Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 11 de agosto de 2016 Páx. 35813

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 104/2016, do 28 de xullo, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

Os estudos que se veñen realizando sobre a evolución da poboación galega dan conta dunha situación de cambio demográfico, caracterizada pola diminución das taxas de natalidade, por debaixo do nivel de remuda xeracional, o descenso da mortalidade e unha esperanza de vida crecente e prolongada.

O fenómeno de transición demográfica sinalado non é exclusivo da nosa comunidade, mais presenta en Galicia unhas características propias, derivadas, entre outras cuestións, do modo tradicional de asentamento altamente disperso, e unha especial intensidade no contexto nacional e mesmo europeo. Neste sentido, cómpre sinalar que Galicia perde progresivamente peso no conxunto da poboación do Estado e é, na actualidade, a terceira comunidade autónoma co índice de fecundidade máis baixo e tamén a segunda comunidade cun maior índice de envellecemento.

A xestión desta situación obriga a adoptar unha visión sistémica e a abordar os distintos desafíos dun modo transversal e interdisciplinar, aspectos que se presentan como un dos retos e tarefas fundamentais de cara ao futuro non só da Xunta de Galicia e do resto de administracións públicas galegas, que deberán incorporar os factores poboacionais no deseño e desenvolvemento das políticas públicas, senón tamén dos axentes sociais e económicos que operan no territorio.

Consciente desta necesidade de desenvolvemento dunha estratexia transversal na acción de goberno, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan de dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, Horizonte 2020, aprobado polo Parlamento de Galicia o 8 de abril de 2013.

Posteriormente, o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, incluíu, entre outros, o obxectivo transversal da dinamización e revitalización demográfica de Galicia e estableceu un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e as fillas que desexe.

Para avanzar neste propósito é preciso un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade demográfica galega. Para iso, cómpre contar cun órgano especializado que leve a cabo este labor e que asesore as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia na incorporación da perspectiva demográfica, ao tempo que actúe de canle de divulgación da información de interese desde o punto de vista demográfico.

Como resposta a esta necesidade, adóptase a iniciativa institucional de crear o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

En consecuencia, o obxecto desta norma é a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, así como a regulación das súas funcións, a composición e o réxime de funcionamento. Coa súa creación avánzase na elaboración das condicións precisas para abordar o devalo demográfico de Galicia, ao aumentar o coñecemento e a análise de cara a determinar as liñas de traballo nas compoñentes básicas de dinamización demográfica.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modificou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, aprobada polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, con base nos principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e organización administrativa. Así mesmo, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, créase a actual Consellería de Política Social. Coa publicación do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, regúlanse as funcións correspondentes á dirección xeral con competencias en materia de dinamización demográfica, entre as cales se atopan as de exercer as políticas destinadas a favorecer e impulsar o crecemento demográfico e a renovación xeracional e abordar o envellecemento da poboación galega.

Este decreto define o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica como un órgano colexiado con competencias en materia de demografía e adscríbeo á consellería competente en materia de benestar social. Conta coa participación, na súa composición de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dunha representación da Administración estatal e local, así como das organizacións representativas de intereses económicos e sociais. Deste xeito, garántase a incorporación do principio de transversalidade nas actuacións que se vaian desenvolver no ámbito das súas competencias.

Respecto á súa estrutura, este decreto consta de dezaseis artigos agrupados en dous capítulos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica «Disposicións xerais», regula cuestións de carácter xeral: o obxecto, a natureza e o réxime xurídico, a finalidade, adscrición e as funcións do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

O capítulo II, co nome «Normas básicas de organización e funcionamento», está dedicado á composición do Observatorio, regula en artigos diferenciados as figuras das persoas titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogalías, as súas substitucións e as correspondentes funcións. Ademais diso, este capítulo recolle o réxime de funcionamento do Observatorio e a forma de difusión dos datos, informacións, traballos e actuacións que desenvolva.

A disposición adicional primeira sinala que as actuacións previstas neste decreto non implicarán incremento adicional do gasto público e non xerarán aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de benestar social. Na disposición adicional segunda establécese o prazo de constitución do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

A disposición derradeira primeira habilita para o desenvolvemento normativo e a segunda establece a entrada en vigor deste decreto.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta disposición foi sometida a trámite de audiencia, á información pública e conta con todos os informes correspondentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, así como a regulación das súas funcións, a composición e o réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica configúrase como un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de demografía, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En todo o non regulado neste decreto seralle de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e na norma básica reguladora do réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 3. Finalidade

A finalidade do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica é facilitar o coñecemento pormenorizado da realidade demográfica galega e asesorar as administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas. Así mesmo, servirá de foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e as organizacións representativas de intereses sociais e económicos, co fin de asegurar a súa participación activa na abordaxe dos desafíos derivados do cambio demográfico.

Artigo 4. Adscrición do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica adscríbese á consellería competente en materia de benestar social, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

Artigo 5. Funcións

1. Este observatorio, para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística e de que este último lle facilite a información e os datos precisos en materia de demografía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Recompilar, analizar e intercambiar información relevante desde o punto de vista demográfico.

b) Definir e aplicar indicadores que permitan medir as variables demográficas, con especial atención ao fenómeno da exclusión territorial ou á singularidade e especificidade dos impactos do cambio demográfico en Galicia, debidos, entre outros factores, á elevada dispersión da poboación.

c) Realizar e divulgar os estudos e traballos que resulten de interese desde o punto de vista demográfico, así como difundir os informes, estudos e traballos realizados por persoas expertas e/ou entidades de especial relevancia no campo da demografía.

d) Promover a produción de material documental de interese desde o punto de vista demográfico.

e) Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dinamización demográfica, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como no do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

f) Formular propostas e recomendacións para ser consideradas na configuración das liñas estratéxicas e prioridades de actuación transversais da acción pública de Galicia, para incidir positivamente nas dinámicas demográficas da Comunidade Autónoma e impulsar respostas adecuadas ás consecuencias do cambio demográfico desde o sector público.

g) Realizar un seguimento permanente da evolución das dinámicas demográficas, das accións desenvolvidas e dos avances acadados, nomeadamente dos instrumentos de planificación estratéxica das distintas administracións públicas galegas, propoñendo, de ser o caso, os axustes precisos para que estes acaden os seus obxectivos.

h) Promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na problemática demográfica.

i) Elaborar un informe anual sobre a situación demográfica en Galicia, o cal será obxecto de trámite de audiencia así como de información pública, a través dun sitio web específico dentro do portal institucional da Xunta de Galicia.

j) Emitir cantos informes sexan solicitados polas distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia sobre as materias da súa competencia, especialmente sobre a avaliación do impacto demográfico das diferentes medidas e políticas públicas. Estes informes, facultativos e non vinculantes, serán emitidos no prazo máximo dun mes, agás que pola súa complexidade precisen dun prazo maior, que en todo caso non poderá exceder tres meses.

k) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coa dinamización demográfica, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.

2. O Observatorio desenvolverá as súas funcións incorporando de xeito transversal a perspectiva de xénero.

CAPÍTULO II

Normas básicas de organización e funcionamento

Artigo 6. Composición

O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá a seguinte composición, que procurará unha participación equilibrada de mulleres e homes:

1. Presidencia.

2. Vicepresidencia.

3. Secretaría.

4. Vogais:

a) Un/unha vogal, con rango mínimo de xefatura de servizo, designado/a polos órganos dependentes da Presidencia e por cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

b) Unha persoa en representación do Consello Galego de Relacións Laborais.

c) Unha persoa en representación do Instituto Galego de Estatística (IGE).

d) Unha persoa en representación da Delegación do Goberno en Galicia.

e) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

f) Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

g) Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

h) Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.

i) Dúas persoas expertas de recoñecido prestixio no campo da demografía.

j) Unha persoa en representación do órgano superior da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade.

Artigo 7. Presidencia

1. A Presidencia do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de benestar social.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída pola titular da Vicepresidencia, salvo que, por vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal de ambas as dúas, a persoa titular da presidencia designe outra persoa entre as titulares das vogalías do observatorio.

3. As funcións da persoa titular da Presidencia son:

a) Desempeñar a representación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros que foran formuladas con suficiente antelación.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos.

g) Nomear e separar, se é o caso, as/os vogais titulares e suplentes representantes das entidades e organizacións mencionadas no artigo anterior.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

Artigo 8. Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica.

2. Son funcións da Vicepresidencia:

a) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal.

b) Asistir a persoa titular da Presidencia nas sesións do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica.

c) Exercer aquelas funcións delegadas pola persoa titular da Presidencia.

d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes ao seu cargo e que estean relacionadas coa dinamización demográfica.

Artigo 9. Secretaría

1. A Secretaría do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica correspóndelle a unha persoa funcionaria adscrita á dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica, que será nomeada pola persoa titular da Presidencia atendendo a criterios de imparcialidade, obxectividade, mérito e capacidade.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Son funcións da persoa titular da Secretaría:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Observatorio por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Observatorio e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 10. Vogalías

1. Os/as vogais titulares do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica e as persoas suplentes que os/as substitúan nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima debidamente xustificada, serán nomeados/as e separados/as pola persoa titular da Presidencia do observatorio, por proposta da organización ou entidade das recollidas no artigo 6 que corresponda en cada caso.

As persoas expertas previstas na letra i) do dito artigo serán propostas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de dinamización demográfica.

2. Correspóndelle ás vogalías:

a) Recibir cunha antelación mínima de corenta e oito horas a convocatoria que conteña a orde do día das reunións.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular suxestións e preguntas.

e) Ter á disposición, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogal dun órgano colexiado.

3. Serán causas de separación do exercicio das súas funcións as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación, por parte da organización ou entidade que a propuxo.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

As circunstancias anteriormente sinaladas deberán comunicarse á Secretaría do Observatorio.

Artigo 11. Duración do mandato

1.Os membros do Observatorio que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. A persoa titular da Secretaría e os/as vogais titulares serán nomeados/as por un período de catro anos a partir da data da sesión constitutiva, sen prexuízo da súa posible reelección e do previsto no número 3 do artigo anterior.

Artigo 12. Funcionamento

1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica funcionará en Pleno e en grupos de traballo.

2. Para a válida constitución do observatorio requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

3. Cando a orde do día o requira, a persoa titular da Presidencia poderá invitar a participar nas sesións do Pleno e dos grupos de traballo, con voz pero sen voto, outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante coas materias obxecto da actividade deste observatorio.

Artigo 13. O Pleno

1. O Pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica estará composto por todas as persoas nomeadas no artigo 6 deste decreto, as cales, salvo a titular da Secretaría, terán dereito a voto.

2. O Pleno reunirase, polo menos, en sesión ordinaria, unha vez cada seis meses e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa titular da Presidencia por causa dalgún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito observatorio ou pola petición dun terzo dos seus membros.

3. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes e decidirá, en caso de empate, o voto da persoa titular da Presidencia. Faranse constar en acta os votos discrepantes, así como o seu fundamento, se así se solicita.

Artigo 14. Grupos de traballo

1. O Pleno poderá acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo con carácter sectorial ou por áreas de xestión específicas, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

2. O acordo de constitución de cada grupo de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, se é o caso, o prazo para a súa constitución.

Artigo 15. Actas

1. De cada sesión que teña lugar, a persoa titular da Secretaría redactará a correspondente acta, na cal se reflectirán as persoas e entidades asistentes, a orde do día, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, as deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do Pleno, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

3. Calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue, no acto ou no prazo que sinale a persoa titular da Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, que se unirá á acta.

4. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, que se unirá á acta no prazo das corenta e oito horas seguintes á finalización da sesión.

Artigo 16. Difusión

1. O Observatorio Galego de Dinamización Demográfica difundirá os datos, informacións, traballos e actuacións que elabore, a través dun sitio web específico dentro do portal institucional da Xunta de Galicia.

2. Os datos, informacións, traballos e actuacións elaborados polo Observatorio Galego de Dinamización Demográfica facilitaranse, sempre que sexa posible, en formatos dispoñibles para a súa reutilización.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e posta en funcionamento do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica non implica incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de benestar social. Así mesmo, as persoas que compoñen este órgano non percibirán indemnizacións pola asistencia ás súas reunións.

Disposición adicional segunda. Prazo de constitución do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica

A sesión constitutiva do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica terá lugar no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de benestar social para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, así como para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social