A Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 29 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego, dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, establece na súa disposición adicional segunda, que os créditos previstos para o seu financiamento poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución dos fondos destinados a financiar os programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Sociais, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, existindo remanentes de crédito que poden ser utilizados para os obradoiros de emprego, procedentes da aprobación dun expediente de modificación orzamentaria, e tendo en conta que a dita modificación orzamentaria afecta o importe do crédito inicialmente previsto para o financiamento das citadas axudas e subvencións, procede ditar a presente orde de ampliación, en cumprimento do disposto nos preceptos anteriormente citados.
Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo 1
Amplíase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego, dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016, nunha contía de 3.908.000,00 e 402.000,00 euros, para as anualidades de 2016 e 2017, respectivamente, na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.2, no código de proxecto 2014 00543.
Artigo 2
Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria