Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 26 de xullo de 2016 Páx. 32580

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 13 de xullo de 2016 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e se convocan para o ano 2016 (cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

A primeira infancia ten unha importancia crucial en todas as facetas da vida dun ser humano. Segundo sinala a Comisión Europea na comunicación do 17 de febreiro de 2011, denominada Educación e coidados da primeira infancia, ofrecer a todos os nenos e as nenas a mellor preparación para o mundo de mañá, a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

No mesmo sentido pronunciouse o Consello da Unión Europea, que nas conclusións sobre educación infantil e atención á infancia di ofrecer a todos os nenos e as nenas a mellor preparación para o mundo de mañá, recoñece que establecer unhas bases sólidas durante os primeiros anos de vida incrementa a eficacia das aprendizaxes posteriores e a probabilidade de que continúe ao longo da vida, aumentando a equidade dos resultados educativos e reducindo os custos para a sociedade en perda de talento e en gasto público en benestar, sanidade e incluso xustiza.

Investir na educación infantil para que sexa accesible e de calidade ten significativos retornos económicos e sociais pois non só mellora os resultados educativos posteriores, a nivel global, e dos nenos e das nenas nunha situación máis desfavorecida, en particular, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo. Deste xeito, o investimento na educación infantil contribúe á consecución de tres dos obxectivos principais da Estratexia Europa 2020: reducir o abandono escolar prematuro por baixo do 10 %, acadar unha taxa de emprego do 75 % das persoas de 20 a 64 anos e sacar 20 millóns de persoas da pobreza.

O compromiso coa calidade da atención educativa na etapa 0-3 implica que debe prestarse atención, entre outras cuestións, ás infraestruturas en que se desenvolve e ao equipamento con que estas están dotadas para asegurar que se favorecen ambientes adecuados ás necesidades, intereses e competencias dos nenos e das nenas destas idades.

Contar con espazos apropiados contribúe ao benestar físico e psíquico tanto dos nenos e das nenas como do persoal educativo e, polo tanto, incide favorablemente no desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade. A creación dun ambiente de aprendizaxe estimulante e máis efectivo pódese acadar por medio de intervencións menores como a mellora da accesibilidade ou o reacondicionamento dos espazos, o cambio da tonalidade e colores das paredes, a dotación de puntos de luz e de aperturas ao exterior, ou coa dotación de conexión á internet e coa dispoñibilidade de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.

O mobiliario, interior e exterior e os materiais didácticos e de xogo tamén son unha peza clave dos procesos de aprendizaxe e socialización. Os nenos e as nenas na súa aprendizaxe vanse relacionando coa súa contorna inmediata e os mobles e o equipamento en xeral deben formar parte desta contorna e acompañar neste proceso; de aí a importancia de contar con mobiliario e con materiais didácticos e de xogo funcionais e seguros, adaptados ás características psicoevolutivas dos nenos e das nenas e que favorezan o desenvolvemento infantil en todas as súas dimensións.

En consonancia co anteriormente exposto, a través desta convocatoria outorgaranse, baixo o réxime de concorrencia competitiva, axudas aos concellos galegos para actuacións de adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia da súa titularidade, coa finalidade de contar con recursos de atención á infancia accesibles, sustentables e de calidade en todo o territorio da nosa comunidade.

Esta actuación enmárcase na área de intervención 3 do Plan de dinamización demográfica para Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, e forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa integral da Administración autonómica que ten como obxectivo apoiar as familias galegas ofrecendo respostas globais ás súas necesidades, de acordo co disposto na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, que recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 e) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, e no Regulamento (UE) 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás corporacións locais para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia (PAI) da súa titularidade, a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada.

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse as ditas axudas para o ano 2016.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total dun millón cinco centos mil euros (1.500.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.760.0.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O crédito asignado será obxecto de desconcentración nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social unha vez resolto o procedemento de acordo co establecido no artigo 12 e tendo en conta os topes máximos de financiamento por concello establecidos no artigo 4.3.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos supostos seguintes:

a) Ter en funcionamento unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade.

b) Ter unha escola infantil 0-3 ou un punto de atención á infancia da súa titularidade que unicamente dependa da dotación de equipamento para ser posto en marcha no curso 2016/17.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto. No suposto de recursos que unicamente dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha, tampouco poderán ter recibido axudas financiadas con fondos EIE 2007-2013 para a construción da infraestrutura.

2. Todos os equipamentos citados no punto anterior deben cumprir os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento.

3. Por outra banda, para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade local deberá ter cumprido, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes, o requisito de ter presentadas as contas ás cales se refire o artigo 208 e seguinte do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2014, no Consello de Contas de Galicia.

4. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, agás o permiso de inicio da actividade necesario para o financiamento das actuacións previstas no artigo 3.1.b) que, en todo caso, non poderá ser outorgado con data posterior ao 5 de decembro de 2016.

Artigo 4. Accións e gastos subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria, sempre que se realicen a partir do momento en que se presente a solicitude e sexan efectivamente pagadas con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto no artigo 17, as seguintes actuacións:

a) Obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios. Para os efectos desta orde consideraranse obras menores aquelas de escasa entidade, sinxeleza construtiva e pequena contía, que non precisan de proxecto técnico.

b) Adquisición e mellora do equipamento do centro, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo.

c) Dotación de conexión á internet e compra de dispositivos (ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo e similares) para a integración das novas tecnoloxías na aula.

2. As actuacións recollidas na letra b) deberán realizarse aplicando a perspectiva de xénero para asegurar que promoven o benestar equilibrado de nenas e nenos e unha construción da personalidade libre de estereotipos.

3. Consideraranse subvencionables o imposto sobre o valor engadido (IVE), cando non sexa recuperable pola entidade solicitante, e os tributos necesarios para a realización da subvención, sempre que a entidade beneficiaria os aboe efectivamente.

O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

Para seren subvencionables, os gastos deberán ser necesarios e corresponderse de maneira indubidable á operación cofinanciada.

4. Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 20.000 euros, para as actuacións destinadas á realización de obras, e de 15.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada concello poderá percibir unha axuda máxima de 35.000 euros, con independencia do número de centros para os cales presente solicitude.

5. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba a Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade local beneficiaria deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. En ningún caso serán subvencionables os gastos derivados de actuacións de mantemento xeral das infraestruturas nin a simple substitución de materiais deteriorados polo uso. Tampouco se considerará subvecionable o material consumible ou non inventariable, entendendo por tal aquel cuxa duración estimada sexa inferior a un ano.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. As axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, prioridade de investimento 10.05 e obxectivo específico 10.05.01, e están sometidas ao disposto no Regulamento UE 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e no Regulamento (UE) 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado coas limitacións derivadas do artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece a incompatibilidade con axudas financiadas con fondos EIE no nivel de partida de gasto.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento ou dos gastos de mantemento da actividade.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave 365 (https://sede.xunta.es/chave365).

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 8. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada á finalidade para a cal se solicita a axuda, de propoñerse unha achega orzamentaria propia do concello.

b) Memoria xustificativa, asinada polo persoal técnico competente da corporación local, da necesidade da actuación proposta e da súa incidencia na mellora da infraestrutura desde o punto de vista da accesibilidade, eficiencia ou sustentabilidade no consumo de recursos e/ou na mellora da calidade da atención prestada ás nenas e nenos segundo o tipo de actuación de que se trate. No caso de solicitudes para obras, esta memoria deberá ser asinada ademais polo persoal técnico da corporación local competente en materia de proxectos de obras. Sempre que a actuación proposta teña impacto de xénero desde o punto de vista da atención prestada aos nenos e nenas, a memoria recollerá expresamente como se atende este aspecto.

2. Ademais, no punto correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou por outros entes públicos ou privados.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

c) Que o concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

d) Que a corporación local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas.

e) Que o Pleno da corporación local acordou solicitar esta subvención e se aceptan as condicións e requisitos establecidos nesta convocatoria.

f) Que o concello se compromete a manter o cumprimento de todos os requisitos establecidos nesta orde e na normativa aplicable durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais ou calquera outra variación que se produza no anteriormente declarado.

3. A Administración comprobará de oficio a existencia de permiso de inicio de actividades. Se a entidade o estivese tramitando, o pagamento da subvención estará condicionado á efectiva obtención deste permiso.

4. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as entidades locais interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, daranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou no seu defecto a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos que se debe formular a proposta de resolución, e para iso solicitará a colaboración dos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade local solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Comisión Central de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez completos os expedientes, serán remitidos, xunto cun informe emitido por cada xefatura territorial, á Comisión Central de Valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará, nunha única fase, a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A Comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, no relativo aos órganos colexiados, e estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar da Consellería de Política Social, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: as persoas titulares dos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

c) Actuará como secretaria unha persoa funcionaria da Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola Presidencia da comisión.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 12, a Comisión de Valoración fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar a axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases. Este limiar mínimo será publicado no portal de Benestar. Así mesmo, emitirá un informe segundo o cal a Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, a Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación poderá formular proposta de resolución complementaria e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 12. Criterios de valoración de solicitudes

As solicitudes presentadas avaliaranse cun máximo de 100 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Porcentaxe de achega económica do concello sobre o orzamento total do investimento, ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. O 10 %: 10 puntos.

2º. O 15 %: 15 puntos.

3º. O 20 %: 20 puntos.

4º. O 25 % ou superior: 25 puntos.

b) Tipoloxía da actuación (só para obras), ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Obras menores para adecuación dos espazos de atención aos nenos e nenas ou para a mellora da eficiencia e sustentabilidade no consumo de recursos: 25 puntos.

2º. Outras obras menores: 10 puntos.

c) Tipoloxía da actuación (só para equipamento), ata 25 puntos coa seguinte desagregación:

1º. Mobiliario dirixido aos nenos e nenas usuarias do centro, material didáctico e de xogo: 25 puntos.

2º. Dotación de conexión á internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula: 15 puntos.

3º. Outros: 10 puntos.

d) Número de unidades en funcionamento do centro: 5 puntos por unidade ata un máximo de 25, valoraranse os puntos de atención á infancia con 15 puntos.

e) Recursos de atención á infancia que só dependan da dotación de equipamento para seren postos en marcha no curso 2016-17: 25 puntos.

No caso de empate na puntuación, cando algunha solicitude quede na lista de espera, para o desempate, en primeiro lugar, terá preferencia a solicitude que maior puntuación obteña nas alíneas e), d), a), b) e c) do baremo por esta orde de numeración; se persiste o empate, resolverase en función da data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación, á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante. O seu contido será notificado polas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ás persoas interesadas de acordo co establecido no artigo 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

O prazo máximo para resolver e notificar é de tres meses contados a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender rexeitadas.

Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Consellería de Política Social publicarase unha relación na cal constará a persoa beneficiaria, a contía e a finalidade da axuda, segundo indica o artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

5. Na resolución de concesión, que será notificada ás entidades beneficiarias, estas serán informadas das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro; no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) nº 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) nº 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo. De acordo cos preceptos citados, a resolución de concesión determinará as condicións da axuda e deberá conter como mínimo os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada co Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

e) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

g) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte a presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase a persoa beneficiaria da data de comezo deste prazo.

h) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta for expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede, sen prexuízo da facultade da Consellería de Política Social de comprobar a realización material das actuacións.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos, que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas ante a Comisión Europea, data esta que se comunicará á persoa beneficiaria.

c) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e os equipamentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención. Ademais, deberá garantirse a durabilidade dos investimentos financiados con fondos Feder nos termos previstos no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativas aos programas e actuacións realizados, a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

e) Informar o público de que a infraestrutura está financiada pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e polo Feder, así como dos obxectivos dos fondos. No lugar de prestación do servizo colocarase destacado e visible un cartel informativo dun tamaño mínimo A3 no cal aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e do Feder.

f) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta orde.

g) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

j) Acreditar con anterioridade a ditar a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado nesta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

2. Ademais, as entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as persoas beneficiarias, con cada solicitude de pagamento (anexo II), deberán presentar a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, do seu importe, da data de emisión e de pagamento.

c) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

d) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

e) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a entidade local beneficiaria deberá presentar copia compulsada do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias asinados e selados, onde deberán constar claramente identificados o receptor e emisor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento e a súa data.

3. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
(http://sede.xunta.es).

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 5 de decembro de 2016.

Artigo 18. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Poderán efectuarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique os investimentos efectuados. Estes pagamentos non superarán o 80 % da subvención concedida e o importe restante librarase no momento da completa xustificación por parte da entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as cales lle foi concedida.

Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

Para a xustificación do gasto, a corporación local presentará certificación expedida polo órgano competente en que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda.

En todo caso, o importe certificado debe indicar o tipo de gasto (obras ou equipamento) e ten que ser igual á axuda concedida máis a achega a que se comprometese a corporación local, de ser o caso.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que se rexistrou na súa contabilidade o ingreso da subvención e que figura co destino final para o cal foi concedida.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 16 desta orde e concretamente:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para o cal se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación e a non permanencia mínima da actividade subvencionada, tendo en conta o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nas letras b) e d) do artigo 16 desta orde dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe do 2 % da totalidade da axuda percibida.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos no ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n,15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.gal

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal

Artigo 23. Publicidade e información

1. As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e do establecido no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro). En concreto, deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren, o financiamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Para iso, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3, no cal aparezan os anagramas da Consellería de Política Social e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional en aplicación do disposto na normativa aplicable.

2. No portal de Benestar informarase das características do devandito cartel e dos logos e lendas de obrigada inclusión. Cando o recurso de atención á infancia se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; de facer uso de aplicacións informáticas, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos do recurso (cadernos, folletos, notas informativas) deberán constar na contraportada das devanditas publicacións as citadas referencias.

3. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

4. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403E, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos), ou do portal de Benestar (http://politicasocial.xunta.gal), dos teléfonos 012, 981 95 70 29, 981 54 56 66, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal ou de xeito presencial.

Disposición adicional primeira. Límite orzamentario

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito orzamentario consignado para estes fins. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2016.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Igualmente se aproba a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento previstos no artigo 73.a) anteriormente mencionado.

Disposición adicional terceira. Infraccións e sancións

As corporacións locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o ditado de instrucións

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file