Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33361

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 13/2016, do 26 de xullo, de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

Exposición de motivos

De conformidade co disposto no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia aprobou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego.

Ao abeiro desta normativa, a Asociación Profesional de Terapeutas Ocupacionales de Sanidad y Seguridad Social de Galicia, con ámbito territorial na Comunidade Autónoma de Galicia, presentou a solicitude de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

O Real decreto 1420/1990, do 4 de xullo, estableceu o título universitario oficial de diplomado ou diplomada en Terapia Ocupacional. Pola súa banda, mediante Resolución do 5 de febreiro de 2009, da Secretaría de Estado de Universidades, publicouse o Acordo do Consello de Ministros do 23 de xaneiro de 2009 polo que se establecen as condicións a que se deberán adecuar os plans de estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio da profesión regulada de terapeuta ocupacional. No Boletín Oficial del Estado do 26 de marzo de 2009 publicouse a Orde CIN/729/2009, do 18 de marzo, pola que se establecen os requisitos dos plans de estudos conducentes á obtención dos títulos de grao como título universitario oficial habilitante para o exercicio da profesión de terapeuta ocupacional.

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, en relación coas profesións sanitarias tituladas establece, no artigo 2, que son profesións sanitarias tituladas e reguladas aquelas cuxa formación pregraduada ou especializada se dirixe específica e fundamentalmente a dotar as persoas interesadas dos coñecementos, habilidades e actitudes propias da atención da saúde, e que están organizadas en colexios profesionais oficialmente recoñecidos polos poderes públicos, de acordo co previsto na normativa específica aplicable, e inclúe expresamente entre as profesións sanitarias de nivel diplomado a profesión de terapeuta ocupacional, para cuxo exercicio habilita o título de diplomado ou diplomada en Terapia Ocupacional.

A mesma lei, no artigo 7.2.g), sinala como funcións dos e das terapeutas ocupacionais a aplicación de técnicas e a realización de actividades de carácter ocupacional que tendan a potenciar ou suplir funcións físicas ou psíquicas diminuídas ou perdidas, e a orientar e estimular o desenvolvemento de tales funcións.

O interese público que xustifica a creación deste colexio profesional fundaméntase na protección efectiva do dereito á saúde, recoñecido no artigo 43 da Constitución. Por iso, considérase que concorren razóns de interese público que xustifican a creación do Colexio Profesional de Terapeutas Ocupacionais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que permita a integración destes profesionais nunha organización capaz de ordenar o exercicio da profesión, someter os profesionais a unhas normas deontolóxicas e de control comúns e, en definitiva, protexer os intereses das persoas usuarias dos servizos prestados polos e polas profesionais no desenvolvemento da súa actividade.

Polo exposto, e considerando que existen razóns de interese público que xustifican a necesidade e oportunidade de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, procédese mediante a presente lei á creación do antedito colexio.

A lei consta dunha exposición de motivos; de cinco artigos titulados, respectivamente, obxecto, ámbito territorial, ámbito persoal, colexiación e idioma do Colexio; dunha disposición adicional; de dúas disposicións transitorias e dunha disposición derradeira.

O anteproxecto de lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei, a Lei de creación do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

1. Créase o Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O Colexio terá plena capacidade de obrar desde o momento en que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2. Ámbito territorial

O ámbito de actuación do Colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Ámbito persoal

1. O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia agrupa os profesionais que estean en posesión do título universitario de Terapeuta Ocupacional, de conformidade co disposto no Real decreto 1420/1990, do 26 de outubro, polo que se establecen o título universitario oficial de diplomado ou diplomada en Terapia Ocupacional e as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á obtención daquel, ou do correspondente título de grao.

2. Igualmente, poderán integrarse no Colexio os profesionais que posúan outro título equivalente debidamente homologado pola autoridade competente.

Artigo 4. Colexiación

O exercicio da profesión de terapeuta ocupacional con domicilio profesional único ou principal na Comunidade Autónoma de Galicia requirirá a incorporación ao Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia cando así o estableza unha lei estatal.

Artigo 5. Uso do galego nas comunicacións

O Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, tanto internas como externas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación de normalización lingüística.

Disposición adicional única. Promoción da igualdade de xénero

No contido dos estatutos aprobados ao abeiro desta lei terase en conta a perspectiva de xénero e a promoción da igualdade por razón de xénero na profesión de terapeuta ocupacional, que, así mesmo, será un principio informador de toda a actividade do Colexio.

Disposición transitoria primeira. Comisión Xestora

1. A Asociación Profesional de Terapeutas Ocupacionales de Sanidad y Seguridad Social designará unha comisión xestora que actuará como órgano de goberno provisional do Colexio coas funcións establecidas na normativa transitoria desta lei.

2. A Comisión Xestora, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, elaborará e aprobará con carácter provisional uns estatutos do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia nos que se deberán regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, na cal terán dereito a participar todos os profesionais que, conforme o disposto na presente lei, poidan adquirir a condición de colexiados. A convocatoria da asemblea constituínte deberá anunciarse, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión de Galicia.

3. Na composición da Comisión Xestora procurarase unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. A Comisión Xestora actuará como un órgano colexiado, tomando as súas decisións por maioría de dous terzos, e elixirá de entre os seus membros a persoa titular da presidencia e a da secretaría da Comisión.

Disposición transitoria segunda. Asemblea constituínte e estatutos definitivos

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia e elixirá os membros dos órganos de goberno colexiais.

2. Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados pola asemblea, remitiranse á consellaría competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva, unha vez que sexa verificada a súa adecuación á legalidade, e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente