Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35172

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se modifica a Orde do 24 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013–2016, se establecen as bases reguladoras para a prórroga das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2016.

BDNS (Identif.): 313816.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse das prórrogas destas axudas aquelas persoas que, tendo obtido unha subvención ao abeiro da Resolución do 7 de xaneiro de 2015 pola que se convocaron as subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 11, do 19 de xaneiro), cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan titulares, en condición de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda e, pola súa vez, que esta constitúa a súa residencia habitual e permanente.

b) Que o límite de ingresos da súa unidade de convivencia non exceda 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Para estes efectos, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia suxeitarase ao establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 24 de novembro de 2014.

c) Que as persoas membros da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.

d) Que non estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que a renda mensual da vivenda que teñen alugada non supere os seguintes límites:

1) 600 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

2) 500 euros, se a vivenda está situada nalgún dos seguintes concellos: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

3) 400 euros, se a vivenda está situada no resto de concellos de Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das prórrogas das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal 2013-2016 e proceder á convocatoria da prórroga para a anualidade 2016.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras para a concesión das prórrogas do Programa de axuda ao alugamento de vivendas son as establecidas por esta orde.

Cuarto. Orzamento

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.480.5, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016, por importe de 3.200.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes dos 30 días naturais anteriores á data de remate da axuda concedida inicialmente.

2. No caso de que no momento da publicación da convocatoria xa estivese vencido o prazo anterior, a solicitude deberá presentarse dentro dos 30 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2016

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Vivenda