Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 10 de agosto de 2016 Páx. 35546

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 101/2016, do 21 de xullo, polo que se regulan os órganos de coordinación, cooperación administrativa e asesoramento en materia de protección civil e emerxencias.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, recolle no seu capítulo I a estrutura organizativa da protección civil e regula, na súa sección primeira, os órganos de coordinación.

O Decreto 109/2004, do 27 de maio, de modificación do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificou varios artigos do Decreto 56/2000, que atinxen os órganos de coordinación.

A Lei 5/2007, do 7 maio, de emerxencias de Galicia, establece o sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, actuar en situacións de risco ordinario e protexer a integridade das persoas, os bens de titularidade pública e privada e o ambiente de danos provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e outras situacións ou continxencias análogas que se dan en situacións de emerxencia.

A antedita lei regula, no título II, capítulo V, os órganos de coordinación e cooperación interadministrativa e establece a Comisión Galega de Protección Civil como único órgano colexiado de coordinación e cooperación das administracións públicas en Galicia.

O artigo 29.2 da Lei 5/2007, do 7 maio, dispón que regulamentariamente se determinará a composición, a organización e o funcionamento da Comisión Galega de Protección Civil, na cal estarán representadas as administracións central, autonómica e local, así como os servizos de emerxencias e organizacións de persoal voluntario de protección civil.

Así mesmo, o punto 4 do artigo 29 indica que a Comisión Galega de Protección Civil contará cunha comisión técnica de carácter permanente e poderá crear grupos de traballo temporais, integrados por membros dela e outras persoas técnicas, para o estudo e informe de aspectos concretos relacionados coas súas funcións.

O artigo 30 da dita lei establece a creación das xuntas locais de protección civil como órganos asesores en materia de protección civil e xestión de emerxencias, dentro do seu ámbito de actuación, e indica que a súa composición e funcionamento será determinado regulamentariamente, sen prexuízo das competencias municipais en materia de protección civil.

Co fin de adaptarse a esta nova normativa e desenvolver aquelas partes encomendadas a unha regulación posterior, cómpre lexislar, mediante o presente decreto, a composición, organización e funcionamento dos órganos de coordinación, cooperación administrativa e asesoramento en materia de protección civil.

Este decreto estrutúrase en tres capítulos, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras e desenvolve os temas que a continuación se expoñen:

O capítulo primeiro define o obxecto e ámbito de aplicación do decreto.

O capítulo segundo regula a Comisión Galega de Protección Civil e a Comisión Técnica Permanente e establece a súa composición, funcións e ámbito de actuación.

O capítulo terceiro regula as xuntas locais de protección civil, a súa composición e funcións.

A disposición derrogatoria establece a normativa derrogada, a primeira disposición derradeira o desenvolvemento normativo e a segunda disposición derradeira a entrada en vigor do presente decreto.

En virtude de canto antecede, por proposta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, unha vez emitido o informe pola Comisión Galega de Protección Civil e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e un de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto

É obxecto deste decreto desenvolver o marco normativo que regule a composición, a organización e o funcionamento da Comisión Galega de Protección Civil, as súas comisións técnicas, así como as xuntas locais de protección civil, como órganos de coordinación e cooperación interadministrativa de protección civil.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Será de aplicación a todos aqueles organismos, autoridades e cidadanía que formen parte dos órganos constituídos por nomeamento dos distintos organismos ou entidades con competencias en protección civil, xa sexa no nivel de comunidade autónoma, provincial ou local.

CAPÍTULO II
A Comisión Galega de Protección Civil, a Comisión Técnica Permanente
e os grupos de traballo

Artigo 3. A Comisión Galega de Protección Civil

A Comisión Galega de Protección Civil é o órgano colexiado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de protección civil e emerxencias, que ten como finalidade a coordinación e colaboración interadministrativa en materia de protección civil.

Artigo 4. Funcións

A Comisión Galega de Protección Civil, de acordo co disposto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, exercerá as seguintes funcións:

a) Emitir informe sobre o Plan territorial de protección civil de Galicia e os plans especiais.

b) Emitir informe sobre o mapa de riscos, catálogo de riscos e catálogo de medios e recursos.

c) Homologar os plans de protección civil de ámbito inferior á comunidade autónoma e informar os plans especiais de protección civil de ámbito da comunidade autónoma, así como os plans de autoprotección que se indiquen na normativa vixente.

d) Emitir informes sobre as normas técnicas e os proxectos de normas regulamentarias sobre protección civil e xestión de emerxencias.

e) Emitir informes sobre os procedementos de operativos de protección civil e de xestión de emerxencias.

f) Propoñer medidas preventivas e de protección civil ante os órganos competentes das diferentes administracións públicas.

g) Coñecer o funcionamento material dos plans e das actuacións de resposta, avaliar os resultados e formular as propostas adecuadas.

h) Verificar o funcionamento dos plans de protección civil despois de producirse incidencias de relevancia, sobre a base do informe emitido polo órgano correspondente do departamento competente en materia de protección civil.

i) Homologar os plans locais de protección da ribeira do mar contra a contaminación mariña.

j) Outras funcións que regulamentariamente se determinen.

Artigo 5. Ámbito de actuación e composición

1. A Comisión Galega de Protección Civil exercerá as súas funcións no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Comisión Galega de Protección Civil contará cunha comisión técnica de carácter permanente, coa composición que se determine regulamentariamente, como órgano de estudo e proposta para a preparación das súas decisións e a adopción por delegación daquelas que a comisión determine. Así mesmo, poderá crear grupos de traballo temporais, integrados por membros seus e outras persoas técnicas, para o estudo e informe de aspectos concretos relacionados coas súas funcións.

3. O Pleno da comisión está constituído polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

c) Vogais:

• Representantes da Xunta de Galicia designados/as pola persoa titular do departamento competente en materia de protección civil por proposta do organismo ou institución correspondente:

– Unha persoa en representación de cada un dos departamentos competentes en materia de seguridade industrial, de transportes, de estradas, de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña, de saúde pública, de educación, de telecomunicacións, de ambiente, de montes, de turismo, de urbanismo, de Administración local, de augas, con categoría de director/a xeral ou equivalente.

– Unha persoa en representación do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

– Unha persoa en representación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

– A persoa titular da xerencia da Axencia Galega de Emerxencias.

• Representantes da Administración xeral do Estado:

– Dúas persoas en representación da Administración xeral do Estado designadas polo delegado do Goberno en Galicia, quen tamén nomeará as persoas suplentes para cada unha delas para o suposto de vacante, ausencia ou enfermidade.

• Representantes das entidades locais:

– Catro persoas en representación das catro diputacións provinciais e catro persoas en representación dos municipios, designadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que tamén nomeará unha persoa suplente para cada unha delas, para o suposto de vacante, ausencia ou enfermidade.

• Representantes dos servizos de emerxencia:

– Unha persoa en representación dos profesionais dos servizos contra incendios municipais e outra dos profesionais dos servizos contra incendios e salvamento dos consorcios provinciais, designadas pola Presidencia da comisión por proposta das organizacións representativas do sector.

– Unha persoa en representación do voluntariado de protección civil designada pola Presidencia da comisión, elixida polas asociacións provinciais de protección civil.

– Unha persoa pertencente e en representación do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, entidade colaboradora de Protección Civil, designada pola Presidencia da comisión por proposta do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

– Unha persoa pertencente e en representación da Cruz Vermella Española en Galicia, designada pola Presidencia da comisión.

4. Poderán ser convocadas ás reunións do Pleno da comisión outras persoas titulares das direccións xerais, subdireccións xerais ou órganos equivalentes da Comunidade Autónoma, así como compoñentes dos grupos de traballo e persoas de recoñecida competencia profesional ou científica, cando así o requira a natureza dos asuntos que se traten, e participarán con voz e sen voto.

5. Corresponde ao Pleno o exercicio de todas aquelas funcións da comisión que non estean expresamente atribuídas á Comisión Técnica Permanente.

Así mesmo, cando a xuízo do titular da Presidencia do Pleno concorran circunstancias de especial trascendencia ou interese público, o Pleno poderá solicitar para si o coñecemento e a adopción de acordos naqueles asuntos ou materias competencia da Comisión Técnica Permanente.

Artigo 6. Suplencias

Nos casos de vacante, ata novo nomeamento, ausencia ou enfermidade, os membros do Pleno da Comisión Galega de Protección Civil serán substituídos/as da forma seguinte:

a) A/o titular da Presidencia do Pleno será substituído/a pola persoa titular da vicepresidencia.

b) As/os titulares das distintas direccións xerais serán suplidos/as de acordo co disposto na normativa vixente en materia de suplencias dos órganos directivos das respectivas consellerías a que pertenzan.

c) As/os representantes da Administración xeral do Estado, polas persoas suplentes designadas pola/o titular da Delegación do Goberno en Galicia.

d) As/os representantes da Administración local, polas persoas suplentes propostas pola Federación Galega de Municipios.

e) Os demais organismos e institucións, pola persoa suplente nomeada para tal efecto.

Artigo 7. Secretaría do Pleno

1. A Secretaría do Pleno será exercida pola persoa titular da subdirección competente en materia de protección civil, con voz e sen voto, designada polo/a titular da consellería competente en materia de protección civil, quen tamén designará unha persoa suplente para o suposto de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. A persoa titular da secretaría proporcionará o soporte administrativo e técnico, e asegurará a execución adecuada dos acordos adoptados, a preparación e distribución dos diferentes documentos e a necesaria coordinación entre os grupos de traballo.

Artigo 8. Comisión Técnica Permanente. Funcións

É un órgano de estudo e proposta dos temas que se debaterán e aprobarán na Comisión Galega de Protección Civil e tamén adoptará acordos naquelas materias delegadas pola comisión.

As funcións asignadas á Comisión Técnica Permanente regularanse mediante acordo na primeira convocatoria do Pleno da comisión, unha vez entre en vigor o presente decreto.

Artigo 9. Composición da Comisión Técnica Permanente

1. A Comisión Permanente estará composta polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de protección civil.

b) Vicepresidencia: o/a titular da subdirección da dirección xeral competente en materia de protección civil.

c) Vogais:

• Catro representantes dos departamentos da Xunta de Galicia sinalados no artigo 5.2.c), con rango de subdirector/a ou xefe/a de servizo, nomeados para tal efecto polos seus departamentos e convocados pola Presidencia da comisión técnica en función da materia sobre a que se vai informar.

• Unha persoa representante da Administración xeral do Estado, nomeada de entre as que se sinalan no artigo 5.2.c).

• Unha persoa en representación das entidades locais e provinciais, nomeada de entre as sinaladas no artigo 5.2.c).

• Unha persoa en representación dos servizos de emerxencia, nomeada de entre as que se sinalan no artigo 5.2.c).

• Unha persoa en representación das organizacións de persoal voluntario de protección civil sinaladas no artigo 5.2.c).

Artigo 10. Grupos de traballo

A Comisión Galega de Protección Civil poderá crear tantos grupos de traballo especializados tecnicamente como se necesiten para o máis eficaz desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 11. Funcionamento da Comisión Galega de Protección Civil e da Comisión Técnica Permanente

O réxime de constitución, convocatoria, adopción de acordos e, en xeral, de funcionamento da Comisión de Galega de Protección Civil e da Comisión Técnica Permanente establecerao o propio Pleno da comisión, con base na regulación establecida para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. Periodicidade das sesións

1. O Pleno reunirase, polo menos, unha vez ao ano en sesión ordinaria, na data ou datas que fixe a persoa titular da presidencia. Con carácter extraordinario poderase reunir cando esta o considere necesario, por propia iniciativa ou por instancia dun terzo dos seus membros.

2. A Comisión Técnica Permanente reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en sesión ordinaria. Con carácter extraordinario poderase reunir cando o considere necesario a Presidencia, por propia iniciativa ou por instancia dun terzo dos seus membros.

Artigo 13. Secretaría da Comisión Técnica Permanente

A Secretaría da Comisión Técnica Permanente será exercida polo/a funcionario/a da dirección xeral competente en materia de protección civil, con voz e sen voto, designado/a polo/a presidente/a da Comisión Técnica Permanente, quen tamén designará suplente para o suposto de vacante, ausencia ou enfermidade.

CAPÍTULO III
As xuntas locais de protección civil

Artigo 14. As xuntas locais de protección civil

A Xunta Local de Protección Civil é o órgano asesor en materia de protección civil e xestión de emerxencias no ámbito local.

O seu funcionamento establecerase por regulamento interno aprobado pola propia Xunta Local de Protección Civil.

Artigo 15. Funcións e composición das xuntas locais de protección civil

1. As funcións da Xunta Local de Protección Civil son as definidas no artigo 30 da Lei 5/2007, do 7 de maio, ademais daquelas outras que poida incorporar a autoridade local con base nas súas competencias.

2. En canto á súa composición, as xuntas locais de protección civil estarán compostas polas seguintes persoas:

a) O/A titular da Alcaldía ou a persoa titular da concellería en quen delegue, que actuará como titular da presidencia.

b) O/A titular da concellería con competencia en protección civil e outras persoas titulares das concellarías nomeadas pola persoa titular da Alcaldía.

c) Unha persoa en representación do órgano provincial da Xunta de Galicia con competencias en protección civil.

d) O/A titular do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.

e) O/A titular da Xefatura da Policía Local.

f) O persoal responsable técnico municipal das áreas que se consideren de utilidade para o desenvolvemento do Plan de emerxencia municipal (Pemu).

g) As persoas titulares das xefaturas dos grupos operativos recollidos no Plan de emerxencia municipal (Pemu).

h) Os/as titulares das xefaturas dos corpos de seguridade do Estado no ámbito local.

i) O/A titular da Xefatura da Policía Autonómica no ámbito local.

j) Unha persoa en representación da autoridade portuaria, de ser o caso.

k) Unha persoa en representación da deputación provincial.

l) Outras persoas con voz pero sen voto, atendendo ao seu coñecemento na materia.

A creación deste órgano e o regulamento de funcionamento será competencia do municipio e as convocatorias das reunións serán competencia da autoridade municipal. Será a persoa titular da Alcaldía o/a xefe/a local de Protección Civil.

A Xunta Local de Protección Civil reunirase polo menos unha vez ao ano e poderá facelo tamén, con funcións de comité asesor, sempre que se atope activado o Pemu do concello.

Disposición derrogatoria única. Derrogatoria normativa

Queda derrogado expresamente o capítulo I, sección primeira, do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza