Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36854

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2016 pola que se convocan, para a súa cobertura, tres postos de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius.

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dada a súa condición de organismo público de investigación tal e como recolle a Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, poderá contratar persoal investigador en réxime laboral mediante as modalidades contractuais recollidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

Como axente impulsor das políticas de xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia, a Axencia Galega de Innovación definiu o programa Oportunius, para a creación dun marco laboral flexible para o persoal investigador, baseado no logro e mantemento da excelencia científica e orientado a dar resposta ás prioridades rexionais definidas na RIS3 de Galicia.

Unha das iniciativas do programa enfócase cara á captación, retención e recuperación de persoal investigador de traxectoria destacada e excelencia recoñecida, a través da cal a Axencia Galega de Innovación ofrécelles un contrato laboral a aqueles investigadores/as beneficiarios/as dunha bolsa do European Research Council (ERC), para que desenvolvan a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia.

O Decreto 64/2016, do 26 de maio, regula o réxime xurídico da contratación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, así como o seu proceso de selección, os seus dereitos e as obrigacións e o réxime de extinción do seu contrato.

Polo tanto, en virtude do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura dos tres postos de persoal investigador que se indican no anexo I desta resolución, conforme o establecido no Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación de persoal investigador dotado cunha bolsa do ERC, no marco do programa para a xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia (programa Oportunius).

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá o proceso de selección que se inclúen no anexo II.

Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. A presente convocatoria e as distintas resolucións que se xeren ao longo do proceso de selección publicaranse na páxina web gain.xunta.es e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Innovación.

Cuarto. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente da Axencia Galega de Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2016

O director da Axencia Galega de Innovación
P.S. (Orde do 8.7.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Dominio ERC: ciencias físicas e enxeñaría (2 prazas).

Titulación: doutor/a.

Órgano responsable: Axencia Galega de Innovación.

Entidade que vai desenvolver a actividade investigadora: organismo público de investigación radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, que determinará o candidato/a ao posto.

Tipo de persoal: laboral do grupo I.

Dominio ERC: ciencias sociais e humanidades (1 praza).

Titulación: doutor/a.

Órgano responsable: Axencia Galega de Innovación.

Entidade que vai desenvolver a actividade investigadora: a determinaraa o candidato/a ao posto.

Tipo de persoal: laboral do grupo I.

ANEXO II
Bases reguladoras da convocatoria para a selección de persoal investigador da Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido

1. Obxecto da convocatoria.

A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura na Axencia Galega de Innovación de tres prazas para a contratación, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de beneficiarios dunha bolsa do European Research Council (ERC): Starting Grant, Consolidator Grant ou Advanced Grant, como persoal laboral temporal.

2. Vínculo.

O vínculo da persoa seleccionada formalizarase atendendo á modalidade contractual de investigador distinguido, recollida no artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, de ciencia, tecnoloxía e innovación.

O persoal investigador rexerase pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores; polo Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido; polo contrato de traballo, así como polas normas específicas que, se é o caso, e no ámbito das súas competencias, dite a Xunta de Galicia e polo establecido nesta convocatoria.

O persoal investigador contratado baixo esta modalidade non poderá subscribir contratos de traballo con outras entidades e está suxeito ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, polo que, para realizar calquera outra actividade deberá solicitar a pertinente autorización á consellería competente en materia de función pública e requirirá, en todo caso, informe favorable da Axencia Galega de Innovación.

3. Duración.

O contrato terá duración determinada e a rescisión e mantemento do contrato supeditarase aos resultados derivados do proceso de avaliación establecido nos artigos 13 e 14 do mencionado Decreto 64/2016.

4. Funcións do persoal investigador.

O traballo que se vai desenvolver consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

5. Requisitos dos/das aspirantes.

Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter a titulación de doutor ou equivalente e estar en posesión dunha bolsa do ERC na data de finalización de presentación de instancias e no momento da formalización do contrato.

b) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

c) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

d) Ter cumpridos os dezaseis anos.

e) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non tivesen a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

f) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, no que fose separado ou inhabilitado.

g) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser presentado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación, segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.

Os anteriores requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

6. Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes para participar na presente convocatoria presentaranse no Rexistro da Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, 10-A-6º, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso deberá remitirse por fax ao seguinte número: (+34) 981 54 10 39, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada e o currículo normalizado coa relación individualizada dos méritos que se aleguen.

A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos. O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán de responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

O prazo para presentar as solicitudes será de quince días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

– Instancia asinada polo/a candidato/a (anexo III).

– Documento que acredite fidedignamente a posesión do título de doutor ou equivalente.

– Compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o investigador/a desenvolva a súa actividade nel.

– Documentación que acredite que o/a aspirante é beneficiario/a dunha bolsa do ERC.

– Os/as aspirantes deberán presentar declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

– A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega de Innovación para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

– Currículo normalizado segundo o modelo dispoñible no enderezo gain.xunta.es (menú axencia-procesos selectivos-2016), acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados que se citen no currículo para a súa valoración.

O órgano de selección non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados, nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7. Admisión de aspirantes.

Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega de Innovación ditará resolución en que aprobe as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

As persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentar as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución aprobando a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

8. Órgano de selección.

Designarase un órgano de selección para cada un dos dominios ERC obxecto da convocatoria. O nomeamento efectuarase mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Galega de Innovación a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e á actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

O tribunal de selección estará constituído por cinco membros e terá a composición seguinte:

– Presidente/a, que deberá estar en posesión do título de doutor/a.

– Catro vogais que deberán ser expertos/as do ámbito da investigación, altamente cualificados/as no eido científico e con coñecementos avanzados no ámbito temático que se vai tratar, e estar en posesión do título de doutor/a.

Actuará como secretario/a do órgano de selección, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación designado/a pola persoa titular da súa dirección.

O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

9. Procedemento selectivo.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase nunha fase única que constará de dúas partes:

9.1. Primeira parte. Valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes que se puntuarán de acordo co baremo que se indica a seguir, cuxa puntuación máxima é de 75 puntos.

A primeira parte da fase de concurso ten por obxecto a comprobación e cualificación dos méritos dos/das aspirantes e consistirá na exposición oral e pública polos/las aspirantes á praza, no tempo máximo de 60 minutos, dos méritos alegados e do labor científico desenvolvido descrito no currículum vítae. Seguidamente, o tribunal debaterá co/coa aspirante sobre o contido da súa exposición oral e poderá formular toda as preguntas que consideren convenientes e, fundamentalmente, aquelas que se relacionen cos temas de traballo máis relevantes da investigación. Será de aplicación o baremo seguinte:

a) Publicacións de carácter científico (máximo 30 puntos): os artigos publicados en revistas científicas e a publicación de libros ou capítulos de libros que sexan resultado dun traballo científico.

b) A participación en proxectos ou contratos de I+D+i (máximo 25 puntos): a dirección ou coordinación científica de grupos, de proxectos de investigación ou de instalacións singulares. As contribucións científicas ou tecnolóxicas realizadas, valorando a calidade e repercusión dos traballos orixinais de investigación publicados ou das patentes licenciadas ou internacionalizadas PCT.

c) As comunicacións e/ou relatorios aceptados en congresos ou reunións científicas nacionais ou internacionais, a participación en traballos e informes de asesoramento científico, a participación na implantación de sistemas de calidade en organizacións e a experiencia en centros de investigación nacionais ou estranxeiros (máximo 12 puntos).

d) Calquera outro mérito que alegue o/a aspirante relacionado co dominio obxecto da convocatoria (máximo 8 puntos).

A cualificación dos/das aspirantes relativa aos méritos contidos nas diferentes epífrafes do baremo desta primeira parte do concurso farase mediante deliberación conxunta dos/das membros do tribunal. Estas cualificacións deberá xustificalas o tribunal mediante a formulación por escrito dun xuízo razoado relativo á valoración de cada un dos méritos antes relacionados. Os mencionados escritos de xustificación uniranse á acta correspondente.

A puntuación final de cada aspirante nesta primeira fase do concurso virá determinada pola suma das puntuacións asignadas en cada unha das epígrafes deste anexo.

9.2. Segunda parte. Ten por obxecto comprobar a adecuación dos méritos, competencias e capacidades dos/das aspirantes coas características do proxecto que se vai desenvolver e consistirá na exposición oral e pública por parte do aspirante, durante un tempo máximo de 60 minutos. Seguidamente, o tribunal debaterá co/coa aspirante sobre todos aqueles aspectos que considere relevantes. Valorarase o seu coñecemento da especialidade e das innovacións e avances científicos, así como a súa visión da evolución da área no futuro e das liñas de investigación posibles. Esta segunda fase terá unha valoración máxima de 25 puntos.

A cualificación dos/das aspirantes relativa aos méritos contidos nas diferentes epígrafes do baremo desta segunda parte do concurso farase mediante deliberación conxunta dos/das membros do tribunal. Estas cualificacións deberá xustificalas o tribunal mediante a formulación por escrito dun xuízo razoado. Os mencionados escritos de xustificación uniranse á acta correspondente.

A puntuación final do concurso para cada praza será a suma das puntuacións obtidas nas dúas partes da fase do concurso. En caso de empate, a orde de prelación establecerase atendendo aos seguintes criterios: 1º. Maior puntuación obtida na primeira parte do concurso. 2º. Maior puntuación obtida nesa primeira parte do concurso nas alíneas a), b) e c), valoradas sucesivamente na orde indicada. 3º. De persistir o empate, o tribunal resolverá por votación.

Os/as aspirantes serán convocados/as cunha antelación mínima de 10 días naturais para a súa realización, que terá lugar nas dependencias da Axencia Galega de Innovación, rúa Airas Nunes, s/n, Santiago de Compostela.

Os/as candidatos/as deberán presentarse á proba provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

Os/as aspirantes que non teñan nacionalidade española e sexan nacionais doutros Estados membros da UE poderán realizar a exposición en inglés.

As persoas admitidas no proceso selectivo poderán solicitar para realizar a exposición, con carácter previo, a utilización de medios audiovisuais.

10. Cualificación e lista de persoas seleccionadas.

A cualificación final virá determinada pola suma dos méritos e da valoración do tribunal da exposición realizada polo/a aspirante.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o órgano de selección publicará na páxina web e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Innovación as puntuacións obtidas polos/las aspirantes, con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de tres días hábiles, desde o seguinte ao da publicación, para presentar alegacións. A aceptación ou rexeitamento entenderanse implícitos na resolución definitiva.

11. Resolución/finalización.

O órgano de selección elevará á Director da Axencia Galega de Innovación a proposta a favor dos/das aspirantes que obteñan a maior puntuación.

Non poderá superar o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas en cada dominio.

De non presentarse solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningún/ningunha dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de 3 meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

missing image file