Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 1 de agosto de 2016 Páx. 33791

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería para o exercicio de 2016, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego (2014-2016), do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

No actual contexto económico, a sociedade exixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción. Por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente os programas integrados para o emprego, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade que inclúen necesariamente formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, denominado Lanzadeiras de emprego, que a Xunta de Galicia incluíu no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2016.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que dá ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o número 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de emprego, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, do que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e a execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo Plan anual de política e emprego (PAPE) e integrarse nalgún dos eixes establecidos no artigo 10.4, do texto refundido da Lei de emprego, para a Estratexia española de activación para o emprego, para 2014-2016, aprobada polo Real decreto 751/2014, do 5 de setembro. Estes requisitos e condicións cúmprense no presente caso, posto que este programa está incluído no PAPE 2016 no eixe 2.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que con esta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

Por último, a orde continúa coa senda iniciada na convocatoria do ano 2013 e exixe o uso e aplicación de medios electrónicos de cara a presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica como canle principal de relación do cidadán coa Xunta de Galicia, e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia comporta a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

O financiamento das axudas farase con cargo ao crédito da aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00 583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, polos importes de 1.600.000 e 2.400.000 euros para as anualidades de 2016 e 2017, respectivamente, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes favorables preceptivos na súa tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de Lanzadeiras de emprego de Galicia no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, facilitándolles ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral.

2. Enténdese por lanzadeiras de emprego aqueles proxectos con intermediación laboral que combinen accións de diferente natureza, tales como:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Formación transversal en novas tecnoloxías e/ou idiomas.

c) Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea.

d) Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista.

e) Fomento da capacidade emprendedora.

f) Prospección empresarial.

g) Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes.

h) Formación para o emprego, distinta á prevista na letra b).

i) Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, de ser o caso, co contido teórico práctico das accións formativas.

l) Mobilidade laboral.

m) Todas aquelas accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas demandantes de emprego.

Nestes programas incluiranse de xeito obrigatorio accións de carácter formativo e de intermediación laboral e estableceranse obxectivos cuantitativos de inserción laboral das persoas demandantes de emprego participantes neles.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento das axudas farase con cargo aos créditos da aplicación 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, polos importes de 1.600.000 e 2.400.000 euros para as anualidades de 2016 e 2017, respectivamente.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Características das Lanzadeiras de emprego de Galicia

1. Todas as persoas participantes neste tipo de programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O número mínimo de persoas que se van atender será de 60 e o máximo de 120. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 30 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.

2. O Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, coa participación da entidade beneficiaria, e mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante instrución, as persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación a eles tendo en conta que non poderán ser seleccionadas aquelas persoas que xa participasen nun programa integrado de emprego ao abeiro da Orde do 31 de decembro de 2014 (convocatoria 2015-2016) ou que participen ou participasen nun programa integrado de emprego ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2015 (convocatoria 2016-2017).

As persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa Lanzadeiras de emprego.

3. Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas en que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no proxecto. As ditas sesións deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa.

4. De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

5. Non computarán como inserción laboral:

a) As contratacións que se produzan en calquera Administración pública ou empresa pública con cargo a subvencións de programas de políticas activas de emprego.

b) A contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento das Lanzadeiras de emprego reguladas nesta orde as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Todas elas deberán acreditar experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

Cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude, e que a entidade solicitante se obriga a presentar ante a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, logo da súa petición, a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable.

2. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, no modelo que se publica como anexo II, e que deberá facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen e atenda aos distintos tipos de programas onde se enmarcan as ditas accións.

Cronograma completo do proxecto indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar. Para o caso de que o programa inclúa a atención de colectivos procedentes de expedientes de regulación de emprego de carácter extintivo, deberán detallarse a/as empresas afectadas e a forma de selección e perfil do colectivo a atender.

Relación actual de medios materiais e recursos humanos propios de que dispón o solicitante en que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Cando os medios materiais destinados ao proxecto non sexan propiedade da entidade promotora, deberá acreditarse, no momento de formalizar a solicitude, a súa disposición de uso.

Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante (acta de constitución e estatutos).

c) Acreditación do apoderamento suficiente e subsistente da persoa que actúe en nome e representación da entidade solicitante.

d) Copia do NIF da entidade solicitante no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere o tamaño límite establecido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

3. Coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegarse os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Artigo 8. Procedemento, competencia e resolución

1. Para a concesión das axudas teranse en conta os principios de publicidade, igualdade, concorrencia competitiva, non discriminación e obxectividade, regulándose conforme a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

3. Se do exame do expediente segundo o procedemento establecido no artigo seguinte se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende o erro ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida a súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

4. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á comisión de valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, no que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes.

Para estes efectos, a comisión de valoración estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, a persoa titular da xefatura do Servizo de Programas Mixtos e unha persoa funcionaria adscrita ao dito servizo, que actuará como secretaria.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor elevará o informe da comisión de valoración xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A notificación da resolución favorable comportará a aceptación da axuda, agás que nos 10 días hábiles contados desde o día seguinte á notificación a entidade beneficiaria manifeste expresamente a súa renuncia.

6. A comisión de valoración poderá propoñer unha minoración do número máximo de persoas atendidas por proxecto e/ou do custo máximo subvencionable por persoa beneficiaria do programa, así como a repartición do importe dispoñible na convocatoria en proporción á puntuación acadada polas entidades solicitantes, co obxecto de atender un maior número de solicitudes e sen que isto poida supoñer a concesión da axuda a solicitantes que non acadasen a puntuación mínima establecida nestas bases reguladoras.

7. Cando a comisión de valoración informe unha variación do número de persoas participantes no programa ou do custo subvencionable por participante respecto do que figure na solicitude, a entidade promotora, no prazo de quince días naturais desde a súa notificación, deberá realizar os axustes e modificacións pertinentes no proxecto presentado. Unha vez a solicitude mereza, se for o caso, a conformidade da comisión de valoración, remitirase o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

8. A resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses, que se contará desde o día seguinte ao do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Deberase ter en conta o disposto nos artigos 59.6.b) e 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

9. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación do dito acto se for expreso, ou seis meses se non o for, contados neste caso a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, con anterioridade á interposición do dito recurso contencioso-administrativo, e de acordo co establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñer recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo no prazo dun mes se o dito acto for expreso e, se non o for, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

10. As resolucións de concesión serán obxecto de publicación segundo o establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9. Criterios de valoración dos programas

1. A concesión das subvencións previstas na presente orde realizarase conforme os seguintes criterios:

a) As características dos colectivos que hai que atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral (puntuación máxima 25 puntos):

a.1) Os colectivos que hai que atender valoraranse segundo a pertenza aos seguintes grupos de persoas desempregadas:

Grupo A:

– Persoas con discapacidade.

– Persoas en risco de exclusión social (incluídas as persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia).

– Mulleres coa condición de vítimas de violencia de xénero.

– Menores de 30 anos con baixa cualificación.

Grupo B:

– Menores de 30 anos (non incluídos no grupo A).

– Persoas desempregadas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción.

– Persoas desempregadas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (PREPARA).

– Persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde.

Grupo C:

– Mulleres (non incluídas no grupo A).

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas inmigrantes.

Grupo D:

– Persoas desempregadas non incluídas en ningún dos grupos anteriores.

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

No suposto de que todos os usuarios do programa pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo dos sinalados anteriormente:

– Colectivos grupo A: 25 puntos. Colectivos grupo B: 15 puntos. Colectivos grupo C: 10 puntos. Colectivos grupo D: 0 puntos.

No suposto de que as persoas usuarias do programa pertenzan a colectivos salientados en distintos grupos dos sinalados: obterase, en primeiro lugar, a puntuación parcial que lles corresponde proporcionalmente, polas persoas usuarias pertencentes aos colectivos de cada un dos grupos. Sumaranse as puntuacións parciais resultantes da aplicación da regra proporcional en cada grupo e obterase, desta forma, a puntuación total definitiva nesta epígrafe.

b) O ámbito xeográfico de actuación da Lanzadeira de emprego (puntuación máxima 20 puntos):

A puntuación nesta epígrafe obterase da seguinte forma:

– Lanzadeiras de emprego localizadas en concellos cunha media de paro no ano 2015 superior ás 2.000 persoas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2010 superior ao 50 %: 20 puntos.

– Lanzadeiras de emprego localizadas en concellos cunha media de paro no ano 2015 superior ás 1.000 persoas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2010 superior ao 35 %: 10 puntos.

No suposto de que no ámbito xeográfico de actuación do programa convivan concellos dos diferentes grupos a puntuación obterase de xeito proporcional.

c) Recursos humanos e materiais, propios, axeitados para a atención aos colectivos correspondentes e accións propostas para a execución do programa (puntuación máxima 10 puntos):

c.1) Nos recursos humanos, valorarase ata un máximo de 5 puntos a ratio resultante de dividir o número de persoas demandantes para atender entre o persoal propio da entidade dedicado ao programa, sempre que a dita dedicación sexa superior ao 50 % da xornada (nº de demandantes/nº de persoas dedicadas ao proxecto):

– 10 ou menos: 5 puntos.

– Entre 11 e 15: 4 puntos.

– Entre 16-20: 3 puntos.

– Entre 21 -30: 2 puntos.

– Entre 31-40: 1 punto.

– Máis de 40: 0 puntos.

c.2) Nos recursos materiais, valorarase ata un máximo de 5 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa.

d) Os obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, sempre que sexan superiores aos mínimos establecidos no artigo 3 (puntuación máxima 15 puntos):

d.1) A puntuación se obterá tendo en conta a seguinte escala:

– 31 %: 1 puntos.

– 32 %: 2 puntos.

– 33 %: 3 puntos.

– 34 %: 4 puntos.

– 35 %: 5 puntos.

– 36 %: 6 puntos.

– 37 %: 7 puntos.

– 38 %: 8 puntos.

– 39 %: 9 puntos.

– 40 %: 10 puntos.

– 41 %: 11 puntos.

– 42 %: 12 puntos.

– 43 %: 13 puntos.

– 44 %: 14 puntos.

– 45 % ou máis: 15 puntos.

Exclusivamente para o caso no que a totalidade dos colectivos para atender no programa solicitado pertenzan ao grupo A do punto 1 deste artigo e en atención as maiores dificultades de inserción laboral destes, a escala será a seguinte:

– 30 %: 5 puntos.

– 31 %: 6 puntos.

– 32 %: 7 puntos.

– 33 %: 8 puntos.

– 34 %: 9 puntos.

– 35 %: 10 puntos.

– 36 %: 11 puntos.

– 37 %: 12 puntos.

– 38 %: 13 puntos.

– 39 %: 14 puntos.

– 40 % ou máis: 15 puntos.

e) O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, sempre que o cofinanciamento sexa superior ao 10 % (puntuación máxima 10 puntos):

– 11 %: 1 punto.

– 12 %: 2 puntos.

– 13 %: 3 puntos.

– 14 %: 4 puntos.

– 15 %: 5 puntos.

– 16 %: 6 puntos.

– 17 %: 7 puntos.

– 18 %: 8 puntos.

– 19 %: 9 puntos.

– 20 % ou máis: 10 puntos.

f) A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Valoraranse os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas ata un máximo de 15 puntos, e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos.

g) Características técnicas da lanzadeira de emprego que se vai desenvolver (puntuación máxima 25 puntos), valorándose os seguintes aspectos:

Número e variedade de accións, das establecidas no artigo 1 da orde, incluídas no proxecto.

Metodoloxía que se vai aplicar, e relación cos resultados de inserción previstos.

Existencia de sistemas adecuados de seguimento das persoas participantes.

Existencia de sistemas de avaliación da calidade das accións que se van desenvolver.

h) Carácter innovador do programa (puntuación máxima 15 puntos), valorándose os seguintes aspectos:

A utilización das novas tecnoloxías e de plataformas web.

Existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral.

Presentación dun proxecto innovador en relación co perfil dos colectivos que se van atender ou coas características das accións que se desenvolverán no proxecto presentado.

i) O emprego da lingua galega na realización das accións da lanzadeira de emprego debidamente declarado polo representante legal da entidade beneficiaria (puntuación máxima 5 puntos).

2. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 70 puntos.

Artigo 10. Contía das subvencións

A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.400 euros por cada persoa desempregada participante.

Ademais, establecerase na resolución de concesión unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función das persoas demandantes de emprego inseridas e atendidas, de acordo coa seguinte fórmula:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida × nº de persoas inseridas) + (custo persoa atendida × nº de persoas atendidas).

2. En ningún caso, o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou de outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo da actividade que se vai desenvolver pola entidade solicitante.

Artigo 11. Gastos imputables

1. Serán gastos imputables unicamente os producidos en centros situados na Comunidade Autónoma de Galicia. A subvención determinada na resolución destinarase a cubrir os gastos efectivamente realizados pola entidade relativos a:

a) Gastos de persoal directos: os custos salariais e de seguridade social do persoal necesario para o apoio e/ou formación das persoas demandantes de emprego, tanto persoal propio da entidade como aqueloutro que se contrate especificamente para a execución do programa. Cando se trate de persoal propio da entidade, imputaránselle ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente dedicado ao proxecto, tendo en conta que a citada imputación non poderá superar o 80 % agás autorización expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria. Terán, así mesmo, a consideración de gastos directos de persoal as retribucións correspondentes a persoas traballadoras por conta propia contratados polo beneficiario como formadores. En ambos os dous casos deberá quedar xustificación documental abonda da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

b) Outros gastos directos (gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución):

As pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles que teñan o carácter de obrigatorias, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

Gastos de axudas de custo e desprazamento do persoal incluído na letra a) anterior e das persoas demandantes que participen no plan (a entidade beneficiaria ten a obriga de aboar, como mínimo, os custos de desprazamento das persoas demandantes que teñan un domicilio de residencia situado nun concello distinto a aquel onde se desenvolva a lanzadeira de emprego, coa forma de acreditación e pagamento que esta determine).

Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para o participante, etc.) e de execución en material de oficina específicos para a execución do programa.

Gastos de gardaría e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes que lles faciliten a asistencia ás distintas accións do programa.

c) Gastos indirectos:

Gastos de amortización de materiais e equipamentos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10 % do custo total final do proxecto.

Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, efectos e equipamentos de arrendamento. Cando no expediente de solicitude da subvención a entidade poña á disposición da Lanzadeira de emprego locais e medios materiais propios que se tivesen en conta no momento da valoración da solicitude en ningún caso se poderán imputar os seus gastos de arrendamento.

Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento), comunicacións (teléfono, correos, etc.), limpeza, seguridade e vixilancia.

Seguros, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

Gastos indirectos de persoal (xestión administrativa e tarefas auxiliares).

Establécese un tope máximo do que non poderá exceder a suma dos gastos das letras a, b e c igual ao resultado de multiplicar as horas efectivas de traballo do persoal da letra a) por un módulo de 29,28 euros no caso dos titulados superiores e de 24,69 no caso dos titulados medios.

Os módulos anteriores obtivéronse calculando o custo unitario por hora de traballo efectivo cunha xornada de 1.720 horas para 12 meses e de acordo coas retribucións salariais establecidas na Lei 12/2015 de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2016 relativas ao persoal laboral das citadas titulacións e de acordo coa Orde do 14 de xaneiro de 2016 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2016. Sobre os custos anteriores engadiuse un 40 % en concepto doutros gastos directos e de gastos indirectos derivados da acción formativa, e tendo en conta a especial dedicación e gastos de apoio complementario que afectan o programa.

d) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación das persoas desempregadas participantes no plan. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total final da actividade subvencionada. O custo subvencionado por formación subcontratada deberá axustarse ás condicións normais de mercado e nunca poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación. Se o contrato que vincula á entidade coa persoa que impartirá as accións formativas é de carácter laboral, con independencia de se esta relación existía con anterioridade ou é nova e específica para o desenvolvemento das accións da Lanzadeira de emprego, non terá a consideración de subcontratación. Excepcionalmente, os gastos deste punto poderán xustificarse de acordo aos custos reais con documentación soporte de gasto e pagamento sen que lles afecte o límite establecido nesta orde para o resto de gastos directos e indirectos.

2. A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvencionables realizarase presentando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal:

– Copia cotexada dos xustificantes das cotizacións á Seguridade Social (RLC e RNT) correspondentes aos meses imputados.

– Copia cotexada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

– Copia cotexada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

Todos os documentos anteriores deberán ir acompañados polo xustificante da transferencia ou cargo bancario correspondente que acredite a realización do seu pagamento.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos non incluídos nas nóminas, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipamentos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios: facturas correspondentes, que deberán observar os requisitos formais establecidos no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, orixinais, formato electrónico admisible legalmente ou copias cotexadas, e xustificación do pagamento destas a través de transferencia ou cargo bancario, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención, e deberán incluír a denominación do programa integrado e o número de expediente.

Artigo 12. Inicio e período de execución

1. Na resolución de concesión das Lanzadeiras de emprego de Galicia especificaranse as seguintes datas:

Data de inicio do programa: determinará o comezo do programa e do cómputo do prazo máximo de dous meses para o remate do proceso de selección das persoas participantes, agás autorización de prórroga expresa da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral , cando concorran causas debidamente xustificadas e logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Prazo de execución: abarcará 12 meses contados desde a devandita data de inicio e determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes inseridas e atendidas no programa integrado para o emprego.

2. As instrucións para a posta en marcha das lanzadeiras e a correcta liquidación da subvención así como os modelos en que deberán presentarse necesariamente os certificados exixidos estarán ao seu dispor na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

3. No prazo de 10 días hábiles contados desde o remate do proceso de selección das persoas participantes, as entidades beneficiarias deberán remitir a seguinte documentación:

a) Certificado de inicio do programa e solicitude, de ser o caso, do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecidos no artigo seguinte, segundo o modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), en que conste:

– Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Copia do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións.

c) Certificado de alta na Seguridade Social do dito persoal.

d) Ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome, apelidos e o NIF de cada unha das persoas que van participar nas accións.

e) Fichas de control de accións, correspondentes ao inicio, asinadas por cada unha das persoas desempregadas participantes no programa, que incluirán a autorización á Consellería de Economía, Emprego e Industria para que esta comprobe os seus datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) e de residencia (SVDR).

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 14.1.

g) A solicitude, se procede, do pagamento do anticipo da subvención nos termos establecidos no artigo seguinte.

Artigo 13. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase en dúas fases do seguinte xeito:

a) Anticipo da subvención:

A entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento do 40 % do importe total da subvención, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2016, en concepto de anticipo á conta da xustificación, no prazo e xunto coa documentación establecida no artigo anterior para o inicio das accións.

b) Liquidación final:

As entidades beneficiarias terán un prazo máximo de dous meses desde a finalización do prazo de 12 meses de execución do programa, para a presentación da liquidación final conforme o establecido neste artigo.

Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

c.1) Certificado final do órgano competente da entidade beneficiaria dos gastos realizados con cargo á subvención referidos ao período de execución do programa, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), no que consten declaracións responsables do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

c.2) Documentación xustificativa dos gastos imputados conforme o establecido no artigo 11.2, entre os que deberan figurar os correspondentes ao anticipo previsto na letra anterior. Se o importe dos gastos xustificados é inferior ao importe do anticipo, procederase ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas.

c.3) Memoria final, no modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados), onde se faga constar unha descrición do desenvolvemento do programa, a relación de persoas atendidas especificando as accións realizadas con cada unha dela e a identificación das persoas inseridas no mercado de traballo.

O Servizo de Programas Mixtos verificará o nivel de atención e de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución. Se nesa verificación se comproba que a porcentaxe de atención ou inserción laboral é menor do obxectivo previsto no programa, procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 15 desta orde.

2. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberanse axustar ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as accións, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral na páxina web institucional da Xunta de Galicia, no cal constará o financiamento pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral e, en todo caso, incluír en toda a documentación o logotipo da Xunta de Galicia de acordo co Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados cederanse á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual aprobado por Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 15. Seguimento das accións

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria realizará comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias, co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

Nas visitas de seguimento por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, as entidades beneficiarias facilitarán o acceso ás instalacións en que se realizan as accións, así como a toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

2. Transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención e exixirase, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte.

Realizada a citada comprobación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto nesta orde e nos documentos de instrucións operativas que se porán á disposición das entidades beneficiarias na páxina web institucional da Xunta de Galicia no enlace (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

b) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste sentido, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

e) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria e á oficina de emprego correspondente os datos básicos das persoas desempregadas que se incorporan á Lanzadeira de emprego, así como as baixas e as novas incorporacións a ela, de acordo coas instrucións para a posta en marcha dos programas publicadas na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http://emprego.ceei.xunta.gal/programas-integrados).

f) Asegurar os participantes contra accidentes, tanto para as accións formativas como no caso de realización de prácticas profesionais non laborais, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto. Será sempre sen franquía ou, na súa falta, a carta de garantías deste, e terá polo menos a seguinte cobertura:

– Asistencia médica, farmacéutica e hospitalaria para calquera accidente acontecido durante o horario de desenvolvemento da formación ou das prácticas, incluíndo o tempo necesario para o desprazamento do participante desde a súa residencia habitual ao lugar de impartición ou desenvolvemento (o desprazamento deberá cubrir calquera medio de locomoción).

– Indemnización mínima de 30.000 euros por falecemento e mínima de 60.000 euros por invalidez permanente, derivadas ambas as dúas situacións dun accidente na empresa onde se realicen as prácticas e no desprazamento.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde, así como a falsidade comprobada en relación cos datos achegados para a súa obtención, orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, a perda do dereito ao cobramento ou o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no título II (artigos 32 e seguintes) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do establecido no título IV (artigos 50 e seguintes) da citada lei e no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se vai reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 13: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que se reintegrará será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 14: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento dalgunha das obrigas previstas nas letras b), c), d), e) e f) do parágrafo primeiro deste artigo: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado, en cada caso.

Artigo 17. Participación institucional

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Consello Autonómico de Emprego.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.41.322A.481.3 (código de proxecto
2014 00 583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin na presente orde, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ao abeiro do artigo 58.1.b) do Decreto 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para conceder, autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para exixir do beneficiario o reintegro da subvencións cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou, na súa falta, de conformidade co disposto no decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional terceira

En todo o non previsto nesta disposición, será de aplicación a Orde TAS/2643/2003 do 18 de setembro, a Orde TAS 816/2005, do 21 de marzo, pola que se adecúan ao réxime xurídico establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as normas reguladoras de subvencións que se concedan polo Servizo Público de Emprego Estatal nos ámbitos do emprego e de formación profesional ocupacional, así como o establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf
TR332Bg.pdf