Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 19 de agosto de 2016 Páx. 36983

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de agosto de 2016 pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2015/16.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal, e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 9 que a educación secundaria obrigatoria ten por finalidade lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura, nomeadamente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar neles/as hábitos de estudo e de traballo; preparalos/as para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral, e formalos/as para o exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2015/16.

2. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2016 cunha dotación global de 15.000 €.

3. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter rematado os estudos de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no curso 2015/16 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia no réxime ordinario.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e alumnas que sexan candidatos/as ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrados ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se significan singularmente e se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

O perfil obxecto destes premios correspóndese co alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta cara conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

4. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, polos representantes legais dos solicitantes.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311E dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no anexo I desta orde. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude a que se fai referencia no artigo 4 desta orde entregarase, se é o caso, unha fotocopia do documento de identidade (DNI ou NIE do/da solicitante, só no caso de que o/a interesado/a non preste o consentimento para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Mediante calquera das vías previstas no número 2 deste artigo, os centros educativos achegarán os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos de educación secundaria obrigatoria (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente da ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro en que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos, que se descargará da aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premioseso, asinado pola dirección do centro en que está o expediente académico do alumno ou da alumna solicitante.

c) Informe do perfil do alumnado solicitante de acordo co indicado no artigo 9 desta orde. O dito informe será elaborado pola comisión establecida no artigo 8 desta orde e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade do candidato ou da candidata ao premio.

2. Os centros educativos enviarán a documentación establecida no número 1 deste artigo por calquera das seguintes vías:

a) Por correo postal certificado.

O envío presentarase na oficina de Correos nun sobre aberto dirixido ao seguinte enderezo:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo

Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar

15781 Santiago de Compostela (A Coruña)

Neste sobre incluirase o seguinte:

– Un escrito de presentación, no cal se indique o destinatario (Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa), se anuncien os documentos que se achegan en relación co procedemento ED311E para o curso 2015/16 e se relacione o alumnado do cal se envía a documentación, identificándoo polo seu código alumnado correspondente. Neste escrito de presentación a oficina consignará o selo de Correos coa data da imposición.

O alumnado identificarase exclusivamente mediante o código alumnado, que será o que resulte de substituír por asteriscos os díxitos correspondentes ás posicións 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do seu DNI.

– Un sobre pechado cos documentos. Este sobre identificarase cunha lenda na súa parte frontal que inclúa os seguintes datos:

Procedemento ED311E. Premios de ESO ao esforzo e á superación persoal curso 2015/16.

Código centro educativo.

Código/s alumnado.

b) Por correo electrónico dirixido ao enderezo sacse@edu.xunta.es do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, segundo se explica a continuación.

No asunto da mensaxe indicarase a lenda Procedemento ED311E. Premios ESO ao esforzo e á superación persoal 2015/16.

No corpo do correo incluirase unha relación do alumnado do cal se envía a documentación, identificándoo polo seu código alumnado correspondente, segundo as mesmas indicacións realizadas para o envío postal.

Os arquivos adxuntos enviaranse cifrados cun contrasinal para cada centro educativo, que será acordado previamente co Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares sinalados no artigo 14 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido/a da súa petición, e arquivarase esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares sinalados no artigo 14 desta orde.

Artigo 8. Comisión de centro para elaborar o informe co perfil do/da alumno/a

1. Nos centros educativos constituirase unha comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do departamento de orientación e o/a titor/a do/da candidato/a durante o curso 2015/16 ou na ausencia deste/a, un/unha profesor/a, preferentemente do/da alumno/a, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou o contorno familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre a base a que se refire o artigo 9 desta orde.

3. O acordo reflectirase en acta.

Artigo 9. Informe co perfil do/da alumno/a

Co fin de que a comisión de selección prevista no artigo 10 desta orde poida valorar os méritos dos solicitantes, no informe do perfil do/da alumno/a previsto no artigo 6.1.c) desta orde farase constar:

1. As dificultades persoais, educativas ou do contorno sociofamiliar da persoa candidata, que ao xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación coas necesidades educativas do alumno ou alumna e a súa repercusión no progreso escolar.

3. A persistencia do alumno ou da alumna no logro das competencias e dos obxectivos da etapa e a valoración do esforzo persoal para acadalos.

4. A descrición de calquera outra circunstancia que, a xuízo da comisión do centro educativo, mereza ser tida en conta.

Artigo 10. Comisión de selección dos candidatos e das candidatas ao premio

1. Co fin de valorar os méritos dos participantes, constituirase unha comisión formada por:

Presidente/a:

A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de Educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión de selección, tendo en conta o informe requirido no artigo 9 desta orde, valorará as propostas presentadas atendendo ás dificultades persoais (ata 10 puntos):

a) Situacións relacionadas coa saúde e/ou desenvolvemento en xeral, ata 4 puntos.

b) Reunir algunha das circunstancias especificadas nos artigos 26, 27, 28 ou 31 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, e/ou atoparse en risco de exclusión social, ata 3 puntos.

c) Aproveitamento e esforzo, ata 3 puntos:

Ata dous puntos poderán acadarse coa nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria. Para estes efectos computarase a nota media multiplicada por 0,2.

Un punto por acreditar a continuidade dos seus estudos.

3. A valoración final expresarase con dous decimais, arredondada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de sumar as valoracións acadadas no número 2 deste artigo.

4. Para poder aspirar ao premio deberase obter como mínimo unha puntuación de cinco puntos na valoración final a que se refire o número 2 deste artigo.

5. A comisión de selección resolverá os empates tendo en conta:

I. Maior puntuación no número 2.c) deste artigo.

II. Maior puntuación no número 2.a) deste artigo.

III. Maior puntuación no número 2.b) deste artigo.

6. De persistir o empate, a comisión de selección poderá celebrar un sorteo.

7. A comisión de selección poderá declarar premios desertos.

8. A percepción de asistencias desta comisión aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 11. Resolución provisional da concesión dos premios

1. A comisión fará pública a relación provisional das persoas solicitantes coas puntuacións provisionais nos lugares relacionados no artigo 14 desta orde.

2. Contra esta resolución poderase presentar reclamación, no prazo de 10 días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente da comisión, presentándoa no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo premios@edu.xunta.es

Artigo 12. Resolución definitiva

1. A comisión elaborará a acta coas puntuacións e coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios, que quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que recollerá a relación de códigos alfanúmericos dos premiados.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de 5 meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Obriga dos/das gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou no anexo II desta orde. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Información aos/ás interesados/as

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo http://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso

Ademais, poderá solicitarse información no teléfono 881 99 77 01 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 15. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file