Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 8 de agosto de 2016 Páx. 35178

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 21 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que todas as persoas poidan ter unha participación social plena. Trátase dun concepto relacionado coa idea de «deseño para toda a cidadanía», o deseño universal entendido como factor que permite crear produtos, contornos e comunicacións de modo que sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible, sen necesidade de adaptación nin deseño especializado. Polo tanto, beneficia o conxunto da poboación, con independencia das súas capacidades.

Este enfoque conceptual recóllese na Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020 dada a gran relevancia que ten esta dimensión para a vida das persoas con discapacidade e xustifica que, ademais da súa consideración transversal a toda a Estratexia, se dedique á accesibilidade unha das súas liñas, co fin de garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades desta parte da cidadanía, asegurando a accesibilidade universal, xa sexa ao contorno físico en xeral como aos ámbitos social, económico, político, cultural, etc.

Con independencia doutras normas anteriores, cómpre sinalar o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, no que se establece que co fin de que as persoas con discapacidade poidan participar plenamente en todos os aspectos da vida en igualdade de condicións coas demais persoas, os poderes públicos adoptarán medidas para asegurar a accesibilidade universal, entre outros ámbitos, nos servizos e instalacións de uso público. Así mesmo, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia, ten como obxectivo acadar unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades.

É indubidable que se ten avanzado na aplicación dos criterios de accesibilidade, pero resulta necesario continuar apoiando medidas de fomento que reduzan as carencias de accesibilidade existentes e lograr que os contornos e servizos sexan sempre universalmente accesibles e, neste sentido, o programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, no que se enmarca esta convocatoria, recolle no seu eixe prioritario 9 «Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza», prioridade de investimento 9.7 «Investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais», obxectivo específico 9.7.1 «Investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais», actuacións dirixidas a establecer a accesibilidade universal como un elemento fundamental das infraestruturas sociais e espazos públicos, de xeito que as persoas con discapacidade poidan acceder a todos os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, transportes, información e comunicacións, e calquera outro servizo ou instalación aberto ao público e/ou de uso público, concretamente na actuación 9.7.1.3.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, asume, entre outras, as competencias en materia de atención ás persoas con discapacidade, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

No marco desas competencias, así como en virtude do principio de colaboración entre administracións, a Consellería de Política Social, a través da presente orde, promove a realización de actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade en edificios e espazos de uso público.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por iso, e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións destinadas aos concellos galegos para a execución de obras de mellora para garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de obras e intervencións para eliminar as barreiras de comunicación en edificios destinados á prestación de servizos públicos, así como tamén nos espazos públicos, e a adquisición e instalación de equipamento para garantir a accesibilidade nos ditos edificios e espazos.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. Dado que a presente convocatoria conta con financiamento comunitario procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, respectarase o previsto no Regulamento (CE) UE1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, así como no Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de novecentos mil euros (900.000 €), distribuído nas seguintes anualidades, e que se imputará a aplicación orzamentaria que se sinala:

Aplicación orzamentaria

Anualidade

Código de proxecto

Importe

12.04.312 E.760.1

2016

2016 00169

212.500 €

2017

2016 00169

687.500 €

Total

900.000 €

Esta convocatoria, está cofinanciada con fondos Feder no Programa operativo de Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 %, e encádrase no obxectivo temático 9 Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, Prioridade de investimento 9.7 Investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais, Obxectivo específico 9.7.1 Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais.

2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Porén, as partidas de gasto financiadas ao abeiro desta orde non poderán acollerse a outras axudas procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, nos termos sinalados no artigo 65.11 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

2. O importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

3. No caso de entidades solicitantes que sexan perceptoras doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do servizo obxecto da subvención. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades solicitantes deberán ter a titularidade ou ter a dispoñibilidade xurídica e material para realizar as obras ou intervencións subvencionables. En ningún caso poderán adquirir a condición de beneficiarios os concellos propietarios dun edificio en que presten servizos outras entidades públicas ou privadas cando, por disposición legal ou acordo entre as partes, quedase establecida a obriga de realizar as reformas, obras ou intervencións de adaptación pola entidade xestora.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde considéranse subvencionables, e de acordo co establecido no artigo 1, a execución de obras de mellora para garantir a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e de obras e intervencións para eliminar as barreiras de comunicación en edificios destinados á prestación de servizos públicos e tamén nos espazos públicos, así como a adquisición e instalación de equipamento para garantir a accesibilidade nos ditos edificios e espazos, tales como:

a) No exterior dos edificios: proxectos destinados a crear itinerarios accesibles e comprensibles, tales como a instalación de vaos, ramplas non mecánicas ou pasamáns.

b) Na comunicación vertical dos edificios: ascensores ou ramplas, plataformas elevadoras, pasamáns e, excepcionalmente e debidamente xustificado, ramplas non mecánicas ou pasamáns.

c) Nas plantas dos edificios: itinerarios accesibles desde o acceso á planta coas zonas de uso público.

d) Dotación de espazos e elementos accesibles tales como: prazas de aparcamento, aseos, vestiarios, puntos de atención, punto de chamada ou servizos hixiénicos.

e) Sinalización de espazos e elementos accesibles, e instalación de mecanismos e alternativas técnicas que fagan accesibles os sistemas de comunicación e sinalización á toda a poboación, tales como cartelaría con braille e altorrelevo, pictogramas, lectura fácil, bucles magnéticos ou pantallas de información.

f) Ascensores e plataformas elevadoras de carácter urbano.

g) Vestiarios, guindastres piscina, mostradores, máquinas expendedoras, aparellos telefónicos accesibles, caixeiros e outros elementos interactivos, sinalética.

h) Mobiliario urbano tales como semáforos sonoros, contedores, papeleiras, fontes, bancos, puntos de información, paradas de autobuses, marquesiñas.

i) Ramplas mecánicas urbanas e escadas mecánicas urbanas.

Poderán admitirse outras actuacións non recollidas neste número sempre que se especifique e xustifique a súa vinculación coa mellora da accesibilidade do edificio e/ou espazo urbano.

En todo caso, calquera das actuacións subvencionables recollidas neste número, deberá axustarse á normativa vixente sobre accesibilidade.

2. Para os efectos da presente orde, entenderanse como edificios de uso público os referidos no artigo 16 da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e para o caso de solicitar subvención para a realización de actuacións neles, deberán ser edificios cuxa data de referencia de construción ou de última reforma integral, acreditada na forma que se dispón no artigo 9.1.j) da presente orde, sexa anterior ao 4 de decembro de 2010. Non será exixible este requisito cando a intervención a realizar non estea incluída entre as actuacións exixibles no Código técnico da edificación, aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo.

3. As actuacións subvencionables terán que terse iniciado en calquera caso antes do 31 de decembro de 2016.

Artigo 6. Contía das subvencións

A contía máxima da subvención por entidade beneficiaria será de 70.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total subvencionable.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde considéranse como gastos subvencionables aqueles gastos necesarios para a realización do investimento definido no artigo 5.1.da presente orde que se correspondan, de maneira inequívoca, coa operación cofinanciada.

2. Non serán gastos subvencionables:

– A reposición ou mera substitución de equipamento e maquinaria.

– Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

– Obras de mantemento.

3. Na adquisición de bens e servizos mediante contratos públicos non son subvencionables: a) os pagamentos efectuados polo contratista á Administración en concepto de taxa de dirección de obra ou control de calidade, b) calquera outro concepto que supoña ingresos ou descontos que deriven da execución do contrato, c) os pagamentos efectuados pola entidade beneficiaria que deriven da execución dos contratos públicos.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais e os gastos de procedementos xudiciais. Respecto do imposto sobre o valor engadido, os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o dito imposto soportado por estes non é recuperable, considerándose subvencionable, segundo o artigo 69.3.c) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

5. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás subvencións regulados nesta orde será desde a data de presentación da solicitude de subvención ata o 31 de outubro de 2017.

Non obstante, consideraranse subvencionables os gastos realizados desde a data de publicación da presente convocatoria, a título de adquisición de máquinas, aparellos ou materiais de construción, sempre que a montaxe ou instalación non tivese lugar antes da presentación da solicitude, así como os gastos correspondentes a honorarios de redacción de proxectos e estudos de viabilidade.

As entidades beneficiarias deberán identificar e xustificar de xeito independente os gastos que se imputarán a cada exercicio, de xeito que os gastos correspondentes ao período comprendido desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2016 se imputarán ao exercicio 2016, e os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de decembro de 2016 ata o 31 de outubro de 2017, ao exercicio 2017.

6. En todo caso, as actuacións obxecto da presente convocatoria deberán cumprir, ademais, as normas establecidas no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

7. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos será resolta pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

8. Poderán ser obxecto de subcontratación ata o 100 % as actuacións subvencionadas nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non fornezan valor engadido ao seu contido.

9. Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado polo texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se deberán respectar, en todo caso, as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados pola presente orde de subvencións.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

En canto á obriga que establece o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención para o suposto recollido no parágrafo segundo do número 5 do presente artigo, enténdese cumprida nesta convocatoria, coas obrigas que establece a normativa de contratación pública, por teren os beneficiarios, nese suposto, a obriga de tramitar un expediente de contratación.

Artigo 8. Prazo e solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Clave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a entidade solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Copia do DNI da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Anexo II: certificación do órgano competente da entidade en que se fagan constar os seguintes aspectos:

– O acordo de solicitar a subvención e do compromiso do financiamento do importe dos custos necesarios para completar o orzamento previsto para a realización da actuación ou medida para a que se solicita a subvención. Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c) Tres ofertas, como mínimo, de provedores diferentes, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando a entidade beneficiaria teña a obriga de solicitar, como mínimo, tres ofertas de provedores diferentes, deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) Acta expedida polo/a secretario/a da entidade solicitante que reflicta de maneira fidedigna o non inicio dos traballos previstos na solicitude de subvención.

e) Programa de accesibilidade no cal se encadra a actuación obxecto da solicitude de subvención, para aqueles supostos en que a entidade solicitante non conte cun plan de accesibilidade en vigor. O contido mínimo obrigatorio do programa de accesibilidade deberá recolle os seguintes puntos:

– Análise da situación actual por ámbitos de intervención, a título de exemplo: barreiras urbanísticas, en espazos públicos, viario, espazos peonís; barreiras arquitectónicas en edificios de uso público, barreiras da comunicación, sinalización, mobiliario urbano, equipamentos de uso público.

– Propostas de actuacións por ámbitos de intervención.

– Priorización de actuacións.

– Criterios de priorización.

– Detalle orzamentario de cada actuación.

– Cronograma das actuacións previstas: plan de etapas das actuacións e orzamento por etapas.

f) Plan de accesibilidade en vigor, se é o caso, e, de ser así, achegarase tamén xustificante da aprobación do plan e copia del en formato dixital.

g) Acreditación da titularidade do inmoble ou de calquera título de disposición válido en dereito sobre o que se vaia desenvolver a actuación subvencionada que garanta a súa permanencia durante un mínimo de cinco anos.

h) Certificación expedida por técnico/a competente sobre adecuación da actuación prevista aos requisitos e criterios exixidos pola normativa vixente en materia de accesibilidade.

i) Certificación do/a técnico/a competente da entidade local que acredite a data de licenza de obra de construción ou de última reforma integral do edificio en que se planean as obras de accesibilidade que se van realizar ou, na súa falta, do acordo municipal no cal se aprobase o proxecto de obra ou de reforma integral do dito edificio, cando a subvención se solicite para actuacións exixidas polo Código técnico de edificación.

j) No caso de que a actuación o requira deberá presentarse, polo menos, un anteproxecto que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar; nos demais casos, presentarase unha memoria valorada.

En todo caso, o anteproxecto ou memoria, que deberán estar asinados por técnico/a competente, deberá incluír:

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos equipamentos que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

– Orzamento detallado agrupado por partidas dos gastos necesarios para a execución da actuación.

– Así mesmo, achegarase calquera outra documentación que permita comprobar a boa execución da actuación obxecto de subvención e a súa suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

2. Poderase achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. Así mesmo, o órgano que convoca estas subvencións poderá solicitar a documentación complementaria aclaratoria que se xulgue pertinente.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa representante da entidade solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude inclúe autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, será necesario presentar fotocopia compulsada do DNI da persoa representante da entidade solicitante.

3. As solicitudes das entidades solicitantes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Política Social publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 11. Emenda da solicitude

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia, unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da dita lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia ou na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión de valoración, regulada no artigo 13 desta orde.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria ou fosen presentados fóra de prazo quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desistencia ou inadmisión.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa en que delegue.

b) Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal.

c) Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Supervisión de Proxectos da Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade, un/unha arquitecto/a superior ou arquitecto/a técnico/a da dita subdirección xeral, e un/unha funcionario/a do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, será substituída pola persoa designada pola presidencia da comisión.

2. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 14, a comisión de valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propoñendo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible. A comisión poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal non se considera axeitado conceder a subvención.

3. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde, a comisión de valoración prevista no artigo 13 valorará as solicitudes presentadas conforme os seguintes criterios de valoración:

a) Poboación da entidade solicitante, segundo a cifra oficial de poboación en data do 1 de xaneiro de 2015, fonte Instituto Galego de Estatística: ata 20 puntos, coa seguinte ponderación:

– Ata 5.000 habitantes: 20 puntos.

– De 5.001 a 10.000 habitantes: 18 puntos.

– De 10.001 a 20.000 habitantes: 15 puntos.

– Máis de 20.000 habitantes: 12 puntos.

b) Porcentaxe de poboación maior de 65 anos sobre o total de poboación da entidade solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación a data 1 de xaneiro de 2015, fonte Instituto Galego de Estatística: ata 10 puntos, coa seguinte ponderación:

– Superior ao 20 %: 10 puntos.

– Superior ao 15 % e ata o 20 %: 8 puntos.

– Entre o 10 % e ata o 15 %: 6 puntos.

– Inferior ao 10 %: 4 puntos.

c) Porcentaxe de poboación con grao de discapacidade recoñecida sobre o total da poboación da entidade solicitante, segundo os últimos datos publicados do Censo de persoas con discapacidade, fonte Instituto Galego de Estatística: ata 10 puntos, coa seguinte ponderación:

– Superior ao 10 %: 10 puntos.

– Entre o 5 % e ata o 10 %: 8 puntos.

– Inferior ao 5 %: 6 puntos.

d) Propostas de actuacións que teñan en conta a todas as posibles persoas usuarias atendendo de xeito integral a actuación proposta ás necesidades derivadas da discapacidade física, sensorial e cognitiva: 12 puntos.

e) Porcentaxe de persoas con discapacidade no cadro de persoal da entidade solicitante sobre o número total: ata 5 puntos, coa seguinte ponderación:

– Superior ao 2 %: 5 puntos.

– Ata o 2 %: 3 puntos.

f) Dispor dun plan de accesibilidade en vigor: 5 puntos.

g) Contar cunha concellaría de accesibilidade universal: 3 puntos.

2. Para a comparación das solicitudes presentadas establécese unha puntuación máxima de 65 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no número anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

3. En función da finalidade do investimento, con base no establecido no artigo 5 da presente orde e nos seus correspondentes puntos, a puntuación final das solicitudes presentadas incrementarase do seguinte xeito:

– 40 %: no caso de tratarse dalgunha actuación dos números 1.a), 1.b), 1.c).

– 35 % no caso de tratarse dalgunha actuación dos números 1.f), 1.i).

– 30 % no caso de tratarse dalgunha actuación dos números 1.d), 1.e).

– 20 % no resto de actuacións.

4. No caso de empate na puntuación, para o desempate terase en conta: en primeiro lugar, terá preferencia a solicitude con maior puntuación no número 1.a) do presente artigo e, se persiste, pola puntuación obtida no número 1.d), e, de continuar, pola data de presentación da solicitude.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, actuando por delegación do conselleiro de Política Social, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola Intervención Delegada.

2. As resolucións recaídas notificaranse ás entidades interesadas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Na resolución de concesión, que será notificada ás persoas beneficiarias, estas serán informadas das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3.c) e d), 125.4.a) e 67.6 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro, no artigo 10 do Regulamento de execución (UE) núm. 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro de 2014, e no anexo III do Regulamento delegado (UE) núm. 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo. De acordo cos preceptos citados, a resolución de concesión determinará as condicións da axuda, e deberá conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

d) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

e) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberán cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013.

f) Obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

g) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase á persoa beneficiaria da data de comezo deste prazo.

h) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez días (10), a súa aceptación, e comprometerase a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o/a director/a xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actuación.

3. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

4. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. Xunto coa solicitude a entidade deberá presentar memoria xustificativa, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

6. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia á entidade interesada nos termos previstos neste artigo.

7. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta, que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puideren dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención obxecto da presente convocatoria realizarase a través de conta xustificativa do gasto realizado.

2. Para as actuacións subvencionables cuxa execución comprenda exclusivamente gasto realizado con cargo á anualidade 2016, é dicir, desde a data de presentación da solicitude de subvención ata o 30 de novembro de 2016, tal e como se establece no artigo 7.5, o procedemento de xustificación será o seguinte:

A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación dirixida á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e presentaranse con data límite do 5 de decembro de 2016, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche do exercicio:

a) Solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo III.

b) Declaración complementaria e actualizada na data de xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo IV).

c) Conta xustificativa do gasto realizado con cargo á anualidade 2016, conforme o artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que incorporará:

– Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control da legalidade, do cumprimento da normativa en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e copia compulsada do expediente de contratación completo.

– Unha memoria xustificativa sobre a actuación subvencionada, que incluirá a seguinte documentación:

– Infraestruturas ou equipamentos creados e/ou mellorados coa execución da acción subvencionada.

– Fotografías en papel e soporte dixital do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización.

– Fotografías en papel e soporte dixital dos carteis informativos, que deberán estar colocados en lugares ben visibles para o público, nos cales se aprecie a publicidade de cofinanciamento das actuacións con fondos Feder, e que deberán permanecer colocados, cando menos, ata a data na que remata o prazo de xustificación da subvención establecido no apartado 3 do presente artigo.

– Relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco á subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e as sumas parciais (folla por folla) e total da relación. A estes documentos xuntaránselles facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto, importe e data de pagamento. As facturas deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. En todo caso, tanto as facturas como calquera documento acreditativo que figure e se achegue na relación deberán vir acompañados dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, e deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria.

– Certificacións de obra, se é o caso, asinadas por técnico/a competente.

3. Para as actuacións subvencionables cuxa execución comprenda as dúas anualidades (2016 e 2017), o procedemento de xustificación será o seguinte:

3.1. Xustificación parcial: que incluirá os gastos correspondentes con cargo ao exercicio orzamentario 2016, é dicir, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 30 de novembro de 2016. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación dirixida á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e presentarase con data límite do 5 de decembro de 2016, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de peche do exercicio:

a) Solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo III.

b) Relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco a subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e as sumas parciais (folla por folla) e total da relación. A estes documentos xuntaránselles facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto, importe e data de pagamento. As facturas deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro. En todo caso, tanto as facturas como calquera documento acreditativo que figure e se achegue na relación deberán vir acompañados dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, e deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria.

c) Certificacións de obra, se é o caso, asinadas por técnico competente.

3.2. Xustificación final: coa finalidade de acreditar a realización total da actividade subvencionada, así como o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, con data límite do 15 de novembro de 2017, a seguinte documentación relativa ás actuacións subvencionadas ata o 31 de outubro de 2017:

a) Solicitude de pagamento, segundo o modelo do anexo III.

b) Declaración complementaria e actualizada na data de xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (anexo IV).

c) Conta xustificativa do gasto realizado con cargo á anualidade 2017, conforme o artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que incorporará:

– Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control da legalidade, do cumprimento da normativa en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e copia compulsada do expediente de contratación completo.

– Unha memoria xustificativa sobre a actuación subvencionada, que incluirá a seguinte documentación:

– Infraestruturas ou equipamentos creados e/ou mellorados coa execución da acción subvencionada.

– Fotografías en papel e soporte dixital do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización.

– Fotografías en papel e soporte dixital dos carteis informativos, que deberán estar colocados en lugares ben visibles para o público, nos cales se aprecie a publicidade de cofinanciamento das actuacións con fondos Feder, e que deberán permanecer colocados, cando menos, ata a data na que remata o prazo de xustificación da subvención establecido no número 3 do presente artigo.

– Relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco a subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e as sumas parciais (folla por folla) e total da relación. A estes documentos xuntaránselles facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto, importe e data de pagamento. As facturas deben cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. En todo caso, tanto as facturas como calquera documento acreditativo que figure e se achegue na relación deberán vir acompañados dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, e deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria.

– Certificacións de obra, se é o caso, asinadas por técnico competente.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas para a concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na presente convocatoria.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do gasto que consideren convenientes.

Artigo 19. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención nos termos establecidos no artigo 18, o órgano competente, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o gasto xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto. Así mesmo, procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 20 desta orde e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 25 desta convocatoria.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) As infraestruturas e/ou equipamentos sobre as que se realicen as actuacións subvencionables deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco (5) anos, tal e como se recolle no artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder e conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea, data esta que se publicará oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

d) Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación subvencionada terá que constar a condición de subvencionada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, será, así mesmo, obrigatoria a colocación de carteis informativos (tamaño mínimo A3), en lugares ben visibles para o público, nos cales se aprecie a publicidade de cofinanciamento das actuacións con fondos Feder, deberán permanecer colocados durante a realización da actuación subvencionada e, cando menos, ata a data en que remata o prazo de xustificación da subvención establecido no número 3 do artigo 18 da presente orde. Así mesmo, tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación subvencionada e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada. Porase ao dispor das entidades beneficiarias na páxina web da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, http://politicasocial.xunta.gal, un modelo orientativo do contido e da estrutura da información que debe recollerse no cartel, de acordo coa Estratexia de comunicación 2014-2020 dos programas operativos Feder e FSE Galicia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 21. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, a actuación da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda percibida, no caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

3. Procederá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de non comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas que financien a acción subvencionada.

4. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga recollida no artigo 20, letras c) e d).

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 23. Seguimento e control

1. A Consellería de Política Social levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das subvencións. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Tamén quedarán suxeitas ás verificacións previstas no artigo 125, número 5, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e aos demais controis que procedan por mor do financiamento no marco do programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020.

Artigo 24. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto pola persoa representante da administración como pola entidade beneficiaria.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, así como no Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre a presente convocatoria, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade tanto a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guiadeprocedementos da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, http://politicasocial.xunta.gal, dos teléfonos 981 54 67 36/54 73 98, así como no enderezo electrónico: autonomiapersoal.sxps@xunta.gal, ou de xeito presencial.

Artigo 27. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e as entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico ao seguinte enderezo: sxt.politicasocial@xunta.gal.

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado «Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, seguimento, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.gal.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file