización do contrato.

Os pregos de condicións que rexerán os contratos, sen prexuízo do dereito nacional e comunitario, e incluídos os convenios colectivos entre os interlocutores sociais, preverán que o operador de servizo público adxudicatario ofreza ao persoal previamente contratado para prestar os servizos os dereitos que este tería se se producise un traspaso consonte a Directiva 2001/23/CE, de acordo co previsto no Regulamento (CE) nº 1370/2007. Así mesmo, de acordo coas condicións que se desenvolvan no plan, os pregos recollerán regras para posibilitar a transmisión dos elementos que formen parte do sistema de axuda á explotación previsto nesta lei e a continuidade da explotación cos vehículos ou material móbil que estiver adscrito á prestación do servizo segundo as condicións recollidas no título concesional aplicable ao servizo preexistente, e sempre que se axuste aos requirimentos necesarios para a prestación do novo servizo.

Para garantir a consecución dos obxectivos sinalados no punto 2 do artigo 2 desta lei, os pregos de condicións fixarán os criterios obxectivos para a adxudicación dos concursos, garantindo que, como mínimo, o 65 % da puntuación que se asigne ás ofertas se dirixa a valorar a calidade do servizo público de transporte.

– As clases de transporte público que resultarán aplicables en cada ámbito territorial, ou para cada tipoloxía de tráficos, baseados en sistemas de prestación lineal e/ou zonal de servizos e, se é o caso, na integración de diferentes clases de servizos.

O plan analizará a ordenación do territorio en termos de mobilidade, perfilando as modalidades de mobilidade axeitadas para cada ámbito territorial, establecendo as condicións nas que se produciría, se for o caso, a integración de diferentes clases de servizos de transporte.

– Os modelos de xestión de servizos baixo demanda das persoas usuarias e a integración destes servizos na rede global de transportes.

Mediante a implantación de formas de xestión baixo demanda, e coa utilización das novas tecnoloxías, promoverase a máxima expansión da oferta de servizos de transporte público nos ámbitos rurais, nos que se produce unha maior dispersión da poboación, contribuíndo ao mantemento da poboación e ás necesidades de acceso ás oportunidades de emprego, formación e relación dunha poboación máis diversa e máis exixente.

Garantirase a conexión e integración destes servizos no sistema xeral de transportes, de xeito que se facilite a mobilidade cos principais núcleos de poboación.

– Os requisitos básicos que deba cumprir a oferta de transporte público en ámbitos tales como accesibilidade, conectividade territorial, seguridade, interconexións modais e intermodais nos principais nós de conexión.

Estableceranse os requisitos mínimos que deberán ser comúns ao conxunto do sistema de transporte público autonómico, facilitando a nivel técnico a universalización deste servizo público para a poboación con dificultades de mobilidade.

Fixaranse criterios de conectividade do territorio e dos servizos, nunha concepción integrada do sistema de transporte público, e garantindo a máxima seguridade para as persoas usuarias.

– As normas de calidade correspondentes a asuntos tales como equipamento dos vehículos e, se é o caso, as paradas, accesibilidade, puntualidade e fiabilidade, limpeza, servizo e información ao cliente, tramitación de queixas e vías de recurso e seguimento da calidade do servizo.

Determinaranse os elementos de calidade común dos servizos de transporte, que se incorporarán aos proxectos de explotación deles, fixando o usuario como elemento central do sistema de transporte público.

– Os sistemas de tarificación que resultarán aplicables ao conxunto do sistema de transportes.

Desenvolveranse os sistemas de tarificación, sobre modelos lineais ou zonais, os sistemas de pagamento por parte das persoas usuarias dos servizos e as posibles liñas de bonificacións orientadas á promoción da utilización do sistema de transporte público ou a finalidades de carácter social.

– As prioridades referentes á modernización do sistema de transporte e á coordinación e integración do conxunto de sistemas de transportes que operan na Comunidade Autónoma.

Estableceranse as pautas para garantir a adaptación constante do sistema de transporte público á evolución social e tecnolóxica, impulsando a propia modernización deste sector empresarial galego.

– Complementará as condicións básicas de dereitos e obrigas das persoas usuarias e garantirá a accesibilidade para o conxunto da poboación.

O plan complementará as disposicións mediante as que se recoñecen os dereitos e se establecen as obrigas das persoas usuarias do sistema de transporte público, concretando os mecanismos para facer valer os seus dereitos. Definiranse os elementos operativos do sistema necesarios para garantir a accesibilidade ao sistema de transporte do conxunto da poboación.

– O procedemento de seguimento do cumprimento do plan e os supostos nos que procederá a revisión, total ou parcial, e actualización do plan.

O plan fixará os mecanismos de seguimento do nivel de cumprimento dos obxectivos establecidos e de calidade do sistema de transporte público, determinando sistemas de indicadores para tal fin. Fixará as condicións nas que se realizarán modificacións puntuais, así como os criterios determinantes da súa revisión global.