Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 9 de agosto de 2016 Páx. 35385

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 100/2016, do 7 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón no seu artigo 16 en relación co 18 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, creado pola Lei 10/2006, do 1 de decembro, acordou en asemblea xeral celebrada o 3 de xuño de 2015 a modificación dos seus estatutos, que foron presentados na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa cualificación de legalidade, aprobación definitiva e inscrición no rexistro de colexios, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do sete de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposión derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados por Decreto 82/2010, do 6 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica

1. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (no sucesivo, o Colexio) é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e polas prescricións dos presentes estatutos.

2. O Colexio ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, e de acordo coa legalidade vixente, pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, subscribir convenios, obrigarse e exercitar accións e interpor recursos en todas as vías e xurisdicións para o cumprimento dos seus fins.

3. O Colexio funcionará baixo o principio de estrutura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle corresponda.

4. O Colexio queda suxeito á Constitución; ao Estatuto de Autonomía de Galicia; á lei 2/1974, de 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais; á lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais de Galicia; á lei 10/2006, de 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; á lexislación estatal básica ou de aplicación directa ou xeral sobre colexios profesionais; á lexislación autonómica que, en desenvolvemento da lexislación estatal, aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito da súa competencia; aos Estatutos Xerais de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática e do seu Consello Xeral e a estes estatutos.

Artigo 2. Relacións coa Administración

O Colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relaciónase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión ou actividade profesional, coa Consellería competente por razón da materia.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio

O ámbito territorial do Colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia. O seu domicilio e sede establécese no Centro Empresarial Compostela, rúa Fernando III O Santo, 13-1ªA, 15701 Santiago de Compostela. A Asemblea Xeral poderá, en todo caso, acordar unha nova sede dentro do ámbito territorial, coa correspondente modificación estatutaria.

Artigo 4. Membros do Colexio

1. O Colexio agrupará baixo a denominación de membros colexiados de número ás persoas españolas e estranxeiras que exerzan a profesión de enxeñaría en informática por estar en posesión do título de enxeñaría en informática, dun título universitario oficial vinculado coa profesión de enxeñaría en informática ou ben se atopen en posesión dun título universitario debidamente homologado ou declarado equivalente ao anterior polo ministerio competente.

2. Os membros xubilados poderán seguir pertencendo ao Colexio sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

3. O Colexio contempla tamén os membros ou colexiados de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión, que lle rendan ou renderan servizos destacados a este ou á profesión. Este título será outorgado, mediante acordo da Asemblea xeral, a proposta da Xunta de Goberno.

4. De conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, abondará coa colexiación nun só colexio territorial, que será o do domicilio profesional único ou principal.

5. Poden darse de alta como pre colexiados/as as persoas que estean cursando calquera titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou titulación universitaria debidamente homologada ou declarada equivalente á anterior polo ministerio competente, xustificando anualmente e cando o colexio o requira, a continuidade da condición que os habilita como pre colexiado/a. Asemade terán a obriga de notificar, no prazo dun mes, a baixa da condición que os habilita como pre- colexiado/a.

6. Os pre- colexiados/as poderán utilizar os servizos básicos e optativos do CPEIG, así como participar nas actividades que o Colexio organice, nas condicións que se establezan regulamentariamente. En ningún caso se recoñecerán dereitos de sufraxio, activo ou pasivo, aos/ás precolexiados/as, nin se lles facultará en ningún xeito para o exercicio profesional.

Artigo 5. Fins

1. Son fins esenciais do Colexio os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan deseguido:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia e de acordo co establecido polas leis, do exercicio da profesión da Enxeñaría en Informática en todas as súas formas e especialidades, a representación desta profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as.

b) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de Enxeñaría en Informática, mediante a promoción, salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa dignidade e prestixio.

c) A protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos colexiados/as, sen prexuizo das competencias que correspondan, en defensa de aquelas, á administración competente en materia de consumo e ás organizacións de consumidores e usuarios e pola normativa da orde xurisdicional civil.

d) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos/das colexiados/as, mediante a promoción e fomento do progreso das actividades propias da profesión, da investigación, do establecemento e uso de estándares e do desenvolvemento e innovación científica e técnica, así como da solidariedade profesional e do servizo da profesión á sociedade.

e) Cooperar na mellora dos estudos que conducen á obtención do título de Enxeñaría en Informática para obter o máximo nivel intelectual, cultural e de aplicación da Enxeñaría en Informática, polo que favorecerá as ensinanzas técnicas profesionais de investigación relacionadas coa carreira, facilitará a formación de técnicos/as aptos/as para as súas diversas funcións e promoverá o entendemento entre os centros de ensino e as empresas.

f) Colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión recoñecidos pola Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia aos colexios profesionais.

g) A potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións como instrumentos de desenvolvemento económico e social.

h) A realización de actuacións de difusión e sensibilización orientadas ao desenvolvemento e implantación da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Fomentar a formación de todas as persoas no uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC), como medio de mellora das súas capacidades persoais en xeral e profesionais en particular, así como instrumento fundamental de integración e reciclaxe laboral.

k) A promoción e a difusión de contidos dixitais en lingua galega.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo das competencias das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

3. O cumprimento dos devanditos fins desenvolverase no ámbito estritamente profesional; quedan excluídas aquelas actividades que a Constitución atribúe especificamente aos partidos políticos, aos sindicatos e a outras asociacións.

Artigo 6. Funcións

Para o cumprimento dos devanditos fins, O Colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación estatal e autonómica e, como propias, as seguintes:

a) Facilitarlles aos seus membros o exercicio da profesión, procurando a irmandade entre todos eles.

b) Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais e persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que directa ou indirectamente afecten á profesión ou aos/ás colexiados/as, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e demais actividades relacionadas cos seus fins que puidesen solicitarlles ou por iniciativa propia.

c) Emitir un informe, cando así se lle requira, sobre os proxectos de lei e as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da Enxeñaría en Informática ou que se refiran, ben ás condicións xerais da función profesional da mesma e á súa correlación con outras profesións ou co ensino, ben ás súas atribucións, aos seus honorarios orientativos ou ao réxime de incompatibilidades.

d) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, podendo exercitar o dereito de petición conforme á Lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión.

e) Participar, cando lle sexa requirido, nos consellos ou organismos consultivos das distintas administracións públicas en materia da súa competencia profesional, cando as súas normas reguladoras o permitan, así como estar representado nos órganos de participación social existentes.

f) Participar, cando así se lle requira, na elaboración dos plans de estudo das ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coas actividades propias da profesión e emitir un informe sobre a posible creación de escolas universitarias de Enxeñaría en Informática, mantendo contacto con estas, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados e tituladas. Esta participación non terá en ningún caso carácter vinculante.

g) Estar representados, se é o caso, nos consellos sociais das universidades onde se impartan os estudos de Enxeñaría en Informática, de conformidade co que estableza a lexislación aplicable.

h) Cooperar coa Administración de xustiza e demais organismos oficiais na designación de colexiados/as que puidesen ser requiridos/as para realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais, para o que se facilitará periodicamente e sempre que o soliciten, a relación de colexiados/as dispoñibles para estes efectos.

i) Colaborar coa Administración xeral do Estado e administracións autonómicas na realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou decida formular por iniciativa propia.

k) Ordenar, no ámbito das súas atribucións, a actividade profesional dos seus membros, que deberá realizarse en réxime de libre competencia e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal. Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos particulares, exercendo, se é o caso, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

l) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais.

m) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais por petición libre e expresa dos/das colexiados/as, no caso de que o Colexio teña creados os servizos adecuados, nas condicións que se determinen nestes estatutos ou na correspondente normativa do Colexio, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución destes, exercitando as accións procedentes en reclamación dos honorarios reportados polos mesmos no exercicio da profesión.

n) Impedir e, se é o caso, denunciar ante a Administración, e incluso perseguir ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusismo profesional que afecten á Enxeñaría en Informática e ao exercicio da profesión.

o) Intervir, de xeito voluntario e pola vía da conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os seus membros.

p) Resolver por laudo, a instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos/polas colexiados/as no exercicio da profesión.

q) Visar os traballos profesionais dos colexiados/as, nos termos establecidos no artigo 20 destes estatutos.

r) Manter un activo e eficaz servizo de información sobre os postos de traballo que poden desenvolver os/as enxeñeiros/as en Informática co fin de conseguir unha maior eficacia no seu exercicio profesional.

s) Emitir informes nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios.

t) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os/as colexiados/as, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión.

u) Cumprir e facerlles cumprir aos/ás colexiados/as os estatutos, así como as normas e acordos adoptados polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

v) Exercer a potestade disciplinaria, así como autorizar a cancelación das sancións.

w) Impulsar e desenvolver a mediación, así como desempeñar funcións de arbitraxe, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

x) Todas as outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes e que beneficien aos intereses profesionais dos seus membros ou da profesión.

Artigo 7. Do uso do galego

1. O galego é o idioma propio do Colexio. O castelán é tamén lingua oficial.

2. De acordo co artigo 4 da Lei 10/2006, do 1 de decembro, de creación do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o Colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións internas e externas.

Artigo 8. Xanela única

1. O colexio disporá, de un punto de acceso electrónico único a través do cal os profesionais poidan, de xeito non presencial e gratuíto, realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa, presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, coñecer o estado de tramitación dos procedementos nos que teñan la consideración de interesados, recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución dos expedientes, incluída a notificación dos procedementos disciplinarios cando non fora posible por outros medios, ser convocados ás asembleas xerais e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio.

2. A través da mencionada xanela única, para a mellor defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias dos servizos ofertados polas persoas colexiadas, o Colexio ofrecerá polo menos a seguinte información de xeito claro, inequívoco e gratuíto:

a) O acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no que constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos/das profesionais colexiados/as, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da lei 2/2007, de 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia

d) Os contidos dos códigos deontolóxicos

e) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre un/unha cidadán/á e un/unha colexiado/a ou o Colexio.

3. Co fin de garantir os principios de interoperabilidade entre os Colexios e Consellos e de accesibilidade das persoas con discapacidade, recollidos ambos na Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades e servizos e o seu exercicio, o Colexio creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade.

Artigo 9. Servizo de atención a colexiados/as e a consumidores/as ou usuarios/as

1. O colexio atenderá, no ámbito da súa competencia, as queixas ou reclamacións presentadas polas persoas colexiadas.

2. Así mesmo, disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias, que necesariamente tramitará e, no seu caso, resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos/das colexiados/as, se presenten por calquera persoa consumidora ou usuaria que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de persoas consumidoras e usuarias na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias, resolverase sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión da súa competencia, conforme a dereito.

4. A presentación de queixas e reclamacións poderase realizar persoalmente ou por vía electrónica, a través do punto de acceso electrónico único do Colexio.

Artigo 10. Memoria anual

1. O colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, deberá elaborar unha memoria anual, que conteña, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados, especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables, desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción á que se refiren e da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polas persoas consumidoras ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, no seu caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros da Xunta de Goberno.

2. A memoria anual, deberá facerse pública, a través da páxina Web do Colexio, no primeiro semestre de cada ano.

TÍTULO II

Dos/das colexiados/as

CAPITULO I

Adquisición, denegación e perda da condición de colexiado/a

Artigo 11. Colexiación

1. Poderán integrarse no Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, os profesionais que se atopen en posesión do título de enxeñaría en informática, dunha titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou ben se atopen en posesión dunha titulación universitaria debidamente homologada ou declarada equivalente á anterior polo ministerio competente, de conformidade co establecido na normativa reguladora da colexiación.

2. Para exercer en todo o territorio do Estado bastará a pertenza a un só dos colexios de Enxeñaría en Informática. Este será o do domicilio único ou principal do profesional ou, no seu defecto, o do lugar onde se desenvolva efectivamente a profesión.

3. Os requisitos para ser colexiado/a son:

a) Estar en posesión do título de enxeñaría en informática, dunha titulación universitaria oficial vinculada co exercicio da profesión de enxeñaría en informática, ou ben atoparse en posesión dunha titulación universitaria debidamente homologada ou declarada equivalente á anterior polo ministerio competente.

b) Non atoparse inhabilitado profesionalmente nin colexialmente como consecuencia de resolución xudicial ou resolución disciplinaria firme.

c) Aboar a cota de entrada vixente no Colexio.

d) Se o solicitante procede doutro colexio territorial, deberá achegar unha comunicación do Colexio de orixe, na que constará que está ao corrente das súas obrigas colexiais, certificación de estar en posesión da titulación requirida para colexiarse e non estar inhabilitado para o exercicio profesional.

4. Os membros do Colexio aceptan, polo feito de solicitar a súa colexiación, o contido dos presentes estatutos.

5. As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

a) Toda petición de incorporación ao Colexio deberá formalizarse mediante instancia dirixida ao/á seu/súa presidente/a, acompañada de: orixinal do título profesional ou fotocopia debidamente compulsada, fotocopia do DNI, e a documentación que a Xunta de Goberno estableza. Esta petición resolveraa a Xunta de Goberno no prazo máximo de tres meses dende a súa formulación ou, se é o caso, dende que o/a interesado/a achegue os documentos necesarios ou se corrixan os defectos reparables da petición, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou calquera outra que a modifique ou substitúa.

b) Rematado este prazo, mais o que se dea de acordo coa lexislación en materia de procedemento administrativo, sen que se resolva a solicitude de incorporación ao Colexio, poderase entender aceptada esta, nos termos establecidos no artigo 43 da dita lei.

c) O Colexio está na obriga de emitir unha certificación acreditativa da aceptación da solicitude de colexiación, por silencio administrativo, cando sexa requirido para iso.

Artigo 12. Denegacións

1. A colexiación poderá ser denegada:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas respecto á súa autenticidade.

b) Cando o/a peticionario/a estea baixo condena imposta polos tribunais de xustiza que leve anexa unha pena accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Cando estea suspendido no exercicio da profesión por outro colexio e non obteña a correspondente rehabilitación.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación, que deberán comunicarse ao solicitante de forma debidamente razoada, cabe recurso de reposición ante a Xunta de Goberno, que deberá interporse no prazo de 15 días dende a data de notificación da denegación de incorporación ao Colexio.

3. Contra a resolución do devandito recurso, poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática.

Artigo 13. Baixas

1. Pérdese a condición de colexiado/a en calquera das seguintes circunstancias:

a) Por petición propia, mediante instancia dirixida ao/á presidente/a do Colexio. Esta petición non eximirá do cumprimento das obrigas que o/a interesado/a contraese anteriormente co Colexio.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza xudicial firme ou pola resolución firme dun expediente disciplinario que impoña a expulsión do Colexio.

c) Por falta do pagamento da cota colexial ou doutras achegas establecidas polos órganos de goberno do Colexio, tras o requirimento de pagamento no prazo de dous meses para o seu aboamento.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado/a polas causas expresadas nos números 1 b) e 1 c) deste artigo deberá ser comunicada por calquera medio en que lle quede constancia ao/á interesado/a, momento no que producirá efecto.

Artigo 14. Reincorporación

1. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1 a) destes estatutos, o solicitante deberá tramitar unha nova solicitude de admisión, excepto a presentación de documentos referentes á súa titulación e deberá aboar a cota de reincorporación que regulamentariamente estea establecida.

2. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1 b) destes estatutos, o solicitante deberá acreditar o cumprimento da pena ou sanción que motivou a súa baixa colexial.

3. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 10.1 c) destes estatutos, o solicitante deberá satisfacer a débeda pendente mais os xuros legais, se procede, dende a data da orde de pagamento daquela.

Artigo 15. Colexiación única e exercicio en territorio diferente ao da colexiación

A colexiación é única para todo o territorio.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, o Colexio utilizará os mecanismos de comunicación e sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, de 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Os profesionais doutros colexios que actúen na Comunidade Autónoma de Galicia aboarán, nas mesmas condicións que os membros deste colexio, os dereitos económicos correspondentes ao visado dos seus traballos e quedan suxeitos, durante a súa actuación profesional, ao réxime disciplinario vixente neste colexio.

CAPÍTULO II

Dos dereitos e deberes dos/das colexiados/as

Artigo 16. Dereitos

Son dereitos dos/das colexiados/as:

a) Actuar profesionalmente en todo o territorio do Estado, de acordo co previsto no artigo anterior.

b) Ser asistidos/as, asesorados/as e defendidos/as polo Colexio, de acordo cos medios dos que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, cando se lesionen ou menoscaben os seus dereitos ou intereses profesionais.

c) Ser representados/as pola Xunta de Goberno do Colexio, cando así o solicite, nas reclamacións, de calquera tipo, dimanantes do exercicio profesional, nos termos que regulamentariamente se fixen.

d) Empregar os servizos e medios do Colexio, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

e) Participar, como electores/as e como elixibles, en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial; intervir de forma activa na vida do Colexio; e ser informados/as, informar e participar con voz e voto nas Asembleas xerais do Colexio.

f) Formar parte das comisións ou grupos de traballo que se establezan segundo o regulamento interno ou decisión da Xunta de Goberno.

g) Presentar á Xunta de Goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ao exercicio profesional ou á marcha do Colexio.

h) Gardar o segredo profesional respecto aos datos e á información coñecidos no exercicio profesional.

i) Someter a conciliación ou arbitraxe do Colexio as cuestións de carácter profesional que se produzan entre os membros.

k) Asistir aos actos corporativos.

Artigo 17. Deberes

Son deberes dos/das colexiados/as:

a) Exercer a profesión eticamente e cumprindo os preceptos e normas das disposicións vixentes, actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto cara aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

b) Acatar e cumprir estes estatutos e, en xeral, as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, sen prexuízo dos recursos oportunos.

c) Poñer en coñecemento do Colexio todos os feitos que poden afectar á profesión, tanto particular como colectivamente considerada. A importancia destes feitos pode determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

d) Someter ao visado do Colexio toda a documentación técnica ou facultativa que subscriba no exercicio da súa profesión, segundo o disposto no artigo 20º, aboando ao Colexio os dereitos económicos que se establezan pola práctica do visado.

e) Comunicar ao Colexio, no prazo de trinta días, os cambios en calquera dato previamente facilitado, especialmente os necesarios para o cumprimento das débedas co Colexio, os de residencia ou domicilio, e calquera outro de contacto.

f) Asistir aos actos corporativos.

g) Aboar, cando sexan emitidas, as cotas e contribucións establecidas polos órganos de goberno do Colexio.

h) Desenvolver con dilixencia e eficacia os cargos para os que fosen elixidos, e cumprir os encargos que os órganos de goberno poidan encomendarlles.

i) Cooperar coa Asemblea xeral e coa Xunta de Goberno, prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial nos que poidan ser requiridos, sen prexuízo do segredo profesional.

k) Gardar o segredo profesional.

l) Dar conta ante o Colexio de quen exerza actos propios da profesión sen posuír o título que o autorice ou de quen non estea colexiado a pesar de posuílo.

m) Proporcionar ao Colexio a documentación ou información persoal e profesional que este requira para a xestión do mesmo e o correcto cumprimento dos seus fins.

CAPÍTULO III

Do exercicio da profesión baixo forma societaria

Artigo 18. Sociedades profesionais

1. O exercicio da profesión de enxeñaría en informática poderase levar a cabo individualmente ou en común con outros/as profesionais enxeñeiros/as en informática, a través dunha sociedade profesional ou calquera outra forma societaria das recoñecidas polo ordenamento xurídico e constituída de acordo coa lei.

Poderán ser socios/as profesionais dunha sociedade profesional tanto os enxeñeiros/as en informática como as sociedades profesionais debidamente inscritas nun Colexio.

2. As sociedades profesionais de enxeñaría en informática terán por obxecto social o exercicio da actividade profesional propia da enxeñaría en informática. No entanto, poderán exercer outras actividades profesionais distintas sempre que o seu exercicio conxunto non fose declarado incompatible pola lei.

3. As sociedades profesionais de enxeñaría en informática, unha vez constituídas en escritura pública e inscritas no Rexistro Mercantil, inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

4. Nos traballos profesionais que se sometan a visado, este expedirase a favor da sociedade profesional ou do/da profesional ou profesionais que se responsabilicen do traballo.

Artigo 19. Rexistro de Sociedades Profesionais

1. O Colexio levará e manterá actualizado un Rexistro de Sociedades Profesionais no que se inscribirán todas aquelas que teñan o domicilio social dentro do seu ámbito territorial

2. A inscrición das sociedades profesionais no Rexistro conterá os seguintes extremos:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e reseña identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado.

c) As actividades profesionais que constitúan o obxecto social no caso de que legalmente poidan compatibilizar máis dunha.

d) Identificación dos/as socios/as profesionais e non profesionais e colexio de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio/a profesional ou non de cada unha delas

f) Será igualmente obxecto de inscrición calquera cambio de socios/as e administradores/as e calquera modificación do contrato social.

3. O Colexio remitirá cada tres meses ao Ministerio de Xustiza e, no seu caso, á consellería competente da Xunta de Galicia, as inscricións practicadas nos seus Rexistros de Sociedades Profesionais aos efectos de que aqueles manteñan permanentemente actualizados os seus respectivos portais de Internet nos que se de publicidade ao contido da folla aberta a cada sociedade profesional. Nos mesmos prazos enviarán a mesma información ao Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática para a súa toma de razón nos Rexistros centrais.

CAPÍTULO IV

Regulación do exercicio profesional

Artigo 20. Visado de traballos profesionais

1. O colexio visará os traballos profesionais no seu ámbito de competencia unicamente cando se solicite por petición expresa dos clientes, ou cando así o estableza a normativa vixente.

2. O Colexio deberá atender as solicitudes de visado dos/das profesionais colexiados/as, organizando os servizos adecuados para iso. As solicitudes poderán tramitarse por vía electrónica.

3. O visado comprobará a identidade e habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para iso os rexistros de colexiados, así como a corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coas normas polas que este se rexa ou sexan aplicables.

Así mesmo, o visado expresará de forma clara cal é o seu obxecto, detallando os extremos sometidos a control e informará sobre a responsabilidade subsidiaria que asume o Colexio polos danos derivados dun traballo profesional visado polo propio Colexio, sempre que devanditos danos teñan a súa orixe en defectos que debesen ser postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional e que garden relación directa cos elementos que foron visados nese traballo concreto.

O visado non comprenderá o control técnico dos elementos facultativos do traballo profesional. Tampouco comprenderá os honorarios profesionais nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes.

4. O custo do visado será razoable, non abusivo nin discriminatorio. O Colexio fará públicos os prezos dos visados dos traballos.

TÍTULO III

Organización básica do Colexio

CAPÍTULO I

Dos órganos do Colexio, as súas normas de constitución e funcionamento e as súas competencias

Artigo 21. Órganos de representación

Os órganos de representación, desenvolvemento normativo, control, goberno e administración do Colexio son:

– Asemblea xeral.

– Xunta de Goberno.

– Presidente/a.

Os acordos da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno, que estarán recollidos nas actas das súas reunións, serán efectivos de inmediato, salvo que conteñan pronunciamento en contra da súa entrada en vigor.

Artigo 22. A Asemblea xeral

1. A Asemblea xeral, órgano supremo de expresión da vontade do Colexio, está formada por todos/todas os/as colexiados/as con igualdade de voto, e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia cos presentes estatutos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todos os membros do Colexio, mesmo aos ausentes, disidentes ou aos que se absteñan e incluso aos que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolvan os tribunais competentes.

3. A Asemblea xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, no primeiro semestre, para a aprobación das contas, aprobación dos orzamentos e información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os seus aspectos.

4. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario o/a presidente/a ou a Xunta de Goberno, ou cando o pida coa súa sinatura a terceira parte dos membros do Colexio, especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexa que sexan tratados.

5. As sesións de Asemblea xeral ordinaria serán convocadas pola Xunta de Goberno sempre cunha antelación mínima de quince días respecto á data da súa realización, mediante comunicación escrita a todos/todas os/as colexiados/as; a convocatoria incluirá a data, hora e lugar da reunión, así como a orde do día e a información complementaria que se considere oportuna. De maneira simultánea á comunicación escrita, o Colexio publicará a convocatoria da Asemblea na portada da parte pública da súa web.

6. Todos os membros do Colexio teñen o dereito e o deber de asistir á Asemblea xeral con voz e voto.

7. De acordo co disposto no artigo 6.3 c) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, queda expresamente prohibido adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día da reunión ordinaria ou extraordinaria de que se trate, sen prexuízo da normativa reguladora dos colexios únicos galegos e dos consellos galegos de colexios profesionais.

8. A Asemblea xeral estará constituída por todos os membros do Colexio que asistan ou se fagan representar por escrito por outro. É necesaria, para a validez dos seus acordos en primeira convocatoria, a concorrencia de máis da metade dos/das colexiados/as entre presentes e representados/as. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar nun tempo non inferior a quince minutos despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e representados/as, salvo os que requiran maiorías especiais.

Artigo 23. Competencias da Asemblea xeral

1. A aprobación das actas das súas sesións.

2. A aprobación da memoria anual de actividades presentada pola Xunta de Goberno do Colexio.

3. A aprobación das contas do Colexio do ano anterior e os orzamentos do seguinte.

4. A elección dos membros da Xunta de Goberno e do/da presidente/a, así como a súa remoción por medio da moción de censura, de acordo co especificado no artigo 25º destes estatutos.

5. A fixación da contía da cota de colexiación, así como as cotas ordinarias ou as que con carácter extraordinario, por razóns que o xustifiquen, propoña a Xunta de Goberno. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación.

6. A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do/da presidente/a.

7. A aprobación ou modificación dos estatutos do Colexio e calquera outra normativa que afecte ao seu funcionamento, que en ningún caso poderá vulnerar o estipulado nas normas básicas establecidas nos presentes estatutos; e, no seu caso, o regulamento de réxime interno do Colexio.

8. Tomar acordos sobre a xestión da Xunta de Goberno.

9. Promover a disolución do Colexio, de acordo co que se estableza nos presentes estatutos.

10. Coñecer, discutir e, se é o caso, aprobar todas as propostas que lle sexan sometidas e correspondan á esfera de acción dos intereses do Colexio, pola iniciativa da Xunta de Goberno ou de calquera membro do mesmo, se a súa proposición está avalada como mínimo polo 10 por cento dos membros do Colexio e é presentada con 45 días de antelación á realización da Asemblea xeral ordinaria.

11. Elaborar criterios orientativos sobre honorarios profesionais aos exclusivos efectos da taxación de costas e da xura de contas dos avogados. Estes criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos que correspondan aos efectos de taxación de costas en asistencia xurídica gratuíta.

12. Aceptar ou rexeitar doazóns ou herdanzas.

13. Implantación, supresión ou modificación de servizos corporativos.

14. Todas as demais atribucións que non fosen conferidas expresamente á Xunta de Goberno ou a algún dos cargos colexiais.

15. A Asemblea xeral, a proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear, co gallo de premiar a especial dedicación e a súa traxectoria profesional, a un ou varios membros do Colexio, en exercicio ou xubilados, para que asesoren a Xunta de Goberno e poidan asistir ás reunións desta con voz pero sen voto.

Artigo 24. Funcionamento da Asemblea xeral

1. As sesións da Asemblea xeral estarán presididas polo/pola presidente/a, acompañado dos demais membros da Xunta de Goberno. En ausencia deste/a, a Asemblea estará presidida polo/pola vicepresidente/a, e en ausencia dos dous polo vogal de máis idade.

2. O/a presidente/a será o moderador/a e coordinador/a da Asemblea, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

3. Actuará como secretario/a da Asemblea xeral, redactando a acta da reunión, o secretario ou secretaria do Colexio; na súa ausencia, o/a vicesecretario/a; e en ausencia dos dous anteriores, o vogal de menor idade.

4. Todos os membros do Colexio teñen o dereito e o deber de asistir á Asemblea xeral con voz e voto, salvo aqueles que non se atopen no pleno goce dos dereitos colexiais ou os que non estean ao corrente das obrigas económicas.

5. A representación dada a outro membro será de forma expresa para unha sesión determinada e realizarase por medio de escrito dirixido ao/á presidente/a, no que se exprese claramente o nome de quen exercerá a súa representación. Só serán válidas as representacións recibidas pola secretaría antes do día fixado para a Asemblea, ou na mesa presidencial antes de iniciarse a sesión da Asemblea xeral.

6. En ningún caso un membro do Colexio poderá exercer a representación simultánea de máis de tres membros ademais de si mesmo.

7. É potestade do/da presidente/a e da Xunta de Goberno invitar ás sesións da Asemblea xeral, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, ás persoas que se considere conveniente.

8. As votacións poderanse efectuar a man alzada ou secretamente mediante papeleta normalizada, debendo ser esta aprobada pola Asemblea xeral. As votacións efectuaranse mediante papeleta con tal de que o pida un dos/das colexiados/as asistentes ou cando a decisión afecte a persoas concretas.

9. As maiorías que poden producirse son:

a) Maioría simple: cando o número de votos nun sentido supere os votos emitidos en sentido contrario. Este será o tipo de maioría aplicable para calquera decisión da Asemblea para a que non se especifique o contrario nos presentes estatutos.

b) Maioría absoluta: cando o número de votos nun sentido supere a metade dos votos posibles, ou sexa, todos os votos emitidos e as abstencións.

c) Maioría cualificada: cando o número de votos nun sentido supere os tres quintos dos votos emitidos.

Artigo 25. Moción de censura

1. A moción de censura contra o/a presidente/a, a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en Asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar e propor unha moción de censura no tocante a un ou varios dos seus membros.

3. Os/as colexiados/a poderán propor unha moción de censura contra o/a presidente/a, a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros, solicitando a realización da Asemblea xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 22º.4 destes estatutos. Neste caso, a Xunta de Goberno está na obriga de convocar inmediatamente, e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a Asemblea xeral solicitada.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da Xunta de Goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade ou máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do/da presidente/a implicará o cesamento inmediato de todos os seus membros. Neste caso, e para evitar o baleiro de poder, a mesma Asemblea xeral adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha Xunta xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A Xunta xestora, que actuará como Xunta de Goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación de calquera moción de censura contra o/a Presidente/a ou a Xunta de Goberno será necesaria a maioría cualificada, tal e como se define no artigo anterior.

Artigo 26. A Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno, que é o órgano executivo e representativo do Colexio, será elixida por votación entre os seus propios membros e constará dun/dunha presidente/a, un/unha secretario/a, un/unha tesoureiro/a e un número de vogais entre dous e catro. Adicionalmente, poderanse incorporar un/unha vicepresidente/a, un/unha vicesecretario/a e un/unha vicetesoureiro/a.

2. A duración dos cargos será de catro anos. Os cargos da secretaría e a tesourería poderán ser retribuídos, sempre e cando desempeñen xornada laboral na sede do Colexio e as súas retribucións deberán ser aprobadas en contía e forma pola Asemblea xeral. Todos os demais cargos son de carácter honorífico, sen prexuízo de que se lles poidan aboar os gastos que lles ocasione o seu exercicio e deberá figurar unha partida para tales conceptos no orzamento anual.

3. Dentro da Xunta de Goberno poderá constituírse unha comisión permanente para atender os asuntos urxentes e aqueles que nesta comisión delegue a Xunta de Goberno. A comisión permanente estará formada polo/pola presidente/a, o/a secretario/a, o/a vicepresidente/a e o/a tesoureiro/a, e estará validamente constituída cando estean presentes polo menos os dous primeiros e un dos dous últimos.

Artigo 27. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno ocuparase da dirección e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins, para o que exerce as seguintes competencias:

1. Executar os acordos da Asemblea xeral.

2. Cumprir e facer cumprir os estatutos e a normativa do Colexio, así como os seus propios acordos.

3. Elaborar o orzamento do exercicio seguinte e aprobar o balance do orzamento do exercicio anterior e a memoria de xestión anual, previamente á súa presentación ante a Asemblea xeral, para a súa aprobación se procede.

4. Dirixir a xestión e administración do Colexio para o cumprimento dos seus fins.

5. Manifestar, de forma oficial e pública, a opinión do Colexio nos asuntos de interese profesional.

6. Representar os intereses profesionais ante os poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

7. Presentar estudos, informes e ditames cando lle sexan requiridos, asesorando desta forma os órganos do Estado e calquera entidade pública ou privada. Para estes efectos, a Xunta de Goberno poderá designar comisións de traballo ou designar os membros do Colexio que considere oportuno para preparar os ditos estudos ou informes.

8. Designar, cando proceda legal ou regulamentariamente, os representantes do Colexio nos órganos consultivos das distintas administracións públicas.

9. Acordar o exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdicionais.

10. Someter calquera asunto de interese xeral para o Colexio á deliberación e acordo da Asemblea xeral.

11. Regular os procedementos de colexiación, baixa, cobramento de honorarios, pagamento de cotas e outras contribucións, sempre de acordo co establecido nestes estatutos.

12. Regular e exercer as facultades disciplinarias que lle corresponden, aténdose ao establecido nestes estatutos.

13. Organizar actividades e servizos de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión en beneficio dos/das colexiados/as.

14. Crear comisións abertas por iniciativa propia ou a proposta dos/das colexiados/as de acordo co establecido nas normas de réxime interno.

15. Recadar as cotas e contribucións establecidas, executar o orzamento e organizar e dirixir o funcionamento dos servizos xerais do Colexio.

16. Informar os membros do Colexio das actividades e acordos do mesmo.

17. Decidir o nomeamento e cesamento do persoal administrativo e de servizos do Colexio.

18. Acordar a convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea xeral.

19. Acordar a convocatoria para a elección de cargos para a Xunta de Goberno cando así proceda, segundo o que se establece nestes estatutos.

20. Aprobar as actas das sesións.

21. Adquirir ou alugar calquera clase de bens do Colexio, segundo o orzamento vixente e aprobado pola Asemblea xeral.

22. A Xunta de Goberno poderá propoñerlle á Asemblea xeral o nomeamento dun ou varios membros do Colexio, dos en exercicio ou xubilados, para que asesoren a Xunta de Goberno e poidan asistir ás reunións desta con voz pero sen voto.

23. Endebedarse ata un importe máximo que non supere o quíntuplo dos gastos contemplados no presuposto aprobado para o ano anterior e sempre e cando o prazo de amortización da débeda en anualidades non sexa superior a 4 anos. Se o endebedamento non cumpre algunha destas dúas condicións, é preciso contar coa aprobación previa da Asemblea Xeral.

24. Ceder créditos a favor de terceiros.

Artigo 28. Funcionamento da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno reunirase como mínimo cada dous meses, salvo nos meses de xullo e agosto, e sempre que o ordene o/a presidente/a ou o soliciten un mínimo de tres dos seus membros.

2. As convocatorias comunicaranse cunha antelación non inferior a catro días.

3. As sesións da Xunta de Goberno estarán presididas polo/pola presidente/a do Colexio; na súa ausencia polo/pola vicepresidente/a.

4. O/a presidente/a realizará a moderación e coordinación da Xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

5. O/a secretario/a do Colexio, ou na súa ausencia o/a vicesecretario/a, ou o vogal de menor idade, nesta orde, redactará a acta da sesión.

6. Todos os compoñentes da Xunta de Goberno teñen o dereito e o deber de asistir ás súas sesións con voz e voto.

7. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída cando se encontren presentes a totalidade dos membros en primeira convocatoria e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que entre eles estean necesariamente o/a presidente/a e o/a secretario/a, ou os seus substitutos. Os seus acordos, en materia das súas competencias, serán vinculantes para todos os compoñentes e membros do Colexio. Entre as dúas convocatorias deberán transcorrer polo menos trinta minutos. Poderá constituírse tamén sen mediación de convocatoria formal cando, atopándose presente a totalidade dos seus integrantes, acepten por unanimidade a súa constitución.

8. Os acordos serán tomados por maioría dos asistentes, con voto de calidade, en caso de empate, do/da presidente/a.

9. Os membros da Xunta de Goberno serán responsables dos acordos adoptados, aínda que non estivesen presentes na reunión na que se adopten, excepto cando na acta quede constancia expresa do seu voto en contra.

10. Causas de baixa na Xunta de Goberno:

a) Falecemento.

b) Caducidade do mandato.

c) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Aprobación pola Asemblea xeral dunha moción de censura.

f) Baixa como membro do Colexio.

g) Resolución firme en expediente disciplinario.

h) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas ou seis descontinuas, igualmente sen xustificar, ás sesións da Xunta de Goberno durante o mandato.

11. É potestade do/da presidente/a invitar ás sesións da Xunta de Goberno, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, ás persoas que considere oportuno.

Artigo 29. Vacantes na Xunta de Goberno

1. Vacante o posto de presidente/a, exercerá as súas función o/a vicepresidente/a. Vacante o posto de secretario/a, exercerá as súas función o/a vicesecretario/a. Vacante o posto de tesoureiro/a, exercerá as súas función o/a vicetesoureiro/a.

2. Vacante o posto de vicepresidente/a, vicesecretario/a, vicetesoureiro/a, exercerá as súas función un membro da Xunta de Goberno que será elixido polos demais compoñentes da mesma.

3. Vacante o posto de vogal, cubrirase este posto co primeiro suplente da candidatura elixida, para o caso de habelo, e así sucesivamente mentres haxa suplentes. No caso de que a candidatura non tivese ningún suplente ou estes xa tivesen cuberta unha praza vacante, ese posto quedará vacante ata a celebración das seguintes eleccións.

4. No caso de vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno comunicaráselle tal circunstancia ao Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática para que exerza as funcións que ten atribuídas polo apartado ñ) do artigo 30.2 do Real Decreto 518/2015, de 19 de xuño, polo que se aproban os Estatutos Xerais dos Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática e o seu Consello Xeral. O Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática deberá nomear novos cargos provisionais no prazo de 15 días. A Xunta de Goberno provisional, unha vez nomeada deberá convocar eleccións no prazo de un mes.

Artigo 30. Atribucións do/da presidente/a

Son atribucións do/da presidente/a as seguintes:

1. Convocar, abrir e rematar as sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno, así como presidilas e dirixir as deliberacións que nelas teñan lugar.

2. Convocar as eleccións de membros da Xunta de Goberno.

3. Decidir, co seu voto de calidade, os empates nas votacións.

4. Executar os acordos da Xunta de Goberno.

5. Adoptar, en caso de extrema urxencia, as resolucións necesarias, informando inmediatamente ao órgano correspondente, para a súa ratificación na primeira sesión que teña lugar.

6. Exercer a representación do Colexio e dos seus órganos deliberantes e xestionar os asuntos deste ante autoridades e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a Xunta de Goberno, no nome do Colexio, encomendar as ditas funcións a determinados membros do mesmo ou comisións constituídas.

7. Coordinar as actuacións dos membros da Xunta de Goberno, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.

8. Visar todas as certificacións que expida o secretario ou secretaria.

9. Autorizar os libramentos ou ordes de pagamento.

10. Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

11. Visar os informes e comunicacións que oficialmente dirixa o Colexio ás autoridades e entidades públicas ou privadas.

12. Autorizar o movemento de fondos das contas correntes ou de aforro do Colexio, unindo a súa sinatura á do/da tesoureiro/a.

13. Por acordo expreso da Xunta de Goberno, poderá outorgar poder a favor de procuradores/as dos tribunais e de letrados/as no nome do Colexio, para a representación preceptiva ou potestativa deste ante calquera órgano administrativo ou xurisdicional no que se refire a accións, excepcións, recursos, incluíndo o de casación, e demais actuacións que se teñan que levar a cabo ante estes, en defensa tanto do Colexio como da profesión.

14. Interpor as accións que procedan para o cobro de honorarios non satisfeitos aos/ás colexiados/as, de conformidade cos actuais estatutos.

15. Para o cumprimento dos fins citados, e calquera outro que lle fose encomendado, gozará de plena autoridade, e as súas resolucións serán cumpridas sen prexuízo das reclamacións que contra aquelas poidan interpoñerse polas canles que establece a lei.

Artigo 31. Atribucións do/da vicepresidente/a

O/a vicepresidente/a substituirá o/a presidente/a nos casos de ausencia ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou delegue nel o/a presidente/a, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación, como aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno. No caso de vacante do/da presidente/a, substituirao/a ata a toma de posesión do/da novo/a presidente/a elixido/a.

Artigo 32. Atribucións do/da secretario/a

Correspóndenlle ao/á secretario/a as atribucións seguintes:

1. Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno.

2. Custodiar a documentación do Colexio e os expedientes dos membros.

3. Expedir as certificacións de oficio ou a instancia de parte interesada, co visto e prace do/da presidente/a.

4. Expedir e tramitar comunicacións e documentos e informar destes á Xunta de Goberno e ao órgano competente que corresponda.

5. Exercer a xefatura do persoal administrativo e dos servizos necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servizos administrativos.

6. Formar parte da comisión de visados designada pola Xunta de Goberno, asinar os visados que se efectúen, levar o rexistro dos visados de traballos profesionais e denegar o visado cando se incumpran as súas normas reguladoras.

7. Redactar a memoria de xestión anual, para que sexa aprobada pola Xunta de Goberno e pola Asemblea xeral.

8. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno e as que sexan propias da súa función e necesarias para o seu bo desempeño.

Artigo 33. Atribucións do/da vicesecretario/a

O/a vicesecretario/a substituirá o/a secretario/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou delegue nel o/a secretario/a, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 34. Atribucións do/da tesoureiro/a

Correspóndenlle ao/á tesoureiro/a as atribucións seguintes:

1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao Colexio, dos cales será responsable.

2. Asinar recibos, efectuar cobramentos e realizar os pagamentos ordenados polo/pola presidente/a.

3. Dar conta á Xunta de Goberno dos membros do Colexio que non estean ao día nos pagamentos, para que se lles reclamen as cantidades debidas ou se aprobe a tramitación da súa baixa, de acordo co que establece o artigo 13º destes estatutos.

4. Redactar o anteproxecto de orzamento do Colexio, para a súa elaboración pola Xunta de Goberno.

5. Facer o balance do orzamento do exercicio anterior, para que sexa aprobado pola Xunta de Goberno.

6. Propor á Xunta de Goberno os proxectos de habilitación de créditos, suplementos e variacións de ingresos cando sexa necesario.

7. Levar os libros de contabilidade correspondentes.

8. Verificar os arqueos que a Xunta de Goberno considere necesarios.

9. Levar o inventario minucioso dos bens do Colexio, dos que será o seu administrador.

10. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 35. Atribucións do/da vicetesoureiro/a

O/a vicetesoureiro/a substituirá o/a tesoureiro/a nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a Xunta de Goberno ou delegue nel/nela o/a tesoureiro/a, tras o coñecemento pola Xunta de Goberno da referida delegación. Así mesmo, realizará as funcións que lle correspondan en calidade de membro da Xunta de Goberno.

Artigo 36. Atribucións dos/das vogais

Serán atribucións dos/das vogais as seguintes:

1. Desempeñar todos os cometidos que lles sexan conferidos pola Asemblea xeral, a Xunta de Goberno ou polo/pola presidente/a.

2. Colaborar cos titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias, vacantes ou enfermidades, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

CAPÍTULO II

Do réxime económico e administrativo

Artigo 37. Capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial

O Colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O Colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender os fins e funcións encomendados e as solicitudes de servizos dos membros, polo cal quedan estes obrigados a contribuír ao sustento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

O patrimonio do Colexio é único.

Artigo 38. Recursos económicos do Colexio

Os recursos económicos do Colexio poderán ser ordinarios ou extraordinarios.

1. Recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do Colexio:

a) As cotas de incorporación e reincorporación.

b) A cota anual ordinaria, igual para todos os seus membros, sen prexuízo do establecido nos estatutos ou noutra normativa.

c) As cotas extraordinarias aprobadas pola Asemblea xeral.

d) Os dereitos de canon de visado.

e) As recargas por demora no pagamento de calquera concepto, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

f) Os procedentes das rendas ou intereses de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio do Colexio.

g) Os ingresos que se obteñan polas publicacións que se realicen, así como os provenientes de matrículas de cursos e seminarios e demais conceptos análogos.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados que lle concedan ao Colexio as administracións públicas, entidades públicas ou privadas, colexiados/as e outras persoas xurídicas ou físicas.

b) Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título, entren a formar parte do capital do Colexio, e as rendas e froitos dos bens e dereitos de todas as clases que posúa.

c) A obtención de créditos públicos ou privados, hipotecas dos seus bens ou calquera outro recurso conseguido por necesidade ou utilidade, tralo acordo expreso da Xunta de Goberno.

d) Os dereitos por estudos, informes e ditames que emita a Xunta de Goberno ou as comisións nas que aquela delegue a súa realización.

e) Os dereitos por utilización dos servizos que a Xunta de Goberno estableza.

f) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poida percibir o Colexio.

3. As recadacións dos recursos económicos son competencia da Xunta de Goberno, sen prexuízo das facultades que por expreso acordo poida delegar.

Artigo 39. Orzamento anual

O orzamento anual do Colexio, que terá un carácter simplemente estimativo, será elaborado pola Xunta de Goberno, de conformidade cos principios de eficacia, equidade e economía, e incluirá a totalidade dos ingresos e dos gastos, coincidindo co ano natural. Tras o informe anticipado aos membros do Colexio, será sometido á aprobación pola Asemblea xeral, de acordo co disposto nos presentes estatutos. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará prorrogado o aprobado para o ano anterior, a razón de 1/12 por mes.

Artigo 40. Gastos

Os gastos do Colexio serán os orzados, sen que poida ser efectuado ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado no ano anterior, salvo en casos debidamente xustificados, que deberán ser aprobados pola Xunta de Goberno e, posteriormente, pola Asemblea xeral.

Artigo 41. Censores de contas

1. Cando se produza a renovación total ou parcial dos órganos directivos, na Asemblea xeral anterior e como punto expreso na orde do día, e sempre que sexa solicitado por alomenos algún/algunha colexiado/a, serán elixidos/as por sorteo, de entre todos os membros do Colexio, tres censores/as de contas. Tamén serán elixidos tres suplentes. Serán incompatibles coa antedita elección os membros da Xunta de Goberno. Nestes casos e de conformidade co artigo 32 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Colexio deberá ser auditado, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

2. A Xunta de Goberno, unha vez aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior, convocará os/as censores/as de contas para unha data determinada e porá á súa disposición o balance orzamentario, os libros de contas, os xustificantes de ingresos e gastos e cantos documentos se consideren necesarios, coa finalidade de informar sobre os extremos da súa actuación.

3. A convocatoria para o día da censura de contas será cursada nun prazo non inferior a quince días. A censura de contas realizarase no día sinalado e o informe da dita censura será único e por escrito, sen prexuízo de que cada censor/a poida redactar un voto particular sobre un ou varios dos asuntos recollidos no informe.

4. A Xunta de Goberno prestará todo o apoio material e humano necesario para que a Xunta de censores poida exercer adecuadamente as súas funcións. Así mesmo, o/a tesoureiro/a estará ao seu dispor para todas as aclaracións, explicacións ou comentarios que aqueles poidan requirir.

5. O informe redactado pola Xunta de censores entregarase á Xunta de Goberno, que o remitirá a todos os membros do Colexio xunto coa convocatoria da Asemblea xeral en que vaia ser aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior.

6. A Xunta de censores poderá solicitar o asesoramento dun auditor externo para a boa realización das funcións encomendadas, cando así o estime oportuno a Asemblea xeral.

Artigo 42. Liquidación de bens

En caso de disolución do Colexio, e segundo o disposto no artigo 65º, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á Asemblea xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes.

TÍTULO IV

Do réxime electoral

Artigo 43. Disposición xeral

A elección dos membros da Xunta de Goberno do Colexio farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto é indelegable e poderá exercerse persoalmente ou por correo.

Artigo 44. Electores e elixibles

1. Para os cargos da presidencia, vicepresidencia, secretaría, vicesecretaría, tesourería, vicetesourería e de vogais serán electores todos os membros do Colexio que figuren como tales no censo electoral do mesmo.

2. Non poderán ser electores e excluiranse do censo:

a) Os que, en virtude de expediente sancionador, estivesen suspendidos no exercicio profesional ou fosen privados ou inhabilitados para o desempeño de cargos directivos, mentres dure a suspensión, privación ou inhabilitación.

b) Os que, ao ser aprobado o censo electoral definitivo, non se encontren ao día das cotas e/ou doutras obrigas económicas que o Colexio ten dereito a percibir.

3. Serán elixibles os membros do Colexio que teñan a condición de electores e reúnan os seguintes requisitos:

a) Para o cargo da presidencia, secretaría e tesourería, os que leven cando menos un ano de colexiación.

b) En todos os casos deberán estar ao corrente das obrigas durante os dous últimos anos.

Artigo 45. Convocatoria

1. A convocatoria de eleccións deberá acordala expresamente a Xunta de Goberno e celebraranse na Asemblea Xeral Extraordinaria que se celebrará na localidade na que ten a súa sede o Colexio e na que o único punto da orde do día sexa a propia celebración de eleccións. Deberá anunciarse inmediatamente no taboleiro de anuncios do Colexio, na portada da parte pública da súa web e mediante carta dirixida ós/ás colexiados/as. A convocatoria conterá necesariamente o día, a hora e o lugar onde se vai a celebrar a Asemblea Xeral Extraordinaria. Na notificación dirixida a cada colexiado/a farase constar se ten ou non a condición de elector/a e, se fose o caso, a cantidade exacta que este/a puidese deberlle ao Colexio e calquera circunstancia que poida impedir a súa participación no proceso.

2. A convocatoria realizarase como mínimo dous meses antes do fin do mandato da Xunta de Goberno actual.

3. A convocatoria ten que ser remitida a tódolos/as colexiados/as nos dez días naturais seguintes á convocatoria das eleccións.

Artigo 46. Xunta electoral

1. A Xunta Electoral será elixida por sorteo, ante Notario/a, de entre todos/as os/as colexiados/as. Igualmente se sortearán os cargos desta Xunta, a cal estará composta por un/unha Presidente/a, un/unha Secretario/ a e un/unha vogal, así como tres suplentes. Consideraranse incompatibles para formar parte da Xunta electoral os membros da Xunta de Goberno saínte e aqueles/as colexiados/as que acrediten que forman ou van formar parte dalgunha das candidaturas que se presenten ás eleccións.

2. Os/as colexiados/as que resulten elixidos/as para formar parte da Xunta electoral serán convocados polo/a Presidente/a do Colexio para realizar o acto de constitución da Xunta, que terá que celebrarse nos vinte días seguintes á convocatoria de eleccións, mediante carta certificada remitida polo Notario/a que celebrou o sorteo. Tanto o sorteo como o envío das cartas terán que realizarse dentro do prazo de dez días naturais a contar dende a convocatoria de eleccións. Reunida a Xunta Electoral nas dependencias do Colexio, no día e hora fixados pola convocatoria, redactarase a acta de constitución así como a acta de toma de posesión dos cargos que será inmediata.

3. Coa acta de constitución e a entrega do censo provisional de electores por parte da Secretaría do Colexio, abrirase o expediente electoral, ó que se irán agregando as actas de cada reunión da Xunta Electoral. O expediente electoral quedará baixo a custodia do Secretario ou Secretaria da Xunta Electoral, que o conservará ata tres meses despois das eleccións de non presentarse ningún recurso, e, se fose o caso, ata a resolución firme dos recursos que se presentasen.

4. Para o caso de que algún dos/as tres primeiros/as elixidos/as non poidan formar parte da Xunta Electoral, ben porque formen parte da Xunta de Goberno saínte ou ben porque formen parte dalgunha das candidaturas ou ben por calquera outra razón que sexa considerada como suficiente a criterio da Xunta de Goberno, será substituído polo primeiro/a dos/das suplentes e así sucesivamente.

5. A Xunta Electoral reunirase tódalas veces que se considere conveniente a xuízo do/a seu/súa Presidente/a. En todo caso, as sesións serán convocadas polo seu Presidente ou Presidenta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. A asistencia ás reunións da Xunta Electoral é obrigatoria para tódolos seus membros. Incorrerán nas responsabilidades detalladas no artigo 55º dos presentes estatutos aqueles membros que deixasen de asistir sen xustificar a non asistencia.

6. A Xunta Electoral quedará validamente constituída coa asistencia de polo menos dous dos seus compoñentes. A asistencia non poderá delegarse. Substituirá o Secretario ou Secretaria ó Presidente ou Presidenta e o/a vogal ó Secretario ou Secretaria en caso de non asistencia de calquera dos/das dous/dúas. Os acordos tomaranse por maioría dos presentes, sen voto de calidade do/a Presidente/a. De toda reunión, o Secretario ou Secretaria ou quen faga as súas funcións, redactará a correspondente acta, que se aprobará ó final de cada reunión e se asinará por tódolos asistentes.

7. A Xunta de Goberno asesorará á Xunta Electoral en todo o que por esta sexa requirida e facilitaralle tódolos medios materiais, de oficina, secretaría, etc., que precisen.

8. Os membros da Xunta Electoral desenvolverán o seu labor gratuitamente, pero serán resarcidos polo Colexio de tódolos gastos que o seu nomeamento e o exercicio do cargo lles cause.

9. A Xunta Electoral poderá autorizar o uso das dependencias colexiais para actos electorais, logo de petición das candidaturas aceptadas.

Artigo 47. Fins e funcións da Xunta electoral

Ademais das competencias mencionadas, correspóndelle á Xunta electoral:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade, observando e facendo observar a presente normativa.

b) Resolver as queixas, reclamacións e recursos que se presenten de acordo coa presente norma.

c) Denunciar ante a Xunta de Goberno as actuacións que ao seu xuízo merezan corrección disciplinaria.

d) Constituírse en Mesa electoral e velar pola pureza das eleccións.

Artigo 48. Censo electoral

1. As listas electorais ou censo provisional deberán ser supervisadas pola Xunta de Goberno e serán expostas no taboleiro de anuncios do Colexio dende o mesmo día da súa publicación, a cal terá que realizarse nos dez días seguintes á convocatoria de eleccións.

2. A Xunta Electoral recibirá o censo electoral provisional o mesmo día da súa constitución e estará ó seu cargo a partir de entón.

3. Contra a inclusión o exclusión no censo electoral provisional, os membros do Colexio, poderán presentar reclamación perante a Xunta Electoral dende a publicación do censo ata vinte e cinco días naturais despois da convocatoria de eleccións. Estas reclamacións serán resoltas antes do quinto día hábil seguinte á finalización do prazo de reclamación.

4. A Xunta de Goberno deberá facilitar inmediata e constantemente tódolos datos que precise a Xunta Electoral.

5. Resoltas as reclamacións ó censo, a Xunta Electoral confeccionará o censo electoral definitivo sobre a base do entregado pola Xunta de Goberno. Un exemplar deste será enviado a cada unha das candidaturas aceptadas, con un mínimo de dez días de antelación á celebración de eleccións.

Artigo 49. Candidaturas

1. A presentación de candidaturas deberá facerse nos vinte e cinco días naturais seguintes ó de convocatoria de eleccións.

2. Os/as colexiados/as que tras reunir a calidade de elixibles, aspiren a ser proclamados/as candidatos/as, presentarán a súa candidatura no rexistro do Colexio ou por carta certificada dirixida á xunta Electoral.

3. As candidaturas presentaranse en forma de listas pechadas que levarán, polo menos, o nome dos/das candidatos/as e o posto ó que se presenten. As listas poderán presentar candidatos/as a todos ou a algún dos postos que, segundo estes Estatutos, poden formar parte da Xunta de Goberno. Igualmente poderán ou non conter un número de suplentes non maior de cinco. Cada aspirante soamente poderá ser candidato/a a un único cargo.

4. Serán nulas as candidaturas que non reúnan os requisitos recollidos nestes Estatutos.

5. A Xunta Electoral poderá solicitar ás candidaturas as aclaracións que considere precisas e resolverá sobre a proclamación das candidaturas aceptadas nos cinco días hábiles seguintes á finalización do prazo de recepción das mesmas. Esta resolución terá que publicarse no taboleiro de anuncios do Colexio no mesmo día no que se tome e enviarase ás candidaturas presentadas de modo que poida acreditarse a súa recepción e a data da mesma.

6. Contra a aceptación ou o rexeitamento de candidaturas poderá interpoñerse recurso perante a Xunta Electoral nos sete días naturais seguintes á recepción por parte das candidaturas da resolución; recurso que deberá ser resolto dentro do quinto día hábil seguinte á finalización do prazo de reclamación.

Artigo 50. Mesa electoral

1. A Mesa Electoral constituirase cos mesmos membros e cargos da Xunta Electoral, o día das eleccións e antes de comezar a Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ó efecto, de todo o cal se redactará a acta correspondente. O Presidente ou a Presidenta e o Secretario ou a Secretaria da Mesa Electoral serano tamén da Asemblea Xeral Extraordinaria na que se celebren as eleccións.

2. As candidaturas poderán nomear un/unha interventor/a que sexa elector/a, ós únicos efectos de asistir á votación e reconto de votos. O nomeamento deberá facerse por escrito, firmado polo/a representante da candidatura e coa aceptación do interventor/a, antes do comezo das votacións, e entregado á Mesa Electoral.

3. De non presentarse máis que unha candidatura non se realizará a votación. Entón, a Mesa Electoral procederá a proclamar como elixida á candidatura, respectando os prazos establecidos para efectos de posibles impugnacións.

Artigo 51. Votación

1. O dereito a votar acreditarase pola constancia do votante no censo electoral e a demostración da súa identidade co seu DNI ou pasaporte.

2. Nas dependencias onde se realice a votación estarán expostas as candidaturas proclamadas, así como papeletas e sobres en cantidades suficientes.

3. As papeletas e sobres que teñen que contelas deberán ser iguais. Haberá tantas clases de papeletas como candidaturas saian a elección.

4. Nas papeletas faranse constar os cargos que se votan así como os nomes dos membros da candidatura que se presentan a cada cargo, así como os nomes dos/das suplentes por orden numérico de suplencia.

5. O voto poderá emitirse por correo certificado e de forma individual. Para a súa validez, deberá ser recibido no sitio determinado no calendario electoral ata o día anterior ao sinalado para a votación.

6. O voto por correo deberá cumprir o seguinte:

a) Os sobres que conteñan as candidaturas correspondentes introduciranse no sobre que se envíe por correo, que poderá ser de calquera formato.

b) O sobre de correos conterá, ademais dos sobres das candidaturas, a fotocopia do DNI do/da elector/a, asinada en orixinal polo titular.

7. O día de celebración da Asemblea de eleccións non se poderá realizar ningunha propaganda electoral.

Artigo 52. Escrutinio

1. Finalizada a votación desaloxarase a toda persoa allea á Xunta Electoral e que non actúe como interventor/a. A continuación, procederase á introducir na urna os sobres que conteñan as papeletas dos votos emitidos por correo, tras comproba-los datos do D.N.I. do censo. Por último votarán os/as interventores e a continuación os membros da Mesa Electoral.

2. O/a presidente/a procederá á lectura dos votos extraendo un a un os sobres da urna, abríndoos e lendo en voz alta o nome da candidatura votada, comunicándollo ao resto da mesa e aos/ás interventores/as.

3. Serán nulas as papeletas:

a) Que conteñan emendas, rascaduras, notas ou comentarios.

b) Toda papeleta que non se corresponda coa facilitada polo Colexio.

c) Se nun mesmo sobre houbese máis dunha papeleta, todas elas serán nulas, salvo que sexan iguais, que se contabilizarán como unha soa.

d) O voto por correo que non reúna os requisitos establecidos ou que, ao comprobar o censo, resulte que o remitente xa votase persoalmente.

e) O voto por correo recibido por conduto diferente ao establecido.

4. Feito o reconto de votos, o/a presidente/a preguntará se hai algunha reclamación que facer sobre o escrutinio, e resolverá a Mesa electoral por maioría.

5. Por último, o/a presidente/a anunciará publicamente o resultado, especificando o número de votantes, o de papeletas lidas, o de papeletas válidas e o de papeletas en branco, o de papeletas nulas e o número de votos obtidos por cada candidatura. Será proclamada a candidatura que máis votos obteña; en caso de empate terá lugar unha segunda volta electoral entre as candidaturas empatadas. Dos resultados estenderase certificación aos/ás interventores/as e candidaturas que o soliciten.

6. As papeletas, en presenza dos asistentes, serán destruídas, con excepción das declaradas nulas ou as que fosen obxecto dalgunha reclamación, que se unirán á acta correspondente asinada por todos os compoñentes da mesa e interventores e engadiranse de seguido ao expediente electoral. Tamén se unirán á acta as fotocopias do DNI asinadas que acompañaban os votos por correo.

Artigo 53. Recursos

Contra a resolución dos recursos escritos ou reclamacións presentadas á Mesa electoral poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática.

TÍTULO V

Do réxime disciplinario

Artigo 54. Réxime disciplinario

1. O Colexio sancionará todos aqueles actos dos seus membros que constitúan infracción culpable dos presentes estatutos, normativa ou dos acordos tomados polas Asembleas xerais e de goberno.

Artigo 55. Faltas

1. As faltas polas que disciplinariamente poderá sancionarse aos membros do Colexio clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Son faltas leves:

a) O incumprimento por parte dun membro colexiado das normas estatutarias ou dos acordos adoptados pola corporación colexial, salvo que constitúan falta de superior entidade.

b) As infraccións leves dos deberes que a profesión impón.

c) A falta de respecto aos membros integrantes dos órganos colexiados no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

d) O deixamento de funcións ou a falta de dilixencia, sen intencionalidade, no cumprimento das obrigas como membro dos órganos de goberno do Colexio.

e) O incumprimento por parte dun membro dun órgano de goberno do Colexio das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática ou no seu caso o Consello autonómico, salvo que constitúan falta de superior entidade.

f) As faltas reiteradas de asistencia por causa non xustificada dun membro da Xunta de Goberno ás reunións de dita Xunta de Goberno no prazo dun ano, ou a non aceptación tamén inxustificada do desempeño dos cargos corporativos que se lle encomenden no prazo de dous meses.

g) O incumprimento dos deberes e obrigas dos/das colexiados/as, sempre que non deban ser clasificados como falta grave ou moi grave.

h) Os actos relacionados no apartado 3, cando non teñan entidade suficiente para ser considerados como graves.

3. Son faltas graves:

a) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras que a gobernan.

b) O incumprimento no pagamento de dous recibos.

c) O incorrer en dúas ou máis incorreccións que fagan desmerecer o concepto público do/a colexiado/a para o exercicio da profesión.

d) Encargarse de traballos profesionais que o/a colexiado/a coñeza que foron encomendados con anterioridade a outro/outra compañeiro/a, sen obter previamente o permiso deste ou do Colexio.

e) A reiteración de faltas leves no prazo de doce meses desde a comisión da anterior infracción, teña sido ou non sancionada dita infracción.

f) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou a honra dos/das compañeiros/as con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que desempeñan cargos no Colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

g) O encubrimento do intrusismo profesional, ou a colaboración co exercicio de actividades propias da profesión de Enxeñaría en Informática por quen non reúna a debida aptitude.

h) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais da Enxeñaría en Informática determinados na normativa deontolóxica vixente.

i) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional; e a ocultación ou simulación de datos ou elementos de xuízo de interese xeral para a profesión ou aqueles que o Colexio deba coñecer para exercer as funcións de control profesional ou para o reparto equitativo das cargas colexiais.

k) A realización de traballos ou intervencións profesionais que pola súa índole atenten contra o prestixio profesional, ou que a súa execución non cumpra as normas establecidas polas leis ou polo Colexio.

l) O incumprimento, por parte dos membros da Xunta Electoral, de calquera das obrigas contidas nestes Estatutos.

m) A neglixencia reiterada no cumprimento das obrigas asumidas nos órganos do Colexio.

n) Desatender o deber dos membros colexiados de informar aos consumidores e usuarios sobre o desenvolvemento da súa actividade profesional.

o) A indisciplina deliberadamente rebelde respecto aos órganos do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática no exercicio das súas funcións e salvo que constitúan falta de superior entidade.

p) A infracción culposa ou neglixente do segredo das deliberacións habidas nos órganos do Colexio, cando así se acorde expresamente.

q) A neglixencia reiterada no cumprimento da lexislación sobre colexios profesionais, Consellos autonómicos e Consello Xeral, así como dos presentes Estatutos.

4. Son faltas moi graves:

a) As infraccións reputadas como graves nas que concorra algunha circunstancia como: intencionalidade; neglixencia profesional inescusable; desobediencia reiterada dos acordos colexiais; obtención de lucro ilexítimo mercé a actuación ilícita; atoparse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando exista utilización desta condición.

b) A reiteración de faltas graves no prazo de doce meses desde a comisión da anterior infracción, teña sido ou non sancionada dita infracción.

c) As faltas graves que cumpran algunha das seguintes condicións:

– Afecten ao funcionamento democrático das entidades ou aos dereitos dos membros colexiados.

– Conculquen o debido control da Asemblea Xeneral do Colexio.

– Afecten por acción ou omisión ao funcionamento do Consello Xeral ou á representatividade do Colexio en dito Consello.

d) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

e) A coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión grave exercida sobre os órganos e persoas.

f) As actuacións profesionais neglixentes que causen grave dano aos destinatarios do servizo profesional.

g) O incumprimento da regulación do exercicio profesional que cause grave prexuízo aos destinatarios do servizo profesional; en particular, das obrigas de información ao destinatario.

h) As prácticas abusivas que prexudiquen gravemente aos consumidores ou usuarios dos servizos.

i) Calquera conduta constitutiva de delito en materia profesional, durante o desempeño dun cargo dentro do Colexio, sempre que teña sido condenado por sentenza firme.

Artigo 56. Sancións

As sancións que poidan imporse serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión privada.

d) Reprensión pública.

e) Inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos por un período superior a un mes e inferior a seis meses.

f) Suspensión temporal da colexiación por un período superior a un mes e inferior a seis meses.

g) Suspensión temporal da colexiación por un período de entre seis meses e dous anos.

h) A reiteración durante o prazo de catro anos de faltas moi graves será sancionada coa expulsión do colexio durante un prazo de ata cinco anos. Esta resolución deberá ser aprobada por alomenos as dúas terceiras partes do órgano que a dicte.

As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves; as tres seguintes ás faltas graves; e as dúas últimas ás moi graves.

As sancións incluídas nos apartados e), f), g) e h), suporán a accesoria suspensión dos dereitos colexiais polo tempo da súa duración, así como o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

No caso de incumprimento no pagamento de dúas cotas colexiais a sanción será a suspensión dos dereitos colexiais ata que ditas cotas sexan aboadas.

Artigo 57. Prescricións

1. As infraccións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As que constitúan faltas leves prescribirán aos seis meses.

b) As que estean tipificadas como faltas graves ao ano.

c) As que estean tipificadas como faltas moi graves aos dous anos.

2. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As leves aos seis meses.

b) As graves ao ano.

c) As moi graves aos dous anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións contaranse dende o momento da comisión da infracción e os das sancións dende o día seguinte a que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. A prescrición das infraccións interromperase por calquera acto colexial expreso e manifesto dirixido a investigar a presunta infracción. Así mesmo, a realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o seu prazo de prescrición.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador a todos os efectos. As sancións leves cancelaranse ao ano; as graves aos dous anos e as moi graves aos catro anos.

Artigo 58. Procedemento sancionador

1. Corresponde ao/á presidente/a a incoación de expediente disciplinario cando existan elementos suficientes para cualificar os feitos como infracción, a iniciativa propia, por petición razoada de calquera membro da Xunta de Goberno ou por denuncia. E corresponderá ao/á secretario/a a instrución do citado expediente.

2. No expediente que se instrúa será de aplicación subsidiaria o disposto Real decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e na lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común así como as normas que os substitúan. Nese expediente, oirase ó afectado, quen poderá facer alegacións no prazo de quince días e achegar, ao mesmo tempo todas aquelas probas que considere convenientes na súa defensa. Ultimado o devandito expediente, o/a instrutor/a, xunto coa proposta de sanción, dirixirallo ao/á presidente/a, para a súa resolución e acordo.

3. No expediente que se instrúa serán aceptados todos os medios de proba admisibles en dereito, correspondéndolle ao/á instrutor/a a práctica das probas que, sendo propostas, estime oportunas ou as que el/ela mesmo/a poida acordar. Das audiencias e probas practicadas deberá existir constancia escrita no expediente.

4. Concluída a instrución do expediente disciplinario, o/a instrutor/a elevarao, coa correspondente proposta de resolución, á Xunta de Goberno, ante o cal se concederá ao/á expedientado/a novo trámite de audiencia por quince días, para que poida alegar canto estime oportuno ou conveniente en dereito.

5. Este procedemento disciplinario poderá ser desenvolvido de conformidade co disposto nestes estatutos.

Artigo 59. Recursos contra sancións

Contra unha sanción disciplinaria de calquera tipo imposta polo/a presidente/a poderase interpor, no prazo de 15 días, recurso de reposición; contra a resolución expresa ou por silencio administrativo, poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática.

TÍTULO VI

Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 60. Réxime xurídico dos actos colexiais

1. Os acordos e normas colexiais serán publicados mediante a súa inserción no boletín do Colexio, así como co envío do escrito de notificación ou da acta correspondente aos/ás colexiados/as, de forma que poidan ser coñecidos por todos/as eles/as, e sempre nos taboleiros de anuncios do Colexio durante o prazo dun mes.

2. Así mesmo, a Xunta de Goberno deberá notificar aqueles actos que afecten dereitos e intereses dos destinatarios dos anteditos acordos.

3. Os actos emanados dos órganos do Colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, serán inmediatamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición, ou o recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática, de acordo co que dispoña a lexislación estatal que regula as bases do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse, en todo caso, como funcións públicas do Colexio o control das condicións de ingreso na profesión, a evacuación de informes preceptivos, o visado de proxectos e a potestade disciplinaria.

4. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outra que a modifique ou substitúa, aplicarase, así mesmo, de forma supletoria en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e polos presentes estatutos.

Artigo 61. Tipos de recursos

1. Contra os acordos emanados dos órganos do Colexio poderanse interpor os seguintes recursos que non poderán simultanearse:

a) Recurso potestativo de reposición: poderá presentarse no prazo de 15 días dende a comunicación da resolución recurrida e deberá ser resolto no prazo dun mes, transcorrido o cal entenderase desestimado.

b) Recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática: poderá presentarse no prazo dun mes dende a comunicación da resolución recurrida.

c) Contencioso-administrativo: poderá presentarse no prazo dun mes dende a comunicación da resolución recurrida.

2. Contra a desestimación expresa ou presunta do recurso de reposición ou alzada poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

Artigo 62. Nulidade dos actos dos órganos colexiais

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total ou absolutamente do procedemento legal establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que estableza expresamente algunha disposición de rango legal.

2. Tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións colexiais que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de carácter xeral, as que regulen materias reservadas a lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais.

3. Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 63. Suspensión dos actos dos órganos colexiais

1. Sen prexuízo das atribucións que a lexislación outorga aos órganos xudiciais en materia de suspensión de actos das corporacións profesionais, sexa ou non por petición de calquera membro do Colexio, están obrigados a suspender os actos propios ou de órgano inferior que consideren nulos de pleno dereito:

a) A Asemblea xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O/a presidente/a.

2. Os acordos de suspensión deberán adoptalos a Asemblea xeral, a Xunta de Goberno e o/a presidente/a no prazo de cinco días, que se contarán dende a data en que tivesen coñecemento dos actos considerados nulos, sempre que previamente se iniciase un procedemento de revisión de oficio ou se interpuxese recurso e concorran as circunstancias previstas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a nulidade destes actos.

TÍTULO VII

Reforma dos estatutos

Artigo 64. Reforma dos estatutos

1. A reforma destes estatutos só poderá tratarse en Asemblea xeral extraordinaria convocada a tal efecto.

2. Non se admitirá o voto por correo.

3. Os promotores da reforma exporán na Asemblea xeral extraordinaria as causas que a motivan.

4. Esixirase maioría absoluta dos votos presentes para a aprobación da reforma dos estatutos.

TÍTULO VIII

Transformación e disolución do Colexio

Artigo 65. Segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio

1. A segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio só poderá tratarse en Asemblea xeral extraordinaria convocada a tal efecto. Quedará validamente constituída cando asistan en primeira, ou no seu caso, segunda convocatoria, o 50 por cento dos/das colexiados/as con dereito a voto no momento da convocatoria.

2. Esixirase maioría cualificada de dous terzos para a aprobación dunha segregación, absorción, fusión ou disolución do Colexio, non admitíndose voto delegado nin por correo.

3. A absorción, fusión, segregación ou disolución deberá ser aprobada mediante decreto ou lei de conformidade cos artigos 14, 15 e 29 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. En caso de disolución do Colexio, a Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora, sometendo á Asemblea xeral a proposta de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigacións pendentes, adxudicándollos a calquera entidade non lucrativa que cumpra funcións relacionadas cos fins do Colexio.